Saltar navegación

FONOGRAFÍA

fonografíaDende ben pronto, logo de terse inventado sistemas capaces de rexistrar o son, empezáronse a facer gravacións no exterior, especialmente cunha finalidade documental.

Este tipo de rexistros se coñecen como gravacións de campo  e é un traballo que ten moita importancia en diferentes ámbitos de estudio e disciplinas científicas como pode ser a Etnomusicoloxía, a Antropoloxía, a Bioloxía, o Urbanismo, etc.

Dende as entrevistas realizadas por antropólogos a os rexistros dos cantos dos paxaros ou ás voces das baleas, existe un amplo espectro de traballos que precisan utilizar esta metodoloxía auxiliar para fornecerse de información relevante para as súas investigacións, e, ao mesmo tempo, cada unha delas, dependendo do que estea a gravar e a finalidade á que vaia destinado, utilizará unhas ou outras técnicas (sistemas de gravación micrófonos, etc.).

etnografiaFrances Desmon gravando ao gran xefe Montaña, Harris & Ewing (Dominio público)

Estes traballos implican unha serie de metodoloxías específicas así como o uso de equipamento especial xa que as gravacións que realizaremos serán en espazos nos que non existe acceso a unha rede eléctrica e pode que teñamos que desprazarnos quilómetros a pé ata o lugar onde queremos gravar. Por esta razón deben ser equipos portátiles e autónomos. Ademais deberemos utilizar outro tipo de accesorios para evitar situacións inesperadas como o vento ou a choiva que poden estragar unha fermosa toma.

Se ben as gravacións de campo orixinalmente eran unha técnica auxiliar que recollía o son como material para logo ser analizado, nas última décadas xurde unha tendencia no ámbito artístico que considera certas gravacións como un elemento estético de seu existindo numerosos selos discográficos adicados á publicación de este tipo de traballos e unha, cada vez máis extensa, comunidade de fonografistas.

As notas que acompañan ao CD The Vancouver Soundscape publicado no ano 1973 pola equipa do World Soundscape Project din que "gravar sons é poñer un marco ao redor deles. De igual modo que fai un fotógrafo cunha contorna visual, que pode ser inspeccionada con pracer e en detalle, así unha gravación illa un ambiente acústico e convérteo nun evento que se pode repetir para poder estudalo. A gravación de contornas acústicas non é algo novo pero a miúdo esixe unha considerable experiencia de escoita para poder percibir os seus detalles de forma precisa. Unha situación complexa pode parecer insulsa ou aburrida se non se escoita coidadosamente".

Este breve texto escrito por Isaac Sterling e extraído da web Phonography é moi clarificador sobre esta evolución:

"A resposta simple é que a Fonografía (literalmente "escritura sonora") refírese á gravación de campo. Isto implica a captura de calquera evento que pode ser reproducido e representado como son.

Acontecementos auditivos son seleccionados, clasificados por duración e método de captura, e presentadas nun formato e contexto particular distinguindo unha gravación do evento orixinal en que foi capturado.

Neste sentido, a Fonografía é igual que calquera outra forma de gravación. É distinto da gravación en xeral na medida en que o xeito no que capturamos o son ten máis importancia que a súa produción. Isto reflexa un interese por descubrir máis que por inventar.

Pódense facer algunhas analoxías entre a Fonografía e Fotografía. A maioría das primeiras fotografías se destinaban a ser rexistros de campo documentais ou forenses, e moitas gravacións de campo servían a eses mesmos fins. As fotos feitas por pracer moitas veces imitaban estéticas doutras formas máis tradicionais de representación visual como a pintura e a ilustración.

Moitas gravacións de campo tamén imitaban estéticas establecidas por outros medios: por exemplo, unha gravación dun prado ou dun zoco do Cairo pode ser equiparable a unha representación auditiva de pinturas ou fotografías; as gravacións tamén son habitualmente usadas ​​para presentar narrativas semellantes ás transmitidas pola literatura ou o cine.

Pero a fotografía rapidamente se desenvolveu máis alá das convencións culturais predominantes no momento da súa creación para esforzarse en acadar metas máis abstractas e formais (esta transición pode ser vista claramente na obra de fotógrafos como Edward Steichen e Edward Weston, ou comparando fotografías de 1900-1920 co traballo de Frederick Sommer e Minor White 3 décadas máis tarde).

Unha transición similar pode 'escoitarse' na Fonografía. Tendo en conta que a gran maioría das gravacións de campo son manipuladas como materia prima para bandas sonoras e outros proxectos sonoros e outras gravacións de campo non procesadas son utilizadas principalmente con fins forenses e académicos, unha nova xeración de fonografistas xurdiu, preocupada coas dimensións abstractas e formais dos son ambientes que capturan".

Como ves a elección do son que vamos gravar, o momento que escollemos para facelo, o tipo de micros que utilizamos, a súa colocación, etc. son decisións que poden considerarse creativas se o que queremos é transmitir a sensación ou emoción que nos sentimos cando o escoitamos unha paisaxe sonora do mesmo xeito que fai un fotógrafo cando escolle a cámara, a lente e obxectivos, o ángulo, etc. Tanto unha fotografía como un unha gravación fonográfica son algo diferente da realidade, é unha representación, unha creación.

É dicir; unha gravación de campo pode ser só un rexistro documental pero tamén pode ser unha transmisión dunha experiencia estética converténdose nun traballo artístico.

TÉCNICAS DE GRAVACIÓN DE CAMPO

Cando gravamos no exterior a situación é moi diferente a cando facemos gravacións nun entorno controlado como é un estudio de gravación polo que é importante ter en conta algunhas cuestións. Estas son algunhas recomendacións:

  • Coñece ben o dispositivo co que vas a gravar. Xa sexa o teléfono móbil ou unha gravadora portátil cada aparato ten algunha peculiaridade que o fai diferente. Normalmente imos encontrar un volume de entrada e un volume de monitores (a intensidade coa que escoitamos o que estamos gravando). A maioría das gravadoras permiten monitorizar a sinal antes de empezar a gravar de xeito que poidas axustar o volume, e tamén é habitual que teñan unha serie de marcas ou vúmetro que te permita ter unha referencia visual da intensidade. O ideal é que establezas un volume de entrada medio con marxe suficiente por se hai sorpresas.

gravadoragravadora, LivingShadow (CC BY-SA 3.0)

  • Non graves demasiado alto. Controla o sinal de entrada e anticipa posibles picos. Cando gravamos nun estudio a un músico este ten control sobre o que está emitindo pero cando estamos recollendo unha paisaxe sonora calquera son repentino pode exceder os niveis da nosa gravación e producir unha distorsión ou saturación. Para evitar isto, na medida do posible, é importante manter a sinal en torno á marca central do indicador (-24 na imaxe) e controlar que o son non chegue ao límite. Algunhas gravadoras teñen limitadores que evitan que o son pase de certo punto. Ás veces pode ser unha opción recomendable pero o resultado sempre dependerá da calidade do sistema que esteamos utilizando.
  • Non graves demasiado baixo. Entón, Por que non gravo moi baixo e así evito que o son poda saturar? Logo xa aumentarei o volume nun editor de audio "normalizando". Esta non é unha boa idea porque os aparellos que utilizamos para gravar producen certo ruído residual polos circuítos que teñen, o que se coñece como self-noise. Dependendo da calidade do equipo (micrófonos, gravadora, preamplificadores, etc.) este será maior ou menor pero sempre haberá algo. Se gravamos moi baixo a sinal que queremos gravar vai estar moi cerca do selfnoise polo que cando, a posteriori, aumentemos o volume non so subiremos o do que nos interesa se non tamén o ruído do equipamento. Isto se coñece como relación sinal/ruído. O ideal é gravar o que nos interesa coa maior intensidade que poidamos sen que chegue a saturar.
  • Coidado co ruído das mans e do teu corpo. Nos tamén producimos ruídos cando nos movemos, rozamos, camiñamos, tusimos, etc. Estes sons, a non ser que sexan intencionados, habitualmente non nos interesa que estean na gravación polo que é interesante tratar de evitalos ben tendo moito coidado ben deixando a gravadora nun sitio e alonxándonos algo dela. Tamén podes utilizar accesorios como pértegas ou trípodes.
  • Busca unha situación axeitada. En ocasións a diferencia entre unha gravación interesante está en algo que pode parecer pouco relevante como é onde nos coloquemos coa gravadora ou os micrófonos. É moi importante que escoites antes de gravar, probes diferentes lugares, penses se vas facer algún movemento, en ocasións moverse da dinamismo ás gravacións e as fai máis interesantes. A distancia tamén é moi importante xa que determinará se capturamos sons máis ambientais, con maiores reflexións, elementos con maior claridade, etc. Igual que na fotografía a nosa colocación vai determinar a relación de planos sonoros na gravación resultante.
  • Gravando con vento. Un dos grandes problemas cando gravamos pode ser o vento cando choca directamente coa membrana do micrófono xa que, ao ser tan sensible, produce un son saturado. Hai moitas formas de evitalo. Podemos buscar unha situación que estea protexida do vento aínda que pode que isto nos alonxe da nosa fonte sonora ou podemos utilizar algún tipo de tela ou sistemas especiais para protexer o micrófono dos golpes de vento e das gotas da choiva. Tamén podes crear o teu propio accesorio antivento. O nome en inglés e Dead Cat (literalmente gato morto) e se buscas na rede ese nome acompañado por DIY (Do-It-Yourself = faino ti mesmo) seguro que atopas máis dun titorial.

dead catDead Cat, Heyyouoverthere (CC BY-SA 4.0)

  • Escolle o micrófono adecuado. Ca paisaxe que queremos gravar vai ter unhas peculiaridades e quedará mellor representada dependendo do tipo de micrófono que escollamos. Como se trata dun proceso creativo sobre isto non hai normas. Tes que pensar que é o queres conseguir e que micrófono e disposición das que vimos antes pode adaptarse mellor ás circunstancias, ou probar varias opcións.
  • Escolle unha calidade e un formato adecuados. Sempre tes a posibilidade de reducir e converter a calidade e o formato das túas gravacións dependendo de onde as vas incluír pero nunca poderás aumentar a calidade. Tenta facer gravacións da maior calidade posible sempre que a memoria do teu dispositivo o permita. É un compromiso entre calidade e espazo.
  • Leva sempre a batería cargada. Parece que sobra dicilo, pero é unha pena perder unha toma especial ou ter que regresar outro día a un lugar porque quedaches sen batería. Podes levar unha de recambio, unha batería externa ou, se a gravadora o acepta pilas de reposto.

Aprenderás moitas outras cuestións cando empeces a practicar xa que a experiencia é o mellor camiño para dominar a arte da fonografía.

Aquí tes algúns vínculos de interese sobre o tema (1, 2, 3 e 4)

ACTIVIDADE: GRAVACIÓN

Crea unha colección de sons dunha zona en grupo, cinco sons cada un dos participantes.

Pode ser un traballo sen temática, aberto, sobre sons que resulten interesantes ou seguir unha temática como pode ser, sons dos traballos, sons das festas ou feiras, sons dos espazos públicos a diferentes horas do día, etc.

ACTIVIDADE: ESCOITAR 1

O músico e produtor Brian Eno conta o seguinte "Realicei un experimento. Desde que o fixen, crin que era un bo exercicio para recomendar aos demais. Levei un gravador DAT a Hyde Park e preto de Bayswater gravei un fragmento de calquera son que se producise: coches pasando, cans, xente. Non lle prestei demasiada atención e funme a casa a escoitalo na miña reprodutor.  De súpeto tiven esta idea. Que ocorrería si tomo unha sección -unha sección de 3 minutos e medio, a duración dunha canción- e intento aprendela? [...] Empecei a escoitalo, unha e outra vez. Dondequeira que traballase, podería escoitalo. Graveino nun DAT vinte veces ou máis, para que soase constantemente. Intentei aprendelo, exactamente como faría cun tema musical: oh si, ese coche, acelera o motor, as revolucións no motor aumentan e entón ese can ladra, e agora escoitas esa pomba desaparecer por aquela esquina [...] Foi un exercicio extremadamente interesante, sobre todo porque descubrín que podes memorizalo. Algo que é completamente arbitrario e está desconectado, con suficientes escoitas, adquire coherencia. Podes imaxinar perfectamente que foi composto por alguén: "perfecto, puxo ese fragmento alí e ese patrón está xusto nese mesmo momento no que sucede. ¡Brillante! Desde que o fixen, podo escoitar as cousas dun modo diferente. É como poñerse no papel dun receptor de arte, simplemente decidindo. Agora eu ocupo ese lugar".

Vamos tentar facer algo parecido.

1. Realiza una gravación de 2 minutos e escoita atentamente mentres gravas.

2. Antes de escoitar o que gravaches fai unha descrición por escrito.

3. Agora escoita a gravación e completa con novos sons que non puxeches no primeiro borrador.

4. Escóitaa unha vez máis e completa de novo.