Saltar navegación

PAISAXE SONORA

Os sons da nosa contorna poden funcionar como elementos de identificación ou de diferenza. Os espazos e lugares que habitamos posúen as súas propias acústicas e os diferentes sons contribúen a crear unha identidade propia a través do que escoitamos e nos sona familiar conformando unha paisaxe sonora.

Existen moitas formas de describir o que é a paisaxe sonora dependendo da disciplina ou campo de estudo no que nos movamos pero, basicamente, e en termos xerais, este concepto alude aos sons que nos rodean.

Estes sons nunca pasaron desapercibidos para os oídos de escritores e músicos que deixaron constancia deles na literatura e na música. Pensa nos concertos de Antonio Vivaldi que forman as súas Catro Estacións, en O Mar de Claude Debussy ou en Pacific 231 de Arthur Honegger, por citar só algúns exemplos moi coñecidos.

music soundscapeAntonio Vivaldi, Pacific 231 e Marine, Pourville de Claude Monet (CC BY 4.0)

Ao longo do século XX irase desenvolvendo, máis aló de sons significativos e organizados como a música ou a fala, unha sensibilidade cara outras sonoridades, ata ese momento, irrelevantes tanto dende a ciencia acústica como dende a experimentación sonora.

Pero non foi ata finais da década dos anos 60 do século pasado cando nos traballos realizados polo World Soundscape Project aparece o termo de paisaxe sonora para definir a eses sons que escoitamos habitualmente e que definen e, en ocasións, condicionan, a nosa vida, eses sons que moitas veces nos mesmos producimos e escoitamos e que son parte da nosa historia, identidade e memoria, levando asociados incluso múltiples emocións.

O World Soundscape Project tiña como finalidade "investigar o desenvolvemento histórico do son, propoñer unha metodoloxía flexible que se poida aplicar a medio ambientes específicos en calquera lugar e, en consecuencia, participar na interpretación da paisaxe sonora mundial como un todo" así como o "recoñecemento e preservación dos sons importantes e socialmente significativos, dos sons antigos ou do pasado recente en vías de desaparición, a recompilación de información transcultural sobre preferencias e fobias sonoras individuais, así como sobre os diferentes comportamentos asociados á produción sonora" (Langlois).

A proposta deste grupo de investigadores da Universidade Simon Fraser (Vancouver) liderado por Barry Truax, Hildegard Westerkamp e Murray Schafer veu así a dotar dun discurso científico e social a toda unha serie de sensibilidades contemporáneas que ata ese momento manifestáranse, case exclusivamente, nos círculos da música e a arte contemporánea. Se vas a esta web podes escoitar algúns dos sons que formaban parte do primeiro estudo que fixeron da súa cidade.

Será o libro do propio Murray Schafer, The Soundscape, publicado por primeira vez en 1977, o primeiro intento por articular unha disciplina sonora que, afastada, polo menos en principio, de criterios estéticos, proporciona ferramentas para a análise da paisaxe sonora partindo da súa descomposición en elementos. A intención última deste traballo era articular o Deseño Acústico como "unha interdisciplinaria na que músicos, físicos acústicos, psicólogos, sociólogos e outros estudarían xuntos a paisaxe sonora do mundo para poder facer recomendacións intelixentes sobre o seu mellora" (Schafer).

Barry Truax dicía da paisaxe sonora que era un ambiente acústico que adquire sentido en relación a un ou máis persoas que o escoitan. Por outra banda, autores como Paul Rodaway  a definen como "o medio ambiente que rodea o sensible. O oínte, ou o que escoita, está no centro da paisaxe sonora. É un contexto que nos envolve, formado xeralmente polos sons que proveñen de diferentes direccións e con distintas características" destacando o seu carácter inmersivo.

Un exemplo desta nova sensibilidade cos sons do noso entorno é o Disco Dourado no que un comité presidido polo científico e filósofo Carl Sagan seleccionou unha serie de materiais sonoros que poderían representar o mundo, polo que tamén é coñecido como Sound of Earth (Son da Terra). Incluído nas sondas espaciais Voyager foi lanzado ao espazo no ano 1977, como se fose unha botella cunha mensaxe, a espera de que outra civilización a atope no futuro e poida servir de carta de presentación.

Ademais de saúdos en diferentes linguas, incluía música e unha selección de sons do mundo (tronos, grilos, paxaros, o son do tren, etc...).
///
sound of earth
///
Neste vínculo podes escoitar algúns dos sons incluídos no disco.
///
Outra interesante selección sonora é a que realizou o Arquivo sonoro de Galicia cunha aspiración menos ambiciosa, simplemente gravar sons que crían que tiñan unha relevancia para a nosa cultura. Aquí pode escoitar "cincuenta sons da terra" das "cento vintesete gravacións que os técnicos de son Jesús Villares e Roberto Díaz efectuaron como parte integrante do seu proxecto fin de carreira, presentado na Escola de Imaxe e Son da Coruña en xuño de 1993".

ACTIVIDADE: MEMORIA SONORA

Concéntrate e describe con palabras unha paisaxe sonora que recordes.

Fai memoria, intenta imaxinar os sons que o compoñen, que plano ocupan (fondo, medio primeiro), como evoluciona, se se transfórmase, as súas dinámicas (momento de intensidade máis forte, máis suave, etc.)

Pode ser unha paisaxe que recordes ou que imaxines.

Comparte cos teus compañeiros esta paisaxe.

ACTIVIDADE: SONS DA TERRA

Esta é a lista de gravación que viaxaron ao espazo:

Volcáns, terremotos, raios, pozo de lodo, vento, choiva, mar, grilo, ra, paxaros, hienas, elefantes, chimpancé, lobo, pisadas, latexados do corazón, risa, lume, as primeiras ferramentas, can manso, pastoreo de ovellas, canto dos paxaros, ferreiro, aserradoiro, remachador, código morse, os buques (serea dun barco), cabalo e carro, tren, tractores, autobuses, auto, sobrevoo dun F-111, despegue do Saturno V, bico, a nai e o neno, signos vitais e pulsar.

Imaxina que ti foras o encargado na actualidade de facer unha selección de sons que representa o mundo na actualidade, anos despois de que Carl Sagan e os seus colegas fixeran a súa.

Engadirías algún outro son?

Eliminarías da lista algún dos sons seleccionados?

Fai unha lista duns 20 sons como mínimo que crees que representan o mundo.