Saltar navegación

ANÁLISE

análise

Dicía o xeógrafo Yi-fu Tuan que "Unha experiencia implica tempo. O sentido de lugar de cando en cando adquírese de pasada. Coñecer un lugar ben require estancias longas e unha implicación profunda. É posible apreciar as calidades visuais dun lugar cunha breve visita, pero non como cheira nunha mañá xeada, como os sons da cidade reverberan a través das amplas rúas para desembocar na gran praza, ou como o pavimento queima a través das zapatillas de deporte e derrete as rodas das bicicletas en agosto. Coñecer un lugar é tamén coñecer o pasado".

Como explicaba Bernie Krause na súa presentación no anterior apartado podemos facer unha división dos elementos que forman a paisaxe sonora en tres grandes bloques:

Xeofonías Sons non biolóxicos, como pode ser o son producido polo vento ou polo discorrer da auga
Biofonías O conxunto de sons que fan as diferentes especies que forman parte dun hábitat
Antropofonías Aqueles outros sons producidos polos humanos. Dentro deste grupo podería facerse unha división entre aqueles organizados, como a música ou a linguaxe, e aqueles que son froito doutras actividades e que catalogamos tradicionalmente como "ruído". Se o analizamos nun sentido máis amplo, en realidade esta categoría podería considerarse un caso especial de biofonía xa que falamos dunha especie

Se ben esta é unha división útil, especialmente se o que queremos é facer unha análise poñendo o acento no aspecto ecolóxico, é moi xenérica e quizás poidamos profundar máis a través dalgúns conceptos expostos por Murray Schafer.

Tons (keynotes) "Son aqueles sons creados pola xeografía e climatoloxía: auga, vento, bosque, plantas, insectos e animais. Algúns destes sons poden posuír un significado arquetípico"
Sinais (signals) "Aqueles sons que escoitamos porque constitúen mecanismos acústicos de aviso: campás, chifres, sereas, bucinas. Sinais sonoros que, a miúdo, se poden organizar en códigos bastante elaborados que permiten mensaxes de considerable complexidade"
Marcas sonoras (soundmarks)

"Provén da idea de landmark e refírese ao son dun grupo que é único ou que posúe calidades que o fan especialmente significativo ou destacado para a xente desa comunidade"

Aquí, por exemplo, Schafer fai xa unha apreciación cultural sobre a relevancia de certos sons como son as marcas sonoras que confiren unha identidade a un espazo concreto como podería ser o son das campás do teu pobo, se é que aínda sonan. Referíndose a esta marca Alain Corbin definía o seu uso no século XIX en Francia do seguinte xeito:

"O impacto emocional dunha campá axudaba a crear unha identidade territorial entre aqueles individuos que vivían no alcance do seu son. Cando escoitaban o seu repique, veciños, habitantes, e aqueles que se atopaban 'nos mercados' no centro dos antigos pobos, experimentaban a sensación de estar arraigados nun espazo do que carecía o proletariado urbano emerxente [...] O campanario prescribía un espazo auditivo que se corresponde cunha noción concreta de territorialidade, aquela obsesionada co coñecemento mutuo".

A propósito de campás, aquí podes escoitar algúns sons dos diferentes toques de campás dalgunhas localidades de Galicia.

Xurde aquí outro concepto moi interesante, o de Comunidade sonora, definida por Barry Truax como "calquera paisaxe sonora no que a información acústica desempeña un papel persuasivo na vida dos seus habitantes [...] Os límites da comunidade son arbitrarios e poden ser tan pequenos como unha habitación ou tan amplos como unha comunidade urbana ou calquera outro sistema de comunicación electroacústica".

Voltando á clasificación dos sons, máis alá de definir estas tipoloxías sonoras, Schafer fai unha clasificación moi extensa dos tipos de sons que poden ser de utilidade especialmente cando queremos analizar a paisaxe sonora dende diferentes ámbitos. Aquí tes un resumo desta clasificación, aínda que, como verás, é algo estraña xa que crea algúns grupos asimétricos como o de paxaros, animais e insectos.

SONS NATURAIS

Sons do principio do mundo

Sons da apocalipse

Sons da auga (océanos, mares, lagos, etc.)

Sons do ar (vento, tormentas, tronos, etc.)

Sons da terra (terremotos, covas, árbores, etc.)

Sons do lume (volcáns, fachos, mistos, etc.)

Sons dos paxaros (pichón, buho, alondra, etc.)

Sons de animais (cabalos, cans, gatos, etc.)

Sons de insectos (mosquitos, abellas, grilos, etc.)

Sons de peixes e criaturas mariñas (baleas, tartarugas, golfiños, etc.)

Sons das estacións (primavera, verán, outono e inverno)

SONS HUMANOS

 Sons da voz (falar, chamar, gritar, etc.)

Sons do corpo (latexo, respiración, pisar, etc.)

Sons da roupa (vestirse, poñerse xollas, etc.)

SONS E SOCIEDADE

Paisaxes sonoras rurais (Africa, Asia central, Europa, etc.)

Sons das vilas (Africa, Asia central, Europa, etc.)

Sons das cidades (Africa, Asia central, Europa, etc.)

Sons marítimos (barcos, botes, portos, etc.)

Sons domésticos (cociña, comedor, dormitorio, etc.)

Sons de viaxes, profesións e oficios (carpinteiro, ferreiro, etc.)

Sons de factorías e oficios (banco, xornal, etc.)

Sons de entretementos (teatro, radio, deportes, etc.)

Música (instrumentos musicais, música na rúa, bandas, etc.)

Cerimonias e festivais (música, fogos de artificio, marchas, etc.)

Parques e xardíns (fontes, concertos, paxaros, etc.)

Festivais relixiosos (Grecia Antiga, Bizancio, Roma, etc.)

SONS MECANICOS

Máquinas

Equipos industriais e equipo nas fábricas

Máquinas para a transformación

Máquinas bélicas

Trens e tranvías (locomotoras a vapor, locomotoras eléctricas, etc.)

Motores de combustión interna (automóbiles, camións, motos, etc.)

Artefactos volantes (reactores, helicópteros, foguetes, etc.)

Construción e demolición (compresores, taladros, martelos, etc.)

Ferramentas mecánicas (serras, pulidoras, etc.)

Ventiladores e acondicionadores

Instrumental de guerra e destrución

Maquinaria agrícola (máquina de trillar, tractor, etc.)

SILENCIO E CALMA
O SON COMO INDICADOR

Campás e gongs (igrexa, reloxo, etc.)

Bucinas e chifres (tráfico, botes, trens, etc.)

Sons do tempo (reloxo, toque de queda, etc.)

Teléfonos

(Outros) sistemas de alarma

(Outros) sinais de pracer

Indicadores de acontecementos futuros

Outro concepto interesante que traballa M. Schafer no seu libro e o de paisaxes de alta calidade ou fidelidade (hi/fi) e paisaxes de baixa calidade ou fidelidade (lo/fi). Nesta lectura da paisaxe sonora ten de novo un grande peso a ecoloxía e a idea de considerar a calidade dun medio ambiente en función dos diferentes elementos que conviven nel. É dicir, canta máis variedade de especies compartan un espazo, mellor será a calidade do mesmo. Se aplicamos isto ao son, e o consideramos como un indicador, canto maior variedade de sons podamos escoitar nunha paisaxe sonora esta se considera de alta fidelidade (hi/fi) e cantos menos de menor fidelidade (lo/fi).

Outro elemento que se inclúe na metodoloxía de Schafer para o estudo dos elementos da paisaxe sonora é o análise de cada un dos sons utilizando parámetros como ataque, corpo e decaemento, frecuencia ou masa sonora, flutuación ou gran, dinámica e duración.

Por exemplo, o son dunha campá tería un ataque moi rápido (o son empeza repentinamente), o seu corpo é irregular e finalmente decae suavemente ata desaparecer, a frecuencia é máis ou menos estable, a dinámica vai de forte a suave, o maior número de flutuación están no principio e dura un tempo de terminado (digamos 10 seg.)

Hoxe en día podemos acceder a ferramentas que nos permiten ver graficamente os sons e ter unha referencia para a súa análise. Imos utilizar agora un software libre chamado Sonic Visualizer que podes instalar dende este vínculo.

SV

Aquí tes un vídeo de como utilizar esta ferramenta para visualizar un son.

Cando o cargamos aparecerá a forma de onda clásica en cor azul. A orientación horizontal indica o tempo e a vertical a intensidade de cada momento; canto máis grosa é a onda máis volume ten. Pero con este sistema de visualización non somos capaces de saber como está composto cada son, é dicir, que frecuencias do espectro sonoro o compoñen.

Para isto temos que engadir un pano con outra visualización amosando o espectro sonoro. O que obtemos aquí é unha especie de partitura gráfica do son gravado. Vemos numerosas manchas. Canto máis arriba están é que o son e máis agudo e canto máis abaixo máis graves e o eixo horizontal segue sendo o tempo. Ademais dependendo da intensidade da cor saberemos a intensidade que ten, é dicir se esa frecuencia ten máis ou menos predominio ou protagonismo.

No exemplo do vídeo menos é verde e máis é vermello pero podes seleccionar outros tipos de visualización.

Este tipo de programas pode ser moi útil para entender a complexidade do son, analizar cada un dos sons que forman parte da nosa peza centrando e axudarnos a centrar a nosa atención e afinar a escoita.

ACTIVIDADE: REPRESENTAR

Esta actividade esixe un pouco de creatividade.

Escoita de novo o son do vídeo anterior e debúxalo libremente e explica porque o representas dese xeito.

Aquí tes o audio para que o escoites con maior comodidade. Trátase da gravación do son dun pantalán flotando no porto de Ferrol.

O ideal é que o escoites varias veces e o debuxes por partes centrando a escoita nos diferentes sons que forman esta paisaxe. Cales ocupan un plano ou outro, etc.

ACTIVIDADE: ALTA/BAIXA

Aplicando a idea de Murray Schafer sobre paisaxes sonoras de alta fidelidade fronte a paisaxes sonoras de baixa fidelidade pensa en areas da túa vila que poderían clasificarse como de alta calidade e de baixa calidade baseándote na maior ou menor variedade de sons que existen e na súa relación, equilibrio, etc.

Logo describe que sons formarían parte de cada unha das áreas.

Se podes, é recomendable facer visitas as zonas que escollas para asegurarte dos sons, escoitar atentamente, etc.

ACTIVIDADE: CLASIFICANDO SONS

1. Fai unha lista de 15 sons da túa zona seguindo a división de Krause (xeofonías, biofonías e antropofonías).

2. Indica cales deles serían tons, sinais e marcas sonoras.

3. Agora aplica sobre eses sons as categorías xerais de M. Schafer (sons naturais, sons humanos, sociais, mecánicos, espazos silenciosos e indicadores)