Saltar navegación

A PAISAXE

a paisaxeTodos entendemos máis ou menos a que nos referimos cando falamos dunha paisaxe, de feito utilizamos a cotián esta palabra. Pero a paisaxe sonora é un concepto co que probablemente esteamos menos familiarizados.

En termos xerais unha paisaxe é un conxunto de elementos que contemplamos e ao que o noso mirar da certo sentido.

No dicionario atopamos definida a paisaxe como "Parte dun territorio que pode ser observado dende un determinado lugar / Espazo natural admirable polo seu aspecto artístico / Pintura ou debuxo que representa unha paisaxe (espazo natural admirable)".

Así a paisaxe é un concepto que sitúa a o observador no centro, é algo que construímos coa nosa mirada e que, en ocasións, leva asociada unha apreciación de certa beleza en relación ao espazo que estamos contemplando. Pero o gozo deste acto de observación foise construíndo co paso do tempo dependendo do contexto cultural de quen mira.

Hoxe en día a paisaxe é un concepto que poderíamos chamar interdisciplinario, xa que se centra na nosa relación co medio, sendo un obxecto de estudo en diferentes ámbitos como a arquitectura, a arte, a antropoloxía, a historia, a xeografía, a xeoloxía, etc. Pero o vexamos dun xeito ou doutro a nosa existencia está moi ligada a ela xa que non só a contemplamos se non que tamén a estudamos, habitamos e configuramos coas nosas decisións.

Probablemente non serías capaz de imaxinar como eran hai 10 anos, ou mesmo 5 anos, algunhas das paisaxes que ves cada día. Algunhas pode que non cambiasen moito pero outras pode que, se viras fotos, non foses capaz nin de recoñecelas, por non falar do que mudaron dende hai 40 ou 50 anos.

Isto é unha mostra máis da nosa intervención na paisaxe, o noso poder para alterala, o que esixe unha grande responsabilidade na toma de certas decisións e nos esixe coñecela moi ben.

Se ben é certo que durante moitos anos xa se ven estudando a paisaxe e as implicacións que teñen as nosas actividades e decisións en ela, case sempre esta preocupación estivo centrada no seu aspecto visual sen ter en contra outros factores ou sentidos como o tacto, o olfacto ou o oído, dimensións que teñen un importante papel en como percibimos eses espazos

A percepción da paisaxe é unha experiencia plurisensorial e xera en nos unha serie de sentimentos que son diferentes segundo como sopre o vento, o que escoitamos, os cheiros que o acompañan... Todos eses aspectos inmateriais son unha parte tamén moi importante da paisaxe e de como a percibes, das sensacións que transmite, podendo variar dun día a outro aínda tratándose do mesmo espazo.

Nesta proposta didáctica imos centrarnos en entender e comprender como os sons forman parte dese todo, imos centrarnos no que se coñece como paisaxe sonora.

MAIS SOBRE PAISAXE

Se queres aprender máis sobre paisaxe podes consultar algunhas das publicacións do PROXECTO TERRA. A publicación titulada Nos somos a paisaxe pode ser un bo comezo.

proxecto terra