A vida dun ilustrador é, ante todo, unha constante aventura. Aventura porque se traballa nun terreo apaixoante, que proporciona placer por crear. Aventura porque cada día é diferente, e porque os proxectos varían constantemente: non só en temáticas, senón mesmo en técnicas, medios, etc. Un día traballas nun álbum ilustrado, outro en humor gráfico para prensa, e outro en banda deseñada, cartelismo, ou materiais multimedia. Tes que estar disposto aos cambios, a cambiar a túa perspectiva, a pensar en diferentes destinatarios, e a adaptarte a cada nova esixencia.

E tamén é unha aventura porque non só consiste en crear materiais e obras. Tamén é preciso acudir ás editoriais, ás institucións, mesmo ás imprentas. E ademais, existe o labor da difusión: charlas, obradoiros didácticos, participación en encontros con outros profesionais, presentacións de obras, organización de exposicións, etc.

 

A CREACIÓN

DUNHA OBRA

UN EXEMPLO: "O NENO QUE TIÑA MEDO DOS ROBOTS / O ROBOT QUE TIÑA MEDO DOS NENOS"

EDEBÉ-RODEIRA

A historia da creación desta obra pasa polo encontro de dous autores, o escritor (Miguel Vázquez Freire) e o ilustrador (Xosé Tomás). A partires dunha idea do escritor, reúnense e falan. Unha historia dun neno que ten medo dos robots, e outra historia parella dun robot que ten medo dos nenos.

Dúas historias nun só libro. E a idea descabellada de facer dúas cubertas, dúas portadas, e dúas historias que comezan ao comezo, e rematan...no medio do libro.

É preciso poñerse a traballar. E ambos deciden que se vai tratar dunha historia de paralelismos, para fusionar idea e forma: os medos do neno son os mesmos medos que os do robot. E os dous comparten vidas semellantes: almorzan, dúchanse, van ao baño, escoitan aos seus pais, reciben todos os seus medos, saen á rúa, asústanse, vense vir mutuamente e...coñécense.Cómpre pensar nas solucións técnicas e gráficas. Unha metade lese nun sentido, mentres que a outra lese no outro. Como facer unha viñeta central, común ás dúas historias, que se poida ler nos dous sentidos?

Comeza a discusión, a reflexión entre ambos creadores, e finalmente xorde a solución: unha escena en plano picado, máis ben cenital, dende arriba. Así poderase ler en calquera dirección, virando o libro, dende a esquerda, dende a dereita, dende arriba, e dende abaixo.

Unha vez tomada esta decisión, crucial e definitiva para a obra, comezan a construír un mundo arredor dos personaxes.

O texto falaba de rúas, de casas, dun mundo no que cohabitaban humanos e robots, pero non precisaba máis detalles. O ilustrador, aplicando a perspectiva dos desbordamentos creativos, é neste caso o encargado de cubrir todos ese baleiros, e crear unha indentidade visual ao libro.

Entón aparece unha reflexión, baseada na idea de contrarios que non son tan diferentes: o neno e o robot.

Coa intención de acercar aos protagonistas, que non son tan antagonistas, pénsase nun tempo futuro, máis ben futurista. Neste mundo os robots chegaron ao nivel intelectual e emocional (moi importante este dato) dos humanos. E os humanos acadaron un alto grao de sofisticación tecnolóxica. Había que crear unha identidade aos robots, unha especie de aspecto global, e a conclusión foi que tiñan que estar feitos de refugallos, de lixo reciclado, dos restos que os humanos debotan das súas máquinas. Esta decisión confiriulles aos personaxes robots un aspecto "familiar" para os lectores infantís: son robots, son máquinas, si, pero están feitas de elementos que todos coñecemos ben, e que forman parte das nosas vidas: secadores de pelo, aspiradoras, cafeteiras, surtidores de gasolina, lavadoras, etc. Os robots estana "humanizados".

Os humanos, pola contra, estaba nun estadio de tecnocratización excesiva. O neno, Luisiño, cando senta no WC, nin sequera toca o chan, porque o lugar onde fai as súas necesidade levita mentres tanto. As casas dos humanos son frías, tecnolóxicas, demasiado perfectas, en contra das imperfeccións dos robots.

Desta maneira os robots humanízanse e os humanos robotízanse. Non son tan diferentes. E os medos, por tanto, son infundados.

E así, durante un tempo, o ilustrador buscou e procurou ideas de aparellos "familiares" para construír a toda unha galería de personaxes.

A cociña do robot está chea de aparellos reutilizados: unha tostadora de disquettes, unha caixa de cereales chea de pernos, mazás de lata, aceiteiras, etc. A cociña humana é flotante: os elementos levitan sobre a mesa e sobre o chan. E ata o can que teñen é robótico, moito menos expresivo que o can que teñen os robots.

Ambos autores pretenden así crear dous universos que se tocan, a pesares das diferencias. E queren contar así que os prexuízos cara os diferentes perviven durante os séculos: os humanos seguen tendo medos infundados sobre os robots, e viceversa.

Unha vez que obra está concebida, o seguinte paso é cautivar a unha editorial que confíe no proxecto, sendo este tan arriscado formalmente. Nesta ocasión, EDEBÉ-RODEIRA acolleu o libro, e decidiu editalo en castelán e galego, comercializándoo en toda España.

 

A DIFUSIÓN

DA OBRA

 

Os ilustradores non só crean a súa obra dende a soidade do estudio. Ademais, saen á rúa, aos colexios e institutos, ás facultades, ás bibliotecas, e falan das súas obras. No caso do libro mencionado, tanto escritor como ilustrador realizaron obradoiros arredor del, impartiron charlas a nenos e nenas, e tamén a docentes, fixeron demostracións en vivo de como se xestou a obra, e mesmo utilizaron elementos audiovisuais para crear atmosferas mentres iso ocorría.

Os obradoiros de ilustración son un medio excelente para que os lectores coñezan o álbum ilustrado, os seus tipos, as súas partes, a súa historia.
Con exercicios prácticos, xogos creativos e un longo número de prácticas percátanse da importancia de comunicar coas imaxes, unha linguaxe que os sistemas educativos en xeral descoidan con frecuencia.

As visitas aos medios de comunicación son igualmente parte do traballo cotián dun ilustrador: ás veces para promocionar obras que acaban de saír publicadas; noutras ocasións para participar en tertulias ou entrevistas sobre, precisamente, o oficio da ilustración.

Participar nos medios (prensa, radio, internet, televisión) é fundamental para dar a coñecer un medio que a sociedade, en ocasións, descoñece, ou non coñece en profundidade. É preciso falar da ilustración, dos efectos comunicativos que posúe, da importancia da imaxe, en ocasións por riba da palabra.

A continuación, dous vídeos explicativos da xestación de obras visuais, así como da profesión de ilustrador:
 

ENTREVISTA A UN ILUSTRADOR: DANI PADRÓN

Os seus segredos creativos, as súas reflexións, o seu día a día nunha profesión tan sacrificada como ilusionante.

Dani Padrón (Ourense, 1983)

http://daniipadron.blogspot.com.es
Arquitecto pola ETSA da Coruña. Chegou á ilustración a través da caricatura e do cómic, tras gañar un accésit no IX Concurso Galego de Caricaturistas Noveis (2009) e un segundo premio no XIV Certame de Cómic de Cangas (2010). Comezou a súa andaina como ilustrador infantil en 2011 con premio Pura e Dora Vázquez (2011). En 2014, a asociación galega de editores premiou o seu traballo para Pan de millo (de Migallas Teatro, editado por Kalandraka) co Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado. Tamén por ese traballo foi seleccionado en 2015 para a Bienal de Bratislava.

Cantos anos levas dedicado á ilustración como profesión?
O primeiro libro que ilustrei saíu no ano 2011, e fixen varios nos dous anos seguintes. Vivindo de ilustrar levo menos tempo, diría que estou no meu terceiro ano.

Como foi a túa relación co debuxo e a expresión plástica cando eras pequeno?
Tiven a sorte de que me gustaba moito, e seguín debuxando nese momento en que a maioría dos nenos deixan de facelo. Máis tarde converteuse ademáis nunha ferramenta para facer xoguetes. Moitos dos bonecos que tiña eran debuxados.

Houbo algún mestre ou mestra que che axudasen a saír adiante como creador visual?
No colexio tiña un mestre, Manolo Lorenzo, que si me animaba a seguir debuxando. Implicouse comigo ata onde puido. É certo que o contexto non era o ideal, entón falar de debuxo era falar dun hobby, non dunha posible saída profesional, e así era máis complicado que os alumnos pensásemos en tirar por aí. Máis recentemente, hai uns anos, foi clave para min a figura de Chema Mesías, cando fixen o Máster de Secundaria. El viume nacer como ilustrador e axudoume moito a dar os primeiros pasos.

No panorama galego ti es unha figura indiscutible da ilustración para libro infantil. Que significa para ti facer ilustracións para pequenos?
Cando era pequeno as ilustracións cambiaban moito a forma que tiña de vivir os libros. Ás veces porque eran bonitas, outras porque me daban medo, ou porque eran moi imaxinativas, ou porque eran raras. Ilustrar para nenos é especial porque me permite vivir o mesmo, pero agora desde o outro lado.

Poderías describir o teu proceso de traballo cun escritor cando creades un libro conxunto?
O máis habitual é que reciba un texto desde unha editorial e unha data de entrega para as ilustracións. Nestes casos, normalmente fago o traballo sen intercambio de opinións coa per-soa que escribiu o texto. Sei que o ideal sería facelo e que todas as partes implicadas na creación do libro quedasen encantadas, pero non sempre é posible, e ás veces pedir suxerencias pode acabar creando problemas de tempo.
Algunha vez algún escritor se puxo en contacto comigo para ofrecerme facer un proxecto xuntos. Cando é así, se chegamos a un acordo cun texto, eu vou facendo en ratos libres a miña parte. Nestes casos si hai comunicación para tratar de facer algo co que os dous quedemos totalmente satisfeitos. Ao mellor fago dúas ou tres ilustracións e logo tratamos de atopar quen nolo publique.
E logo está o caso de María Canosa.

Efectivamente. No caso da escritora María Canosa, con quen tes feito varios libros, como funciona a relación profesional cando os dous creadores se van coñecendo cada vez máis?
Con María é diferente porque xa non é unha relación profesional, somos amigos. Agora, nos proxectos que facemos, participamos os dous en todas as súas fases. Temos confianza para criticar o que non nos convence do traballo do outro, e non nos cortamos.

Lembras algún traballo que che quitase o sono polas noites?
Iso é algo que me pasa con todos ao principio. Non por preocupación, senón porque cando me chega un texto novo non paro de darlle voltas na cabeza, sobre todo mentres non estou debuxando.

Cando te enfrontas a un álbum ilustrado, como é o teu proceso habitual de traballo?: Como organizas os tempos? Como e cando pasas do texto ás imaxes? Realizas moitos bocexos? Como decides a técnica?...Cóntanos todos eses "segredos".
O primeiro que fago é ler o texto varias veces, e deixalo repousar un ou dous días, se non é moi urxente. Nese tempo, como dícía antes, doulle moitas voltas na cabeza, unhas veces voluntariamente e outras sen buscalo. Inconscientemente se me vai formando unha idea do que vou facer, ou do que penso que vou facer. Entón, vou directamente a pola unha primeira ilustración. Ademáis de coñecer as dimensións que vai ter o debuxo, para min é fundamental colocar un texto que me permita saber que cantidade de papel debo deixar máis libre. Nunca decido o que vou debuxar se non sei aproximadamente a forma e o tamaño do espazo que vai poder ocupar. Nesta primeira ilustración procuro que xa apareza o personaxe ou personaxes principais da historia, porque esa ilustración é a que vai marcar como será o resto do libro.
Se o cliente non o pide, non fago un storyboard de todo o libro, nin fago as ilustracións por orde. Cando teño unha idea para unha ilustración, fágoa, sempre tratando de que encaixe con todo o que levo feito. E así unha a unha ata rematar o libro.

Escoitas música cando debuxas? Dinos unha obra ou un autor que te teña inspirado.
Gústame traballar con música, fundamentalmente con bandas sonoras. Non tanto para que me inspire como para que me faga compañía. Encántame James Newton Howard. Pero vou por etapas, non sempre poño música. Traballo tamén moito con películas ou partidos de fútbol.

Menciona un ou varios ilustradores que te marcasen.
David Pintor, Quentin Blake, Miguel Robledo, Tha, Gabriel Pacheco...

Cando vas a unha libraría a mercar un álbum ilustrado, en que te fixas?
Merco os libros ou porque me atraen as ilustracións, ou porque penso que me poden resultar útiles como referencia cando eu teña que facer as miñas, ou porque me atrae o libro como obxecto. Moitas veces coinciden os tres factores.

Pensando nos futuros ilustradores e ilustradoras de Galicia, que lles dirías aos que queren comezar nisto profesionalmente?
O mesmo que me digo a min cada día, que tamén estou empezando. Que se están convenci-dos de que é o que queren, traballen con todas as súas forzas.

Que opinas da estimulación da creatividade nas escolas en xeral?
Non sei se ultimamente mellorou algo o tema. Cando eu estudaba, o funcionamento das clases era o mesmo independientemente do nivel de creatividade dos alumnos. Tiña compañeiros realmente creativos que estaban fracasando académicamente a pesar de que se lles notaba que tiñan algo especial. E non se facía nada con eles, non se trataba de canalizar ou potenciar a súa creatividade. Se alguén era especialmente bo nalgún campo, seguía o mesmo camiño que o resto. Non se falaba de creatividade, só había boas e malas notas.

Mil grazas, mestre!