O álbum ilustrado é un material susceptible de ser utilizado en contextos escolares. De feito, en gran parte naceron para nutrir ás bibliotecas tanto particulares como públicar de recursos lectores para os máis pequenos.

Hoxe en día, en Galicia, contamos con escritores e escritoras cunha longa traxectoria, que chegaron a acadar mesmo Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil, que compaxinaron esta faceta coa de ensinantes. Eles mesmos falan da necesidade que sentían de crear materiais propios para os seus alumnos e alumnas. Autores como Fina Casalderrey, Paco Martín, Xabier P. Docampo, ou Agustín Fernández Paz crearon libros para os lectores miúdos ao mesmo tempo que traballaban didacticamente con eles.

Nesta sección analizaremos TRES casos concretos de utilización didáctica de álbumes ilustrados.

Observaremos como, en mans de docentes hábiles e creativos, cunha concepción do traballo pedagóxico centrada nos proxectos aglutinadores, poden chegar a ser o punto de partida de procesos de aprendizaxe moito máis sofisticados e intensos que mero libro.

Veremos como, partindo dun álbum ilustrado, os mestres e mestras traballan nun invernadoiro, ou crean unha serie de raps, ou estudan os gasterópodos cos seus rapaces, ...

Falamos nestes casos da metodoloxía por proxectos, grazas á cal o libro é un catalizador, un punto de arranque, que se comeza a ramificar a diferentes temáticas, diferentes campos do saber, chegando a converterse nun método aglutinador, interdisciplinar, que potencia o pensamento asociativo nos nenos e nenas.

CASO Nº 1: CARACOIS

Baseado na obra CAROLINA E OS CARACOIS - Escritor: Arturo Iglesias / Ilustrador: Xosé Tomás - Baía Edicións

Un colexio de Educación Infantil decide asumir o reto de ler o libro cos pequenos e posteriormente levar a cabo un proxecto.

Os autores deciden visitar o colexio, e amosarlles todo o proceso de creación. Trátase dun libro ilustrado con imaxes en tres dimensións, modeladas, utilizando o barro, as pedras, as cunchas de caracois reais, e outros moitos materiais (acetato, plástico, aramio, pintura, etc.).

Os nenos e nenas son testemuñas da creación dos escenarios, así como da lóxica dos poemas que contan a historia.

Os pequenos observan as maquetas, os deseños previos, e aprenden que para modelar figuras e escenarios é preciso primeiro planificar, debuxar, pensar os espazos, inventarlles unhas personalidades aos protagonistas.

Son testemuñas do uso de materiais, e de como moitas das cousas coas que conviven poden ser utilizadas para crear, e recrear. Así, amosaban especial interese nas cunchas dos caracois: apañalas no chan, algunhas nas praias (tamén as había acuáticas), secalas, e despois pintalas con pinturas acrílicas.

Apañar pedras pequenas, de medidas similares, e facer muros. Modelar barro e crear o chan para un cuarto de baño. Incrustar aramios finos para crear as antenas dos caracois, ...

Nesta fase tocaba estimular a súa curiosidade con algo esencial: o exemplo. Enfrontáronse á cousa mesma, aos materiais, ás materias, tocáronas, cheiráronas, ...e xa estaban preparados (e estimulados) para realizar as súas propias creacións, que viñeron despois.

Os mestres provocaron unha serie de investigacións arredor dos caracois como animais reais.

Cos rapaces, apañáronos, alimentarónos, estudaron a súa xeometría, e deixaron que fosen parte do grupo.

Utilizáronos para traballar os afectos, o coidado dos animais, a responsabilidade da súa alimentación, e o traballo cooperativo para levalo a cabo.

O seguinte paso foi o de elaborar os seus propios caracois de barro, coa mesma técnica que no libro, e con outras diferentes.

Decidiron modelar caracois e recrear algunha das escenas do libro: movéndose, reptando, formando unha estela, unha figura xeométrica.

E tamén recrearon a Carolina, o personaxe principal. Desta volta foi un traballo grupal, posto que foi elaborado en tamaño xigante, e para iso tiveron que colaborar, e usar materiais diversos.

O resultado foi unha interpretación do libro moi interna, individual e colectivamente, que os levou a aprehender os procesos de creación, a desenvolver auténticos mapas mentais, e a sacar adiante unha produción final entre todo o equipo.

Unha variante didáctica máis enriqueceu o proxecto e a súa explotación: a creación dunha exposición dos materiais, con explicacións e presentacións por parte dos autores.

CASO Nº 2: ROBOTS

Baseado na obra O NENO QUE TIÑA MEDO DOS ROBOTS / O ROBOT QUE TIÑA MEDO DOS NENOS- Escritor: Miguel Vázquez Freire/ Ilustrador: Xosé Tomás - Rodeira-Edebé

Neste caso o libro, como xa se ten visto na sección relacionada coas PARTES do álbum ilustrado, a temática son os robots, todo tipo de robots. Os personaxes, en teoría inimigos dos nenos, están feitos a base de refugallos, de restos mecánicos que os humanos desbotan, de parafusos, de lavadoras vellas, de partes de ventiladores ou cafeteiras, ... A reciclaxe é, pois, un tema de fondo.

 

Os autores deciden entón levar o libro aos lectores miúdos a través de obradoiros e reflexións que impliquen a creación de seres a partires de restos de obxectos aos que normalmente non damos importancia. E deciden crear ao personaxe principal, o ROBOT AXB10, a tamaño real. E lévano por bibliotecas e centros, como modelo a imitar.

Iníciase un proxecto similar con estudantes de diferentes idades, e endiferentes localizacións: a creación de personaxes robóticos, dende todas as súas perspectivas.

Establécense as seguintes FASES:

1. Procura de materiais nos seus propios fogares.

2. Aportación dos mesmos a un fondo común, compartido.

3. Deseño en papel do personaxe, acompañado da súa descripción textual: rasgos psicolóxicos, planeta de procedencia, finalidade, etc.

O proceso de deseño é fundamental: compártense materiais, ideas, discútense as decisións sobre as identidades das criaturas, fálase dos nomes, e entre todos crean toda unha galería de personaxes.

Xorde neste momento a idea de ir máis alá, e de combinar a utilización destes materiais de refugallo coa ilustración en papel.

Decídese facer obras híbridas, que integrar obxectos cotiáns en ilustracións bidimiensionais.

Pódense apreciar aquí tres mostras dese tipo de técnica:

O proxecto medra, dadas as súas enormes posibilidades. E finalmente adquire a dimensión de libro dixital.

Decídese bautizalo co título "APROVEITANDO", posto que parte da idea de aproveitar materiais e obxectos, reciclalos e darlles de novo vida, así como da idea de ANDAR, dar impulso a unha imaxe, e facer que ese obxecto inerte obteña movemento.

O proxecto "APROVEITANDO", que naceu no contexto de obradoiros de ilustración levados a cabo nunha libraría, foi finalmente maquetado e difundido de maneira aberta para compartir na rede o resultado das diferentes creacións.

Pódese descargar aquí a obra completa: APROVEITANDO (pdf)

CASO Nº 3: PLANTAS

Baseado na obra VERDEDADES - Escritora: Yolanda Castaño / Ilustrador: Xosé Tomás - Editorial Biblos

A obra VERDEDADES, mencionada noutras seccións, está baseada no coñecemento de plantas, árbores, froitos e flores. O mundo vexetal é o motivo das poesías de Yolanda Castaño, que se centran, cada unha delas, nunha especie diferente.

As ilustracións van máis alá do estritamente vexetal, e deseña un microcosmos particular, o dunha unha nena curiosa, científica, que pasa o verán na casa de aldea dos seus avós. Un tempo e un espazo de liberdade, de emocións intensas, de relacións de afecto interxeracionais, e de plantas arredor.

Nunha escola deciden levar a cabo, co alumnado de Educación Infantil, un proxecto a gran escala, que implique a un gran número de docentes, que pase por moitas disciplinas, e que faga que os nenos e nenas lean, canten, memoricen, planten, bailen, debuxen, ... Todo un proxecto interdisciplinar que aborda ao neno como ser multifacial, con intelixencias múltiples que hai que ter en conta.

Un invernadoiro: Aproveitando un pequeno espazo que o colexio tiña para traballar coas plantas, seleccionan aquelas que están mencionadas no libro, para plantalas, estudalas, regalas, coidalas, e facerlles un seguemento. Os diferentes grupos de nenos (o centro é grande e conta con varias liñas de Infantil) elixen as súas plantas-insignia.

 

A música rap : Un mestre de Música decide crear unhas melodías de estilo rap para que os nenos e nenas canten e aprendan as poesías.

 

O encontro co lustrador: Unha mañá de primavera o ilustrador acode á súa escola. Os grupos van pasando a visitalo, e a cantar os seus raps, as poesías que xa fixeron súas. Mostran os seus proxectos, e o ilustrador realiza ilustracións en vivo, para que eles adiviñen de que planta se trata. interactúan e falan do proceso de creación. E establécense vínculos emocionais cos nenos. Eles aprenden que detrás dun libro hai persoas que se emocionan, que proxectan, que traballan, e que se enchen creando.

Proxectos murais: Os nenos e nenas levan a cabo pequenas investigacións sobre as plantas que elixiron para os grupos. A súa procedencia, os climas que lles favorecen, o debuxo das follas, a semente. Utilizan para elo ilustracións, así como obxectos reais, que expoñen abertamente para todo o centro.