O SÉCULO XIX

Para falarmos de libro infantil con imaxes, temos que remontarnos ao século XIX, onde os nenos vivían unha serie de circunstancias moi concretas: por unha banda, tiñan acceso limitado ao lecer, e este víase limitado ás lecturas e ao cuarto dos xoguetes.

As opcións que tiñan relacionadas cos libros eran ben poucas:

  • Ler os manuais escolares, que adoitaban amosar gravados.
  • Acudir ás bibliotecas familiares, onde podían atopar de todo. Entre os libros, estaban as revistas ilustradas, que nesa época vivían un especial auxe.
  • Mercar coas súas familias os aleluias e romances nas feiras e mercados, aos cegos, que aportaban xilografías populares, de prezos asequibles, e cunha enorme variedades.
  • Agardar a que nunha data sinalada lles regalasen un libro escrito especificamente para nenos, como, por exemplo, os contos de PERRAULT ilustrados por G. DORÉ (1862). Non podemos esquecer que nesa época naceron grandes editoriais, como Larousse (1852), ou Flammarion (1878)
AS IMPRENTAS As IMPRENTAS tamén experimentaron cambios importantes nese período: por primeira vez aparecen a nivel industrial as bobinas de papel continuo, e isto vai converter ao libro nun produto xa non artesanal, senón de produción masiva. E con esta transformación veu tamén o tratamento da imaxe: a ilustración convertíase nun elemento útil para competir nesta industria.
 
JULES VERNE e PIERRE JULES HETZEL
Este editor asinou con Verne un contrato polo que tiña que escribir dúas novelas xuvenís ao ano, para acercar aos rapaces á ciencia e a fantasía.

En España, SATURNINO CALLEJA imita estas edicións, creando cubertas distintivas, e ilustracións en branco e negro no interior, chegando así ao libro ilustrado (que non "Álbum ilustrado").

HEINRICH HOFFMAN
Este médico alemán, tras buscar sen éxito un libro ilustrado para o seu fillo de catro anos, debuxou en 1844 el mesmo unha serie de historias que despois se farían famosas: DER STRUWWELPETER (Pedro o descabellado). O editor, Löning, publicou 1500 exemplares, que se venderon nun mes, e o libro chegou ás cen edicións.

KATE GREENAWAY
A ilustradora inglesa debuxou en 1866 AN APPLE PIE (Un pastel de mazá). Nel adapta unha rima popular ao que lle acontece ao pastel, que pouco a pouco aparece máis e máis reducido, aportándolle así unidade narrativa á historia. Consegue Greenaway tamén unidade formal entre texto, imaxe, cor e tipografía, algo revolucionario para aquela época.

 
O SÉCULO XX
En 1917 estala a REVOLUCIÓN RUSA, e esta vai traer consigo unha serie de necesidades culturais. Certos editores consideran que a produción de libros para nenos é un asunto urxente para reforzar unha identidade cultural. Así, destaca o traballo de algúns como Bulanov, Ermolaieva ou Levedev.
Algúns dos editores rusos, así como autores, chegaron despois a París, onde esa pedagoxía se asentou para crear produtos propios.

PAUL FAUCHER (1898-1967)
Este editor e pedagogo francés, volcado na aprendizaxe lectora dos nenos, creou a serie ALBUMS DU PÈRE CASTOR. Grazas a que estaba interesado en como aprendían os nenos con discapacidades, ou de contornos marxinais, decatouse de que era preciso modificar o formato dos libros para adaptarse ás súas múltiples necesidades. Desta maneira, no álbum que el crea e edita podemos atopar un novo concepto, posto que as formas varían segundo o proxecto: a imaxe faise autónoma do texto, converténdose nun elemento de forte carga pedagóxica, e revoluciona así todos os aspectos do libro: formato, encadernación, cubertas, etc. Crea así un novo tipo de libro, con cubertas brandas, formatos pequenos e manexables, que fan que o libro se converta nun xoguete lúdico e desexable polos máis pequenos.


JEAN DE BRUNHOFF
O pintor francés crea, en 1931, HISTORIA DE BABAR, EL PEQUEÑO ELEFANTE. A historia nace da correspondencia que mantén cos seus fillos. Cun trazo minimalista e ilustracións de formato grande, crea unha obra de gran simplicidade e espontaneidade, así como dun elevado valor simbólico. Nestes libro podemos ver as teorías de Le Corbussier na cidade dos elefantes, ou unha clase Montessori en O REI BABAR (1932).
En ESPAÑA tomouse boa nota destas obras, e algunhas editoriais crearon coleccións inspiradas nelas: "La Sirena", de La Galera; "Tren azul", de Edebé; "Los piratas", de SM, e outras.

 
A ERA POSTMODERNA

A partires da época dos 70, o paradigma social, e a súa relación coa comunicación cambia radicalmente: a cultura de masas, a aceptación de calquera tipo de signos e medios comunicativos, a ruptura coa ortodoxia académica, traen consigo novos medios, novos formatos, novas maneiras de contar historias e de relacionarse na sociedade.


Na actividade literaria comeza a ter peso o mundo do posible, do concebible, e nace o fabulismo (Borges, García Márquez, Calvino, ...), e o mesmo ocorre no plano gráfico (Munari, Mariscal, Warhol,...).


Nace o ÁLBUM ILUSTRADO tal e como hoxe o concebimos: un libro no que a imaxe non só cobra importancia, senón no que adquire unha nova función comunicativa.

ONDE VIVEN OS MONSTROS (1963)
O americano Maurice Sendack consegue nesta obra rahcar ccos límites habituais do libro ilustrado: desborda a dobre páxina, xoga cos zooms cinematográficos, e rompe a convención dos monstros vencidos polos humanos.


PEQUENO AZUL E PEQUENO AMARELO (1962)

O publicitario americano Leo Lioni vai máis alá e conta unha historia con formas abstractas de cores azul e amarelo: de cómo se mesturan, e de cómo as súas familias non recoñecen ao seu fillo verde como propio. Unha historia transgresora nas formas, cunha fonda carga emocional.


O GLOBIÑO VERMELLO (1967)

A deseñadora italiana Iela Mari estaba especializada na didáctica da imaxe con nenos discapacitados. Presenta nesta obra todo tipo de transformacións experimentadas por unha forma redondeada vermella. O feito de que a obra non ten texto fai que a imaxe o conte todo, e demande do lector un esforzo interpretativo, de degranación simbólica.


FLICTS (1968)
O publicista brasileiro Ziraldo deseña unha obra fascinante sobre unha cor inexistente, Flicts. Ningunha outra cor quere mesturarse con el, nin recibe aceptación de ninguén, pola súa identidade singular e diferente. A tipografía cobra tamén vida, para ser parte integrante da mensaxe global do libro. Flicts é, finalmente, a cor da lúa. O propio Neil Amstrong, cando pisou o satélite, chegou a dicir "The moon is flicts!" (a lúa é realmente flicts).

Estas catro obras son consideradas hoxe os pilares fundamentais do álbum ilustrado moderno, e en todos eles podemos atopar unha serie de características comúns:

- Establecen un cruce narrativo entre texto e imaxe (en ocasións o texto nin aparece).
- Establecen unha serie de secuencias narrativas marcadas pola imaxe, creando así a idea de cadencia.
- Un alto valor comunicativo: o autor experimenta co formal para chegar a un lector que ten que ser sorprendido.
- O álbum ilustrado é o produto narrativo dunha reinvención do coñecemento, como algo aberto, flexible, adaptativo