(SECCIÓN PARA ARTISTAS DE TODAS AS IDADES)

"COMO SE FAI UN ÁLBUM ILUSTRADO?"
1º PASO: QUEN COMEZA?

A pregunta normalmente ten unha resposta sinxela, rápida, aparentemente lóxica: o escritor ou escritora ten unha idea, que desenvolve nun texto. O ilustrador ven despois, co fin de crear imaxes para ese texto.

1º o escrito - 2º o ilustrador???

Pero a realidade non sempre é así. Máis ben, a realidade é case sempre diferente, especialmente cando ambos creadores forman un equipo cohesionado

Vexamos un exemplo:

Durante unha vaga de incendios por toda Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) propón aos ilustradores e ilustradoras de toda a Comunidade que creen unha imaxe sobre o tema. A maioría elaboran ilustración reflexivas, que fan pensar cara onde imos, sobre o respecto á natureza, sobre os comportamentos cívicos. Un ilustrador, Xosé Tomás, fai a súa imaxe:

A continuación, unha escritora, CHARO PITA, observando a imaxe, decide escribir un poema inspirado nela.

Neste caso, non é o texto a primeira obra en xurdir. Pola contra, trátase dunha imaxe que posteriormente dá pé a que se escriba unha historia. Desta maneira xorden moitos libros, moitos álbumes ilustrados. E cando a complicidade de ambos autores é real, a obra vai e vén, dun ao outro, e ambos creadores se interveñen, se funden, para crear unha obra conxunta.

Profundas eran as nais nos días de marzo,

Intensamente ocupadas en ser

desencadeaban fillos imprevisibles fortes,

Eran intensamente.

Os seus corpos de abondosa espesura

bailaban a vida do pan cotián

fornecido en praceres

e colgaban frautas dos seus cabelos bestiais

por onde ouveaban

o vento do freixo e o voo das ameixeiras.

Fermosos eran os fillos nados de tanta nai

como o galope das madreñas por entre o peito do monte,

aloumiñando

a ceibe vontade dos volcans.

Charo Pita

2º PASO: COMO SE FAI?

Crear unha IDENTIDADE: personaxes, atmosfera, trasfondo, cores, técnica, ... :
- Todo debe ter un SIGNIFICADO.
- Todas as decisións deben estar xustificadas.
- Todos os elementos deben constituir un universo totalmente compacto e coherente (ningún debe actuar pola súa conta)

Obras ilustradas por Xosé Tomás. Por orde, de arriba abaixo, de esquerda a dereita: (El niño que tenía miedo de los robots/El robot que tenía miedo de los niños, Editorial Edebé; El gran libro de relatos de piratas y corsarios, Editorial Parramón; María é maior, Baía Edicións, O arco da vella, Edicións Xerais; O pirata Metepata, Baía Edicións).
Unha vez que a identidade da obra é creada, ambos autores se poñen a traballar. Acomodan as súas técnicas, revisan os seus traballos mutos, falan, analizan o feito, modifican detalles. E cando a obra está lista, comeza entón un periplo empresarial:

As canles de distribución son unha parte moi importante do proceso. Un libro pode ser unha obra mestra da literatura, e así mesmo da ilustración. Pero se a distribución é escasa, insuficiente, ou pouco eficaz, esa obra pode estar condenada ao esquecemento. Pola contra, se a dsitribución é boa, o libro pode chegar a todo tipo de librarías, de plataformas multiproduto, a espazos de venda dixital, a bibliotecas, a revistas difusoras de novidades, etc.

Na distribución do libro implícanse as editoriais, e ambas empresas traballan conxuntamente para que a obra chegue ao verdadeiro punto de interese: o lector.

Son o máis importante. O destinatario. Cando escritor e ilustrador traballan nun proxecto, teñen sempre en mente un receptor da súa mensaxe. As obras ilustradas poden estar pensadas para un lector infantil, pero na maioría dos casos o gran éxito está en que este non estea limitado. Así, obras como as de Shaun Tan están pensadas para calquera tipo de público. A explicación disto é que son imaxes moi evocadoras, de interpretacións tan abertas, poliédricas e polisémicas, que calquera lector pode apropiarse delas dunha maneira diferente e personalizada.

E no álbum ilustrado é moi frecuente que non só o libro chegue ao lector. Ás veces os autores tamén chegan, fisicamente: en encontros, obradoiros de ilustración, de escritura, en talleres arredor da obra, para experimentar o mesmo que experimentaron os autores cando a crearon, para estimular a curiosidade polo proceso, para ver de primeira man bocexos, fases previas a lapis, acabados, libretas de notas de autor, etc. Hoxe en día os centros educativos e as bibliotecas adican boa parte dos seus esforzos a dinamizar as obras.

Atopar unha editorial que crea no proxecto é fundamental. Nesta parte do proceso é moi importante que exista complicidade cos editores. Eles van arriscar economicamente, e precisan ter garantías de que o traballo terá un mínimo éxito. En moitas ocasións as editoras teñen coleccións propias, e o proxecto pode encaixar nela. Para iso hai que adaptarse aos formatos, á extensión do texto, e as imaxes deben pousír unhas determinadas características: formato, policromía/bicromía/monocromía, estilo xeral, maior ou menor risco en deseño, e moitas máis condicións.

Nalgunhas ocasións, as editoriais confían tanto nun proxecto que lle chega, que acceden a crear un libro especial, cunhas características propias, fóra de colección, porque así o pide a obra. Neste caso o risco é maior, pero normalmente a confianza é tan alta no produto final, que todo se fai coa ilusión de que chegue aos lectores de maneira especial.

O proceso de imprenta é sumamente importante para a calidade do libro. Hai moitas decisións a tomar: o tipo de papel, a gramaxe, a textura, a cor (se é o caso). E cómpre que haxa certa comunicación entre o ilustrador, o deseñador, e a imprenta, para que as cores se plasmen da maneira máis fiel posible. Para que os cortes das páxinas coincidan cos criterios estéticos e artísticos. Para que, ás veces, se fagan experimentos formais: troquelados para crear un burato na cuberta; solapas que estendan a información da cuberta ou contracuberta; máquinas especiais para facer libros de formatos irregulares; e un cento de posibilidades, as que ofrece o novo concepto de álbum ilustrado.

Para que a obra impresa teña unha relación íntima co proxecto deseñado, é fundamental que se analicen probas provisionais antes de facer tiradas definitivas. Só así se pode ir axustando, subindo o brillo, baixando o contraste, etc.

 
EXEMPLOS DE PROCESOS DE CREACIÓN: