Saltar navegación

O LIÑO E OS TEARES

DESCRICIÓN

O liño é unha planta herbácea anual da familia das lináceas que pode acadar un metro de altura, coa flor de cor azul vivo. Composta dunha substancia fibrosa da que se extraen as fibras longas para confeccionar tecidos, da súa semente oleaxinosa prodúcese o aceite de liñaza, moi empregado en pinturas e vernices.

O tecido do liño en Galicia coñécese desde tempos moi antigos, era a fibra tradicional que se cultivaba e da que se obtiña un produto artesanal nos teares. Este labor que perdurou ata ben entrado o século XX tivo sempre un carácter doméstico, cada casa ou familia producía e vendía o seu propio liño.

A preparación da materia prima era laboriosa. O complexo proceso comezaba coa sementeira, a principios da primavera, nos liñares situados en terreos fértiles de regadío. A recolección levábase a cabo entre agosto e setembro. O liño atábase en feixes ou mañizos e pasábase polo ripio, unha especie de peite de madeira, de dentes longos, para sacarlle as bagañas, ou sexa, as cápsulas que conteñen a liñaza ou semente, que se gardaba para a seguinte sementeira.

Despois desta operación era preciso mergullar os mañizos en auga durante uns nove días para que amolecesen e seguidamente expoñíanse ao sol para secalos. A continuación mazábanse no chan cun mazo de madeira e pasábanse polos instrumentos coñecidos como tascón e restrelo para extraerlles a estopa. Seguidamente, o liño era fiado coa axuda da roca e o fuso e envolvíase en grandes madeixas servíndose doutra ferramenta, o sarillo. Cocíase logo nun caldeiro con cinza para branquealo e despois de lavalo na fonte e de secalo, pasábase pola debadoira para facer novelos. Antes de chegar ao tear aínda había que urdilo na urdidoira.

Tratábase dunha actividade complementaria á agricultura e á gandaría, que era asumida polas mulleres, pois os traballos do liño eran tarefas exclusivamente femininas. Os homes só participaban en contadas ocasións.

Este labor doméstico foi aproveitado a mediados do século XVIII para crear unha industria artesanal na que ademais do liño que se sementaba no país, tecíase liño de fóra, o que se importaba dos países do Mar Báltico e entraba a través dos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, exportábase cara a terras de Castela ou América. Esta situación florecente deu lugar á proliferación de tecedores e tecedoras, así como feiras e mercados, mais a mediados do XIX esta artesanía comeza a declinar por diveras razóns, sendo a principal a incapacidade de dar o salto cara unha produción industrial capaz de competir cos téxtiles vidos de fóra, especialmente coa industria do algodón inglesa.

Desde finais do século XIX e principalmente ao longo do século XX, o cultivo do liño e a produción de lenzos en Galicia foise abandonando progresivamente ata desaparecer practicamente cara a década dos 60. Na actualidade son asociacións de carácter cultural as que intentan recuperar a artesanía do liño.

No Courel, como noutros puntos de Galicia, foi unha actividade moi importante. Até non hai moito tempo plantábase o liño e existía en cada casa un tear, onde se confeccionaban manteis, panos de mesa, colchas e roupa. Esta actividade artesanal, coma outras, foi desaparecendo e na actualidade só continúan co oficio dúas ou tres tecelás en toda a serra.

FIANDEIRA namorada

que fías detralo lume

cs ollos postos nas chamas

roxiñas brancas i azules.

                Uxío Novoneyra