PRINCIPAL

Saltar navegación

Proposta de actividade segundo o estilo de aprendizaxe

Fundamentación teórica

Con “estilo de traballo” a teoría das intelixencias múltiples (IM, Gardner e colaboradores, 1998) refírese á maneira que manifesta cada alumno de enfocar a aprendizaxe, e á interacción que establece o alumno coas tarefas e situacións do proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Suxerencia de posta en práctica: o docente asigna un estilo a cada alumno. Eles van realizando cadanseus exercicios até concluír nun debate de aula. Ofrécese como actividade de avaliación auténtica. É dicir, proporciona múltiples fontes de avaliación: ofrece información útil para a aprendizaxe, coloca os estudantes en contextos naturais, favorece a aprendizaxe cooperativa e aborda procesos e produtos. En definitiva, ofrece unha imaxe global do alumno/a.

“Falo galego” debe orientarse, necesariamente, ao uso oral da lingua. Este é o fundamento desta proposta, enfocada a preparar e levar a cabo un debate na aula. Ten, ademais, outros obxectivos: por unha banda posibilitar que os alumnos realicen aprendizaxes significativas por si mesmos, é dicir, que sexan capaces de aprender a aprender. Por outra, a discusión pode obrar un espazo para que o docente debata a existencia de prexuízos dentro da aula e reflexionar sobre eles.

Estilo activo

Características: animador,  improvisado, descubridor, arriscado, espontáneo.

-      Elabora un cuestionario sociolingüístico e interprétao (é preferible que  esta actividade se leve a cabo en grupo de dous).

1º paso : Selecciona imaxes de persoas de distintas clases sociais, razas, sexos, idade, etc.

2º paso : elabora un cuestionario único para todas as fotografías (cal deles ten un oficio manual, cal gaña máis, cal é máis culto, rico, simpático, quen fala mellor, quen fala idiomas, etc.).

3º paso: ensina as fotografías aos compañeiros e toma nota das respostas.

4º paso : sintetiza o resultado e interprétao.

5º paso : reflexiona por escrito sobre a imaxe real/ estereotipada que temos sobre a educación.

6º paso : exposición na aula do proceso-resultado.

-      Intervir con fundamento no debate final.

Estilo reflexivo

Características: ponderado concienzudo, receptivo, analítico, exhaustivo.

-      Confeccionar un plan de traballo en pequeno grupo para recoller os desvíos da norma máis frecuentes que se escoitan na aula e/ou entre os amigos e nos medios de comunicación.

-      Recoller e sistematizar nun listado os desvíos da norma máis frecuentes que localizaron.

-      Despois de asistir á reflexión efectuada polos compañeiros do estilo activo, establecer os puntos fortes e as contradicións, se as houber, da súa argumentación.

-      Efectuar por escrito un listado de consideracións (por exemplo en forma de preguntas ou suposicións) que poidan enriquecer o debate.

-      Intervir con fundamento no debate final.

-      Elaborar as conclusións finais sobre o debatido na aula.

Estilo teórico

Característica (metódico, lóxico, obxectivo, crítico, estruturado).

-      Informarse e reflexionar sobre as diferenzas entre educación e cultura. Facer unha síntese por escrito.

-      Poñer dous exemplos de personaxes históricos relevantes coñecidos polos seus coñecementos académicos e de personaxes históricos analfabetos  coñecidos polas súas actuacións  e/ou coñecementos.

-      Sacar conclusións do punto anterior e refacer /reformular a reflexión do primeiro punto, se se consideran preciso.

-       Confeccionar un listado coas características (especialmente lingüísticas) que se lle atribúen a unha persoa culta. Outro coas que consideren que non debería ter.

-      Informarse sobre os criterios de revisión das normas polos que se rexen as Academias da lingua.

-      Intervir con fundamento no debate final.

Estilo pragmático

Característica (experimentador, práctico, directo, eficaz, realista).

-      Informarse sobre (ou visionar se é posible) a película My fair lady. Identificar os temas que aborda e explicar a importancia que se lle concede á corrección lingüística.

-      Buscar  outras películas/libros de temática similar e opinar por escrito  sobre a súa vixencia.

-      Definir os principais desvíos da norma lingüística (vulgarismos, dialectalismos, etc.) e explicar cales son admitidos pola norma e cales non, e en función de que criterios.

-      Recoller e sistematizar unha lista dos desvíos da norma máis frecuentes que se escoitan na aula e/ou entre os amigos.

-      Intervir con fundamento no debate final.