PRINCIPAL

Saltar navegación

Desvíos da variedade estándar

Cal é a verba correcta?

mai ou nai?

Quen e como se decide cal é a verba correcta?

Estas decisións tómanas habitualmente os filólogos; co resultado do seu traballo establécese unha norma lingüística que conforma a variedade estándar dunha lingua. É dicir, a maioría das linguas contan cun modelo convencional de lingua axeitado para que os seus falantes empreguen nos rexistros formais, na expresión escrita ou nos medios de comunicación.

Non todas as linguas teñen un modelo estándar (mesmo algunhas aínda hoxe non teñen variante escrita), nin ese estándar é inamovible, pois poden consensuarse modificacións ao longo do tempo. O idioma galego, que ten máis de mil primaveras, conta dende hai relativamente pouco tempo cunha variedade estándar proposta polos lingüístas e aprobada polo Parlamento de Galicia. Mais, falamos todos a variedade estándar?

As formas pertencentes ao estándar constitúen un subconxunto dentro da totalidade da lingua, pois son o resultado dunha selección ou escolla, que no noso caso establece a Real Academia Galega a proposta do Instituto da Lingua Galega (ILGA).

Letreiro RAG

Todas as outras formas presentes da lingua, mais excluídas da variedade estándar definida pola norma, pasan a ser desviacións. Nas linguas que contan cun elevado grao de normalización -coma o castelán ou o alemán- a escola, a administración ou os medios de comunicación contribuíron a afianzar o estándar nos falantes e en todos os actos comunicativos, reducindo o emprego das formas non normativas. Nas linguas en proceso de normalización, como o caso do galego, os falantes perciben máis doadamente as diferenzas entre as formas do uso oral e as establecidas pola norma e poden considerar que esta non respecta a variedade e riqueza da fala, pois formas empregadas habitualmente en contextos informais (variedades diastráticas e diafásicas “nacho-mozo”) ou propias de determinadas áreas xeográficas (variedades diatópicas “mai-nai”), que constitúen desviacións respecto da norma, poden pasar a ser consideradas vulgarismos ou dialectalismos.

Mais non todas as formas que non contempla a norma son incorrectas. Por ese motivo debes coñecer cales son e en que consisten os "desvíos da variedade estándar".

 
Símbolo da Real Academia Galega

Desvíos da norma

 

 

Consideramos desviacións da variedade estándar as seguintes:

 

Arcaísmos (verbas que se usaron na antigüidade ou que teñen pouco uso)

Hipergaleguismos (verbas que se queren facer, equivocadamente, máis galegas do que xa son)

Dialectalismos (verbas propias de determinadas zonas). Este punto verémolo máis en detalle noutro tema.

Castelanismos (verbas que non son galegas, senón copiadas do castelán)

Vulgarismos (verbas incorrectas, corrompidas polo seu mal uso)