PRINCIPAL

Saltar navegación

A lingua escrita e a lingua oral

Falas e escribes?

A capacidade de falar é unha das características distintivas do ser humano. Popularmente dise que “as palabras lévaas o vento” porque unha vez que as pronunciamos... desapareceron (os lingüístas explican que a lingua falada é audible e momentánea). O desexo de “fixar” a fala para que perdurase deu lugar á lingua escrita e, máis modernamente, a sistemas de gravación acústica.

Mais non todas as culturas quixeron ou souberon como facer para que perdurase o que dicían. Ao longo da historia houbo moitas culturas ágrafas, “sen escrita”. É dicir, non se comunicaban con textos escritos; non chegaron a desenvolver “signos”, “letras” ou debuxos que lles permitisen facelo. Algunhas desas culturas conviviron no tempo con outras que si desenvolveran un alfabeto propio, como no caso dos celtas e de tribos xermanas que coincidiron no tempo cos romanos.

Por outra banda, moitos personaxes famosos foron analfabetos, sen que iso signifique que foran pouco intelixentes ou cultos. Observa tamén que as persoas xordomudas non desenvolven unha linguaxe oral porque non poden oir; mais si poden aprender a escribir. En definitiva, o ser humano pode comunicarse oralmente e por escrito, e a cultura que produce pode transmitirse de viva voz e tamén mediante textos.

A escritura procede da capacidade de creación do ser humano. Algúns autores defenden que é o primeiro tipo de escultura, coa que se dá forma ás ideas.

Por que nos interesa aclaralo? Segue lendo para entendelo.

Observa:

A lingua falada e a lingua escrita son dous medios de comunicación humana, mais non debemos confundilos. A lingua falada é posible grazas á articulación dos sons que emitimos e a lingua escrita grazas a letras coas que intentamos transcribir os sons que pronunciamos. É importante que non as confundas.

Fíxate:

Para entender a lingua escrita debes coñecer o código (as letras do alfabeto) e algunhas consideracións máis.

Para estudar a lingua oral deberás ter claro o que significan estes termos: son, fonema e alfabeto fonético.

Poñemos un exemplo doado?

Quero servirme auga e pido un vaso. Digo:

-Un vaso, por favor!

O que pronuncio, o que se escoita, son os sons que compoñen “vaso”. Para describir eses sons, para referirme a eles de maneira máis precisa dende o punto de vista da articulación da lingua, fágoo a través dos catro fonemas que compoñen esa palabra. Para poñer por escrito eses fonemas necesito un alfabeto, ao que chamamos “alfabeto fonético”, que se asemella ao alfabeto que empregamos para escribir, mais, ademais de non ser exactamente igual, os fonemas representámolos sempre entre barras. En definitiva, en alfabeto fonético escribiremos /baso/, representando os fonemas /b/, /a/, /s/ e /o/.

Na escrita normal seguirá sendo “vaso”, representado con catro letras: v, a, s, o.

Recapitulemos

Coas letras intentamos poñer por escrito os sons que emitimos. Mais, hai tantas letras como fonemas? Tantos sons como fonemas? Non. Hai menos letras que fonemas e menos fonemas que sons. Como entón podemos representar por escrito o que falamos?

Como agora xa sabes, o material fónico da lingua organízase en fonemas, que na escritura represéntanse por medio das letras do alfabeto. É dicir, un número reducido de signos permite representar todos os obxectos e ideas. Aínda que a tendencia sexa ter unha letra para cada fonema, non sempre se consegue, como máis adiante veremos. 

Ademais existen outros signos que axudan a representar na escrita rasgos da lingua oral, coma os espazos en branco, os tiles, os guións, as diéreses e os apóstrofos, que proporcionan información sobre a maneira de agrupárense os sons. Tamén os signos de puntuación (coma, punto, puntos suspensivos, signos de interrogación, etc.) axudan a representar unha determinada entoación.

Mais, antes de seguir adentrándonos na fonética, será bo que teñamos claro como se escribe o alfabeto galego e como se representan os sons.