PRINCIPAL

Saltar navegación

A arbitrariedade do código

 
Igual que o alfabeto, os códigos de comunicación son arbitrarios (é dicir, son creados e consensuados por un determinado grupo), polo que son susceptibles de cambio.
simbolos dos canteiros galegos
Símbolos que os canteiros galegos gravaban nas pedras
Exemplo de alfabeto braille

O barallete

O barallete ou lingua dos afiadores, é a máis famosa das verbas especiais.

Velaquí unha mostra do seu léxico: xamonda…navalla; queimaganchos… ferreiro; chiscar…beber; sabanta… saber; parriá…palleira; labreñar…traballar; fusta…madeira; claro…día; doca…can; oreta…auga; gaurra…noite; álvaro… gato; xabeira…chaqueta; mouga…viño; belena…muller; guaina…casa; arromanar…falar; brote…pan centeo; guzmarra…pita; mougado…borracho; zurus…diñeiro.

Descifra o seguinte texto empregando o vocabulario anterior:

Traballaba na casa do ferreiro cando entrou un can detrás dun gato.

Detrás deles viña a  muller da casa cunha navalla

Habilitar JavaScript

AFI

 

O Alfabeto Fonético Internacional (AFI), que axiña estudarás, foi creado en 1878 por un grupo de mestres franceses e británicos. Trátase dun sistema de notación fonética que pretende representar só as cualidades relevantes na articulación dos sons (como a posición da lingua, modo de articulación, e a separación e acentuación de  palabras e sílabas).

A encriptación do código

  Un caso curioso de cambio de código é a creación de códigos secretos, malia que, con certo esforzo, a maioría son doadamente descifrables. Ao longo da historia temos moitos exemplos de creación de códigos que perseguen seren indescifrables para os alleos ao grupo que os crea. Velaquí algúns procedementos empregados:

Xullo César empregaba nas súas mensaxes secretas un abecedario encriptado; para a súa lectura debíase mover cada letra un determinado número á esquerda ou á dereita (o que o descifrador precisaba era saber ese número). ¿Sabes onde adoitaban levar os soldados ese código? Pois tatuado na cabeza afeitada. Cando o pelo medraba, ficaba invisíbel.

María de Escocia incriminouse ao encriptar un texto no que daba ideas sobre como matar a Isabel de Inglaterra, dentro dun complot con outros países católicos. As mensaxes escondíaas na billa dos barrís de cervexa que lle facían chegar os seus compinches. As mensaxes foron descubertas e descifradas, polo que foi condenada a morte.

Se a necesidade de encriptar as mensaxes é antiga, o desexo de desencriptalas é paralelo. Na idade moderna deseñáronse procedementos e máquinas con tal fin. Leon Batista Alberti foi o humanista creador do disco dobre para desencriptar. 

As guerras fixeron agudizar o caletre con este obxectivo. Os EEUU empregaron indios navallos e comanches durante a II Guerra Mundial para que xaponeses e alemáns non conseguisen descifrar as súas mensaxes. Os navallos, por exemplo, codificaron a súa lingua para adaptala á xerga militar (con asociacións tipo: da-he-tih-hi: “colibrí”= cazas Zero); distribuídos en distintos continxentes de marines, impediron a descodificación por parte dos soldados xaponeses.Na 2ª guerra mundial chegou a tecnoloxía ás mensaxes cifradas. A máquina de encriptación alemá coñecíase como “A enigma”; transformaba calquera texto nunha mensaxe cifrada. O destinatario, cunha máquina idéntica, efectuaba o proceso inverso para poder lela. As máquinas aliadas creadas polos criptoanalistas denominábanse “A bomba”.

Queres enviar unha mensaxe cifrada?

Escribe unha pregunta sinxela para efectuares ao teu compañeiro ou compañeira. Por exemplo, "Tes fame?". Logo cambia cada letra polo número que ocupa no alfabeto galego; neste caso:19 5 18 6 1 11 5. Envíalla e agarda a resposta...