PRINCIPAL

Saltar navegación

4- Castelanismos

Interferencias lingüísticas

Chamamos interferencias lingüísticas á introdución de elementos fonéticos, morfolóxicos, sintácticos e léxicos dunha lingua noutra veciña que distorsionan o seu código. As comunidades bilingües e políglotas, nas que atopamos unha situación de linguas en contacto, son as máis axeitadas para estudar este fenómeno. No caso de Galicia, o contacto entre o galego e o castelán orixina interferencias nas dúas direccións. En liñas xerais, podemos dicir que o galego dos nosos maiores consérvase nun estado relativamente puro nos niveis fonético, morfolóxico e sintáctico, aínda que non en certas áreas do léxico, nas que atopamos bastantes castelanismos. Pola contra, o galego dos neofalantes, adoita presentar máis interferencias nos niveis fonético, morfolóxico e sintáctico, e menos no nivel léxico.

As principais interferencias do castelán sobre o galego son as seguintes:

Observa

Nivel fonético:

A non diferenciación das sete vogais galegas. Non pronunciar o n velar. Pronuncia velar da gheada, no canto de aspirada farínxea.

Nivel morfolóxico:

O emprego incorrecto do xénero dalgúns substantivos (*a leite...).

A utilización de pronomes non galegos (*Estos,*esos por estes, eses. *calquer por calquera...)

Conxugación verbal incorrecta (*había feito, *sufren...por fixera, sofren)

En galego non se emprega lle por o.

Uso indiscriminado de che (CI) e te (CD).

En galego esíxese min nas comparacións.

En galego moderno non existe cuio, mais si cuxo, de uso fundamentalmente literario.

En galego quen é invariable.

Observa

Nivel sintáctico:

Incorrecta colocación do pronome átono.

Introdución de a na perífrase IR + infinitivo.

Emprego abusivo do CD con preposición (*Levo ós nenos ó fútbol...).

Posesivo + substantivo sen ir precedido de artigo.

Nivel léxico:

Emprego de palabras casteláns, unhas veces nas súas formas orixinais (*dios, grifo, sartén) e outras adaptadas á fonética ou morfoloxía do galego (*conexo).

Tamén podemos considerar un fenómeno propio da interferencia co castelán, o feito de que algúns falantes opten sistematicamente polas formas coincidentes con ese idioma cando se atopan con casos de sinonimia: acordarse- lembrarse, acostumarse-afacerse, brando-mol, esperar-agardar, colgar-pendurar, crer-coidar, aguantar-aturar, beizos-labios, derradeiro-último.

Un apartado especial do léxico ocúpao a fraseoloxía. Este é tamén un apartado no que debemos aprender dos maiores: * Facer da capa un saio ( en vez de: facer o que lle pete) *Nin fu nin fa (no canto de: Nin arre nin xo), *Todo iso quedou en auga de borraxas (no canto de: Todo iso quedou en auga de bacallau).

Aprende

 

Hai algúns castelanismos recorrentes nos textos que son doados de corrixir. Fíxate nestes dous casos:

En galego nin se “desarrolla”, nin se "desarrola", senón que se “desenvolve”. Unicamente un “rolo” (cilindro ao redor do que se envolve un material) sería susceptíbel de ser “desenrolado”.

Non se debe empregar “prantexar”; tes moitas outras palabras que podes utilizar no seu lugar: formular, expór, presentar, suscitar, bosquexar, concibir, considerar, crear, delinear, deseñar, dispor, elaborar, esbozar, estudar, idear, implantar, programar, propor, suxerir, trazar.

Ponte a proba

Antes de seguirmos, intenta traducir estas frases ao castelán.

Tanto ten.

Pouco máis ten.

Era boa!

Era visto.

Malo será!

Vaiche boa!

Pra chegar á fonte fáltalle a carreiriña dun can.