Xeración das Festas Minervais

Estás como caída

       Estás como caída,
       depresión ou lobos azúis e lonxe esfragándose1 antigos.

       Estás, amor, perdida,
       ledamente ensarillada2 en ti, ledamente
5     acompasada á morte que se achega con tatuaxe de festa.

       Estás, oh castiñeiro de vran,
       cobexando3 tropas de saltóns e chuchameles4 murchos.

       Estás de ventre aberto
       e unha procesión de agres berros, volvoretas,
10    arrótanche5 as entrañas e os adentros sen luz.

       Estás, fuxinte,
       eiquí e non estás porque sábe-lo arte
       de seres simultánea e agallopar6 cos ollos os teus trigos nativos
       poderosamente ateigada de sol e de mapoulas7.

15    Estás en min, coma quen ten, sin nome,
       un melro ou un fouciño pra conqueri-los días
       nos que ti non estás, nos que ti non estás, nos que ti non estás.

 

Luces difuminadas                 
Óscar Leandro Batista                 
Fonte: Flickr                 

X. L. Méndez Ferrín, Con pólvora e magnolias (1976)  

1 Caer desde un lugar elevado ou por un terreo fragoso.

2 Que está disposto de maneira desordenada, que forma unha lea difícil de desfacer.

3 Darlle amparo, axuda ou auxilio a [alguén].

4 Planta herbácea perenne da familia das labiadas (Lamium maculatum), de follas parecidas ás da ortiga e flores de cor púrpura que despiden un aroma agradable e que ao chuchalas saben a mel.

5 Eructar.

6 Galopar, ir ao galope.

7 Papoula. Planta anual da familia das papaveráceas (Papaver rhoeas), de flores encarnadas e froito en cápsula, moi abundante nos campos de cereais.

 

Xosé Luís Méndez Ferrín é un dos escritores máis respectados da literatura galega actual. O seu poemario Con pólvora e magnolias (1976) marcou un antes e un despois dentro da historia da literatura galega, xunto con Mesteres (1976), de Arcadio López Casanova.

  • Tenta chegar á conclusión de por que se produce esta ruptura tendo en conta a poesía que fixo destacar a Celso Emilio Ferreiro.

 

Biografía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Completa o seguinte texto coas palabras que se che ofrecen. Ten en conta que algunhas palabras poden utilizarse máis dunha vez e que outras non cómpre empregalas.

Imaxe de Ferrín tirada de La Voz de Galicia

    Méndez Ferrín
     Fonte: http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2010/12/29/0003_8934966.htm

Xosé Luís Méndez Ferrín, nace en o 7 de agosto de 1938. É un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega . Foi membro da Real Academia Galega (RAG) desde o 30 de setembro de 2000, e o seu presidente dende o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando . O 13 de marzo definitivamente á súa cadeira de académico.

Na súa infancia pasa longas en Vilanova dos Infantes. Remata o bacharelato en Pontevedra, onde empeza a tomar consciencia da situación , social e política do país. En 1955 trasládase coa súa familia a Vigo e el comeza a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí entra en contacto co grupo de aglutinados arredor da Editorial pero os seus principios políticos, moi afastados dos de Ramón Piñeiro, farán que se afaste cara a alternativas máis activas e rompedoras. Pouco despois marcha a Madrid estudar Románicas e participa na do grupo poético Brais Pinto arredor da editorial do mesmo nome.

Despois de varios anos viaxando por Europa, comezou a exercer como de ensino secundario, primeiro no instituto Fingoi e anos máis tarde, en 1965, conseguiu a no Santa Irene de Vigo, onde  tivo a praza até a súa .

Debido á súa actividade política foi en tres ocasións -a última, cando xa estaban en vigor as institucións democráticas-, sufrindo torturas e varios ingresos no cárcere.

Na actualidade dedica todo o seu tempo a escribir e dar conferencias. Ademais é director da revista de pensamento crítico A trabe de ouro que compatibiliza co traballo de no Faro de Vigo. Foi proposto ao Premio de Literatura no ano 1999 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi con numerosos premios coma o Premio da Crítica, Premio da Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez ou o Premio Eixo Atlántico. No 2008 recibiu o Premio Nacional de Literatura. 

Si pero, como é Ferrín?

Unha personalidade tan potente e íntegra coma a do escritor de Ourense é difícil de chegar a coñecela completamente mais podemos achegarnos un pouco a ela a través dos seus escritos. Velaquí tes unha pequena escolma das súas colaboracións no xornal Faro de Vigo que escribe na columna "Segunda feira".

  • Por grupos, escollede un texto e resumide o seu contido.
  • Seguide o seguinte esquema:
    • Temática.
    • Ideas principais.
    • Referencias externas (cidades, persoas, historia, lexislación...) que cita.
    • Valoración:
      • Do estilo.
      • Da capacidade argumentativa.
      • Do contido.
  • Poñede en común as vosas conclusións coas dos outros grupos.

Agora coñecedes un pouco máis a Ferrín; como podedes ver non deixa indiferente a ninguén!

segunda feira

A buguina de pedra

x.l. méndez ferrín 13.01.2014 | 02:11

Nun intre determinado do século XIX Vigo abriu, sobre a rúa dos Sombreireiros, a hoxe chamada de Elduayen. Deste xeito a cidade histórica quedou divida en dúas partes que evoluíron de forma diferente. Cara arriba, cara o Castelo de San Sebastián, todo se foi degradando e apoderouse destas partes altas a pobreza, a marxinalidade e negoción da prostitución. Era o Vigo que se ordenaba arredor das rúas da Ferrería e de Abeleira Menéndez. Elduayen abaixo, e coa Rúa Real e de Poboadores como eixo comercial, unha sociedade respectabel foi sobrevivindo grazas á vitalidade do Berbés e ao mercado irregular da Pedra.

Todo vigués coñecía este Vigo histórico que, despois dun período de decadencia, entrou, co nome de Casco Vello, nun proceso de recuperación. Pero a parte alta, a da Ferrería, seguía enfouzada na miseria. Pedro Díaz escribiu un libro precioso sobre o Vigo vello: "La caracola de piedra", titúlase. Nel descoñécese a Ferrería, as Hortas, a Cruz Verde e todo o barrio de lenocinio no que os rapaces da miña xeración se aventuraban con moito medo para mirar o "Barcelos de Noche" ou o "Bar Abanico", ou da Collona, desde as rúas e ruelas. Hoxe é unha maravilla ver a recuperación da parte alta do vello Vigo. Miles de vigueses que a descoñecía, paséana agora e están a descubrir algo que permanecía oculto. "A buguina de pedra" de Pedro Díaz estaba incompleta. Faltáballe a parte máis alta, a que remata no que queda da muralla do castelo de San Sebastián. Un plan municipal cuxa historia e funcionamento eu descoñezo está por alí arriba a restaurar vellas casas e levantar outras en harmonía co conxunto. A buguina de pedra estase reunificando.

Eu recoméndolles o seguinte paseo. Suban ao castelo de San Sebastián e saian del pola porta de ferro da primeira metade do século XIX. Procuren as escaleiras misteriosas que chaman Subida ao Castelo e vaian por elas até a oliveira heráldica da cidade. Logo, collan Poboadores para, na altura do lavadoiro, deterse a beber un grolo da Fonte da Barroca. Sigan descendo e, de novo por esqueiras escusadas, iran parar á parte da Ribeira do Berbés da que arrinca a Rúa Real. Alí terán ocasión de comprobar o horror: a fachada mítica do Vigo mariñeiro, a dos soportais onde foron os peiraos do Berbés, segue en ruínas e, a explanada malbaratada pola fantasmagoría grandilocuente do arquitecto Consuegra. A obra restauradora da buguina de pedra deberá acadar con urxencia os peiraos da Ribeira do Berbés.

segunda feira

Forza de lei non española

x.l. méndez ferrín 06.01.2014 | 00:41

A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) é una norma xurídica de Europa que foi refrendada polo Consello de Estado e polas Cortes Xerais Españolas o ano 2001. A forza de lei que o CELRM ten en España é un feito irrebatíbel. Por iso, a RAG e os seus avogados entenderon que, no recurso interposto contra a chamado decreto de multilingüismo, debería invocarse a CERLM entre os fundamentos de dereito que asisten e robustecen a demanda académica que se dirimiu no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Como se sabe, este tribunal galego fallou parcialmente a favor da Academia e de outras entidades que con ela consideraban que o decreto é venenoso para a lingua nacional. O decreto de multilingüismo co que Núñez Feixóo rompeu a media paz lingüística que Fraga Iribarne establecera con todas as forzas parlamentarias, ensaiou a cuadratura do círculo: destruír a mantenta os beneficios que ao galego lle aportaría o lexislado anteriormente e contentar con engano os sectores galeguistas da sociedade, incluídos os sectores galeguistas do seu propio partido.

Dado que, despois do fallo (parcialmente satisfactorio) do TSXG, o decreto de multilingüismo seguía a ser perxudicial para a "lingua rexional e minoritaria" (nesta caso, e a efectos litixiosos, o galego), a RAG recorreu o fallo do TSXG perante a instancia seguinte, que é o Tribunal Supremo de España. Os asesores xurídicos, e o círculo de tiraboleiros piñeiristas do goberno autonómico, radicados estes maiormente no Consello da Cultura Galega, apostaron porque o Supremo de Madrid non aceptaría o recurso de casación da RAG. En realidade, o TS acepta a trámite moi poucos recursos dese tipo; disque a penas o un por mil da solicitancia. Pero, neste caso, o Supremo considerou o recurso de casación da RAG. - fíxo tal,entre outras cousas, porque o escritor fundamentaba unha parte esencial da súa demanda na Carta Europea citada. Por riba de todo, e con forza de lei de aplicación en España, áchase o que esixe o CELRM.

Desde logo, o decreto de multilingüismo interioriza, desprotexe e perxudica, no ensino, a nosa lingua. Por non facer caso da normativa europea, o Tribunal dos Dereitos Humanos de Strasburgo botou abaixo a doutrina Parot e fixo quedar en ridículo a xustiza española en materia penal. É moi posibel que o feito de a Xunta de Galicia ignorar o que prescrebe o CELRM poida ocasionar que reciba, en materia contencioso-administrativa, un correctivo semellante. Recoméndase a leitura de: Xosé-Henrique Costas, o valego. As falas de orixe galega do Val das Ellas, Xerais, Vigo, 2013. Aí trátase desa Carta Europea que a Xunta, e os seus asesores, deberán ter moi en conta no sucesivo.

segunda feira

Negra Sombra

x.l. méndez ferrín 30.12.2013 | 02:11

O "macizo de la Raza" (Antonio Machado) está no poder español. Preside este Mariano Rajoy. Verdadeiro descendente dos Bugallal, representa o político madrileño que procede do NW e veranea en Pontevedra. El actúa como executor do amo español. Obedece á banca, ao grande capital, aos intereses norteamericanos e á Igrexa Católica.

Os actuais bispos, os mais incultos da Historia da España contemporánea, impuxeron xa unha nova lei de aborto que está a ser moi comentada, con sorrisos, na súa Europa.

A lei de educación Rajoy-Wert, moi contraria á identidade galega e que eiquí non foi suficientemente contestada, é pastosamente neofranquista. Dígollo eu, que son exalumno do plan de estudos de 1938.

Esta dereita arrebolounos, de xeito tamén franquista, unha lei de seguridade cidadán que pon medo. - atacou gravemente aquel dereito de folga que Franco negara sempre. - todo isto está a facer Rajoy sen alterar un músculo do seu duro rostro de xogador de gilei e no medio dun escándalo económico no que el e o seu partido están mergullados até os sobrancellos.

A dereita española non é a francesa. Esta última dividírase en dúas cando a derrota e a ocupación de Francia polos alemáns. Daquela houbo guerra civil en Francia (eles négano) entre a burguesía fascista de Vichy e o interclasismo propiciado desde Londres por De Gaulle. Venceu De Gaulle e as dereitas fascistas (e moi católicas) de Pétain e Vichy foron borradas mesmo da memoria histórica. A dereita francesa de 1945, pois, vén da Resistencia e está ideoloxicamente purgada. Daquela, Charles de Gaulle fixera un bon traballo.

A dereita española procede directamente, e sen ningún tipo de interferencia, do franquismo. Como Franco era nacionalcatólico, a dereita española trata de combater o laicismo alí onde ensine tímidamente a orella. Dado que Franco era castelanizante e falsificaba a un pasado que se dicía "imperial", estes combaten calquera intento de racionalizar a historia, ou as historias, da Península.

Se Franco se entregara aos EE UU, os actuais son aínda máis submisos ao amo. Franco, claro, domesticou os obreiros mediante o sindicato vertical e a negación dos dereitos de folga e manifestación, entre outros. Esta dereita de Rajoy lexisla, para que, en tempo de fame e dor, a ira proletaria non ameace as boas dixestións dos poderosos.

O rostro da dereita, coma sempre, é feo, pobre, inexpresivo: Bugallal, Franco, Rajoy. Negra Sombra!

segunda feira

Dinastías en perigo

x.l. méndez ferrín 23.12.2013 | 01:00

O dogma reza: os servizos privados son mellores ca os públicos. Non é verdade. O mellor servicio sanitario do mundo é o cubano, naturalmente público. A empresa privada rusa prefere empregar xoves formados na universidade pública. O ensino e a sanidade pública de España son mellores que os correspondentes privados. O servizo de correos español, antes de activarse o seu programa de autodestrucción, funcionaba, e aínda funciona, moi ben, A tendencia é agora a de privatizar os servizos de policía.

En Galicia non chegou a crearse una verdadera policía autonómica porque os partidos españois sabían que sería un corpo armado de carácter e vocación soberanista (como en Euskadi e en Cataluña). Os nacionalistas parlamentarios nunca reclamaron unha policía galega porque viñan dunha tradición inocentemente antirrepresiva. Agora España pula por robustecer as policías privadas. Xa Aznar propuxera que as unidades de seguridade privada fixesen garda nos cuarteis e centros públicos militares e civís. Ningún francés entende que pinta a seguridade privada en ministerios e centros do Estado.

Ou no Parlamento ou Xunta de Galicia. Se a tendencia á privatización se mantén, o paso seguinte sería privatizar o exército. Hai moi boas empresas multinacionais no sector. En países ocupados de Oriente Medio os exércitos privados protexen as empresas imperialistas extranxeiras ao parecer con grande eficiencia. Unha forzas de terra, mar e aire españolas entregadas a Prosegur, ou a Eulen, sen dúbida serían aficaces.

A fin de contas, a actividade mercenaria sempre tivo moito peso na historia militar do mundo. O outro día ouvín a un antigo mariñeiro que cumprira o seu servizo militar na Escola Naval de Marín. Dicía que as enormes instalación daquel centro están moi abandonadas. Fálase de que a solución é vender metros e metros cadrados de costa de Marín e mesmo edificios para recadar diñeiro.

As propiedades das forzas armadas de España están sendo postas masivamente en venda, o patrimonio do exército é hoxe un chambo. Despois, sen dúbida, virá a familia real. Se a lóxica segue a apurar os seus razonamentos, despois da policía, despois do exército, ten que vir a cabeza. Privatizar o rei e a familia real confiándolle as súas función a una compañía de entrenemento e espectáculos, ou ao Cirque du Soleil, sería o máis acertado. Ninguén dubida que un bo actor faría o papel de Rei de España segundo os desexos do goberno. Desde logo, una familia real constituída por cómicos resultaríanos a todos máis barata e os que xogasen o rol de xenro non poderían propasarse pois inmediatamente serían despedidos e substituidos a seguir dun riguroso e profisional casting.

segunda feira

Praza da Independencia

x.l. méndez ferrín 02.12.2013 | 01:31

Parece ser que o escritor vasco Joseba Sarraonaindía di, no seu último libro, que o nacionalismo é coma a halitose; só a padecen os outros. A prensa e radio e televisión e media das novas técnicas da España profunda arrexa estes días contra o nacionalismo. Agora contan con apoio inestimábel de Vargas Llosa. Desde hai moito tempo, este escritor peruano, moi comprometido coa causa da contrarrevolución pro-norteamericana, énos de moita utilidade. Todo un referente, no exacto significado do termo. Sempre que faie un xuízo histórico ou político, anímanos a moitos a sentir e decer o contrario. O nacionalismo español está doente pola paz de Euskadi. Xa non pode dicir que o nacionalismo mata. A esquerda nacionalista estaba e está contra a Unión Europea. Agora é Mas e o nacionalismo catalán. Non mata e, por parte, aspira, coma o PNV, a engadirlle estrelas novas á bandeira azul da UE. Non matan; os cataláns non matan, e por parte son burgueses e europeístas. O nacionalismo español non se explica isto. Claman, seguindo o pensamento hexemónico (antes único) a favor dos Dereitos Humanos. Eu penso que o primeiro grande documento histórico que proclamou os Dereitos Humanos foi a Declaración de Independencia dos EE UU. Trátase dos dereitos individuais e dos dun pobo á independizarse da Coroa e do Estado de que depende. Vexan como os amigos dos EE UU como Vargas Llosa se reviran contra o documento fundacional da metrópole á que eles serven. Rebélase Vargas Llosa porque el se encontra asilado na Corte e é recoñecido polo nacionalismo español coma unha figura política de culto. O problema agudízase estes días. Saldmon, o presidente de Escocia, publica un volumen cunha resta de razóns que aduban a idea da independencia da súa nación. Naturalmente que Escocia ten dereito á autodeterminación e á independencia. É un país con dúas linguas e dúas culturas, cunha historia e unha prehistoria diferente da inglesa e que, por parte, quer ser libre . Ten dereito a ser independente, como o ten tamén Galicia e como o tivo Portugal en 1640 cando o duque de Braganza liberou o seu Reino do xugo dos austrias madrileños. Agora o nacionalismo español tamén non se explica por que a fachada atlántica de España non é española por completo. En todo caso, o dereito á autodeterminación dos pobos e nacións é un dos Dereitos Humanos recoñecidos pola ONU. Escribo esta columna en Vigo, a un tiro de pedra da Praza da Independencia.

 

Sen premios nacionais

x.l. méndez ferrín 18.11.2013 | 01:32

Dous dos chamados Premios Nacionales do Ministerio de Cultura de España, o de poesía e o de cómic, fóronlle concedidos este ano a Álvarez Torneiro e a Miguelanxo Prado por senllas obras escritas en lingua galega. Estamos, portanto, moi contentos. Estes premios poden serlles outorgados a obras en castelán, vasco, catalán ou galego, aínda que as posibilidades de recibilos son maiores para os textos editados na lingua dominante. Non é a primeira vez que obras de expresión galega reciben os premios do Ministerio de Cultura, con certeza. En teoría, tamén, o Premio Reina Sofía podería recaer nalgunha voz galega. Isto non ocorreu até agora, como tampouco que o Premio Príncipe de Asturias cruzase o Eo (mellor o Navia) e viñese a Galicia. En canto ao Cervantes, este só se encontra ao alcance dos escritores que usan a lingua do autor do Quixote. Os escritores en galego áchanse minorizados e situados nun espazo de valoración dialectal, coma no século de Rosalía de Castro. Resultaría normal que os premios que dificilmente lle pode otorgar España á literatura galega llos proporcionase a Xunta de Galicia. Cataluña (polo seu lado Valencia) e desde antes da Monarquía activa anualmente un sistema de premios nacionais de literatura, artes, ciencias. O mesmo fan os vascos de Euskadi e coido que tamén os de Navarra. A Consellería de Cultura de San Caetano e a Xunta non fan cousa parecida. Certo é que o goberno BNG-PSOE anteriormente en vixencia creara uns nosos Premios Nacionais de Cultura, aínda que sen ter en conta os xéneros literarios e cunha retribución inferior á que rexía nos restantes espacios político-culturais de Estado Español. Todo podía mellorarse, pero empeorou. O primeiro que fixo o PP en canto chegou ao goberno, en materia de cultura, foi suprimir os premios de Ánxela Bugallo, desde logo perfeccionabeis, e crear no seu sitio uns Premios (non "nacionais" a ver se van a desfechar as iras da FAES) de Cultura que carecen de dotación económica. A actual Xunta, en rebeldía, non acepta que Galicia sexa unha Nacionalidade Histórica, como reza na Constitución e no Estatuto. Polo tanto non hai que ter uns premios nacionais como aqueles con que Cataluña e Euskadi honran os seus creadores e as súas creadoras ao tempo que honran os seus propios e respectivos pobos. Chegados a este punto, pensar que a Xunta do PP poida chegar a dotar a literatura galega dunha equivalencia ao premio Cervantes (digamos o Premio Rosalía de Castro) entra no dominio do delirio utopista.

Outros autores e autoras

A Xeración das Festas Minervais está integrada por moitos máis autores e autoras. Tenta asociar cada poemario coa persoa que o escribiu; podes buscar información na rede.

AUTOR/A POEMARIO
Manuel María
Uxío Novoneyra
Xohana Torres
Manuel Álvarez Torneiro
Abelino Abuín de Tembra
Bernardino Graña
Antón Avilés de Taramancos
Salvador García-Bodaño
Xosé Alexandre Cribeiro
Recursos estilísticos I

Xa te decatarías da dificultade interpretativa do poema que abre esta unidade didáctica (non te enfades, todos os de Ferrín son así!). Imos ir por partes para tentar vislumbrar o seu significado. Escolle a opción correcta.

  • No seguinte verso hai... "ledamente ensarillada en ti, ledamente"
    

Epanadiplose.

Polisíndeto.

Derivación.


  • En "Estás, oh castiñeiro de vran!" pódese ver...

Un apóstrofe.

Un zeugma.

Unha hipérbole.


  • Un paradoxo vese no seguinte par de versos: 

Estás, amor, perdida,
ledamente ensarillada en ti, ledamente

Estás, fuxinte,
eiquí e non estás porque sábe-lo arte

Estás en min, coma quen ten, sin nome,
un melro ou un fouciño pra conqueri-los días


  • En que verso se ve unha reduplicación?

No 2.

No 7.

No 17.


  • En "Estás de ventre aberto/e unha procesión de agres berros, volvoretas,/arrótanche as entrañas e os adentros sen luz"
    pódese ver...

Unha comparación.

Unha metonimia.

Unha imaxe onírica ou surrealista.


Recursos estilísticos II

O poema, malia a dificultade de ofrece a súa interpretación, está dotado dun consistente ritmo interno producido por varios recursos. Completa o seguinte texto coas palabras axeitadas.

Un fenómeno moi destacable do poema é o inicio de cada estrofa onde aparece sempre repetida a mesma palabra: "Estás"; é o que se coñece por . Grazas a ela márcase unha cadencia constante e unha estabilidade formal que non ten correspondencia no contido, que vai evoluíndo pouco a pouco  en base a estruturas , constituídas por dous elementos. Estas poñen en relación conceptos inesperados, surrealistas, moi propios da poesía de Ferrín. Os pares de elementos aparecen xunguidos por unha conxunción copulativa ou disxuntiva polo que se podería falar de , agás no último verso onde non hai ningunha configurando, xa que logo, un caso de . É interesante sinalar, por último a temática onde a voz poética se dirixe a unha persoa (ti) que ben se pode asociar coa persoa amada.

  

Actividade final: redacta o teu comentario

Tras realizar as actividades, recompilaches información suficiente sobre Ferrín e sobre este poema en particular para realizares un comentario de texto. Redáctao seguindo os seguintes pasos:

  1. Recompila todo o que aprendiches sobre a poesía da Xeración das Festas Minervais facendo as actividades.
  2. Realiza un esquema previo cos puntos principais que vas tratar. Consulta a Guía para o comentario de textos líricos.
  3. Redacta un borrador, cando menos, do comentario onde poidas introducir correccións e modificacións.
  4. Escribe o teu comentario tendo especial coidado coa expresión escrita, ortografía e signos de puntuación. Ten en conta que debes redactar un texto coherente e cohesionado, utilizando os organizadores e conectores textuais oportunos.