Lírica galega

FIGURAS LITERARIAS E TROPOS NA POESÍA

 

A carón da rima, a métrica e o ritmo, as figuras literarias (tamén chamadas figuras retóricas, recursos estilísticos, figuras estilísticas...) son empregadas polos autores para afastar a lingua poética da empregada comunmente na vida cotiá, outorgándolles ás palabras un valor connotativo. As figuras literarias son recursos que serven para chamar a atención do lector, aumentar a beleza da obra e enriquecer o significado dos textos. Estas figuras operan nos distintos niveis da lingua (fónico, morfosintáctico e léxico-semántico) e pódense clasificar en tres grupos principais:

  1. FIGURAS DE DICCIÓN: baséanse na adición, omisión, repetición ou combinación dos sons ou das palabras no verso. Afectan, xa que logo, ao plano fónico e morfosintáctico.
  2. FIGURAS DE PENSAMENTO: modifican o significado das palabras para expresar un concepto ou idea de xeito especial. un grupo destacado destas figuras constitúeno os xogos de palabrass. Operan no nivel léxico semántico.
  3. TROPOS: baséase na substitución dunha palabra ou expresión por outra. Nun tropo sempre se distingue un termo real (TR) e un termo imaxinario (TI). Como implican un cambio de significado, afectan ao nivel semántico.

NIVEL FÓNICO

NIVEL MORFOSINTÁCTICO

NIVEL LÉXICO- SEMÁNTICO

Figuras de dicción

Xogos de palabras

Figuras de pensamento

Tropos

Figuras de repetición

Figuras de repetición

Figuras de omisión

Figuras de orde sintáctica

Aliteración

Paronomasia

Fonosimbolismo

 

 

Anadiplose 

Anáfora

Concatenación

Derivación

Epanadiplose

Figura etimolóxica

Políptoto

Polisíndeto

Reduplicación

Asíndeto

Elipse     

Zeugma

Correlación

Encabalgamento

Hipérbato

Paralelismo    

Quiasmo

 

Calembur 

Diáfora      

Diloxía

Equívoco

Retruécano

Animalización

Antítese  

Apóstrofe

Enumeración

Epíteto    

Epíteto épico

Gradación  

Hipérbole

Interrogación retórica   

Lítote    

Oxímoro

Paradoxo 

Perífrase

Personificación

Pleonasmo

Sinestesia

Alegoría

Comparación

Metáfora 

Metonimia

Sinécdoque

Símbolo

  GLOSARIO DE FIGURAS LITERARIAS

ALEGORÍA:

Representación continuada de termos imaxinaros que se corresponden a termos reais, formando un conxunto global de significación metafórica. Implica, polo tanto,unha sucesión de metáforas.

ALITERACIÓN:

Reiteración de sons semellantes (consonánticos ou vocálicos) dentro dun mesmo verso ou estrofa. Ex.: "Pende en que pende Penélope pensativa", Álvaro Cunqueiro. Ten efectos eufónicos ou cacofónicos.

 ANADIPLOSE:

Repetición do final dun verso ao principio do seguinte. Ex.: "Que non se debe ter por trovador / trovador que trova por trovar", Uxío Novoneyra.

 ANÁFORA:

Repetición dunha ou máis palabras ao principio de versos sucesivos. Ex.: "Eu son para min / tódalas interrogacións / tódalas estatuas / tódolos misterios / e tódalas cumes xeadas de evanxeos.", Manuel María.

 ANIMALIZACIÓN:

Atribución de características propias de animais a, principalmente, persoas. Ex.: "A muller ía no prado; / a vaca facía o xantar; / a cadela varre a casa / e a vasoira vai lavar", popular.

 ANTÍTESE:

Contraposición de dúas palabras ou frases con significado oposto pero que non afecta á súa coherencia. Ex.: "Aquil que fun non son, por iso estamos/xuntos os dous.Aquil que entonces era". Celso Emilio Ferreiro.

 APÓSTROFE:

Apelación apaixonada dirixida a un ser animado, inanimado, real ou imaxinario. Ex.: "¡Irlanda! ¡Irlanda irmán!", Ramón Cabanillas.

ASÍNDETO:

Supresión de nexos sintácticos (normalmente conxuncións) que adoitan dar a impresión de rapidez ou viveza. Resulta especialmente expresiva nas enumeracións. Ex.: "Outono, sangue morto, aloumiño sin forza, / apagada canción de cotovías. / Outono silandeiro, espida gaita,rebuldar de pingueiras. Soedade.", Avilés de Taramancos.

CALEMBUR:

Xogo de palabras que se produce cando as sílabas dunha ou máis palabras, agrupadas doutro xeito, suxiren un sentido totalmente distinto. Ex.: "Ah gata divinal / ollos de ágata para ollar o Danubio sen retorno", Luz Pozo Garza; "Aí van cen tolas con centolas", popular.

CONCATENACIÓN:

Anadiplose continuada en que se retorna en cada verso ou frase á última palabra do anterior. Ex.: "Dos vencidos na guerra dos servos nazan cen herbas longas. / Longas señan as voces de chorar coma espadas. / Espadas as trnzadas para sempre en Galicia! / En Galicia a palabra de Roi. / De Roi o Xordo, o Pai, o Xefe, a palabra de ferro. / De ferro as iras dos poderosos, dos que eu non amo.", X. Méndez Ferrín.

CORRELACIÓN:

Consiste na correspondencia dun conxunto de elementos dunha serie coa serie sucesiva por coherencia semántica ou sintáctica dentro dunha mesma estrofa ou poema. Ex.:

"CHEGARAN NOS PARAMOS DO DÍA,
SEMENTARAN MAÑIZOS DE MUÍÑAS,
BERRARAN NAS TOUCEIRAS DA XISTRA,
VIVIRAN NA LOAIRA DAS CANIPAS,
ABRIRAN AS MOXEGAS DE POR VIDA...!
(...)
-E MAIS CAIRAN, E MURCHARAN, E CALARAN, E MORRERAN, E PECHARAN, E VELARAN.", Arcadio López-Casanova.

COMPARACIÓN /SÍMIL:

É un tropo que consiste en relacionar dous elementos en virtude dunha analoxía entre eles. Normalmente a relación exprésase mediante o nexo como/coma ou locucións comparativas. Ex.: "O vento e o mar berraban / coma cans adoecidos.", Bernardino Graña.

DIÁFORA:

Consiste na repetición dunha mesma palabra que xoga con diferentes significados en cada unha das súas aparicións. Baséase na polisemia e na homonimia, que favorecen a ambigüidade e o xogo de palabras enxeñoso. Ex.: "das cousas que xa foron e se foron / pro siguen sendo e non se van xa máis", X. María Díaz Castro; "en cen millós de botellas cada día / que implican cen millós de mensaxes / do sistema de vida que USA, usa (...)", Celso Emilio Ferreiro.

DILOXÍA / EQUÍVOCO:

Uso dunha mesma palabra de dobre valor semántico con dous sentidos á vez. Ex.: “E o perdón é cousa mui preçada / e que se devía muit'a guardar; / mais ela non ha maeta ferrada / en que o guarde, nen a pod'haver, / ca, pois o cadead'én foi perder, / sempr'a maeta andou descadeada”, Pero da Ponte. (“Maeta”: entendida como cofre ou baúl pero tamén como órgano sexual feminino).

DERIVACIÓN:

Repetición dun lexema cunha variación gramatical que afecta ao morfemas derivativos. Ex.: "Gaitiña, gaita, gaiteira...", Aquilino Iglesia Alvariño; "CANTA a fontiña
canta a fontela", U. Novoneyra.

ENCABALGAMENTO:

Consiste no desaxuste entre a pausa versal e a pausa morfosintáctica, isto é, na falta de correspondencia entre o período métrico que se denomina verso e a unidade sintáctica (unha palabra, un sirrema ou unha oración). Considérase encabalgamento a división en dous versos dun sintagma que require, na prosodia normativa, unha lectura ininterrompida. Pode ser abrupto (cando a pausa se produce antes da 5ª sílaba do verso encabalgado) ou suave (se abrangue todo o verso seguinte). Normalmente conduce a unha lectura máis rápida, ao tentar localizar o sentido completo da frase no verso seguinte. Ex.:

Ex. encabalgamento suave:
"Músicas do máis cóncavo recanto, amigas
músicas do corazón, dos camiños.",            Gonzalo Navaza.

Ex. encabalgamento abrupto:
"Sigue tamén aquí, vertendo dunhas pozas
que demoraron, todo
por decidir. Ti, a quen deslumbra un soño,
eu, sen diñeiro aínda.",                                X. Rguez. Baixeras.              

ENUMERACIÓN:

Relación de elementos que integran un conxunto de obxectos, calidades ou accións. Ex.: "As portas, / as cadeas, / o aire, / as fenestras, / as olladas, / son de/pedra.", Celso Emilio Ferreiro.

EPANADIPLOSE:

Repetición dunha palabra ao principio e ao final dun verso ou en dous versos correlativos (vid. anadiplose). Ex.: "Amen, miña vella, amen; / (...) / Bendito sea Dios, bendito", Rosalía de Castro.

ELIPSE:

Omisión dunha ou máis palabras que se sobreentenden. Ex.: "–O corazón e o medo ¡sempre tan xuntos!",A. Pexegueiro (elídese o verbo "están" ou "van").

EPÍTETO:

Adxectivo cualificativo que destaca unha calidade contida implicitamente no significado do substantivo ao que acompaña. Normalmente vai anteposto mais non sempre. Ex.:"Cando penso que te fuches, / negra sombra que me asombras", Rosalía de Castro.

EPÍTETO ÉPICO:

Modalidade do epíteto, tamén chamado homérico, que non ten só unha finalidade expresiva senón identificativa de personaxes ou lugares concretos. Ex.: "E o bóo Martín Pinzón, e o bóo Vicente", E. Pondal.

EQUÍVOCO: vid. Diloxía

FIGURA ETIMOLÓXICA:

Consiste en repetir un mesmo lexema usando unha variación derivativa produto do desdobramento interno dun vocábulo. Ex.: "O soño que estou soñando", U. Novoneyra; "doe a door dos pobres", Fco. Álvarez "Koki".

FONOSIMBOLISMO: 

Evocación de sensacións non auditivas a través da expresividade dos fonemas. Pode ser visual, táctil, etc. Ex.:  "-O lobo! Os ollos, / o lombo do lobo!... / Baixa o lobo polo ollo do bosco / coma un sono", Uxío Novoneyra. O fonema vocálico /o/ dá sensación de reproducir o ouveo do lobo, ademais da sensación de cerrazón e escuridade.

GRADACIÓN:

Enumeración de elementos onde se segue unha orde progresiva. Normalmente diferénciase entre gradación ascendente ou  descendente, segundo sexa o sentido da intensidade. Ex.: "Estoupo, berro, brinco, choro, mordo, / e volvo converter a cociña / nese inferno mesto que é o noso designio", Fran Alonso.

HIPÉRBATO:

Alteración da orde lóxica que teñen as palabras nunha frase ou oración. Ex.: "Segredo amor da leda mocedade / dos meus ensonos ilusión primeira", Ramón Cabanillas.

HIPÉRBOLE:

Esaxeración que deforma a realidade máis alá do verosímil. Ex.: "Sinto no peito uns afogos / que parece que mo morden / sete ducias de cans dogos.", Curros Enríquez.

INTERROGACIÓN RETÓRICA:

Pregunta que non agarda resposta pois só procura intensificar aquilo que expresa. Ex.: "¿De quen será ventar / a brétema sobre o camiño / levando arelas de algo sen figura / a esta ánima rompida, / ás arestas e cornixas deste espírito caduco?", Juan L. Blanco Valdés.

LITOTE/ATENUACIÓN:

Consiste en negar o contrario do que se quere afirmar. Ex.: "A fada Loreley, do Rin nos picos, / non mostra ós pescadores nas súas pescas / ollos máis dulces nin de azul máis ricos...", M. Curros Enríquez.

METÁFORA:

Tropo que consiste na substitución dun termo real (R) por outro imaxinario (I) con cal se establece unha relación de semellanza. Entendida como unha forma implícita de comparación, respondería ao esquema básico A é (como) B, onde A refire o termo real e B, o termo evocado.

  • R é I ou I é R: "Mais vé que o meu corazón / É unha rosa de cen follas", Rosalía de Castro.
  • R de I: "bazares de estrelas", Manuel Antonio.
  • I de R: "as mareas do meu corazón", Manuel Antonio.
  • RI: "Meu corazón / branca vela", Manuel Fabeiro

Outras veces só vai aparecer o elemento imaxinario (metáfora pura), en cuxo caso esta figura é máis difícil de interpretar: "Dime onde vas, miña cerva ferida", Álvaro Cunqueiro.

METONIMIA:

Tropo que consiste na substitución dunha palabra por outra entre as que se establece unha relación de contigüidade (causa-efecto, continente-contido...). Ex.:

  • metonimia do efecto pola causa: "ser un tormento";
  • da causa polo efecto: "morrer de dous disparos";
  • do contido polo continente: "beber un viño";
  • do continente polo contido: "tomar unha copa";
  • do autor pola obra: "ler Rosalía";
  • do instrumento por quen o emprega: "o primeiro violín";
  • do físico polo moral: "xurar lealdade á bandeira";
  • do abstracto polo concreto: "ser unha beleza";
  • do lugar polos seus habitantes: "a revolución de Francia;
  • do lugar de produción polo produto: "pedir un Burdeos;
  • da marca polo produto: "tellar con uralitas";
  • das divisas polos que as levan: "os boinas verdes".

OXÍMORO:

Asociación de dous termos ou ideas aparentemente irreconciliables polo seu significado oposto pero que no contexto se converten en compatibles. Diferénciase da antítese en que a oposición desta é lóxica e, no oxímoro, é contraria á lóxica. Ex.: "odiado Amado Noia", Méndez Ferrín.

PARADOXO:

Unión de ideas aparentemente opostas ou irreconciliables. Con frecuencia asócianse ideas opostas tomando forma de oxímoro (vid.) Ex.: "e nais que non teñen fillos / e fillos que non tén pais.", Rosalía de Castro; "A noiva goleta / enloitada de branco", Manuel Antonio.

PARALELISMO:

Estruturación de varios conxuntos seguindo o mesmo esquema gramatical, de xeito que os elementos equivalentes coincidan nos mesmo lugares das súas secuencias respectivas. Ex.: 

"Este meniño pequeno
quen o ha de aturular,
súa nai vai no muíño
e seu pai vai traballar.

Este meniño pequeno
quen lle vai dar a teta
súa nai vai no muíño
e seu pai na leña seca",  popular.

PARONOMASIA:

Colocación próxima de dúas palabras fonicamente semellantes (parónimos). Ex.: "no sagrado segredo / de Vigo", Luz Pozo Garza.

PERÍFRASE (ALUSIÓN PERIFRÁSTICA):

Alusión a unha persoa ou cousa por medio dun rodeo cando podería designarse máis directa e economicamente. Ex.: "o rústico eido onde fun nado", Eduardo Pondal.

PERSONIFICACIÓN / PROSOPOPEYA:

Consiste en atribuír calidade de seres animados a seres inanimados, ou calidades propiamente humanas a seres non humanos. Ex.: "Reza un merlo no souto / frorido de cereixos / relixioso ofertorio / duns místicos amores", Ramón Cabanillas.

PLEONASMO:

Acumulación redundante de termos innecesarios para a comprensión denotativa. Ex.: "Poeta ou non, eu cantarei as cousas / que na soleira de min mesmo agardan.", X. M.ª Díaz Castro.

POLÍPTOTO:

Consiste en usar o mesmo vocábulo nun enunciado breve en diferentes funcións ou formas gramaticais. Ex.: "Si cantan, es ti que cantas", Rosalía de Castro.

POLISÍNDETO:

Acumulación de nexos (conxuncións) nun mesmo verso ou estrofa con valor expresivo. Ex.: "Ponte de viño, en fin, e de cabazo / e teñamos, amor, amor, unha fogaza candela e ollos / para fitar / o lume bo e a morte", X. L. Méndez Ferrín.

PROSOPOPEA: vid. Personificación.

QUIASMO:

Disposición en cruz dunha mesma estrutura sintáctica ou semántica, onde se adoitan repetir as palabras. Poden aparecer nun só verso ou abranguer dous. Ex.: "O bronce meu, teu bronce foi María.", Lorenzo Varela.

REDUPLICACIÓN:

Repetición inmediata dunha ou máis palabras nun mesmo verso. Ex.: "e agoire fremosamente / a cousa a cousa / a cousa formal", X. L. Méndez Ferrín.

RETRUÉCANO:

Consiste na contraposición de dúas frases que conteñen as mesmas palabras en distinta orde. Ex.: "Si ela vai á romaría, / el á romaría vai; / si ela dá un ichavo ón cego / el outro ichavo ha de dar.", Curros Enríquez.

SINÉCDOQUE:

Tropo que consiste na substitución do todo pola parte ou a parte polo todo. Non adoita diferenciarse da metonimia debido a que as súas fronteiras significativas non están claras en moitos casos. Ex.: "Mais o latino vingouse levando a Baco a mesma / patria casta dos deuses esgrevios.", Ramón Otero Pedrayo.

SINESTESIA:

Asociación de elementos que proveñen de distintos dominios sensoriais, normalmente emprégase para dotar de calidades sensoriais a un substantivo que obxectivamente non pode posuílas. Ex.: "Primaveras amargas" ou  "áxiles cadros", Manuel Antonio.

SÍMBOLO:

Representación dun elemento intelectual por outro material. Está moi próximo á metáfora pero neste caso termo real é un concepto abstracto que é substituído por un elemento concreto, polo que a relación entre ambos non pode ser, coma no caso daquela, de semellanza, senón de orixe psicolóxica ou convencional. Ex.: "colle a forma espiral / -colle a forma da historia-", X. L. Méndez Ferrín.

ZEUGMA:

Omisión dunha palabra que se expresa na primeira de varias oracións e se suprime no resto. A diferenza da elipse, neste caso sempre aparece o elemento expreso ao principio e sobreentendido despois. Ex.: "E tes corazóns que sufren / longas ausencias mortás / (tes) viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará.", Rosalía de Castro.