Actividade 3

Icona iDevice

 

Atopaches nun blogue esta entrada sobre o uso do lapis na escola.

Le atentamente o texto e as preguntas de escolla múltipla.

Sinala na grella a resposta correcta entre as tres opcións presentadas.

As respostas deberán ter conta só das informacións presentes no texto.


Ao grito de: Profe, vou afiar o lapis! levantabámonos axilmente do pupitre escolar e iamos quitarlle punta á nosa máquina de escribir na tenra e remota infancia, ao tempo que aproveitabamos para tomarnos un respiro. O lapis constituía un elemento primordial nos estoxos escolares d@s cativ@s. O outro día volvín quitarlle punta ao mítico lapis nº2, co seu círculo vermello coroando o insigne obxecto.

Cando xa che deixaban escribir "a boli" avanzabas un paso máis, mesmo parecía que fixeras os tan ansiados 18 anos e o bolígrafo constituíra o elemento de transición da nenez á idade adulta. Ter boli e, sobre todo, escribir con el, era como ter moto en lugar de bicicleta, ou ter coche en lugar de moto. Seguramente hoxe @s cativ@s seguen usando o lapis, pero non tardan tanto tempo en dar o salto ao líquido elemento derivado do petróleo. Non. Quizais sexa distinto o uso que lle dabamos hai uns anos ao actual. Pero volvamos ao lapis.

A afirmación exclamativa con que iniciaba esta oda ao lápis repetíase nas mentes inquedas de moit@s nenos e nenas dos 70 ou 80. Coa desculpa de afiar o trebello de madeira, iniciábase todo un ritual socializador de camiño á papeleira, lugar onde esmorecían as capas que o recubrían ata que afloraba a famosa punta do lapis. A papeleira era para a infancia o que é un bar para os maiores. Nela aproveitábase para repasar a fin de semana, o recreo, e contar as máis variadas peripecias, namentres ao fondo seguía a clase como se o mundo vivise dúas realidades paralelas nun mesmo espazo físico. Se os afialapis falasen!!

Ir afiar o lapis esixía toda unha estratexia minimamente coidada: primeiro a de obter o permiso d@ profe, ser un máximo de dúas-tres persoas (dependía de cada profe), non dilatarse en exceso no curruncho da papeleira e, sobre todo, non falar moi alto, pois do contrario a volta ao pupitre era segura, tiveses ou non a punta afiada. Incluso existía o risco de ser castigad@ se falabas moito ou facías algunha trasnada. Tanta era a importancia do lapis como elemento dinamizador entre @s cativ@s que eran moit@s @s que ousaban falsear a saúde física do lapis e no canto de quitarlle unha punta, máis ben facían un playback con "afía" de por medio, aínda a risco de ser pillad@s. Eran os albores do play-back musical.

Sobre o lapis podería escribir moito. Sen ir máis lonxe no tocante aos distintos tipos de punta e, incluso, sobre os diferentes "afías", aínda que un modelo predominaba sobre os restantes. Daquela, coma hoxe, non eran perfectos, e sempre quedaba algunha que outra punta atascada. É que a calidade do lapis en cuestión e non pasarse de "afiada" era básico. Logo, sempre podías perfeccionar a punta contra o lateral rugoso do "afía". Aí poderían facerse tratados de puntas.

Actualmente aínda perduran, os afialapis xa se modernizaron máis, pero as puntas seguen quedando atascadas no seu interior. Os máis modernos son eléctricos e afástanse un anaco do artesanal traballo de quitarlle punta á pizarra contida no lapis. O prezo da modernidade, xa se sabe.

Non sei, non sei como está hoxe en día o panorama escolar no relativo a este asunto de "vital importancia" no seu momento, pero hai cousas que permanecerán na memoria d@s que algún día fomos cativ@s. O lapis e todo o seu contorno - afialapis e papeleira incluídos-, é unha desas cousas. Longa vida. E co voso permiso, voulle quitar punta ao lapis nº2 que teño ao lado do escritorio.

 

 

Autoría: Julio Torres - "A Lareira Máxica"

http://alareiramaxica.blogspot.com.es/2011/08/oda-o-lapis.html

Texto adaptado
Icona de pregunta iDevice Escolle a resposta correcta
0. O artigo fai unha oda...
  
ao uso do lapis na infancia.
a un modelo concreto de lapis, o nº2.
ás vantaxes de usar lapis.

1. Cando o autor era neno, @s cativ@s afiaban o lapis...
  
para desconectar momentaneamente das clases.
para escribir mellor.
para organizar falcatruadas.

2. Segundo o autor, a mudanza de escribir co bolígrafo no lugar do lapis...
  
era dolorosa e algo difícil.
era unha metáfora da chegada á vida adulta.
é un momento importante, hoxe como antes.

3. Para o autor, ir á papeleira para afiar o lapis...
  
era ás veces unha escusa para estirar as pernas.
permitía preguntar dúbidas sobre a materia.
tiña a mesma función cós momentos de lecer.

4. Para poder ir afiar o lapis era preciso antes de nada...
  
convencer o/a profe.
falar baixiño c@s compañeir@s.
ser como moito tres persoas xuntas.

5. Os aprendices de playback...
  
ousaban ser neglixentes coa saúde  do seu lapis.
rompían adrede a punta do lapis.
sostiñan que a punta estaba mal cando non estaba.

6. Sobre a calidade do afialapis...
  
xeralmente era moi boa.
había diferentes tipos a disposición.
non se podía confiar neles.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License

Proxecto realizado durante a licencia de creación de materiais curriculares dixitais concedida pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia