1.1 Descrición da unidade didáctica
Esta unidade denomínase A lingua como instrumento de aprendizaxe. Por iso, analizaremos procedementos que nos permiten dirixir de xeito consciente a propia aprendizaxe, como a procura de información en internet ou noutros soportes (dicionarios, glosarios...). Ademais, como a propia lingua é unha ferramenta imprescindible do coñecemento en todos os ámbitos, reflexionaremos sobre a oración composta e os mecanismos de referencia que se empregan nos textos. Como exemplos de mensaxes cunha expresión especialmente coidada, que nos servirán de modelo, tamén leremos obras literarias en castelán do século XX e identificaremos as súas características principais. Dedicaremos a esta unidade o equivalente de 16 horas lectivas e o recomendable é que cada día traballe con ela entre unha e dúas horas.
- Ademais, debe ter en conta as seguintes puntualizacións:
- A unidade contén textos e exercicios en galego e castelán, separados en dúas partes ben diferenciadas. Ambas as linguas, xunto coa estranxeira, intégranse no ámbito da comunicación.
- A unidade consta de dous tipos de textos ou contidos: uns que levan a etiqueta de "aspectos teóricos", que son os que debe comprender e memorizar, e outros que carecen desa etiqueta, que son os que debe ler, comprender e comentar (aparecen precedidos do símbolo &).
- Os contidos e exercicios van clasificados en bloques ou partes, relacionados con distintos aspectos do estudo da lingua: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria.
- Logo de rematada a unidade deberá ser quen de:
- Valorar a importancia que ten a lingua oral como forma de comunicación universal.
- Tomar consciencia da importancia dos elementos paraverbais e non verbais na intervención oral planificada.
- Comprender textos procedentes de distintas presentacións, exposicións ou conferencias realizadas no ámbito académico.
- Recoñecer e comprender textos do ámbito académico, como os procedentes de dicionarios, glosarios e enciclopedias, todos eles en diversos soportes.
- Coñecer estratexias para a utilización autónoma da biblioteca e de buscadores virtuais co obxectivo de obter, seleccionar e organizar a información.
- Utilizar a composición escrita como fonte de información e aprendizaxe, como xeito de comunicar os coñecementos propios.
- Identificar e usar, de xeito consciente, algúns mecanismos gramaticais e léxicos de referencia interna.
- Recoñecer o esquema sintáctico das oracións compostas.
- Construír e formar enunciados de acordo cun esquema sintáctico dado e usar a terminoloxía sintáctica básica.
- Coñecer as características xerais, os autores máis importantes e algunhas obras da literatura castelá do século XX.
- Ler e comprender fragmentos de novelas españolas do século XX.
- Ler e comprender poemas valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos presentes neles.
- Ler e comprender fragmentos de pezas teatrais contemporáneas, constatando algunhas innovacións nos temas e nas formas.
- Desenvolver a autonomía lectora e o aprecio pola literatura como fonte de pracer.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License