Tranquilo, home, para mañá está, e logo pódeno inaugurar as veces que queiran. Ben, pois enterralo logo, pero fale co capataz, que está alí, e dígalle que vaia chamando ó da grúa que isto vai estar e así que estea o cemento botado, logo lle hai que poñe-la pedra enriba. Non sei, será da Xunta, leva toda a tarde por aí, dando voltas. Anda, oh, pásamo prendido que eu estou nesto. Hache de estar nalgún bar da Porta do Camiño, estes das grúas escápanlle ó traballo que mete medo. Ai, seranche dúas toneladas ben. Iso? Dúas toneladas, dígocho eu. Se non é pola grúa esta, fan falla trinta homes, aínda non chegan. Pero vaia tumba. Home, non será, pero a ti e mais a min non nos han facer unha tumba así, nin tanta cerimonia. Nun caixón aínda te metía eu a ti, e despois cravábao ben e tirábao polo río abaixo. Pois coa tampa facía unha boa mesa para poñer diante da casa embaixo da parra. Ou aínda máis, ti mira iso fixérono entre varios homes, ponlle que tres, abaixo de quince días non lles levou, logo transportalo no camión, e a grúa esta, nós levamos aquí toda unha tarde, e logo, pensas ti que a cerimonia de mañá non custa cartos? Polo menos dous millóns. Ai non, que ó saír de aquí non che van tomar unha boa mariscada e uns albariños... Non, oh, pois do millón e medio non baixa. Políticas. Quere dicir Buenos Aires e eses números é o ano en que morreu Nunca estivestes? Pois éche un porto de mar. E ben... éche un lugariño feito, é indo cara Ribeira, collendo á man esquerda. E aquí estamos nós, facendo un traballo de categoría, de primeira. Sonche políticas todo. (Suso de Toro, Polaroid)