anterior

índice

seguinte

INTENCIÓNS (Manuel Antonio, De catro a catro)

O poema é un resume do libro, as intencións e as ilusións que a travesía marítima lle deparan ao poeta. Por iso os verbos dos primeiros versos de cada estrofa están en futuro: encheremos, inventaremos, alaremos, encadearemos, cazaremos.
O ton xeral do poema é ambiguo, pode interpretarse como ilusionante (o que depara o futuro) ou decepcionate -frustradas descobertas, abolidos corazóns-.
O ambiente é nocturno como na maioría do libro: madrugada, noctámbulo, estrelas; predomina a adxectivación negativa: náufraga, frustrada, abolidos, defraudados, anónimo, prostibularia, perdidas.

...ENCHEREMOS AS velas tempo futuro, imos embarcar e pensamos no que nos vai deparar a travesía
coa luz náufraga da madrugada a luz perdida fai aparecer, ver o barco veleiro
...Pendurando en dous puntos cardinais
a randeeira esguía bambán delgado, fino. O barco móvese de un lado ao outro do horizonte
do pailebote branco pailebote: pequena embarcación con dous paos de goleta. É un veleiro branco polas velas
....................Coas súas mans louras nova imaxe xustaposta
....................acenan mil adeuses as estrelas personificación: as estrelas da madrugada coa súa luz loura despídense do poeta que vai partir. A imaxe do adeus, da despedida é continua no libro..

...Inventaremos frustradas descubertas
...a barlovento dos horizontes barlovento: o lado donde sopra o vento
...para acelerar os abolidos corazóns anulados corazóns
dos nosos veleiros defraudados decepcionados. Identificación do poeta, o seu corazón co barco, co veleiro
Inventaremos, logo a viaxe non é real, é imaxinada, ademais está xa frustrada antes de saír. A travesía polos horizontes marítimos debería conseguir animar o poeta, mais os veleiros están defraudados.

...Halaremos polo chicote tiraremos polas cordas da rede chicote
dun meridiano innumerado buscaremos lugares descoñecidos; meridiano
...Na illa anónima lugares anónimos, sen nome
de cada singradura singradura camiño que percorre a nave
esculcaremos o remorso da cidade investigaremos o remordemento da cidade que deixamos
.........Ela noctámbula esfollará os sentimentos, a acción de ir tirando os pétalos da flor: si/non
.........como unha margarida prostibularia outra vez negativo, unha flor prostituída, unha margarida
.........a Rosa dos Ventos do noso corazón A Rosa dos Ventos é constituída por 4 Puntos Cardeais, 4 Puntos Colaterais, Puntos Sub-Colaterais, ata 32 puntos correspondente á dirección dos ventos, era a guía dos mariñeiros na travesía.
A terra que deixamos, a cidade acompañará o noso corazón

...Encadearemos adeuses de escuma a escuma é branca como os panos dos adeuses
para tódalas praias perdidas as praias iranse despedindo do poeta
...Xuntaremos cadernos en branco as historias aínda están sen escribir
da novela errante do vento o vento moverá o barco
...Pescaremos na rede dos atlas iremos botando a rede pola xeografía para atrapar as historias mariñeiras
ronseis de Simbad ronsel: o rastro que vai deixando o barco no mar. Simbad: o mariñeiro das Mil e unha noites, protagonista de aventuras

...E cazaremos a vela ergueremos o velame
sobre o torso rebelde das tormentas torso: o tronco do corpo humano
para trincar a escota dunha ilusión. trincar a escota: amarrar os cabos que gobernan as velas do navío
Nesta travesía, os poemas do libro, o atormentado corazón do poeta tentará agarrarse á ilusión.

Trazos da poética máis tradicional:
-Presenza do suxeito poético nós. Só as pseudoestrofas situadas á dereita non teñen suxeito nós.
-Vestixios de rima: vela, estrelas, descobertas.
-Imaxes ligadas á realidade: as estrelas.
Trazos máis vangardistas:
-Xustaposición de imaxes.
-Léxico extrapoético. Léxico mariñeiro: vela, pailebote, barlovento, alar, chicote, meridiano, singradura, rede, cazar a vela, trincar a escota. Léxico culto: abolidos, torso, prostibularia. Léxico técnico: meridiano, Rosa dos Ventos.
-Ausencia de ritmo, prosaico.
-Ausencia de signos de puntuación.
-Disposición gráfica: colocación dos versos.
Contribúe co teu comentario ou suxestión

Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel

Véxase agora o poema de Manuel Antonio:

INTENCIÓNS

...ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
...Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
....................Cas súas mans loiras
....................acenan mil adeuses as estrelas

...Inventaremos frustradas descobertas
...a barlovento dos horizontes
...pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados

...Halaremos polo chicote
dun meridián innumerado
...Na illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso da cidade
.........Ela noitámbula desfollará
.........como unha margarida prostibularia
.........a Rosa dos Ventos do noso corazón

...Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas praias perdidas
...Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
...Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad

...E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

Todos os poemas están perfectamente explicados por Manuel Castelao en Manoel-Antonio De catro a catro, Laiovento, 2010