O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 23/03/2017

Abalar: Recursos educativos abertos e interactivos sobre a atmosfera, a meteoroloxía e climas do mundo

O material proposto foi elaborado por  Tucho Méndez (profesor de Tecnoloxía) e Juan Martínez (estudante), co imprescindible asesoramento de Carmen Cuesta García, profesora de Xeografía e Historia no IES Canido (Ferrol).

Presentaron dúas secuencias didácticas, unha sobre os climas do mundo para Xeografía e Historia e outra sobre a atmosfera para Ciencias da Natureza, ambas as dúas para primeiro da ESO. Estas secuencias didácticas están compostas por animacións, imaxes e actividades interactivas, e son aptas para ser traballadas empregando o EDI ou os propios ordenadores dos alumnos.

O material enfócase cara aos recursos multimedia e renunciouse a producir un traballo baseado na abundancia de texto e na imaxe estática, xa que consideran que, naquel intre, a oferta dese tipo de recursos era grande e, frecuentemente, moi boa. Ao contrario, atopar animacións e exercicios interactivos de calidade, sobre todo en galego, era un dos grandes ocos que se precisaba cubrir.

Obxectivos

  • Complementar o labor docente nas aulas Abalar.
  • Ser atractivos e motivadores para o alumnado.
  • Ser sinxelos e fiables no seu uso.
  • Ser coherentes visual e tecnicamente.
  • Permitir o seu uso modular.
  • Resultar efectivos para o proceso de ensino-aprendizaxe.
  • Favorecer o proceso de autoavaliación.

Dentro das áreas concretas nas que podemos aplicar estes recursos, en Ciencias Sociais quixemos traballar contidos relacionados coa meteoroloxía e os climas do mundo, os mapas climáticos e a representación gráfica de datos climáticos, as causas de que existan diferentes climas, identificación e caracterización de climas, climas fríos, climas temperados e climas cálidos.

En Ciencias da Natureza os contidos que se desenvolveron foron a atmosfera, a súa importancia, a súa estrutura e composición, as condicións que moldean o tempo atmosférico, a explicación dos fenómenos meteorolóxicos e a diferenza entre tempo atmosférico e clima, así como os mapas de clima e a representación gráfica de datos climáticos.

Recursos empregados

Para a elaboración dos recursos, a ferramenta empregada foi o contorno Flash de Adobe. Esta é unha tecnoloxía que, pouco despois, caeu en desuso, pero que conserva aínda a súa gran capacidade para presentar produtos con alto grao de interactividade e atractivo visual. De querer hoxe afrontar un proxecto semellante, sería recomendable recorrer á linguaxe HTML5.

Cremos importante dicir que a elaboración destes recursos levoulles un número de horas moi grande, probablemente máis de 200, a dúas persoas con dedicación case exclusiva.

Descrición

Podemos dicir que as secuencias didácticas presentan tres tipos de recursos:

Vídeos

Animacións expositivas dos contidos, son curtas e dinámicas para favorecer o traballo progresivo do alumnado. Para favorecer a accesibilidade, amosan subtítulos na parte inferior da imaxe e, ademais, aparecen resaltadas as palabras máis importantes de cada apartado para mellorar a súa retención por parte do alumnado.

Imaxes interactivas

O alumnado pode interactuar con estas imaxes e obter así informacións complementarias aos vídeos. O docente pode escoller o mellor xeito de traballalas co alumnado (preguntas sobre os contidos, busca de información, exposicións...).

Actividades

Actividades de síntese, reforzo e/ou avaliación sobre os contidos expostos, tanto nos vídeos como nas imaxes interactivas. Esixen do alumnado unha participación activa e todas ofrecen retroalimentación para a súa avaliación, ben sexa informando dos acertos e dos erros  obtidos, ben sexa informando do tempo investido na súa realización.

Metodoloxía

As secuencias didácticas están concibidas coma un todo. A pesar disto, todas as actividades poden ser realizadas de xeito individual, e tanto as animacións como as imaxes e actividades interactivas cobren aspectos concretos do currículo e constitúen obxectos de aprendizaxe completamente independentes.

A orde en que presentamos os materiais é a que consideramos máis lóxica para a súa utilización. A nosa recomendación é ver un vídeo, traballar as imaxes e actividades relacionadas se as hai, e pasar ao seguinte. Ao final de cada bloque hai un cuestionario de autoavaliación.

Aínda así, decidimos fuxir dunha excesiva linearidade. Todos os materiais son accesibles desde o menú lateral da páxina, non hai pasos “chave” de obrigada realización, de xeito que o docente pode escoller que contidos traballar e en que orde traballalos.

O material está pensado para ser aplicado nas aulas Abalar e tenta tirarlle o maior partido posible a todos os recursos TIC de que dispoñen, e quere incidir en aspectos que son máis complexos de explicar nunha aula tradicional.

Malia isto, todo este traballo debe ser integrado dentro da práctica diaria do docente, que é o mellor axente de xestión do proceso de ensino-aprendizaxe. Tanto as videoanimacións como as actividades están enfocadas a complementar esta práctica, mesmo precisan dela, e en ningún momento pretenden competir (o noso material sairía perdendo) coa imprescindible explicación e adaptación dos contidos por parte do profesorado.

Actividades complementarias

Recomendamos que o docente engada todas as actividades pertinentes para completar, na profundidade que desexe, o material que ofrecemos. Algunhas que se nos ocorren:

  • Recollida de información e elaboración de documentación sobre calquera dos apartados traballados.
  • Revisión crítica dos contidos, en función da información obtida por outras fontes.
  • Preguntas na clase sobre os contidos recollidos nos vídeos e nas imaxes interactivas.
  • Competicións para ver quen é o máis rápido en acabar as actividades.
  • Recollida de datos locais para facer un climograma da túa vila.
  • Busca de datos climáticos de Galicia e da península para facer o climograma de diferentes localidades.
  • Análise, con base nos contidos traballados, de mapas meteorolóxicos e climogramas obtidos de calquera fonte (web, televisión, prensa...).
  • Ampliación de calquera dos contidos traballados.

Avaliación

As ferramentas avaliadoras que ofrecen estes recursos están orientadas cara á autoavaliación do alumnado.

En todas as unidades e subunidades hai un cuestionario tipo test para que o alumno ou alumna conteste a preguntas que foron traballadas no vídeo ou nas actividades interactivas. Estes cuestionarios presentan as preguntas e respostas de xeito aleatorio, polo que cada usuario as terá que contestar de xeito diferente. Ao final do cuestionario, ofrécese información sobre a porcentaxe de erros e acertos.

Ademais dos cuestionarios de avaliación, varias actividades interactivas presentan un reto que hai que superar nun tempo determinado, o cal fai que o compoñente lúdico do exercicio sexa maior e mellora a concentración do alumno ou alumna. 

Alberte Xosé Méndez López
Profesor de Tecnoloxía no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

Juan Martínez Martínez
Produtor audiovisual