O IES As Barxas de Moaña leva seis anos creando diferentes propostas didácticas dirixidas á creación de produtos audiovisuais, xirando ao redor de temas cun profundo calado social. Estes temas varían co curso escolar e dependen directamente dos intereses do alumnado.
Co título de Superheroes y superheroínas intégranse unha serie de accións no que se involucra a toda a comunidade educativa do centro. A idea de crear un proxecto en torno aos superheroes, o cal xorde das inquietudes do alumnado, serve como dinamizador do centro e para conectalo coa súa contorna. Trátase dun proxecto no que non só participaron unha ampla porcentaxe de alumnado e profesorado, senón que tamén colaboraron todos os membros da comunidade educativa e da contorna do IES as Barxas. Os superheroes son persoas de carne e óso, que teñen superpoderes por todos coñecidos, que afrontan dificultades e están ao fronte de batallas moi duras. Con todo isto, dende o centro homenaxéase a todos eles, e trátanse temas como: o bulling, a transexualidade, a saúde mental, o cancro, a diabetes ou a violencia de xénero.
Con este proxecto conseguiuse que o alumnado realizase un guión, planificase mediante o storyboard, desenvolvese destrezas onde é necesaria unha competencia na comunicación audiovisual, analizase e reflexionase sobre as mensaxes audiovisuais, coñecese os seus códigos e fosen capaces de utilizalos para comunicar, aprendesen a manexar os equipos de rexistro visual, cámaras de fotografía, vídeo, os programas de edición e manexasen distinto software de animación para os proxectos e os créditos das curtas ao estilo dos motion graphics. O resultado final foi difundido nun Festival Audiovisual no que o alumnado presenta e expón os seus traballos.
Todo este traballo, veuse recompensado co Premio SIMO EDUCACIÓN 2016 ao mellor proxecto TIC audiovisual.