NOTICIA DE ACTUALIDAD 02/09/2016

E-Dixgal: Información das accións específicas necesarias para a posta en marcha do entorno de traballo do proxecto EDIXGAL no comezo deste curso 2016-2017

1. Acceso ao EVA no inicio do curso 2016-2017:

A partires do día 1 de setembro e ata o día 7 de setembro (coincidindo co final dos exames de setembro da ESO), todo o profesorado de centros Edixgal poderá acceder temporalmente aos contidos do curso 2016/2017 no seguinte enderezo web https://evaint.edu.xunta.es/. Durante este periodo, o profesorado poderá visualizar o catálogo dos novos contidos (Axuda-Acceso ao Catálogo). No caso de ter asignados en Xade o profesorado e alumnado as materias e grupos, os docentes poderán ver os cursos creados e facer as modificacións que se consideren.

O acceso as materias creadas no EVA para o curso 2015/2016 pode facerse a través  da url habitual, https://eva.edu.xunta.es/, ata o 7 de setembro, data na que se migrarán os contidos que están almacenados en https://evaint.edu.xunta.es/

O persoal docente accederá empregando o seu nome de usuario e contrasinal de acceso ao correo de Educación.

2. Precarga de Unidades didácticas

As materias van a ter precargados e ocultos (non visibles para o alumnado) os contidos das editoriais dispoñibles (Netex e Edebe), de tal forma que os docentes xa non necesitarán incorporar do Punto Neutro as unidades didácticas.

3. Restauración dos cursos

Se os docentes precisan restaurar algún curso do 2015-2016, hai que ter en conta que os contidos do curso pasado das editoriais foron actualizados para o novo curso, polo que se recomenda non incluilos na restauración.

4. Nova apariencia dos cursos

A apariencia dos cursos modificouse cun formato máis vistoso, de tal forma que cada sección se identifica cunha imaxe relacionada co tema. Esta pode ser modificada e cambiada se asi o considera o docente.

5. Ferramenta de autor

A “Ferramenta de autor” estará accesible dentro do propio EVA e cos contidos creados polos docentes durante o curso pasado.

6. Creación de cursos e materias no EVA

A información de partida do EVA será a existente en XADE, polo que deberán estar asignados o antes posible os grupos, alumnado, materias e profesorado dos niveis participantes no proxecto. Todos os cambios que se fagan en XADE quedarán sincronizados co EVA ao día seguinte.

7. Envio de credenciais do alumnado

A partir do dia 5 de setembro, no caso de Educación Primaria, e do día 12, no caso de ESO, enviaranse as credenciais do alumnado ao correo do centro educativo.

8. Convocatoria para a xornada de formacion das persoas coordinadoras no proxecto EDixgal.

A vindeira semana convocarase ás persoas coordinadoras do proxecto de cada centro a unha sesión de inicio de curso, que tratará sobre as novidades para o 2016-2017, os recursos técnicos, as canles de comunicación e atención, e o apoio formativo ao proxecto. Recibirán nos vindeiros días unha nova comunicación con máis detalle desta convocatoria.