Bautista Ramos Saíñas
IES Leliadoura
tista@edu.xunta.es [2]
CONTEXTUALIZACIÓN
As cinco unidades didácticas que conforman este proxecto foron elaboradas durante unha licenza de formación convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o terceiro trimestre do curso 2013/14.
O proxecto nace da necesidade de integrar as actividades dixitais dentro do currículo da ESO. Ata hai relativamente pouco tempo, existía a tendencia a pensar que practicar a gramática e o vocabulario dunha lingua era unha actividade “formal” baseada na repetición de estruturas. Traballar con actividades interactivas ofrece unha alteración á dita rutina e supoñen unha grande axuda non só para a adquisición de vocabulario senón tamén para contextualizar as catro destrezas (writing, reading, listening and speaking); ademais poden servir como válidos exemplos para presentar ou afianzar as estruturas gramaticais vistas na aula nun ambiente menos “formal” pero moito máis motivador para o alumnado. Asemade, o traballo por competencias vese reforzado deste xeito.
Coa chegada das aulas Abalar parece imprescindible deseñar as nosas propias actividades para poder aproveitar os recursos que a aula nos ofrece. No caso do IES Leliadoura ese recurso acrecéntase, xa que neste centro dispoñemos dunha aula con ordenadores que usamos como laboratorio de idiomas.
FERRAMENTA EMPREGADA
Os materiais están elaborados cunha versión beta do novo Ardora (Ardora 7). Vaia desde aquí o meu agradecemento persoal a José Manuel Bouzán, autor da ferramenta, por facilitarme o uso desa versión beta para a elaboración destes materiais e por ser unha fonte constante de inspiración. Esta nova versión abandona a conexión con Java e pasa a traballar co estándar HTML 5.
Por que Ardora? Porque ofrece multitude de actividades interactivas, multimedia e actividades como as páxinas en servidor que facilitan o traballo colaborativo entre todo o alumnado. Ademais, a utilidade Espazo Web facilita a integración de todo o material.
A interface de cada unidade é moi intuitiva. Fíxese na imaxe inferior:
OBXECTIVOS
- Ensinar a lingua estranxeira co fin de que o alumnado logre comunicarse e desenvolverse tanto no plano oral coma no escrito.
- Afondar no uso das TIC como estratexia de aprendizaxe para que poida enfrontarse con éxito a situacións reais de comunicación.
- Desenvolver e dominar de forma integrada as catro destrezas básicas: listening, speaking, reading e writing.
- Espertar no alumnado a responsabilidade de conseguir a autonomía na súa aprendizaxe.
- Fomentar a elaboración de traballo en equipo: webquests, treasure hunts, miniquests.
- Espertar no alumnado interese pola formación en competencias e en valores que o prepare para a resolución pacífica de conflitos, o respecto pola diversidade, o rexeitamento da violencia de xénero etc.
- Fomentar a autoavaliación como ferramenta imprescindible para conseguir un progreso eficaz na aprendizaxe.
DESCRICIÓN DAS ACTIVIDADES
Cada unha das cinco unidades divídese en nove apartados fundamentais:
| At school [3] | In the city [4] | Under the sea [5] | Cinema [6] | Myths [7] |
GRAMMAR | Auxiliary verbs ___ Pronouns | There is/There are ____ Comparatives | Simple present | Frequency adverbs ____ Questions | Present continuous |
SONG | “You’re beautiful” | “You can do better” | “Wonderful tonight” | “why, when and where” | “We” |
VOCABULARY | School objects | Places in the city | Countries & Nationalities | The year | Animals |
EXTRA CURRICULAR | Shapes and lines | Climate | Marine Ecosystems | Cinema | Myths and legends |
WEB TASK | Webquest: A trip to London | Treasure hunt: MLK | Miniquest: Middle East conflict | Webquest: The world of cinema | Treasure hunt: Mythology |
FUNCTIONS | Hobbies and interests | Giving directions | Expressing routines | Expressing dates | On the phone |
DATES | AIDS Day | Human Rights Day | Peace Day | Women’s Day | Earth Day |
CITIES | London | New York | Sydney | Dublin | Edinburgh |
CELEBRITIES | Messi | Michael Jordan | Gandhi | Steven Spielberg | John Lennon |
GRAMMAR: en cada unidade trabállase un aspecto gramatical que será o que predomine ao longo de todas e cada unha das diferentes seccións que compoñen cada unidade.
As cinco unidades inclúen na sección de “Grammar” mapas conceptuais ou ben guías de estudo (study strategy) que facilitan a comprensión do punto gramatical específico. Deste xeito foméntase tamén o traballo da competencia “aprender a aprender”. Para facerse unha idea de como funcionan estas guías, observe o seguinte gráfico: ao premer no botón “ab”, as palabras clave, destacadas en grosa no texto, desaparecerán e iso servirá para que o alumnado comprobe se coñece a resposta, e deste xeito facilítase o estudo.
Esta sección gramatical finaliza nas cinco unidades cun test con dez preguntas en formato multiple choice para comprobar o grao de entendemento do punto gramatical estudado.
SONG: neste apartado, obviamente, faise fincapé na destreza de listening, pero ao mesmo tempo as cancións seleccionadas serven de apoio para seguir afondando na estrutura gramatical estudada.
FUNCTIONS: Con este apartado preténdense traballar certas situacións de comunicación na lingua inglesa. Os temas tratados son:
Unit 1 (At school [3]): hobbys e intereses
Unit 2 (In the city) [4]: direccións
Unit 3 (Under the sea [5]): rutinas diarias
Unit 4 (Cinema [6]): expresar datas
Unit 5 (Myths [7]): coller o teléfono
VOCABULARY: procurouse que ao inicio desta sección e antes de efectuar as actividades interactivas o alumnado dispoña dun pictionary ou dun póster. En ambos os dous casos, o alumnado pode ver a imaxe co nome en cuestión e dispón tamén da posibilidade de escoitar como se pronuncia esa palabra, no caso do pictionary premendo no símbolo coa nota musical, e no caso do póster facendo dobre clic no nome que se amosará ao pasar o rato por riba do obxecto. Na seguinte imaxe, podemos ver o pictionary da unidade 5.
Ao longo das cinco unidades trabállanse os seguintes tópicos de vocabulario: School objects, Places in the city, Countries and nationalities, The year, e Animals.
EXTRACURRICULAR: todas as unidades contan cun apartado propio do currículo doutras materias en primeiro da ESO e que teñen relación directa con algún aspecto dos traballados na unidade, o que lles dá ese carácter multidisciplinar.
WEB TASK: as cinco unidades contan cunha tarefa na cal deben investigar na rede para resolvela. O obxectivo é favorecer procesos de integración da información coa análise e reflexión sobre o aprendido. As tarefas son:
- Dúas webquests: seguindo o modelo de Bernie Dodge, o alumnado debe dividirse en grupos e cada un dos membros dos grupos ten un rol preestablecido. Asemade, proporciónase unha serie de ligazóns para facilitar a procura da información. Na unidade 1 o alumnado debe organizar unha viaxe a Londres e na unidade 4 investigar sobre o mundo do cine.
- Dúas cazas do tesouro: neste caso o alumnado debe responder a unha serie de preguntas sobre un tema concreto. Ao igual ca nas webquest, facilítase unha serie de ligazóns que conteñen as respostas requiridas. Na unidade 2 trabállase sobre Martin Luther King (xa que as actividades relacionadas coas datas teñen relación co Día dos Dereitos Humanos) e na unidade 5 sobre a mitoloxía clásica.
- Unha miniquest: as miniquests pretenden simplificar o traballo das webquests reducíndoas a tres pasos para poder ser realizadas en dúas ou tres sesións. Inclúese na unidade 3 unha miniquest sobre o conflito árabe-israelí, aproveitando que o tema co que traballamos nas datas especiais é o Día da Paz.
SPECIAL DATES: neste apartado trabállase a formación en valores do alumnado e certos temas transversais, con base nas datas especiais no calendario escolar.
CITIES E CELEBRITIES: os últimos dous apartados fan referencia ao mundo que nos rodea. Nas unidades feitas noutra licenza anterior, trabállase cos países de fala inglesa. Neste caso afóndase no coñecemento de certas cidades importantes na cultura anglosaxoa: London, New York, Sydney, Dublin e Edinburgh.
En canto ao apartado de “Celebrities”, o alumnado fará actividades sobre Messi, Michael Jordan, Gandhi, Spielberg e John Lennon.
Outro dos aspectos que hai que destacar nas cinco unidades é a realización de traballos colaborativos entre todo o alumnado en todas as unidades. O alumnado deberá investigar na rede para elaborar dous álbums relacionando obxectos comúns e a súa forma en inglés (unidade 1) e outro sobre animais en perigo de extinción (unidade 5), dous xestores de arquivos onde cada alumno ou alumna ten unha carpeta dispoñible para subir un audio gravado por eles onde dean unha serie de direccións (unidade 2) e adaptar a historia de Sadako Sasaki a cómic (unidade 3), e finalmente, unha liña de tempo sobre o cine (unidade 4). Este recurso precisa unha pequena intervención para ser usado por outros docentes. A dita intervención atópase amplamente detallada no documento técnico que acompaña a cada unidade. Outra opción sería que cada docente prepare o seu propio recurso. Na web de Ardora [8] hai información suficiente sobre como elaborar páxinas en servidor.
METODOLOXÍA E ORGANIZACIÓN NA AULA
As unidades están creadas para que funcionen como un libro dixital. No IES Leliadoura dispoñemos dos compoñentes básicos da aula Abalar: un taboleiro interactivo para proxectar as actividades e ordenadores con conexión a internet para o alumnado. Ademais temos a inmensa sorte de dispor dunha aula con 22 ordenadores que usamos preferentemente o profesorado de linguas estranxeiras como laboratorio de idiomas; e ordenador con conexión a internet e proxector en todas as aulas, co cal calquera dos recursos proporcionados nas unidades poden ser adaptados para cursos superiores. O alumnado ten acceso ás unidades a través da web do autor, do repositorio de recursos Abalar ou a través da propia aula virtual do centro.
O enfoque metodolóxico usado ten como obxectivo fomentar a aprendizaxe do inglés mediante a integración das TIC e o uso real da lingua (cancións, exercicios de writing e speaking) e non só mediante a simple manipulación das actividades; de modo que os procesos de aprendizaxe inclúan procesos de comunicación e integren as catro destrezas. Asemade, preténdese que o alumnado traballe de xeito cooperativo e se responsabilice para realizar as tarefas requiridas nas webquest, cazas do tesouro, miniquest ou os traballos colaborativos.
PROPOSTA DE DESENVOLVEMENTO NA AULA
Cada unidade leva aproximadamente doce sesións (catro semanas).
Iniciamos a primeira sesión de cada unidade coa explicación gramatical (study strategy), que nos servirá de base para toda a unidade; a continuación o profesor reforza eses conceptos mediante o mapa conceptual (mind map) que quedará exposto no taboleiro. A partir dese momento, o docente adopta un papel de guía mentres o alumnado leva a cabo as actividades interactivas propostas. Normalmente facemos na aula as actividades individuais e o alumnado debe facer os paquetes de actividades pola súa conta e, premendo no símbolo da autoavaliación incluída nos paquetes de actividades, anexala mediante unha tarefa na aula virtual.
Na segunda sesión traballamos a destreza de listening mediante o apartado “Song”, que ademais nos serve como reforzo da estrutura gramatical.
A terceira sesión de cada semana (sesións 3, 6, 9 e 12) dedícase íntegra á realización e posta en común das actividades cooperativas: web task e traballo colaborativo.
Xa na segunda semana, empezamos a traballar co apartado de vocabulario seguindo o modelo exposto coa gramática: amósase o pictionary ou o póster e a partir de aí o profesor adopta novamente un papel de colaborador mentres o alumnado realiza as actividades. Ao igual que vimos na gramática, proponse que a autoavaliación dos paquetes sexa enviada como tarefa obrigatoria a través da aula virtual. A segunda sesión desa semana está dedicada a tarefas de listening, writing e speaking da sección “Functions” e recoméndaselle ao alumnado a realización das actividades interactivas desa sección para reforzar o traballado.
Na terceira e cuarta semanas (sesións 7, 8, 10 e 11) fanse as actividades complementarias (Extracurricular, Cities e Celebrities), mentres que o apartado de “Special dates”, obviamente, se reserva para ser traballado no mesmo día ou nos días previos.
AVALIACIÓN
Cada paquete de actividades contén o seu propio sistema de retroalimentación e de autoavaliación, tal e como se explica na guía didáctica que acompaña cada unidade.
Como docentes podemos facer que esa autoavaliación se converta nunha nota de avaliación. Para iso, simplemente debe pedirlle ao alumnado que faga unha captura de pantalla do rexistro de avaliación e que o envíe como tarefa a través da aula virtual. Na aula Abalar tamén temos a posibilidade de que o alumno lle ensine o rexistro feito antes de pasar á seguinte actividade e que o profesor tome nota. Se pasamos o rato por riba dalgunha actividade, obteremos máis datos. Fíxese na imaxe:
Coa autoavaliación que proporciona Ardora podemos controlar cantas execucións da actividade fixo o alumno, se a rematou correctamente ou non e os puntos obtidos.
Como remate, e tamén a través da aula virtual, escolléronse varias actividades de cada unidade e fixemos un paquete de actividades compatible con SCORM que funciona a modo de exame.
Tamén se leva a cabo unha avaliación externa xa que, ben a través do repositorio Abalar ou a través da páxina do autor, hai compañeiras e compañeiros de lingua inglesa que está probando as unidades.
CONCLUSIÓN
At school, In the City, Under the sea, Cinema e Myths son cinco unidades deseñadas para traballar desde as catro destrezas básicas e desde un enfoque multidisciplinar a adquisición de inglés como terceira lingua.
Despois da acollida tan positiva tanto por parte de compañeiras e compañeiros de profesión como, e fundamentalmente, por parte do alumnado que debe realizar as ditas actividades, a intención é seguir elaborando materiais dixitais con este formato e solicitar nun futuro unha nova licenza para elaborar outras catro unidades e ter así completo o currículo de primeiro da ESO.