Evolución histórica das mulleres no ensino

Da educación feminina á coeducación en igualdade
Neste traballo realizamos un percorrido pola relación histórica entre as mulleres e o seu acceso ao sistema educativo a través dos diferentes marcos xurídicos. Así mesmo, analizamos detidamente o contexto actual axudándonos de traballos que avalían as prácticas do alumnado e o profesorado para denunciar a deficiente implantación da coeducación en igualdade.

Noemi Basanta
Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela
noemi.basanta@usc.es

 

1. Introdución

A coeducación en valores convídanos a reflexionar sobre a idea de que todo proxecto educativo interactúa con condicións históricas, culturais e políticas. Educar sería, pois, introducir nun universo cultural (Meirieu, 1998). Se tomamos esta idea como punto de partida, podemos asumir que a función da escolarización non é exclusivamente formar nos contidos académicos que aparecen na lexislación. Debemos aceptar a existencia dun currículo máis amplo que converte a institución escolar nunha ferramenta para inculcar normas, crenzas e valores coa finalidade de integrar os individuos na sociedade.

Por este motivo, o movemento feminista non descoidou este medio para fomentar a igualdade de xénero. De feito, un dos maiores avances acadados no sistema educativo foi comezar a entender a escola como un espazo no que deben ser eliminados os estereotipos para superar as desigualdades e xerarquías entre as persoas. Porén, o camiño cara a penetración das mulleres no ensino e a coeducación de xénero como finalidade didáctica foi un longo proceso que dividiremos en tres etapas.

 

2. As mulleres no sistema educativo

2.1. Sofía e o conflito ilustrado

O primeiro período debemos situalo nos inicios do liberalismo, un momento en que se asume a diferenciación radical nas canles de educación e os modelos formativos para un ou outro sexo. A institución escolar será o espazo propicio para os nenos, mentres que o fogar continuará a ser o medio formativo das nenas por considerar que existe unha desigualdade natural entre homes e mulleres que debe plasmarse nunha educación diferenciada (Benso, 2003). Non obstante, as raíces históricas máis profundas sobre a teorización da desigualdade que xustificaba a inferioridade das mulleres debe remontarse a un século antes coas reivindicacións pioneiras de Poulain de la Barre. Nos seus textos defendeu a igualdade entre homes e mulleres por enriba das regras sociais, xustificando que o que provocaba a suposta inferioridade da natureza feminina era a desigualdade social e política e non ao revés. Por este motivo, no seu libro De l'éducation des dames pour la conduite de l'esprit dans les sciences et dans les moeurs, publicado en 1674, xustifica a posibilidade de combater a desigualdade a través da educación.

A Ilustración supuxo un momento histórico decisivo para as primeiras reivindicacións do trato igualitario entre as persoas no eido educativo ao considerar que as diferenzas entre os individuos só son produto de desigualdades históricas. Paradoxalmente, nos programas de eliminación das desigualdades sociais elaborados nese momento non se incluía a problemática de xénero. De feito, foi un momento de intensos debates e polémicas entre defensores da igualdade como D'Alembert, Condorcet, Madame de Lambert ou Théroigne de Méricourt (Cobo, 1995) e detractores entre os que destacaremos a Jean Jacques Rousseau. Este ilustrado, aínda que pasou á historia como o defensor da igualdade política e social entre as persoas co seu Discours sur l'origine et les fondements de l'inégalité parmi les hommes, tamén sostivo que a diferenza entre os sexos tiña unha orixe natural e que era, polo tanto, irremediable. Esta idea aparece reflectida no tratado Emilio onde explica que os obxectivos da educación das mulleres —representadas en Sofía— son contrarios aos da educación de Emilio: deben ser instruídas para a dependencia, a submisión e a obediencia do seu pai e, máis tarde, do seu marido. A lóxica deste pensamento reside en que, se asumimos que a sociedade está dividida en dous sexos, tamén debe estalo en dous espazos, o público para os homes e o privado para as mulleres.

Contra estes presupostos levantáronse voces feministas como a de Mary Wollstonecraft, coñecida por escribir en 1792 A vindication of the rights of woman, un documento no que argumenta que non existe unha inferioridade intrínseca ás mulleres senón que está motivada precisamente por non teren acceso á educación axeitada.

2.2. Alfabetización básica, adoutrinamento moral e tarefas do fogar

O segundo período da inserción das mulleres no ensino iníciase no século XIX e esténdese ata o século XX, coincidindo co momento en que entraron no sistema escolar sen compartir espazo cos homes e recibindo unha formación acorde coa súa suposta condición feminina. Este sistema recoñece a educación formal para todas as persoas, pero está pensado para que os valores inculcados sexan diferentes en función do sexo. Como consecuencia, malia implicar un avance, non deixa de comportar un trato diferenciado e discriminatorio. No Estado español, esta ideoloxía podemos atopala na lexislación franquista. Así, a Lei de 1945, vixente até a Lei Villar Palasí de 1970, xustificaba que os nenos e nenas debían seguir itinerarios educativos diferenciados “por razóns morais e de eficacia pedagóxica”. A educación primaria orientaría os nenos por dúas vías —a formación intelectual e o mercado laboral— mentres que as nenas serían instruídas para a vida do fogar e a artesanía (Macías e Rodríguez 2010, p. 92).

Desde o punto de vista da teorización sobre o xénero, o século XIX é decisivo porque, aínda que existen numerosos filósofos que continúan afondando nos presupostos misóxinos, tamén apareceron pensadores como Stuart Mill coa súa obra The subjection of women onde desmonta ideoloxicamente os prexuízos sobre a inferioridade das mulleres. A primeira metade do século XX foi especialmente frutífera grazas á aparición da inglesa Virginia Woolf e da francesa Simone de Beauvoir. En 1929, Woolf escribiu A room of one’s own, un texto onde reflexiona sobre os problemas das mulleres ao estaren condicionadas pola escaseza de recursos e a dependencia económica con respecto aos homes. A súa reflexión influíu substancialmente no movemento feminista en xeral e na escola angloamericana en particular. Pola súa parte, Beauvoir publicou en 1949 Le deuxième sexe, un texto co que iniciou os debates sobre a diferenciación entre sexo/xénero e que se popularizaron a través da súa famosa frase “On ne naît pas femme, on le devient”. Con este libro, abriu o campo de estudo a propósito da interpretación da igualdade e a diferenza sexual e tamén anticipou moitos problemas dos modelos teóricos futuros sobre a construción do xénero por colocar a énfase en que esta noción unicamente debe ser empregada para referirse á orixe social e non á natureza biolóxica da masculinidade e a feminidade.

2.3. Educación mixta e apoio legal

O terceiro período que debemos sinalar para estudar a incorporación das mulleres ao sistema escolar correspóndese co momento histórico actual que conduciu á implantación dun modelo de ensino mixto na que os nenos e nenas comparten o mesmo espazo e se lles ensinan os mesmos contidos académicos.

No Estado español, este esquema implantouse en 1970 coa Lei xeral de educación na que se ofrece a igualdade de oportunidades educativas para homes e mulleres. Actualmente, a Lei orgánica de educación 2/2006 (LOE), explica no seu preámbulo que os fins a perseguir son:

"o pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades afectivas do alumnado, a formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e da igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres, o recoñecemento da diversidade afectivo-sexual, así como  a valoración crítica das desigualdades que permita superar os comportamentos sexistas. Asúmese así, na súa integridade o contido do expresado na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero".

Así mesmo, no capítulo I insístese en que un dos principios básicos da educación debe ser “o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e fomento da igualdade efectiva entre homes e mulleres”. Alén diso, sinálase como finalidade do ensino “a educación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres”. No artigo 23 inclúese como un dos obxectivos da ensinanza secundaria obrigatoria “rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres” e entre os fixados para o bacharelato no artigo 33 “analizar e valorar criticamente as desigualdades existentes e impulsar a igualdade”. Finalmente, dentro dos órganos colexiados de goberno establécese que o consello escolar designe “unha persoa que impulse medidas educativas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.

No ámbito estatal, as disposicións da LOE compleméntanse coas establecidas na Lei orgánica 3/2007 que no seu capítulo II determina actuacións específicas no plano educativo:

a) A atención especial nos currículos e en todas as etapas educativas ao principio de igualdade entre mulleres e homes.

b) A eliminación e o rexeitamento dos comportamentos e contidos sexistas e estereotipos que supoñan discriminación entre mulleres e homes, con especial consideración a iso nos libros de texto e materiais educativos.

c) A integración do estudo e aplicación do principio de igualdade nos cursos e  para a formación inicial e permanente do profesorado.

d) A promoción da presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de control e de goberno dos centros docentes.

e) A cooperación co resto das administracións educativas para o desenvolvemento de proxectos e programas dirixidos a fomentar o coñecemento e a difusión entre as persoas da comunidade educativa, dos principios de coeducación e de igualdade efectiva entre mulleres e homes.

f) O estabelecemento de medidas educativas destinadas ao recoñecemento e ensino do papel das mulleres na historia.

No ámbito galego tamén debemos destacar a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Incorpora aspectos citados como a maior presenza das mulleres nos contidos do currículo, non admisión de contidos que transmitan estereotipos sexistas etc. Resulta especialmente interesante o artigo 2 no que se distingue entre discriminacións directas e indirectas ante as mulleres. Establece a necesidade de eliminar as discriminacións indirectas entendidas como os criterios ou prácticas “aparentemente neutras que poidan ocasionarlle unha desvantaxe particular a unha persoa respecto doutras por razón de sexo”. Así mesmo, no artigo 18 do capítulo III fai mención explícita á depuración lingüística cando estipula que “a Xunta de Galicia erradicará, en todas as formas de expresión oral ou escrita, o uso sexista da linguaxe no eido institucional [...] Tamén procurará a erradicación do uso sexista da linguaxe na vida social e, para estes efectos, realizaranse campañas de sensibilización e divulgación pública”.

Á luz desta breve análise sobre a situación das mulleres na lexislación, semella que actualmente nos encontramos nun momento histórico propicio para fomentar a coeducación en valores de igualdade de xénero. Dispoñemos dun marco legal que apoia a implantación de programas coeducativos, se compromete coa formación do profesorado e formula o sexismo lingüístico como unha tarefa que debe ser erradicada. Con todo, numerosos estudos demostraron que a igualdade de acceso ao coñecemento non leva intrínseca a igualdade no trato e desenmascararon que a educación aínda mantén e afianza estereotipos e discriminacións sociais (Castro e Reimóndez, 2013).

3. Coeducación de xénero contra o mantemento das desigualdades sociais

Para avaliar a situación real da igualdade de xénero e a posta en práctica da lexislación antes mencionada debemos considerar algunhas investigacións feitas desde organismos oficiais nas que se analizan as actitudes desde un punto de vista cuantitativo. No informe da Xunta de Galicia (2003) constatouse a través de enquisas que o alumnado manifesta actitudes cada vez menos discriminatorias que se reflicten no elevado grao de acordo nas respostas ante frases que amosan actitudes igualitarias entre homes e mulleres. Os datos obtidos corroborarían que existe un avance moi significativo nas actitudes declaradas por adolescentes, especialmente para a igualdade laboral. Con todo, os resultados tamén demostran que, á par, existe unha persistencia moi importante dos estereotipos de xénero nas expectativas profesionais. Acontece que, tendo a oportunidade de elixir entre 26 profesións, o 82,5 % dos rapaces e o 67,5 % das rapazas elixiron unha profesión atribuída socialmente ao seu xénero.

De feito, a análise cuantitativa de estatísticas xerais permítenos corroborar que, aínda que non existen diferenzas entre homes e mulleres no acceso ao sistema educativo, os estereotipos continúan a condicionar a elección de estudos superiores. Os Datos básicos del sistema universitario español do Ministerio de Educación para o curso escolar 2013/14 infórmannos de que as mulleres teñen plena presenza no ensino universitario e superan o 50 % do total de estudantes. Non obstante, se atendemos á distribución por ramas de coñecemento encontramos dous datos que apuntan a unha distribución estereotipada por sexos: as mulleres apenas alcanzan o 26,1 % nas ramas de enxeñería e arquitectura mentres que superan o 70 % nas de ciencias da saúde. É dicir, continúa a haber unha maior presenza feminina nas carreiras vinculadas aos coidados que contrasta coa escasa presenza delas nas consideradas tradicionalmente masculinas.

Para achegármonos a unha coeducación efectiva dentro das aulas, é fundamental a implicación persoal por parte do profesorado. Como consecuencia, a súa formación constitúe un punto central no avance cara a transmisión da igualdade de xénero dentro dos centros educativos. Esta cuestión aparece amplamente recollida na lexislación vixente onde se fai explícita a vontade dos organismos públicos de integrar os contidos sobre igualdade de xénero dentro dos programas formativos. Así, a Lei orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva entre mulleres e homes recolle no artigo 24 a necesidade de fomentar “A integración do estudo e aplicación do principio de igualdade nos cursos para a formación inicial e permanente do profesorado”. No caso galego, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes indica que “a Xunta de Galicia no seu ámbito de competencias incentivará a formación de axentes e promotores de igualdade de mulleres e homes”. A aplicación práctica destas leis pode observarse na elaboración de diferentes cursos de formación permanente organizados desde diferentes ámbitos.

Non obstante, malia ser certo que parece existir unha aposta decidida polo fomento da igualdade e a formación do profesorado no marco legal, os resultados dalgúns estudos fannos pensar que as prácticas docentes e as ideoloxías asentadas en estereotipos de xénero continúan a ter vixencia. Nese mesmo estudo apúntase que, a pesar do suposto compromiso legal coa formación do profesorado, o 67,3 % dos e das docentes afirman que non asistiron a ningún curso sobre educación en igualdade. Alén diso, se focalizamos a cuestión na utilización da linguaxe non sexista, os datos obtidos neste estudo son aínda máis preocupantes porque, logo da realización de tres grupos de discusión, conclúese que “o interese docente neste asunto é francamente escaso, tanto para quen participa nos grupos como para, segundo os seus testemuños, a xeneralidade deste colectivo” por considerar que se trata dunha cuestión de forma máis ca de fondo.

 

4. Conclusións

As leis e a práctica educativa para a igualdade entre homes e mulleres non están situadas ao mesmo nivel. Na actualidade, contamos cun marco xurídico idóneo para promover a igualdade de xénero, cursos de formación do profesorado e multitude de materiais didácticos mais non sempre os datos estatísticos apuntan resultados favorables. É certo que se deron importantes avances en materia de igualdade, mais a escola non impide que se transmitan estereotipos que levan a que, por exemplo, nas escollas de estudos superiores moitas persoas continúen atendendo a prescricións de xénero. Non podemos considerar que a escola sexa a causa, mais si o organismo que debería erixirse como o motor fundamental para os procesos de cambio.

A organización da sociedade dentro das polaridades de xénero pode ser un bo exemplo para que o alumnado comprenda que a súa identidade individual e colectiva está sometida a regras sociais que lles veñen impostas, mais que, só sendo conscientes delas, poden construír a súa propia biografía.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BEAUVOIR, S. (1978 [1949]): Le deuxième sexe. París: Gallimard.

BENSO Calvo, C. (2003): “Exclusión, discriminación y resistencias. El acceso de la mujer al sistema educativo (1883-1930)”, en Jato Iglesias, E.; Iglesias da Cunha, L. (2003): Xénero e educación social. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, pp. 57-78.

CASTRO, O.;  REIMÓNDEZ, M. (2013): Feminismos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

COBO, R. (1995): “Género”, en 10 palabras claves sobre mujer. Navarra: Editorial Verbo Divino, pp. 1-23.

DE LA BARRE, P. (1674): De l'éducation des dames pour la conduite de l'esprit dans les sciences et dans les moeurs. París: J. Du Puis.

España, Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Boletín Oficial do Estado núm. 106, 4 de maio de 2006, p. 17158.

España, Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Boletín oficial do Estado num. 71, 23 de marzo de 2007, p. 12611.

Galicia, Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Diario Oficial de Galicia num. 149, 3 de agosto de 2004, p. 11023.

MACÍAS, X.; RODRÍGUEZ I. (2010): 22 documentos do feminismo galego. Santiago de Compostela: Fundación Galiza Sempre.

MEIRIEU, P. (1998): Frankenstein educador. Barcelona: Editorial Laertes.

MILLS, S. (1988 [1869]): The subjection of women. Cambridge: Massachusetts.

Ministerio de Educación (2013): Datos y cifras del sistema universitario español. Curso 2013-2014. Madrid: Subdirección Xeral de Documentación e Publicaciones.

ROUSSEAU, J. J. (1967 [1762]): Émile ou de l'education. París: Garnier.

ROUSSEAU, J. J. (1979 [1755]): Discurso sobre el origen y fundamento de la desigualdad entre los hombres. Madrid: Alfaguara.

WOOLF, V. (2005 [1929]): A room of one’s ewn. Orlando: Fla. Harcourt.

WOLLSTONECRAFT, M. (1993 [1792]): A vindication of the rights of men. A vindication of the rights of woman. An historical and moral wiew of the French Revolution. Estados Unidos: Oxford University Press.

Xunta de Galicia (2003): Educación e xénero: a discriminación no ámbito escolar galego. Santiago de Compostela: Servizo Galego de Igualdade.

Sección: