Bibliotecas escolares

A cociña dunha escola é a biblioteca

A visión da biblioteca desde a dirección do centro
A través deste artigo pretendo ofrecer unha visión moi subxectiva do que unha directora pode conseguir, contando sempre con apoios, no seu centro educativo se canaliza os seus esforzos en optimizar aqueles recursos que unha escola debería garantir, pero que aínda hoxe non funcionan a pleno rendemento. Ás veces, as bibliotecas escolares dos centro non chegan a ser bibliotecas; ás veces, os centros escolares distan moito do que debe ser a escola.

Esther Molina Fernández
Profesora, membro do equipo de biblioteca e directora
CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas (Bande)

Familia e escola

É un feito indiscutible que o primeiro referente dun neno é a familia. E con esa referencia chega á nosa escola; por algunha razón, empeñámonos en converter esa escola noutra cousa... nun contexto diferente, regulado doutro xeito.

Da mesma maneira, cando un comeza no mundo laboral, asume que as cousas cambian e que as interaccións que se dan no contexto laboral nada teñen que ver coas familiares. Non obstante, todo isto é moi cuestionable, polo menos para min, xa que con 29 anos asumín a dirección dun centro. Evidentemente, a experiencia que unha pode ter neste campo é nula ou case nula, así como a experiencia laboral, despois de pasar pola escola, instituto e universidade... Por iso, unha asume esa tarefa empregando os modelos de autoridade que ten: a familia. Uns pais que durante toda unha vida gobernaron unha casa co sentido común que lle é propio a persoas que teñen que loitar para conseguir algo. Coa humildade de quen sabe que hai mil xeitos de facer as cousas, quizais con máis eficiencia ou eficacia, pero considera que o mellor é facelas entre todos.

Baixo estas dúas premisas, asumín o meu papel matriarcal soa, viúva de xefatura de estudos e secretariado a causa da escaseza do número de unidades. E como boa nai novata, mostreime preocupada, ansiosa, eufórica e pesada moitas veces con todo o que tiña que ver con “ese meu cole” que quería ver medrar pouco a pouco.

É curioso percibir como, de golpe, esa gobernanta duns fillos que non son de sangue, e que tamén queren facelo moi ben, cada un deles centrado na súa materia, cunha manía (algúns organizados, outros dos que van deixando todo por aí, outros difíciles de tratar como adolescentes enfadadas co mundo, pero todos dando voltas nese espazo que comeza a converterse nunha casa).

A nosa, en concreto, precisaba dunha boa capa de pintura, moita limpeza e organización, pero sobre todo precisaba converterse nun fogar. Para min, a diferenza entre unha casa e un fogar está na cociña.

 

A cociña dunha escola é a biblioteca

Estantes repletos de alimentos que encherán a nosa alma. Acceso a receitarios novos, a prácticas e experiencias con outros... Para min era a primeira preocupación como directora; cada mestre podía ter o seu espazo particular, único e concreto (así como un fillo un cuarto), pero a cociña é o espazo para compartir, falar, aprender, gozar, pensar, debater... en resumo, a vida dunha casa, a vida da escola. Este sentir é o que lle dá título a este artigo, e o que converte a biblioteca escolar nese motor que impulsa todas as boas prácticas, proxectos ou programas que garanten os maiores logros para os primeiros beneficiarios da escola: o noso alumnado.

Para conseguilo falei, como se falan as cousas sen moito sentido, só movida polas ansias de facer o mellor para o noso cole, dun xeito máis instintivo ca organizado. Pero tiven a sorte de atopar xente que encamiñou moi ben esas ansias, que leva anos axudando a outras bibliotecas a converterse nese motor, nesa cociña. Falo da Asesoría de Bibliotecas Escolares que tivo a paciencia de escoitar as nosas inquedanzas e orientarnos nese longo camiño que pretendiamos comezar.

A inspiración levounos a dúas desas fillas e a min (porque sempre hai a quen lle gusta máis a cociña) a remodelar aquel vello espazo que levaba tempo en desuso e que pouco invitaba a facer nada nel.

Comezamos por limpar estantes, pintar, comprar libros novos, con moitas limitacións de orzamento. Iso fixo que o resto da familia quixese comezar a comer, sen saber moi ben o que, ían e collían de aquí e de acolá, levaban...

Foron os primeiros pasos, limpar o espazo, facer moito expurgo e crear un ambiente máis acolledor, onde cada membro desa nosa casa se sentise a gusto. Non foi un camiño doado xa que —e penso que é moi común— esta situación xerou un pouco de caos, porque as que levaron traballo non vían ben que os outros se aproveitasen dun esforzo que en moitas ocasións nin valoraban, ou que entrasen e saísen collendo e levando como se tal cousa, sen pedir permiso nin comentar sequera. Claro está que os outros argumentaban que a cociña era de todos.

O papel dunha nai neses casos é mediar e, con sentido común como estratexia, xunteinos a todos e explicamos o traballo feito, o que estaba por facer e como aproveitarnos todos dese espazo.

 

 Imos entrando na biblioteca

 

Outra mirada sobre a biblioteca de Bande

 

Coordinación da biblioteca. A encargada da cociña

Comezamos a pensar na xestión e organización da biblioteca. Comprobamos que sacar proveito de algo leva consigo responsabilidades. Á filla máis cualificada para esa tarefa asigneille o papel de responsable, sabendo que contaba co meu apoio porque que sentido ten darlle esa responsabilidade a alguén se non confías nela? O papel da persoa responsable da biblioteca é un dos de máis difícil desempeño e con menos gratificación, tanto por parte das administracións como —na maioría de casos— desde o propio centro. Con horas limitadas para un traballo que sempre medra porque canto máis se fai, máis preciso é seguir facendo. Nunca se remata na animación á lectura, na busca de proxectos ou novas propostas, na lectura de novos catálogos...

O único que lle podo manifestar á responsable, con ese apoio incondicional, é a garantía dun mínimo de horas, un orzamento mínimo do 10 % do total do colexio e un ombro no que chorar.

Moi pronto a responsable da biblioteca e as compañeiras que formaban parte do equipo quixeron facela funcionar coma esa cociña que convertese o noso centro, a nosa casa, nun verdadeiro fogar. Para iso consultaron o mellor receitario posible: o blog de bibliotecas escolares. E aí foron aprendendo que se podía facer e como en moitos aspectos da biblioteca (formación de usuarios, animación á lectura, xestión e organización). Para levar todo iso a cabo faltábanos unha parte imprescindible: formación.

O bo que ten a ignorancia é que é moi atrevida e ata ese momento todo era posible... só se podía mellorar. Cando comezamos a meternos máis de cheo no mundo das bibliotecas escolares, sentiámonos tan pequenas... A nosa casa era tan humilde, tan básica... tanto traballo, e non tiñamos máis que unha lixeira visión daquilo no que queriamos converternos.

Ese primeiro ano, despois de facerlle o primeiro lavado de cara á biblioteca e intentar matricularnos en todos os cursos de formación relacionados coa biblioteca escolar que se fixeron no CFR, a través da plataforma PLATEGA ou en xornadas como as de bibliotecas escolares, tamén solicitamos o Plan de mellora de bibliotecas escolares.

Supuxo o punto de partida para que a biblioteca escolar adquirise o valor imprescindible entre todos os membros do claustro; eles fixeron posible que todo o traballo desenvolto na biblioteca desde ese momento fose sempre beneficioso, agradable, sinxelo e ben acollido por todos os membros da comunidade educativa.

 

Zona de lectura libre

 

Entrar no PLAMBE garantiunos non só un orzamento máis amplo para lograr os nosos obxectivos, senón que nos deu a forza e o impulso preciso para acadar todas as metas porque, coma calquera nai, quería darlles o mellor aos meus fillos. Como, sendo tan bos, tan traballadores, tan implicados, non viamos resultados?

E coa forza desa nai que ten a casa nunha urbanización onde todas gozan de servizos comunitarios e a dela non, pedín, ata que se nos deu, o que por dereito nos correspondía. E sigo pedindo. Por desgraza, algunha desas fillas que tivo que abandonar o niño non pode gozar do que axudou a conseguir, pero gardamos para nós eses tempos compartidos.

Dóeme que a Administración non saiba gratificar as horas extra catalogando, expurgando, inventando contos, cargando actividades na páxina web, horas nas librerías, nos cursos... pero dou grazas porque nesas horas extras eu tratei xente extraordinaria, que o dá todo e, cando xa o deu, aínda che di: precisas algo?

A Administración non sabe nin o nome desa xente, pero as directoras e directores imos ás súas vodas, coleamos os seus fillos... iso é o que pasa cando se converte unha institución nunha escola, onde as relacións persoais pesan máis ca as laborais. Convertemos o noso cole na nosa casa e que bonito é traballar na casa. Mellor dito, que bonito é saber que hoxe xa é un fogar.

 

 Lectura no recuncho dos pequenos

 

Sección: