Atios TV

A nosa televisión educativa


Juan Ramón Alonso García
Laura Adela Fernández Blanco
CPI de Atios-Valdoviño
cpi.atios@edu.xunta.es



A idea de Atios TV nace a finais do curso 2011/12 nunhas xornadas de innovación educativa organizadas na Coruña, onde unha das relatoras nos falaba da posibilidade de facer unha televisión educativa coa idea de mellorar no alumnado a competencia comunicativo-lingüística, entre outras. Naquel entón eu era titora dun grupo de primeiro de educación primaria e nese mesmo curso escolar aventurarámonos a empezar a traballar por proxectos, a desprendernos dalgún libro de texto e a poñer en marcha, por exemplo, a aula virtual na plataforma Moodle como ferramenta de aprendizaxe e vínculo de comunicación coas familias. Aquel curso foi un ano de moitos retos, inquietudes, inseguridades, moitas horas de formación, pero, sobre todo, de moita ilusión por intentar facer ben as cousas. A idea da televisión educativa parecíanos realmente interesante pero, en principio, parecíanos tamén moi difícil de levar á práctica. Xa nunha das últimas reunións de coordinación de ciclo daquel ano, suxerimos a idea sen moitas esperanzas de que chegase a bo porto. Pero non foi así…

Probablemente esta historia tería que empezar falando do centro no que traballo. Atios é un CPI (centro público integrado) situado nunha zona rural do norte da comunidade galega, concretamente en Valdoviño (A Coruña). É un centro no que levo traballando xa sete anos e no que atopei a oportunidade de medrar moito profesionalmente. A implicación, o apoio e o traballo incondicional de toda a comunidade educativa son impresionantes. Son moitas as actividades que se organizan no ámbito do centro e onde participan familias, persoal non docente, alumnado, claustro… contando sempre co total apoio dun equipo directivo eficaz, traballador e moi implicado en todo o que facemos no centro. En Atios todos somos importantes, empezando polo persoal da cociña, conserxe, secretaria, responsables da cafetería, ANPA, familias… todo o mundo colabora, participa e se implica activamente nunha morea de actividades e proxectos que non buscan máis que contribuír e potenciar a “educación” dos nosos nenos e nenas…

Cando os profes que foramos ás xornadas formulamos a idea da televisión educativa, a todo o ciclo lle entusiasmou a idea. Para a miña sorpresa, deseguida empezaron a tomarse decisións para que Atios TV se convertese nunha realidade xa no curso seguinte. O que nun principio era unha idea vaga e non moi definida, en pouco tempo empezou a traducirse en necesidades de formación, adquisición de recursos materiais, adaptación das programacións didácticas, implicación das familias…todo empezaba a rodar. As familias eran unha peza clave. O feito de utilizar imaxes dos nenos e colgalas na rede parecíanos que igual podería espertar algunha reticencia nos pais e nais. O que fixemos foi convocar unha reunión coas familias onde lles explicamos o proxecto. A resposta foi esmagadoramente positiva e a totalidade dos nenos do meu nivel deu a autorización correspondente e a gran maioría do ciclo e mesmo do centro tamén. Un dato significativo a este respecto en canto á repercusión que este proxecto tivo en Atios está en que, hoxe por hoxe, no impreso de solicitude de matrícula de todo o alumnado se solicita expresamente a autorización para a televisión educativa.


Canle educativa CPI de Atios
A continuación, o seguinte que fixemos foi poñer a idea en coñecemento do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol e incluír a televisión educativa e a edición de vídeo como un dos cursos de formación que recibimos no noso propio centro a través do Plan de formación en centros (PFPP) que se puxo en marcha no curso 2012/13. Este foi outro dos piares nos que se apoiou este proxecto, xa que tivemos a sorte de contar cun relator excelente, realmente involucrado e interesado nas posibilidades que a televisión educativa pode ter, e que nos contaxiou dun entusiasmo que nos axudou a levar todo adiante. Por parte do CFR tivemos máis axuda, como a facilitación do material necesario, como, por exemplo, un trípode para as gravacións e, grazas ao PFPP, contamos cun pequeno orzamento para iniciar todo o proxecto.

Pouco a pouco, Atios TV foise convertendo nunha realidade. Unha idea que xurdiu inicialmente no primeiro ciclo de EP, paseniñamente foi contaxiando o resto de ciclos e mesmo  outras etapas do colexio. No curso de formación inscribímonos profesorado de todas as etapas educativas e de especialidades moi diversas. Despois duns duros meses de formación empezamos a facer pequenos vídeos e montaxes con traballos dos nosos alumnos e alumnas. A resposta dos rapaces foi incrible.

De toda esta historia, para nós, o máis importante foi ilusionar o noso alumnado como nunca antes o fixeramos, dándolle a oportunidade de sentirse protagonista, de sentirse especial e, sobre todo, achegando un sentido funcional e contextual ao ámbito de aprendizaxe. Atios TV permítenos mellorar a calidade do ensino abrindo unha ventá ao mundo. Os nosos alumnos saben que os guións, gravacións, escenarios, postas en escena etc. serán observados e valorados por moita xente, o que os empurra a esforzarse por mellorar. É incrible ver a nenos extremadamente tímidos falando con soltura diante da cámara, é como se realmente se transformasen noutras persoas; apaixónanos ver a cantidade de ideas, proxectos e suxestións que teñen para a tele. Continuamente teñen gañas de facer cousas novas e eles mesmos son conscientes de que Atios TV lles permite ensinarlle ao mundo o que fan e o que aprenden. As súas propostas son tan diversas que poden ir desde facer unha entrevista a un videoclip musical onde eles mesmos inventan e gravan a canción e, ademais, coa particularidade do traballo en equipo. Neste proxecto todos suman, todos participan e todos contribúen ao resultado final.

Como vimos, AtiosTV nace e medra de forma paralela a un cambio metodolóxico importante no noso centro. Destacamos a continuación as estratexias metodolóxicas empregadas que consideramos que  son a base de todo o que facemos:


Páxina de inicio de Atios TV

® Utilización dunha abordaxe globalizada e dun enfoque competencial. Cando este proxecto naceu, tiñamos claro que con esta metodoloxía traballabamos competencias, pero non foi ata pasado un tempo cando o proxecto COMBAS, no que participamos unha parte importante do claustro, nos deu as claves e as respostas que precisabamos…. A programación e a avaliación por competencias foi todo un descubrimento para nós e, hoxe por hoxe, AtiosTV converteuse nun “produto social relevante” extremadamente motivador para o noso alumnado e una ferramenta única dun traballo e avaliación verdadeiramente competencial. En cada proxecto, traballamos sobre un centro de interese motivador e que sempre xera un reto. Abordamos os contidos de forma significativa, integrados na realidade que os nenos coñecen e sempre con finalidades moi claras.

® Construción de aprendizaxes significativas e participación activa. O feito de que os propios nenos decidan que clase de vídeo queren facer, elaboren guións, decorados, realicen entrevistas que previamente deseñaron... garántenos unha implicación total no proceso de ensino-aprendizaxe. No tempo que levamos coa televisión educativa observamos o alto grao de motivación que para os nenos supón e o esforzo que teñen que facer por obter resultados axeitados. O feito de compartir as súas experiencias motívaos para mellorar e facelo ben.


Presentación de varias gravacións
® Autorregulación da aprendizaxe. Neste proxecto propuxémonos que os nenos sexan os únicos e auténticos protagonistas. Para iso, desde o primeiro momento, teñen que regular eles todo o proceso. Eles deciden o que queren facer e como queren facelo e o noso papel como docentes simplemente é o de mediadores. Tanto se o vídeo é unha entrevista ou a gravación dunha exposición, involúcranse totalmente e participan en todo o proceso. Desenvolvemos a autonomía na aprendizaxe, de tal forma que son os eles os que teñen que formular o obxectivo e o sentido do traballo que van realizar, deben coñecer a finalidade que nos formulamos, recoñecer e analizar os seus propios erros e buscar recursos e estratexias para superalos. Cada gravación dános a oportunidade de analizar o que fixemos ben, o que fixemos mal e de facer propostas de mellora para sucesivos proxectos.

® A atención á diversidade como eixe central de todo o traballo. No noso centro, como en todos, contamos cunha gran variedade de necesidades, intereses e capacidades entre o noso alumnado. A televisión educativa deunos a oportunidade de que todos e cada un do noso alumando se sinta especial, se sinta protagonista e, en definitiva, se sinta importante. A elaboración dos diferentes vídeos permitiunos ver como nenos con importantes dificultades no ámbito comunicativo-lingüístico se esforzan ao máximo para poder presentar un guión, como nenos extremadamente tímidos ou con dificultades de relación fan unha exposición oral diante de compañeiros de todo o centro. Vivimos o auténtico traballo en equipo, onde uns axudan os outros e onde o que realmente importa é que sumando esforzos todos saímos gañando. As estratexias de traballo cooperativo que utilizamos para elaborar os guións, estruturar os vídeos, tomar decisións...  axúdannos a integrar a todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

® O uso das TIC como recurso de aprendizaxe. Con este proxecto realmente tivemos a oportunidade de levar as TIC á aula. O uso da cámara de fotos, de vídeo, o ordenador para gravar audios, para montar os vídeos… convertéronse en recursos habituais nas nosas aulas, pero tamén outros menos comúns. Por exemplo, o conserxe do noso centro montounos, con moi poucos recursos, unha sala de gravación con "croma" onde, cunha parede pintada de verde e dous focos de luz, gravamos presentacións ás que logo co software de edición de vídeo lles poñemos diferentes fondos. Todos estes recursos, inicialmente moi afastados das aulas, convertéronse nunha realidade case diaria no noso centro

® O rol do profesorado como guía e mediador do proceso. Nun proxecto coma este, os mestres exercemos de mediadores e canalizamos as achegas dos nenos e nenas. Trátase de deixar de ser transmisores do coñecemento e ser mediadores no seu descubrimento. Como xa mencionabamos anteriormente, a televisión educativa cobra sentido nunha metodoloxía activa e por descubrimento, polo que o traballo e rol do docente cambia considerablemente.

 

Outras capturas de gravacións
® Implicación das familias e do resto da comunidade educativa. Por último, gustaríanos destacar este aspecto porque para nós é moi importante. Un dos obxectivos que nos propuxemos no CPI de Atios foi o de achegar o centro ao noso contexto, e o contexto ao centro. Para nós, as familias son un piar imprescindible no noso traballo e coas que intentamos ter o máximo achegamento. A televisión educativa permítenos, por un lado, que vexan e coñezan moitas das actividades e proxectos que facemos e, por outro, que participen tamén como protagonistas. Nun dos vídeos colgados nos que facemos unha sondaxe sobre o uso da lingua galega no noso centro con motivo do Día das Letras Galegas, participaron de forma explícita non só alumnos de todas as idades, senón tamén persoal non docente, profesores de diferentes etapas e áreas e tamén nais que colaboran no comedor escolar. A nosa idea é ir, pouco a pouco, incluíndoos máis a miúdo e con maior protagonismo, xa que son moitas as ocasións nas que as familias colaboran connosco e participan activamente no proceso de ensino-aprendizaxe dos seus fillos, e por iso pretendemos que participen tamén neste proxecto.

Para nós, o nacemento de Atios TV foi unha oportunidade de gozar aprendendo, de ilusionarnos co noso alumnado, de divertirnos xuntos, de gozar co que facemos e, en definitiva, de mellorar. Consideramos que claramente estamos mellorando a calidade do ensino que ofrecemos porque, como vimos ata o de agora, indubidablemente contribuímos ao desenvolvemento das competencias clave, creamos contextos facilitadores da aprendizaxe, dámoslle ao ensino un enfoque global e significativo pero, sobre todo, contribuímos a que o noso alumnado se sinta protagonista, se sinta importante e a que teña a certeza de que a súa opinión é importante para nós. A televisión educativa deunos a oportunidade de que o noso alumnado sexa escoitado, de que tome decisións, de que regule o seu proceso de aprendizaxe e que se implique activamente nel. Este, ademais, é un proxecto que está nacendo e co que esperamos contribuír polo menos un pouquiño ao desenvolvemento de persoas plenas, competentes pero, sobre todo, felices.


 

Máis capturas  de pantalla con traballos dos diferentes cursos

Sección: