Atrapados. Cómo las máquinas se apoderan de nuestras vidas

(Novidade)
Nicholas Carr Editorial Taurus, Madrid, 2014

 

Nicholas Carr é un pensador coñecido polos seus ensaios críticos nos que analiza os efectos da tecnoloxía no ámbito empresarial, cultural e do saber. O autor defende a tese de que, nunha sociedade cada vez máis dixitilizada e na que o número de internautas aumenta a pasos axigantados, a capacidade de raciocinio e de relación das persoas está a sufrir cambios importantes. Se no libro Superficiales, que está haciendo internet con nuestras mentes (2010) falaba de que internet podía ser unha das responsables do empobrecemento do pensamento debido á falta de concentración do individuo que se limita a ler de xeito superficial, na obra que agora nos ocupa, Atrapados; expón como as máquinas (ordenadores, smartphones)  tamén están a diminuír moitas das capacidades intelectuais e sociais dos seres humanos.

O libro fala da automatización que estamos a sufrir na actualidade e do uso que lles damos aos ordenadores para facer todo tipo de tarefas tanto laborais como persoais en cada vez máis ámbitos. Os computadores inundan todos os espazos sociais e estanse a converter na ferramenta esencial para entender o mundo. Nicholas Carr sinala as vantaxes evidentes que proporcionan as máquinas, pero tamén evidencia os riscos dun uso inconsciente que en  ocasións dabondo mingua a creatividade, o talento e a capacidade de razoamento da xente.

O autor subliña que a expansión da automatización pon en risco as nosas habilidades cognitivas e borra a imaxinación das nosas vidas. O poder omnipresente das máquinas na nosa sociedade acomoda as persoas e debilita o noso desexo de buscarmos alternativas de coñecemento que non conduzan á sabedoría e á sorpresa. Parece que a dependencia excesiva destas ferramentas informáticas está dificultando que os máis novos aprendan as sutilezas dos seus oficios e a capacidade de pensamento autónomo. O autor cita exemplos do ámbito da aviación, medicina, xestión empresarial, docencia etc., onde os traballadores perden capacidades esenciais para o seu desenvolvemento profesional e vital (así, comenta como os avances no  software de deseño gráfico resta, en ocasións, capacidade de debuxo manual en moitos profesionais do ámbito).

Nicholas Carr carga tamén contra plataformas como Google ou redes como Facebook que minguan calidades de independencia, curiosidade e enxeño que son fundamentais para o desenvolvemento do ser humano. Segundo o autor, case sempre eliximos as ferramentas tecnolóxicas fascinados pola súa novidade ou atractivo, non porque nos integren no mundo e expandan o campo das nosas experiencias e percepcións. 

Nicholas Carr chega a afirmar que é posible que teñamos que mudar a nosa idea de progreso, e pór a énfase no florecemento persoal e social. Ilustra esta obra con termos tan esclarecedores como o da automatización do cotián ou o da compracencia automatizada.  E de todas estas ferramentas non se esquece do smartphone, do que sinala que exilia as persoas do aquí e do agora. Libro necesario para reflexionar con xuízo crítico sobre o mundo tecnolóxico no que vivimos e para non esquecérmonos da necesidade de lles dar  prioridade ás persoas sobre as máquinas.


Javier Pintor Elizalde
CFR de Coruña

 

Sección: