Reading is flying

Material didáctico para traballar o proxecto lector na Área de Lingua Inglesa.
O proxecto Reading is Flying é un recurso didáctico desenvolvido durante unha licenza de formación, composto por tres historias coas súas correspondentes actividades dixitais, dispoñibles no repositorio Abalar, que mestura o traballo desde o proxecto lector, a Área de Lingua Estranxeira (Inglés) e as TIC. A través destas historias preténdese facilitar e fomentar o gusto pola lectura no alumnado de sexto curso de educación primaria.

Raquel López Rodríguez
Mestra de Lingua Inglesa no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas
raquellopezrodriguez@edu.xunta.es

Silvia Iglesias González
Mestra plurilingüe no CPI Plurilingüe Tomás de Lemos de Ribadavia
silviaiglesiasgonzalez@edu.xunta.es

 

INTRODUCIÓN

É ben sabido que os rapaces e rapazas se divirten moito coas historias, e estas historias teñen o poder de crear maxia e fantasía, o que é moi útil e importante na clase de Inglés como lingua estranxeira. Por unha banda, a literatura ensina sobre a vida, sobre nós mesmos e sobre os demais, o que significa que un texto literario é un bo método para que os alumnos e alumnas desenvolvan respecto, entendemento e aprecio por outras culturas ao mesmo tempo que promoven unha actitude positiva cara á xente de diferentes lugares, relixións e razas. Por outra banda, tamén é unha boa maneira de tratar os obxectivos lingüísticos na nosa aula. Polo tanto, a través da literatura podemos fomentar a competencia plurilingüe.

 O plurilingüismo implica establecer relacións entre as diferentes linguas e culturas que unha persoa posúe e aprende, non se refire ao feito de tratar esas linguas e culturas de maneira illada. O plurilingüismo leva implícito o pluriculturalismo, polo que todas as lecturas incluirán aspectos socioculturais para que os nenos e nenas, seguindo a Claire Kramsch, poidan comparalos cos aspectos da súa cultura e así asimilalos de maneira máis sinxela.

Coa intención de alcanzar os obxectivos establecidos pola LOE e a LOMCE, todos os centros educativos deben elaborar e incluír dentro do seu proxecto educativo un proxecto lector, o cal debe responder ás necesidades do alumnado do centro e ser o resultado dunha reflexión conxunta, contará coa participación de todos os mestres e mestras de todas as áreas e ciclos de educación primaria, polo que tamén será fomentado desde a Área de Lingua Estranxeira (Inglés).

O que se pretende con Reading is flying é facilitar e fomentar o uso da lectura en inglés (tal e como se pode intuír na INTRO do proxecto), con material adaptado que desenvolva técnicas de lectura (predicir, deducir, dar opinión, recoñecer elementos lingüísticos, scanning e skimming) que lles permita extraer a máxima información posible dun texto.

 

OBXECTIVOS

Reading is flying contribúe á consecución dos seguintes obxectivos de etapa que apoian a adquisición da competencia lingüística:

  1. Desenvolver a competencia lectora na lingua estranxeira.
  2. Favorecer a competencia literaria.
  3. Educar no uso crítico da información.
  4. Fomentar o hábito da lectura.

Ademais, este proxecto tamén trata de acadar unha serie de obxectivos máis específicos, que son os seguintes:

  • Promover a lectura en inglés como vínculo de adquisición de cultura e coñecementos  académicos.
  • Axudar o alumno, a través da lectura, a que exprese as súas ideas na lingua estranxeira.
  • Educar o sentido crítico e racional do alumnado mediante a análise de lecturas.
  • Mellorar a dicción e o dominio do idioma ao mesmo tempo que se fortalece o vocabulario e expresións da contorna.
  • Activar coñecementos previos do alumnado e axudalo na anticipación de contidos.
  • Motivar a lectura interactiva (ler, avanzar, retroceder) para descubrir cousas novas.
  • Fomentar a construción progresiva do significado (comprender globalmente, obter información concreta, elaborar interpretacións, reflexionar sobre o contido, organización e estrutura dun texto en inglés...).
  • Integrar varios medios para tratar contidos curriculares, tanto en formato papel coma baseado nas TIC.
  • Consolidar o ámbito lector do noso alumnado na Área de Lingua Estranxeira.
  • Fomentar o uso da lectura en tempo de lecer e crear contornas favorables para esta.
  • Participar no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
  • Familiarizarse e utilizar diferentes soportes dixitais e valorar as TIC como parte do proceso de ensinanza-aprendizaxe.

 

METODOLOXÍA

O proxecto está destinado para levarse a cabo cos nenos e nenas de sexto ao longo de todo o curso escolar. Está pensado para traballarse de xeito individual, atendendo á diversidade, xa que cada alumno ou alumna pode traballar seguindo o seu propio ritmo de aprendizaxe. Tamén cabe a posibilidade de traballalo en parellas ou en grupos, dependendo das actividades ou das características da aula.

O feito de ler en inglés, é dicir, de interpretar os símbolos escritos da lingua estranxeira non é unha tarefa sinxela para o noso alumnado que está afeito a facelo en idiomas fonolóxicos (nos que se corresponde a grafía co fonema). O inglés é un idioma non fonolóxico, polo que a non correspondencia entre grafía e fonema dificulta o proceso mental á hora de enfrontarse a un texto. Reading is flying centrarase no método coñecido como método global, baseado no principio de recoñecer palabras, tanto por oral coma por escrito (lectura auditiva), sen descompoñelas en letras ou sons (lectura visual), para despois facilitarlles o acceso a frases e textos. Esta metodoloxía implica a ensinanza/aprendizaxe seguindo os seguintes principios metodolóxicos:

  1. Aprendizaxe de vocabulario a través de ilustracións: o alumnado partirá dun forte estímulo visual do vocabulario que teñen que ler. Partirase da súa forma oral para poder pasar á forma escrita, de maneira que asocien forma oral con forma escrita.
  2. Escoita da historia: escoitarán a historia sen a forma escrita de dous xeitos, a través dun vídeo animado e a través dun audio.
  3. Ler a historia: lerán a historia seguindo a súa forma escrita.
  4. Actividades de velocidade e comprensión lectora.

 

DESCRICIÓN DE ACTIVIDADES

Reading is flying componse de tres historias, unha para cada trimestre, totalmente abertas e flexibles para que o profesorado as adecúe ás circunstancias reais das súas aulas, é dicir, temporizarán cada historia coas súas actividades, dependendo do ritmo de aprendizaxe dos alumnos e alumnas.  Estas 3 unidades son:

As tres lecturas contan con tres seccións principais: vídeo animado da historia, a correspondente lectura e unha serie de actividades secuenciadas, que seguen esta estrutura (para máis información pódese consultar o manual de uso achegado aos ODES):

Actividades previas á lectura (pre-reading activities): o obxectivo principal destas actividades é o de crear expectativas no alumnado para así aumentar o seu interese. A través destas actividades, tratamos de que os nenos e nenas se familiaricen co tema e se leve a cabo unha avaliación inicial para obter os coñecementos previos. Por outra banda, estas actividades teñen o obxectivo de familiarizar o alumnado co vocabulario e funcións gramaticais (sempre relacionados cos contidos da área de inglés e a modo de repaso) que aparecerán na lectura. É imprescindible traballar previamente nelas para a posterior velocidade lectora e comprensión desta. A secuenciación destas actividades vai desde a presentación e práctica da forma oral do vocabulario e funcións gramaticais ata a interiorización da forma escrita, de maneira que as asocien e se favoreza traballo proposto nas while-reading activities.

Actividades durante a lectura: o obxectivo destas actividades será que favorezan o acceso á comprensión, por exemplo, formular predicións sobre o texto que se está a ler, favorecer a escoita, discriminar sons, completar textos, actividades de mellora da velocidade lectora etc. Estas actividades parten da escoita da historia só oral para que poidan deducir de que trata, pasan pola visualización dun vídeo animado desta para que poidan comprobar o que entenderon e o que non, actividades de velocidade lectora e comprensión para que sigan a lectura (con posible axuda dun dicionario en liña, se é preciso) e rematan co texto para que poidan gozar da lectura individualmente. Desta maneira, utilizado todo en conxunto axudaralle ao alumnado a desenvolver as seguintes habilidades lectoras:

  • Skimming: poderán facer unha idea xeral sobre a historia que están a traballar.
  • Scanning: deberán prestar especial atención a detalles máis pequenos da historia.
  • Deducir significado: deberán deducir o significado do vocabulario que non entendan

simplemente tendo en conta o contexto.

  • Predicir: deberán predicir que ocorrerá na historia.
  • Recoñecer as funcións gramaticais e os marcadores do discurso: deberán recoñecer os conectores (and, such, but etc.) que os axudarán a mellorar o hábito lector.
  • Deducir a opinión e a actitude do escritor tendo en conta o estilo lingüístico do texto.

Actividades despois da lectura: o obxectivo principal destas actividades é que os alumnos e alumnas sexan capaces de interiorizar e, polo tanto, adquirir a linguaxe do texto. Tamén se integran outras destrezas á parte da lectura, importantes para a lingua inglesa e a competencia en comunicación lingüística, a través de actividades que impliquen falar, escoitar e escribir. Despois de facer actividades de comprensión lectora, pasarase a diferentes tarefas que serán escribir outro final para a historia, crear un cómic e levar a cabo un xogo de rol. Son actividades que fomentan a creatividade e o pensamento diverxente, que forman lectores críticos e que desenvolven a afectividade.

Estas actividades permítennos levar a cabo unha avaliación continua ao longo de todo o proceso, desde unha avaliación inicial a través das pre-reading activities ata unha final valorada a través da rúbrica que se incorpora no anexo da guía didáctica deste proxecto. Ademais, é importante mencionar que a ferramenta LIM lle permite ao alumnado avaliarse a si mesmo (autoavaliación).

 

AVALIACIÓN

Ao ser un proxecto que se fixo público recentemente, non obtivemos unha ampla avaliación do seu uso, pero si podemos falar da súa posta en práctica levada a cabo por nós, as autoras.

O que puidemos observar é que resulta un material moi vistoso e motivador por varias causas. Por unha banda, o alumnado vese inmerso en historias e actividades ideadas polos seus iguais, polo que mostran unha actitude máis receptiva cara á lectura e á aprendizaxe de contidos. E por outra banda, foméntase a lectura a través de soportes dixitais, tal e como ocorre na vida real, fóra da aula, o que supón un incentivo para a consecución dos obxectivos do proxecto.

 

LIGAZÓNS

Esta é a relación das ligazóns onde podedes atopar o proxecto:

  1. Reading is flying:
  2. Is there anyone under your bed?:
  3. The new teacher:
  4. Wakanda:

 

RECUSOS EMPREGADOS

Aínda que Reading is flying está empaquetado coa ferramenta de autor EDILIM, foron moitos os recursos utilizados na elaboración dos materiais e actividades que compoñen este proxecto. A continuación expoñemos algunhas desas ferramentas dixitais empregadas para a elaboración do proxecto:

 

RECURSOS

(Orixe de imaxe, son etc.)

CREACIÓN DE IMAXE

MONTAXE E ALMACENAXE

DE VÍDEO

 

 

PROGRAMAS

  • EDILIM 4.1
  • Audacity
  • Adobe Flash CS6
  • Handbrake
  • Format factory

 

 

APP

  • Imovie
  • Writer’s ST
  • Pages
  • Penultimate
  • InstaCollageFree

 

CONCLUSIÓN

Desde a Área de Inglés pretendemos formar cidadáns competentes non só no ámbito lingüístico senón tamén no dixital. A través das unidades baseadas na lectura deste proxecto estamos achegando o alumnado ao mundo real que vai atopar fóra da aula, xa que o avance das novas tecnoloxías da información e comunicación fomentan a lectura a través de soportes dixitais como os libros electrónicos ou as tabletas, unha nova forma de achegarse á lectura hoxe en día.