José Antonio Marina

Filósofo e pedagogo
"Os docentes temos que ser a conciencia educativa da sociedade"

Entrevista realizada por Juan Granados

 

No marco do VIII Congreso de Inspección de Educación de Galicia, celebrado en Vigo en outubro de 2013, e aproveitando a presenza como relator de José Antonio Marina, non nos resistimos a conversar con el sobre os retos da educación no contexto da crise que estamos a vivir.

JG: Gustaríanos que nos adiantases os contidos do teu relatorio: crise como oportunidade, crise como depresión global das persoas…

JAM: Levamos moitos anos en crise: social, tecnolóxica, de valores... polo que temos que afacernos a que imos vivir sempre en crise, porque a sociedade cambia moi rápido. Debemos desenvolver unha intelixencia capaz de se enfrontar a esa crise. O alumnado de agora vaise ver obrigado a cambiar moitas veces de traballo e non están inventadas as ferramentas tecnolóxicas nin conceptuais se non o preparamos para esas crises... Agora a sociedade non sabe o que vai ensinar porque vai demasiado á présa. Nós, os docentes, temos que ser a conciencia educativa da sociedade, explicarlle que é o que nos parece importante transmitirlles ás novas xeracións.


Repítese agora moito que estamos na sociedade do coñecemento. Non, no que estamos é na sociedade da aprendizaxe e os especialistas en aprendizaxe somos os docentes. Temos que ser unha profesión de elite.

JG: Falabas antes sobre a dignificación do profesorado, a súa importancia no proceso educativo e o papel reitor que pode desempeñar no futuro para cambiar rutinas, costumes... Hai unha frase túa no diario El Mundo que me gustaría que explicases: "Se non premiamos os bos, estamos a premiar os malos".

JAM: Eu falo desde as trincheiras. A gran renovación da escola ten que empezar nas aulas. A calidade do sistema educativo está marcada pola calidade dos seus docentes, non pola sociedade nin, a partir de certo límite, polo investimento educativo. Antes investíase o 5,11 % do PIB. Agora, cun investimento inferior, do 4,2 %, vaise resentir unha parte da educación. Pero hai que coidar o nivel do profesorado. Para iso hai que avalialo, escoller os grandes profesores, é dicir, "este é o exemplo". Non podemos ter unha porcentaxe de malos profesores porque acaban deteriorando o sistema educativo. Hai que premiar os bos e facerlles a vida imposible aos malos. E facelo desde dentro.


Neste congreso interésame coñecer como conseguen os inspectores premiar os bos docentes. Desde dentro dos centros poden intentar mellorar a súa calidade. Desde fóra é moi difícil. E hai que abrir a escola á cidadanía, que os profesores entren na clase doutros profesores; se non como se vai aprender? Aprender dos mellores. Aquí hai unha especie de secretismo, "que non me vexan na relación cos meus alumnos".


Finlandia ou Corea do Sur eran nacións moi atrasadas, pero creron que na educación está a solución. Por exemplo, o 20 % dos mellores expedientes universitarios van á escola primaria. Vouche contar unha anécdota que me sucedeu sendo xurado duns premios de investigación de secundaria: unha nai laméntase de que a súa filla, que ten o mellor expediente da comunidade autónoma, queira estudar Maxisterio. Aquí non se valora esa carreira, ao contrario, e ao non a valorar, quen vai estudar Maxisterio? Pois os dunha nota de corte baixa.


Hai un estudo dun Premio Nobel de Economía que di que o investimento máis rendible polo retorno que produce a unha nación é o investimento en educación primaria, porque é a que posibilita que as demais sexan de calidade, porque proporciona unha man de obra moi cualificada e, se non está cualificada, condénase a moita xente á pobreza porque non vai haber postos de traballo.


Hai un feito importante: empezamos a ter a dúbida de se estamos a xerar a suficiente intelixencia para afrontar os problemas que nos veñen enriba. Apareceu unha guerra polo talento. Os Estados Unidos, por exemplo, contratan todo o persoal valioso mentres nós estamos a financiar os estudos de boa parte dos técnicos americanos. Aquí unha carreira cústanos a todos: unha praza universitaria custa entre 6.500-12.000 € por alumno que pagamos entre todos. Os Estados Unidos teñen unha universidade fantástica pero prohibitiva (aprox. 40.000 €).

O feito de falar de educación por persoas que non entenden de educación, e que enfocan e len os datos, se é que os len, de xeito desviado, é un problema de saúde pública: a ideoloxización é á educación o mesmo que a mixomatose ao coello: acaba con ela.


Á cidadanía non lle interesa a educación, porque cando o CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) fai enquisas sobre as preocupacións dos españois nunca aparece a educación nos primeiros postos. Acordámonos dela coma de santa  Bárbara cando trona (cando un neno agride a outro, ante o botellón preguntámonos "que fai a escola?”). Hai que ter interese pola educación tamén cando as cousas van ben. Exemplo: os resultados PISA. Estamos en mediocridade permanente en comprensión lectora ou matemática, pero en equidade do sistema educativo estamos moi ben, dá oportunidades para estudar ata os 16 anos, non fai seleccións (en Finlandia si, ten resultados fantásticos pero facendo seleccións), Alemaña segrega moi pronto os que van a FP...


Imos ver que funciona nos demais países. Acaba de publicarse o informe PISA para adultos (persoas entre 16-65 anos), e agora vemos o resultado da LOXSE: ten defectos e non melloramos, estamos estancados, pero a LOXSE non ten culpa de que ata o ano setenta non houbese en España educación obrigatoria ata os 14 anos, ou de que antes só houbese ensino primario e a xente podíase poñer a traballar ao saír da primaria. Non se pode mesturar todo.

A improvisación e pensar que todo o mundo sabe resolver un problema educativo é irritante, é unha enfermidade social. O que se produce é unha especie de sistema de escusas: os pais culpan a escola, esta os pais, ou ben a culpa tena a televisión que, pola súa vez, rexeita esa culpa porque a televisión se dirixe aos espectadores que ten e que demandan un tipo de programas... Entón a culpa diríxese ao Goberno que decide cambiar a lei, e estamos outra vez igual, é un bucle ata que a cidadanía se convenza de que un sistema educativo como o noso pode pasar a ser un sistema de alto rendemento nun prazo que oscila entre tres e cinco anos co mesmo orzamento. Podemos facelo. Por que non se fixo? Porque non se soubo ou non se quixo facer, ou porque nos entrou unha indolencia absolutamente indecente.


E, primeiro, hai que espertar a seguridade e a esperanza de que se pode facer, de que non é imposible, nun prazo máximo de 5 anos.

JG: Neste sentido, a implicación da sociedade de forma global e permanente nos cambios educativos sempre foi defendido por ti como unha das grandes vías en que as reformas da educación poden funcionar. Gustaríame que explicases con máis detalle esta concepción das cousas.

JAM: Como todos os movementos sociais, non son secuencias puras porque teñen que intervir moitas cousas, de maneira que hai que atacar o problema en moitos niveis, pero hai algúns que son absolutamente prioritarios:

En primeiro lugar, a mellora dos equipos directivos dos centros, porque un equipo directivo pode mellorar ou desgraciar un centro en moi pouco tempo.

En segundo lugar, coidar a calidade do profesorado de forma seria, con formación e esixencia, e non co vitimismo en que nos metemos. Non é que sexa un traballo dobre, é que estamos a pensar en que é un traballo dramático. O discurso tráxico en educación é tamén unha enfermidade. Compararíase o labor docente en canto horas de traballo, de formación, en tensión pola responsabilidade... co labor dun médico? Claro que hai que preparar as clases e ocuparse do alumnado, pero temos unhas condicións de traballo moi agradables, moi cómodas, que o podiamos facer moi ben, e que cousas que se fixeron para protexer a independencia do profesor, como foi convertelos en funcionarios, agora estanse a aproveitar mal porque o único que se di é "teño o posto seguro" e, polo tanto, non coñezo ningún profesor funcionario ao que despedisen. Pois haberá que empezar a despedir algún porque se non a alternativa é premiar os malos e iso non o podemos permitir.

En terceiro lugar, coidar un aspecto que en España estamos a deteriorar moito: a relación familia-escola. Non é lóxico o que estamos a facer. Produciuse unha especie de desautorización da escola por parte de moitas familias e iso é malo porque hai que dicirlles cousas moi elementais ás familias: "na casa fálase sempre ben da escola, diante dos nenos fálase sempre ben da escola e se vostede ten algunha crítica, vaia á escola e dígao, pero non diante dos nenos porque entón estanos a quitar o prestixio, a autoridade que debe ter a escola, que é o lugar de protección da infancia".

Eu son partidario de facer unha carta dos deberes educativos da sociedade, polo que dicía antes: para educar un neno fai falta unha tribo enteira, polo que para educar ben un neno fai falta unha boa tribo. Todos, queiramos ou non queiramos, educamos, pois imos ver que deberes educativos temos os pais, os docentes, os medios de comunicación porque están a educar queiran ou non queiran, os políticos, os deportistas, os policías... cada un no seu nivel.
Logo, a escola ten que saír á rúa, precisamente porque estamos nunha sociedade de aprendizaxe, temos que saír da escola que nos quedou demasiado pequena.

Eu estou agora involucrado nalgúns proxectos, un deles relacionado co abandono escolar. Os axentes especiais para tratalo eficazmente (que é un asunto moi complexo, é unha cuestión non so académica, senón social, económica...) non son os centros educativos, que son demasiado pequenos, non son as políticas xerais autonómicas ou nacionais, que son demasiado grandes. Son os municipios. Estamos a realizar uns proxectos para ofrecérllelos a eses municipios e dicirlles: "Vostede quere reducir, por exemplo, ao 50 % o abandono escolar nun prazo de tres anos? Pois esta é a folla de ruta". A folla de ruta significa que se trata de lle presentar á cidadanía que o abandono escolar para unha cidade é un problema de toda a cidade e que toda a cidade pode facer algo para arranxalo. E como iso é moi difícil inventalo, pois imos explicarllo.

Tal como o presentamos, non se trata tanto de diminuír o abandono escolar senón de como conseguir o éxito educativo, que ten varios parámetros e un deles é a redución do abandono escolar. Outros son a participación cidadá, a diminución da violencia doméstica... porque nos está a matar a pasividade. Non podemos pedirlle á sociedade que se interese pola escola se a expulsamos dela. Hai que abrirlle as portas á escola. Nos centros nos que se invita os pais a participar, estes fano encantados e iso correlaciónase co éxito educativo da escola. Os pais séntense engrandecidos diante dos seus fillos, os rapaces danse de conta de que non estamos illados, de que hai moita xente que se interesa por nós.

JG: Encantado de escoitarte e máis aínda dado que te "secuestramos" entre unha conferencia e outra. Moitísimas grazas José Antonio, foi un enorme pracer.

JAM: Encantado. Moi agradable a conversa.

 

 

<

 

Sección: