As familias e a biblioteca

A biblioteca escolar do CEIP Quintela de Moaña vén traballando hai anos na incorporación das familias ás súas propostas, buscando a súa complicidade para a formación de lectores competentes, a colaboración na xestión da biblioteca e a integración nos procesos de aprendizaxe. Esta experiencia redunda na calidade do ensino e na mellora das relacións familia- escola, tecendo lazos afectivos na comunidade educativa.

Isabel Vázquez Rosales
Belén Escaríz Ferrín
bescariz@edu.xunta.es
CEIP Quintela de Moaña

O currículo outórgalles ás bibliotecas escolares un papel central na adquisición das competencias básicas, como centro de recursos da información, de lectura e de aprendizaxe, dinamizadora da vida educativa e cultural do centro. Son, ademais, un importante factor de compensación social.

Desde a LODE, as sucesivas lexislacións educativas foron dándolles oportunidade ás familias para que participasen, cada vez máis activamente, no sistema educativo.

Conscientes de que a biblioteca debe ser o centro de recursos e aprendizaxe, os nosos esforzos van orientados non só ao alumnado, senón a toda a comunidade escolar, buscando a complicidade e o apoio das familias. Este apoio reforza as nosas accións na formación de alumnado competente, no que cadaquén ofrece o seu saber, constituíndonos nunha comunidade de aprendizaxe.

Obxectivos

Desde a biblioteca vemos a importancia de integrar as familias no proceso educativo, de facelas corresponsables para formar lectores competentes. Por isto traballamos fundamentalmente nestas direccións:

  • Incorporar as familias como promotoras da lectura e da formación cultural do alumnado.
  • Facer propostas cara á creación de ambientes lectores na familia.
  • Incluír as familias como colaboradoras da xestión da biblioteca escolar.
  • Desenvolver diferentes actividades que actúen sobre as emocións.
  • Mellorar a comunicación da biblioteca coas familias.

1. AS FAMILIAS PROMOTORAS DAS LECTURAS

O primeiro obxectivo é integrar as familias nas propostas de fomento da lectura, para convertelas nos nosos aliados. Así, impulsamos diversas actuacións, buscando contextos diferentes.

A primeira das accións que se desenvolve está relacionada coa animación á lectura.

As familias resultan ser uns contacontos excepcionais, polo factor emocional que ofrecen. Non é necesario que todas o fagan, pero en todas as clases hai sempre  algunha familia á que lle gusta contar contos ou historias e resulta moi interesante cambiar o contador. Conseguimos, deste xeito, darlle unha nova dimensión á lectura, facéndolles ver aos nenos e nenas que os libros e a lectura non son cousa dunha mestra ou dun centro de ensino, senón algo multidireccional e esencial para a vida. Por isto, animamos as familias a facer de contacontos. Aqueles que se animan reciben o asesoramento das titoras se é necesario, pero case sempre superan as expectativas en todos os sentidos.

Outro aspecto que contribúe á educación de persoas lectoras é a utilización das familias como mediadores da lectura, o que require unha formación coidadosa e a orientación na selección das lecturas.

As recomendacións lectoras de Nadal, do Día da non Violencia, do Día da Paz, as recomendacións de verán... van encamiñadas cara a esta formación. É importante saber seleccionar lecturas de maior calidade desde o punto de vista literario e formativo, e engadir a adecuación a cada idade e a cada lector ou lectora. Cando editamos recomendacións lectoras para todas as idades, tanto nos blogs do centro como en publicacións periódicas, atendemos o obxectivo de formar as familias como mediadoras da lectura.

Desde o equipo de biblioteca poden deseñarse actuación diversas que fomenten e poñan en valor a actividade das familias como promotoras da lectura e do saber, tales como as Mochilas Viaxeiras, as propostas arredor da poesía, o préstamo de verán ou a participación nas aprendizaxes.

As Mochilas Viaxeiras son unha iniciativa da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, que se desenvolven en cada centro con criterios propios. No noso centro envíaselles unha selección de lecturas para toda a familia, durante 15 días. Procúrase incluír lecturas variadas: libros de consulta, contos para os máis pequenos, música... e teñen moito éxito as lecturas orientadas cara a temas educativos en familia. Esta actividade, moi estendida nos centros, é unha prolongación da biblioteca escolar no fogar, polo que é indispensable que a selección de lecturas sexa coidadosa, procurando a calidade e sen esquecer unha significativa presenza de lecturas en galego.

As mochilas contan cun pequeno caderno onde as familias expresan as súas impresións sobre as lecturas. A acollida por parte dos receptores (alumnado e familias) é moi positiva. Son moi fermosos os textos que escriben nos caderniños.

A formación de lectores competentes e a educación emocional non pode esquecer a poesía. A musicalidade da poesía (outra forma de ler) debe ter o seu protagonismo, xa que os poemas van formar parte da bagaxe cultural de cada un. Todos temos na memoria poemas aprendidos de nenos/as, que nos gusta lembrar e transmitir. Con este obxectivo impulsamos a lectura de poemas en familia. No mes de marzo, mes da poesía no noso centro, as familias reciben un poema e unha flor, como modo de destacar a notabilidade do poema e impulsar a súa lectura en familia.

Estas iniciativas van reclamando en cada momento do curso escolar á familia como aliada necesaria na promoción da lectura, mesmo cando nós non estamos en contacto co alumnado. Cando chega o verán, os libros quedan pechados na biblioteca escolar, mentres nenos e familias botan en falta lecturas axeitadas. Por iso impulsamos os préstamos de verán para as familias, como resposta a unha proposta do equipo de nais da biblioteca escolar. Esta actuación acada moita aceptación e aumenta ano a ano o número de préstamos. A xestión do préstamo, na última semana de curso, e a recollida dos libros en setembro é tarefa das nais do equipo de biblioteca.

A lectura como fonte de saber e de pracer convive con múltiples fontes de información que pouco a pouco os incipientes lectores van coñecendo, pero non convén esquecer o que as familias poden contribuír ás aprendizaxes que o alumnado vai adquirindo na escola.

O que os nenos e nenas aprenden na escola representa só unha parte do que aprenden das familias e da contorna, polo que é interesante que contemos co labor das familias na investigación, na consulta de fontes de información e na achega de saber.

Tanto no proxecto interdisciplinar anual do centro como nos proxectos de aula, as familias colaboran achegándose para compartir a súa experiencia e a información que posúen, ofrecéndolles validez ás aprendizaxes pola súa vinculación coa realidade. Aprendizaxes válidas son as que serven para se desenvolver na vida e xusto este é o tipo de información que poden ofrecer as familias, información real, significativa e potencialmente activa polas repercusións no ámbito emocional que teñen ao converter a nenos e nenas nos protagonistas veraces das aprendizaxes.

2. A CREACIÓN DE AMBIENTES LECTORES NA FAMILIA

Coa mirada posta no obxectivo de que a lectura forme parte importante da vida familiar (que se fale de libros na casa), nacen as propostas encamiñadas a xerar experiencias lectoras tamén en nais e pais.

A creación dunha sección específica para a familia na biblioteca escolar, dun club de lectura de pais e nais ou a petición de compartir reflexións sobre a lectura responden a este obxectivo.

A sección específica da biblioteca escolar para nais e pais inclúe unha variada selección de lecturas de narrativa, poesía, teatro, tempo libre, educación, saúde e alimentación, organizadas pola CDU. A biblioteca creou a colección cun pequeno investimento, a cal se veu incrementada rapidamente coas doazóns das familias.

Estas doazóns son temporais (últimas novidades) ou definitivas, o que nos permite manter unha colección actualizada con escasos medios. Curso a curso van aumentando os pais, nais, avós e avoas que solicitan o carné de usuario da biblioteca escolar.

O club de lectura para nais e pais xúntase na biblioteca cunha periodicidade mensual. Coordinado polo bibliotecario municipal, intercámbianse puntos de vista sobre as lectura propostas, fanse recomendacións lectoras, cítanse parágrafos salientables, analízanse lecturas de estilos literarios similares etc. Unha nai, membro do club, elabora unha crónica de cada xuntanza no blog do club de lectura, que logo se reproduce no blog da biblioteca, para chegar a un público máis amplo. O club ten un ambiente agradable, no que se van estreitando lazos e creando amizades arredor da lectura.

(IMAXE: CLUB DE LECTURA.JPG)

A reflexión sobre as propias lecturas dá lugar a comentarios e intercambios de vivencias relacionadas cos libros da infancia, os lugares onde nos gusta ler, os personaxes da literatura que máis nos gustaron, algunha lembranza unida a un libro... Por iso, ano a ano, en abril, propónselles a nais e pais que escriban sobre as súas lecturas preferidas da infancia ou da vida adulta, dos personaxes da literatura máis entrañables, dos textos que lles suscitaron máis emoción, dos lugares onde máis lles gusta ler etc. Con todas as participacións organízase unha exposición para poder compartir e coñecer as opinións e gustos das familias.

3. EQUIPO DE APOIO Á BIBLIOTECA ESCOLAR

Implicar as familias nalgunhas tarefas de xestión da biblioteca cumpre para nós varios obxectivos: a proximidade na xestión permítelles colaborar co profesorado do equipo de biblioteca no desenvolvemento de campañas de fomento da lectura e do proxecto anual do centro, pero tamén facer suxestións de cara á colección destinada ás familias.

Perseguindo este obxectivo, no curso 2009/2010 creouse un pequeno equipo de nais de apoio á biblioteca escolar, que desde aquela vén funcionando sen interrupción. Xúntanse na biblioteca escolar en horario lectivo, dous ou tres días á semana, segundo as súas posibilidades. A coordinadora de biblioteca reúnese con elas periodicamente, para informalas sobre as actividades da biblioteca e recibir as súas suxestións. Son unhas excelentes colaboradoras: restauran libros, axudan a etiquetar os fondos, atenden a colección de lecturas para pais e nais e fan propostas.

Algunhas das súas iniciativas nos últimos cursos foron moi atinadas:

  • Preparación e mantemento dun punto de lectura para as familias, na entrada do colexio, para unha lectura breve mentres esperan a saída das actividades extraescolares dos seus fillos. Este recanto de lectura conta cun expositor de libros, unha pequena selección de revistas e un taboleiro con información sobre o club de lectura, recomendacións de libros etc.
  • Organización dunha xornada de portas abertas á comunidade escolar, para explicar a distribución da biblioteca, sobre todo na parte orientada ás nais e pais.
  • A cesión temporal de fondos por parte das familias e do profesorado para o servizo de préstamo a nais e pais. As nais do equipo son as encargadas de facer unha ficha temporal destes fondos co programa informático.
  • Preparación, elección do lema e xestión das “Historias para monte e praia”, que é o préstamo de lotes de libros para levar no verán. O préstamo fáiselles ás familias que o soliciten, na última semana de curso. As propias nais do equipo de apoio son as encargadas de xestionar o préstamo en xuño e a devolución en setembro.

4. EDUCACIÓN EMOCIONAL

Contar coa complicidade das familias para sorprender o alumnado en datas significativas para a biblioteca ou apelar á reflexión sobre os momentos plácidos ligados á lectura no fogar tece vínculos emocionais coa biblioteca.

Propostas de obradoiros de manualidades para agasallar o alumnado no Día do Libro ou fotografar momentos de lectura de nenos e nenas na casa responde a este obxectivo.

(IMAXE: EN ABRIL UN AGASALLO.JPG)

Porque cremos que, se implicamos as emocións nos proxectos, a porcentaxe de participación e achegamento á escola será maior, propoñémoslles anualmente ás familias que expresen os seus sentimentos cara aos seus fillos e fillas en cartas e rimas de amor.
Fortalécese deste xeito a educación emocional e conséguese que a familia, unha vez máis, exerza de modelo, neste caso expresando sentimentos e escribindo.

Unha carta de amor, unha rima co seu nome, un poema... resulta un pretexto para verter emocións e sentimentos, e compartilos coa comunidade.

A BIBLIOTECA COMUNICA

A biblioteca debe ter comunicación directa coas familias para que coñezan o seu uso, as súas necesidades e o seu potencial dinamizador.

Con este obxectivo buscamos distintas formas de achegar a información:

  • No período de matrícula o alumnado e as súas familias visitan a biblioteca escolar.
  • Nos primeiros días de curso envíaselles o folleto “Guía de uso da biblioteca”.
  • A coordinadora da biblioteca acode ás xuntanzas xerais dos titores coa familias no mes de setembro, para informar das posibilidades de uso e cooperación coa biblioteca escolar.
  • A biblioteca envía notas características polo seu colorido, pola presenza da nosa mascota (o ratiño Paco) e polo encabezamento “Queridas familias”, xa que a biblioteca escolar é o escenario onde a relación sempre é cordial e cariñosa.
  • Pero, sobre todo, o blog da biblioteca segue a ser o modo máis directo de chegar ás familias, xa que permite que visualicen aquelas actuacións que uns e outros comparten con nós.

PROPOSTAS DE FUTURO

Valoramos de xeito moi positivo o achegamento das familias a través da biblioteca escolar, pola mellora na calidade do ensino que supón traballar xuntos na formación de lectores competentes.

Cara ao futuro proxectamos novos obxectivos e planos de actuación, deseñando programas específicos de dinamización lectora para as familias, establecendo unha rede de recollida de datos que nos permita coñecer as súas posibilidades como transmisores culturais e deseñando actividades de formación na selección das lecturas. Así pois, queremos seguir percorrendo este camiño iniciado anos atrás, que lle depara momentos tan gratificantes a toda a comunidade escolar.

Bibliografía: 

Carramiñana, C. e Caballud, M. (marzo 2006). “Leer juntos”. CLIJ: Cuadernos de literatura infantil y juvenil, 189.

Sección: