Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia

 

Na primavera de 2002, un grupo de historiadores galegos fundou a Asociación de Estudios Históricos de Galicia, nacida co obxectivo de difundir a súa paixón pola historia desde unha perspectiva polo menos tripla: a creación dunha revista científica destinada a promover e intensificar o desenvolvemento científico e a difusión dos estudos históricos de Galicia, a programación regular de ciclos de conferencias e actos culturais e as visitas de estudo e confraternidade a lugares singulares de eminente raizame histórica.

 

Froito desta paixón polo universo da historia de Galicia foi o nacemento en 2005 da revista Nalgures,  da que saíron á luz e ata a data, con regularidade anual, oito números, cunha media de 400 páxinas por exemplar e na que se agrupan artigos de especialistas sobre os diversos asuntos que concitan o interese dos amantes da historia galega. Estes números e outras contribucións científicas dos asociados incorpóranse regularmente á web da asociación: (www.estudioshistoricos.com).

 

 

 

 

Hoxe en día, cerca dun centenar de historiadores asociados continúan velando pola boa saúde da historiografía galega desde un afán tan científico como lúdico, contribuíndo deste xeito á difusión do saber histórico e, en particular, das novas investigacións que cada ano se van emprendendo na nosa comunidade autónoma.

 

Sección: