Saber ler é unha cuestión (de) práctica: Hora de Ler
Cristina Novoa Fernández
Exasesora de Bibliotecas Escolares de Galicia
crisnovoa@gmail.com
As orixes
Para entender o fenómeno Hora de Ler nos centros educativos galegos, vinculados maioritariamente ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, cómpre lembrar a orixe deste termo. En 2005 bota a andar, en paralelo á publicación da primeira convocatoria do denominado Plambe, a elaboración de materiais para a promoción da lectura nos centros que, baixo o título xeral de Hora de Ler, incluirían unha campaña inicial de visualización da biblioteca escolar con carteis e outros instrumentos como axendas para as persoas mediadoras, marcapáxinas e adhesivos a modo de ex libris. Tamén se deseñaron propostas específicas para o alumnado de ensino infantil (Contamos moito), de ensino primario de primeiro e segundo ciclo (Eu leo porque me peta), outro material para o alumnado de terceiro ciclo de primaria e un material tamén específico para o alumnado de primeiro ciclo de secundaria (Ler o mundo, en ambos os dous casos). Estes recursos chegaron a todos os centros públicos e concertados de Galicia a partir do 2006 para uso de todo o alumnado, incluídas guías para o profesorado, específicas para cada nivel, froito do traballo do colectivo Acatrotintas, coordinado pola persoa a cargo da Asesoría de Bibliotecas Escolares naquela altura, Cristina Novoa, e formado tamén polas profesoras Magdalena de Rojas, Juana Vázquez, Mayte Leis; o ilustrador Oscar Villán deseñou a imaxe de toda a campaña. Posteriormente, Hora de Ler nomearía o conxunto de programas a prol da lectura da Consellería de Educación.

Entre tanto, o 2006 viu tamén a publicación da LOE (1), Lei orgánica de educación, e posteriormente os correspondentes currículos base que incluían a obriga de incorporar 30 minutos de lectura diaria no ensino primario e a obriga, así mesmo, de atender a comprensión lectura e o hábito de lectura no ensino secundario por parte do profesorado de todas as materias (2). En 2007 publicáronse os currículos propios da Comunidade Autónoma de Galicia adaptados á nova lexislación educativa, que incorporaban a obrigatoriedade para os centros de primaria e secundaria de elaborar un proxecto lector de centro, documento que había que incluír no proxecto educativo de centro e que debería deseñar as medidas tomadas polo equipo docente, a partir do que xa se estaba facendo nestes ámbitos e das avaliacións pertinentes, para mellorar as competencias do alumnado en materia de lectura, escritura e traballo coa información, tendo como centro de recursos e de iniciativas a biblioteca escolar para tal fin.
É neste contexto no que comezan a aparecer nos centros vinculados ao Plambe algunhas iniciativas de interese que foron recollidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares a través dos proxectos e das memorias dos centros e que se valoraron como «exportables» a todo o colectivo de bibliotecas escolares de Galicia.
Así, nos Encontros Plambe realizados na primavera de 2006, incluíuse no programa unha iniciativa do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña que levaban practicando uns cinco anos, da que xa fixeran avaliación e que implicaba a toda a comunidade educativa. O Programa de lectura silenciosa sostida consistía basicamente na identificación dun tempo lectivo (20 minutos, creo lembrar, despois dos recreos da mañá) no que todo o centro lía no libro que elixira libremente e que podía ser da biblioteca da aula, da biblioteca do centro ou da biblioteca persoal ou familiar da persoa lectora. Antes de ir ao recreo, as lecturas elixidas quedaban enriba da mesa e, ao chegar de volta, non había outra instrución que a de poñerse a ler en silencio. O profesorado que naquel momento estaba na aula, titor ou especialista, tamén collía a súa lectura e participaba activamente do programa, o mesmo que o persoal de dirección ou o persoal non docente. Non había preguntas de comprensión lectora ao uso doutras prácticas, non había actividades posteriores. O único compromiso era ler en silencio e respectar a lectura dos outros. As familias foran informadas e xa había datos da avaliación realizada nos anos nos que se executara: practicamente nulos os conflitos posteriores ao recreo, tan comúns nas aulas dos máis pequenos, e melloras nas habilidades de lectura do alumnado moi especialmente. As profesoras responsables deste programa aseguraban que a idea proviña de escolas anglosaxoas e que as familias a apoiaban totalmente á vista dos beneficios obtidos.

Tras estes encontros, nos que participaban os 40 centros integrados na primeira convocatoria do Plambe, comezou a estenderse este tipo de prácticas e nas actividades de formación do profesorado nas que interviña a responsable da Asesoría recomendábase a súa posta en marcha, lembrando os requisitos, as vantaxes e a experiencia previa xa mencionada, así como outras iniciativas semellantes fóra do noso territorio das que era coñecedora. Foron os propios centros os que comezaron a denominar Hora de Ler este tempo lectivo destinado á lectura silenciosa e individual nos centros (influídos pola campaña que nese tempo estaba chegando desde a propia consellería como apoio ás actividades de promoción da lectura). Para sorpresa do equipo avaliador das memorias finais do curso, sumáronse a esta iniciativa xa no primeiro ano, e nos seguintes, centros de ensino secundario, aos que non lles afectaba a obriga dos 30 minutos diarios destinados á lectura, pero que viron nesta proposta unha boa maneira de lle ofrecer a oportunidade a todo o alumnado de contar cun tempo específico para a lectura no contexto escolar, coñecedores das dificultades que os mozos e mozas atopan no seu día a día para coller un libro, contar cun espazo amigable para a actividade lectora e un tempo de desconexión favorable. Esta práctica foise incorporando paulatinamente aos proxectos lectores de centro, segundo se foron elaborando, e segue viva na actualidade nunha porcentaxe moi alta dos centros integrados no Plan de mellora de biblioteca escolares (85 % dos centros Plambe no curso 2023/24).
Lectura silenciosa sostida, que vén sendo?
Este programa de formación lectora, complementario doutras prácticas pedagóxicas, consiste na elección dun tempo concreto no horario lectivo e na decisión de que nese tempo todas as persoas presentes no centro (alumnado, profesorado, equipo de dirección, persoal non docente) participan da actividade lectora tras a elección libre dun texto do seu interese, ben ofrecido pola propia lectora ou ben escollido entre a oferta da biblioteca do centro. Ten varios requisitos para que o programa funcione:
1. En primeiro lugar, trátase dunha lectura silenciosa na que a persoa que le o fai ao seu ritmo e acadando a comprensión da que é capaz sen lle render contas a ninguén. O feito de non recibir feedback sobre a súa lectura (sexa correcta ou mellorable) facilita a superación das trabas e evita o reforzo do fracaso que o exceso de corrección pode ocasionarlle ao lector principiante. Haberá outros momentos ao longo da xornada escolar nos que o adulto realice unha lectura en voz alta que sirva de modelo de lectura expresiva e, tamén, momentos para outro tipo de prácticas lectoras que faciliten avances na lectura en voz alta e na comprensión máis axustada do lido. Esta cuestión valórase como a principal vantaxe desta iniciativa.
2. É a persoa lectora quen elixe o libro, revista, texto informativo... que desexa ler e non ten que darlle contas a ninguén sobre esa elección. Se resulta axeitada para o seu nivel de lectura, vaino poñer de manifesto a propia actividade e a lectora irase axustando na selección, momento no que tamén pode participar a persoa mediadora sempre que lle sexa requirido ou que vexa necesaria a intervención.

3. Non se realizan actividades posteriores á lectura. Non hai actividades de comprensión lectora ao uso coma noutras prácticas de aula nin se realizan debuxos ou textos escritos a partir desa lectura. Trátase de reforzar a lectura polo propio gozo de ler que, está demostrado, vincula á actividade lectora dunha forma moi poderosa.
4. Realízase no horario lectivo como garante de que todo o alumnado teña oportunidade de achegamento libre á actividade lectora, nun ambiente relaxado, silencioso, de seguranza. Cómpre ser conscientes de que en moitas familias iso é practicamente imposible: ruídos domésticos, falta de espazo propio, conflitos familiares, falta de libros ao alcance, mesmo exceso de actividades extraescolares ou exceso de estímulos audiovisuais e dixitais sen control, dificultan a actividade lectora na meirande parte dos casos.
5. É condición indispensable que haxa acordo entre o equipo docente para a posta en marcha desta iniciativa de forma parcial ou total no centro. En calquera caso, o profesorado implicado debe participar activamente, destinando o tempo marcado no horario lectivo, tamén, para a súa lectura persoal. É moi importante ofrecer un modelo de actuación, de forma que o alumnado perciba a importancia da actividade de lectura; realizar tarefas de corrección, por exemplo, nese tempo, estaría enviándolle ao alumnado unha mensaxe contraditoria sobre o valor da lectura.
Este programa ten xa unha longa traxectoria desde os inicios da súa implantación en escolas dos Estados Unidos e do Canadá nos anos setenta do pasado século. A educadora chilena Mabel Condemarín experimentou este programa en diversas escolas e publicou a primeira edición do seu libro El programa de lectura silenciosa sostenida en 1984, aínda dispoñible na web, cando menos, para lectura previa. Atópanse, así mesmo, varias referencias e un artigo inicial publicado en Lectura y Vida, Revista latinoamericana de lectura e dispoñible, así mesmo, na web.
Hora de Ler, unha práctica flexible e inclusiva
A iniciativa Hora de Ler amosou sobradamente a súa potencialidade inclusiva: incorpora o profesorado e o alumnado á actividade lectora de forma simultánea; todo o alumnado, independentemente das súas capacidades ou das súas habilidades, participa en tempo real dunha actividade de lectura na que cadaquén vai ao seu propio ritmo; e tamén resulta inclusiva en canto ao contido das lecturas, ao incorporar todo tipo de xéneros e unha variedade ampla de temáticas, na medida en que o alumnado é libre para a selección das lecturas. Aquí é importante a intervención do equipo de biblioteca cando prepara caixas para a Hora de Ler, seleccionando textos axeitados ao nivel lector dos diferentes grupos e garantindo a diversidade de temas e xéneros, unha das prácticas más estendidas, inherente á implantación desta iniciativa nos centros.

Cando en 2012 comezaron a chegar os primeiros dispositivos de lectura dixital ás bibliotecas escolares galegas, algúns centros incorporaron os libros electrónicos no tempo de Hora de Ler, o que facilitou a aprendizaxe das habilidades básicas, o achegamento dun grupo máis amplo de alumnado a este tipo de lectura e a oportunidade para os lectores e lectoras de escoller entre realizar lectura en papel ou lectura dixital.
Malia as orixes desta práctica nos centros escolares galegos estaren vinculadas ao Programa de lectura silenciosa sostida, esta non é a única fórmula empregada, aínda que si a máis común. Obrigados pola incomprensión de axentes internos ou externos con grande influencia no devir das prácticas pedagóxicas innovadoras (non sempre para ben), os equipos de biblioteca fóronse adaptando e introducindo outras fórmulas, algunhas tan vellas e eficaces como a simple lectura en voz alta dun texto común, con modelaxe de lectura por parte do adulto e con participación activa de todo o alumnado (ou non), que ben podían ter lugar noutros momentos do día, como xa dixemos. Nalgúns institutos a Hora de Ler acabou sendo o tempo que o alumnado dedica ás lecturas prescritas polos diferentes departamentos, o que sen dúbida favorece a lectura dos textos, pero desvía dalgún xeito as finalidades deste tempo para a lectura polo pracer de ler e para a mellora das habilidades de comprensión lectora, na medida en que esta lectura está mediatizada pola prioridade de ler para dar conta do lido posteriormente, en forma de traballo escrito, exame ou test de lectura.
Ás veces, afortunadamente, esta adaptación tomou a forma de club de lectura, deixando tempo para a conversa sobre o texto lido (neste caso o que se contamina é a fórmula do club de lectura, que ha ser voluntario e non unha actividade de aula).
Cando o profesorado de materias non lingüísticas está ao cargo da Hora de Ler pode incorporar textos da súa materia para así traballar a competencia lingüística asociada aos contidos que lle son propios. Este tipo de adaptación ten vantaxes, aínda que supoña unha intervención por parte do adulto na temática de lectura, pero unha actitude que favoreza a lectura individual sen esixencias posteriores (derivadas do acto de ler un texto concreto) ou a práctica de lectura compartida na que se xera a construción do significado de forma colectiva, pode resultar moi beneficioso.

Especialmente en primaria, leváronse a cabo proxectos a longo prazo, aproveitando o tempo de lectura común para coñecer a fondo un texto concreto e a partir del realizar actividades creativas, comunicativas ou de investigación de distinto tipo. A través desta práctica desenvolvéronse itinerarios lectores dos que sería interesante coñecer a influencia nos avances da competencia lectora e literaria do alumnado participante.
A evolución da Hora de Ler foi diversa segundo os centros e os equipos docentes; ás veces debeu desaparecer para calar as críticas e as incomprensións, as dificultades para integrala nas estreiteces dos programas de xestión dos horarios (ou como resultado da desidia, cando non da aberta belixerancia), sen entender toda a súa potencialidade.
Hora de Ler, unha práctica avaliada
Desde a súa implantación nos centros galegos ata a actualidade, houbo constancia a través das memorias anuais dos equipos de biblioteca de moitas actividades de avaliación da Hora de Ler, o que daba conta da seriedade coa que se impulsaba esta práctica e dos beneficios que lle achegaba ao alumnado. Tamén das dificultades que o profesorado máis entusiasta atopaba para continuar cun programa pioneiro en Galicia, moitas veces incomprendido e pouco valorado.
Unha das expresións que se repetían en todas as avaliacións realizadas, cando se lle daba voz ao alumnado, é que «se non fose pola Hora de Ler, eu non collería un libro na miña vida». Resulta esclarecedor que esta frase tan contundente apareza en distintos momentos e en distintos contextos, o que nos coloca novamente diante das dificultades que, especialmente os lectores mozos, atopan no seu día a día para simplemente sentaren a ler un libro e fala, tamén, da urxencia por ofrecer espazos e tempos para a lectura. Son moitas as testemuñas recollidas polos equipos de bibliotecas nos que se pon de manifesto que é o alumnado quen reclama a continuidade e regularidade da Hora de Ler cando se cambian horarios ou existen anulacións.
No curso 2010/11, un CPI da provincia de Pontevedra realizou unha extensa avaliación sobre os usos da biblioteca escolar e tamén sobre a Hora de Ler entre alumnado e profesorado. A modo de ilustración dalgún dos aspectos comentados anteriormente, inclúense unhas gráficas que resultan esclarecedoras.
Ao lle preguntar ao profesorado de ensino primario pola Hora de Ler, valora desta forma a súa intervención na iniciativa: arredor dun 40 % do profesorado enquisado le xunto co alumnado na Hora de Ler, o resto ou directamente non le ou non contesta (porque saber si debe saber) a esta cuestión. Por outro lado, algo máis do 60 % do profesorado parece concluír que a Hora de Ler si aumenta o gusto pola lectura.

Cando se lle pregunta ao profesorado da etapa de secundaria se tamén le durante a Hora de Ler, a resposta é afirmativa nunha porcentaxe moi elevada, desde logo superior á do profesorado de primaria. E respecto da pregunta sobre a súa crenza en canto á validez da iniciativa para reforzar o gusto pola lectura, a porcentaxe das resposta positivas é moi semellante á do profesorado de primaria.

Cando se lle pregunta ao alumnado de ensino secundario pola influencia desta práctica no seu gusto pola lectura, obsérvase o entusiasmo do alumnado de primeiro curso da ESO fronte a un certo despiste ou desafección do resto dos cursos.
Esta cuestión compleméntase coa segunda gráfica, no que as respostas do alumnado parecen concretarse algo máis e resultan menos significativas as percepcións negativas.

Encaixe de palillos
Foron moitas e variadas as dificultades que tiveron que enfrontar ao longo destes anos os equipos de biblioteca para implantar e darlle continuidade á Hora de Ler en boa parte dos centros implicados.
As orientacións para a redacción e desenvolvemento do proxecto lector de centro a través de plans anuais de lectura, as instrucións da dirección xeral competente en materia de bibliotecas escolares (desde 2014) e outra documentación xurdida no desenvolvemento dos programas de bibliotecas escolares recomendaron desde o comezo a inclusión da Hora de Ler, entre outras iniciativas, para mellorar as habilidades de lectura e a competencia literaria do alumnado. Aínda así, os centros debían atopar formas imaxinativas para incorporar un tempo de lectura diaria que acompañase a todo o alumnado e implicase a todo o profesorado.
A fórmula máis empregada nos centros de primaria para encaixar o tempo diario de lectura baixo a práctica da Hora de Ler foi nestes anos a obtención dun período diario de 20/30 minutos específicos, logo de restar 5 minutos das diversas materias. Isto supuxo algunhas dificultades, pero, á fin, foi o modo máis estendido para a súa implantación. O profesorado implicado acostumaba ser o que lle correspondese estar na aula no período lectivo anterior ou posterior, segundo os casos. Desta forma, todos os docentes participaban da iniciativa. Nalgúns casos os titores asumiron este tempo lectivo liberando horario do profesorado especialista, con dúas consecuencias nefastas: desafección por parte deste profesorado respecto da lectura e conflitos polo horario liberado que ao cabo da semana era significativo. En centros de ensino secundario, o máis común é a organización desde a biblioteca deste tempo de lectura, cunha duración dunha hora semanal, que vai «correndo» polo horario ao longo do curso, de forma que non se prexudican as materias con menor carga horaria e favorece que todo o profesorado se sinta implicado.
A rixidez das estruturas nas que se encaixa o horario lectivo tanto no relativo ao deseño coma de rexistro automatizado supón unha eiva para a concreción de propostas innovadoras, incluídas, por outra parte, nos currículos escolares. A Hora de Ler resístese a ser unha materia máis, que non o é, mais precisa dunha existencia específica no imaxinario pedagóxico do centro, de xeito que o profesorado das materias ás que se superpón non sinta que se lle «rouba» tempo. E, por outra parte, incorporar a Hora de Ler no horario dunha materia non lingüística non debería sentirse como unha aldraxe, senón como unha oportunidade para mellorar a comprensión lectora do alumnado con textos específicos. Traballar en promoción da lectura e formación lectora non casa ben cos comportamentos estancos nin coas estreiteces mentais que ás veces agroman no mundo educativo, e que poden botar a perder os logros dunha proposta pedagóxica tan enriquecedora.
Unha das cuestións que xurdiron con frecuencia en relación coa Hora de Ler foi a da avaliación da lectura que se facía nese tempo lectivo. A resposta desde a coordinación do Programa de bibliotecas escolares sempre foi a mesma: a avaliación do alcance das lecturas realizadas neste tempo e a súa repercusión nos avances do alumnado mídense nas diferentes materias, ao comprobar os resultados da comprensión lectora que o alumnado desenvolve (ou non), por exemplo, ou a través dos índices de préstamo de libros na biblioteca, dos índices de hábitos de lectura e outros, e, en último caso, a través das probas de avaliación diagnóstica.
As bibliotecas escolares galegas, na vangarda
Xa levaba máis de seis anos implantada a Hora de Ler na meirande parte das bibliotecas escolares do Plambe cando saltaron as alarmas na Unión Europea. Tras un estudo sobre as habilidades de lectura e escritura da poboación dos países europeos no que se apreciaba que un de cada cinco europeos non acadaba niveis mínimos de competencia en lectura e escritura, a Comisión Europea encargoulle a un grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización unPrincipio del formularioFinal del formulario documento con orientacións para lle facer fronte a esta situación, que finalmente foi publicado en 2012 e no que se recolle, entre outras recomendacións para mellorar a lectura e a escritura en todas as idades: «reservar tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura e para as actividades de libre lectura, permitindo que o alumnado elixa os seus materiais de lectura e estableza o seu propio ritmo de lectura». Este documento foi amplamente difundido desde o Programa de bibliotecas escolares de Galicia polo interese das súas recomendacións e, tamén, polo apoio que supuña para a iniciativa da Hora de Ler e para a biblioteca escolar no seu conxunto.
Un cuco só non fai verán
En efecto, a posta en marcha dunha iniciativa como Hora de Ler non pode abranguer toda a diversidade de prácticas necesarias para que o alumnado acade as competencias lingüísticas e literarias que lle son precisas para unha vida académica, persoal e social plena, participativa e crítica. O plan de lectura de centro ha de deseñarse con mirada ampla, informada, ambiciosa e realista, e pode incluír propostas moi diversas para a mellora das habilidades de lectura, escritura e traballo coa información, sempre co apoio da biblioteca escolar e partindo daquelas prácticas que o profesorado incorporou á súa cultura pedagóxica con contrastado resultado. Estas propostas concretaranse nos plans anuais de lectura e, xunto co traballo das distintas materias, irán sumando experiencias de aprendizaxe relevantes.

A biblioteca escolar como axente mediador da lectura no centro ten nesta Hora de Ler unha oportunidade para garantir o achegamento do alumnado a xéneros e temáticas máis variadas, e será a través da súa coordinación como se lle facilite o labor a todo o profesorado. Un dos logros da Hora de Ler é o de contribuír, como os clubs de lectura e outras dinámicas tan asentadas xa nos centros galegos, á creación de ambientes lectores, eses hábitats imprescindibles para que medre o vínculo coa actividade lectora.
Os centros educativos teñen, pola súa parte, na experiencia acumulada polo colectivo das bibliotecas escolares de Galicia un importante activo que cómpre valorar. Aproveitar o coñecemento xerado por tantos profesionais ao servizo da lectura e da educación, en definitiva, é unha responsabilidade e unha oportunidade a estas alturas da liga con todo o que nos queda por xogar.
Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación:
Artigos 19.3 do currículo de primaria e 26.2 do currículo de secundaria.
Decreto 130/2007 de educación primaria e Decreto 133/2007 de educación secundaria obrigatoria.
http://www.lecturayvida.fahce.unlp.edu.ar/numeros/a4n1/04_01_Condemarin....
Véxanse outras valoracións de interese: https://bega-horadeler.blogspot.com/2010/07/valoracions-da-hora-de-ler-nun-ies.html
Cómpre sinalar que a Asesoría de Bibliotecas Escolares nunca aconsellou esta fórmula, ofrecendo alternativas menos problemáticas.
Guía de Hora de Ler. Biblioteca do IES A Cachada (Boiro)
Comisión Europea, Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura, Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización: resumen. Septiembre de 2012, Oficina de Publicacións, 2012.





















