Sintonizando cultura desde Radio Petela
Doa González Gómez
CEIP de Petelos (Mos - Pontevedra)
doagonzalez@edu.xunta.gal
Que é a radio escolar?
Para comezar co artigo, cómpre definir a radio escolar, así como as súas implicacións educativas. A radio escolar é un proxecto no que o alumnado ten a oportunidade de expresarse, comunicar e traballar en equipo a través dun medio de comunicación que fomenta a creatividade e o pensamento crítico. Non só se trata de falar por un micrófono, senón de aprender a investigar, a organizar ideas e a transmitilas de forma clara e atractiva.
Convértese, polo tanto, nun espazo onde todos e todas podemos compartir novas, contar historias, facer entrevistas e aprender dunha maneira diferente. Todas estas actividades axudan a mellorar a expresión oral, perder o medo a falar en público e desenvolver habilidades técnicas relacionadas coa gravación e a edición de audio, co valor engadido de que resultan atractivas para o alumnado e lle permiten aprender de xeito significativo.
Constitúe, ademais, un espazo para aprender máis alá dos libros de texto. Un dos aspectos máis enriquecedores da nosa radio é que nos posibilita traballar temas transversais que moitas veces non teñen suficiente presenza nos materiais que se empregan na aula. A través dos nosos programas e pódcasts, abordamos cuestións como a igualdade de xénero, o medio ambiente, os dereitos humanos ou a diversidade cultural.
Deste xeito, a radio escolar convértese nunha ferramenta que amplía e enriquece o currículo, conectando a aprendizaxe coa vida real e coa nosa identidade.
Outra das grandes fortalezas da nosa radio escolar é que é unha actividade aberta e inclusiva, onde participa todo o alumnado, incluído aquel con necesidades específicas de apoio educativo. A radio ofrece un espazo no que cadaquén pode atopar a súa maneira de participar: algúns gozan falando ante o micrófono, outros prefiren colaborar na parte técnica, na preparación dos contidos ou na organización dos programas.
A experiencia demostrounos que a radio pode ser unha ferramenta poderosa para mellorar a confianza e a autonomía de todos os nenos e nenas, respectando os ritmos e as habilidades de cada un. Rapazas e rapaces que non atopaban o seu lugar na hora do recreo ven a radio escolar como unha saída para facer unha actividade entretida e na que sentirse valiosos e valiosas.
Cal é o papel de Plambe no proxecto?
Entrar no Plambe e, en concreto, en Radio na Biblio supuxo para o centro un cambio cualitativo nas instalacións de Radio Petela. No caso do noso centro, a dotación técnica foi previa á incorporación ao devandito proxecto, pero careciamos do mobiliario para poder ter un estudo en condicións.
Grazas ao primeiro orzamento puidemos mercar as mesas dos técnicos e locutores, así como as cadeiras para ambos. Ademais fixemos unha separación do cuarto de forma que temos o espazo da radio separado do espazo de almacén.


Emisora radio
As seguintes partidas orzamentarias destináronse á realización de obradoiros. Estes obradoiros foron unha oportunidade para traer xente experta ao colexio co fin de lles ensinar aos nenos e nenas cuestións relacionadas coa locución, así como coa edición e coas partes máis técnicas.
Contamos coa presenza de Damián Alonso, actor de dobraxe e locutor de radio, e Pedro Iglesias, graduado en Comunicación Audiovisual.


Anuncio obradoiros radio
Outro aspecto importante que se pode destacar na dinamización da nosa radio escolar foi ter un equipo de persoas traballando para poder organizar, planificar e levar a cabo todas as actividades e programas que alí se realizan. Antes de iniciar esta nova etapa, a radio dependía dunha soa mestra, polo que, inevitablemente, o volume de programas que se podía realizar ao longo do curso era moito menor.
Por último, e relacionado coa dinamización da radio, convén destacar o papel fundamental que ten a asociación pedagóxica Ponte… na Ondas!, xa que leva 30 anos dándolles vida ás radios escolares coas súas propostas de traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués e pondo en valor este medio de comunicación como ferramenta pedagóxica que fomenta un coñecemento totalmente competencial e baseado no aprender facendo.
Actividades de Radio Petela
Así pois, pasamos a considerar como se concreta todo este proxecto no día a día do CEIP Petelos.
Existen múltiples modalidades de facer radio non só pola temática ou pola estrutura dos programas, senón tamén pola súa organización no centro e temporalización. No noso caso, podemos destacar os programas nos recreos ou na Hora de Ler, entrevistas en directo, programas sobre música, deporte ou cultura inglesa, concursos, pequenos informativos, difusión dos traballos e proxectos que se están a levar a cabo no centro, pódcasts e música de entrada e saída (sempre relacionada coa época do ano ou as conmemoracións que esteamos a celebrar).
En Radio Petela poderiamos dicir que temos implementados dous modelos principais: os programas dos recreos e os programas ou pódcasts de temáticas concretas que realizamos na Hora de Ler, para asegurarnos unha escoita máis activa.
A maiores, facemos sesións de micros abertos en datas sinaladas como o Día de Rosalía ou o Día da Poesía, nas que o alumnado sobe á radio de forma voluntaria para recitar poemas ou cantar. A idea é ter dous técnicos ou técnicas pondo poemas musicados e recibindo as compañeiras e compañeiros que soben na hora do recreo recitar ou cantar. No caso do Día de Rosalía levamos dous anos realizando a actividade e está a dar moi bos resultados, xa que houbo un gran nivel de participación non só de alumnado de educación primaria, senón tamén de educación infantil, os cales cantaron a versión do poema «O moucho» musicado por Migallas.

Micros abertos
Con respecto aos programas dos recreos, é o alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto o encargado de levalos a cabo. Facemos dúas sesións de programas en directo nos recreos: os martes e os venres. Os martes participa o alumnado de quinto e sexto, que dá as novas da escola (celebracións, saídas, conmemoracións, charlas… que se van levar a cabo nesa semana) e novas deportivas. Os venres é o alumnado de cuarto e terceiro o que fai as seccións de novas culturais e información meteorolóxica.
Logo da emisión das dúas seccións diarias e mentres dure o recreo, temos un «anaquiño musical». Nesta sección o alumnado pode acudir a Radio Petela facer peticións musicais.
Acompañando os locutores, temos sempre un equipo formado por dous técnicos de sexto no primeiro trimestre, un de quinto e outro de sexto no segundo (para que o titorice e lle explique o funcionamento do ordenador e da mesa de son) e dous de quinto no terceiro. Así asegurámonos de que sempre vai haber técnicas e técnicos formados cara a vindeiros cursos. Aínda así, a formación técnica, como xa veremos máis adiante, tamén vén posibilitada polos obradoiros de radio que puxemos en marcha.
Así mesmo, tamén hai dous locutores de sexto que se encargan de presentar os compañeiros e as seccións que se van facer cada día, dar paso ao anaquiño musical e despedir o programa. Aquí tedes unha mostra dos programas dos recreos: programas recreo.
A elaboración do guión destas seccións semanais faise na aula co titor ou titora. A idea é que nos cursos do terceiro ciclo xa sexan autónomos e o día que teñen programa os locutores preparen o seu propio guión practicamente sen axuda e sen que llelo teña que recordar a mestra, dado que teñen un calendario con quendas asignadas. Nos cursos máis baixos axúdaos o mestre que é tamén quen decide quen vai falar ese día.

Quendas aprendices
Os programas e pódcasts, diferentes dos programas en directo dos recreos, emitímolos durante a Hora de Ler para asegurarnos de que todo o alumnado presta atención.
Estes programas que facemos adoitan seguir unha estrutura de presentación e introdución, contido principal, recomendación musical e literaria e, por último, concurso. O concurso consiste nunha pregunta relacionada coa temática que se expuxo no programa con tres posibles respostas. O alumnado coa información que obtivo durante o programa ten que escoller a resposta correcta e marcala nunha papeleta. Isto reforza a posibilidade dunha escoita activa por parte do alumnado. Por último, despedimos o programa e, unha vez que remata, o alumnado do resto das aulas pode ir deixar as papeletas do concurso cubertas na caixa de correos da radio.

Buzón
Aquí tedes unha ligazón para ver como é a gravación dun pódcast. Neste caso trátase dun pódcast sobre o Entroido que realizou o alumnado de cuarto de primaria: pódcast.
Difundimos todos os programas e pódcasts que se fan a través da páxina web do centro, Ivoox e as redes sociais Instagram e X.
Obradoiros e formación en radio
O gran salto cualitativo foi a implementación de obradoiros semanais de radio nos que o alumnado se forma tanto tecnicamente coma na elaboración de guións para que a radio sexa unha actividade menos dirixida e máis autónoma.
Os cursos de cuarto, quinto e sexto xúntanse en grupos internivel os venres a última hora para levar a cabo actividades relacionadas coa expresión artística e visual (radio, pandeireta, stop motion, biblioteca creativa…). A idea é que vaian rotando e pasen por todas as actividades. Dentro destes obradoiros están enmarcados os de radio para a formación de técnicos e elaboración de guión.
Os técnicos van á radio e familiarízanse coa mesa de son, como abrir e pechar micros, pór música e gravar co programa Audacity. Como actividade final creamos uns pequenos pódcasts que nos serven para pór en práctica todo o que aprendemos.
No obradoiro de guión o alumnado aprende a buscar información veraz (coa axuda da mestra), buscar música sen dereitos de autor para poder usar nos programas e, o máis importante, a estrutura dun programa de radio, con algunha frase modelo para abrir e pechar o programa, así como para conducilo.
Desenvolvemento das competencias clave a través da radio escolar
Para ir concluíndo e despois de todas as actividades expostas e as súas características, podemos falar do alto número de competencias implícitas no traballo coa radio escolar:
- Competencia dixital (CD): a través da busca de información veraz, Internet segura, emprego de son e audios con licenzas Creative Commons, edición de audio con Audacity…
- Competencia en comunicación lingüística (CCL): é a máis evidente de todas as competencias, na que primeiro pensamos. A radio precisa da redacción e locución dun texto coherente e con cohesión, o que mellora tanto a expresión oral coma a escrita.
- Competencia plurilingüe (CP): non só facemos programas en galego, senón tamén en inglés, ofrecéndolle unha oportunidade ao alumnado de experimentar a lingua estranxeira como ferramenta de comunicación e non como mero obxecto de estudo.
- Competencia en conciencia e expresións culturais (CCEC): a radio é unha xanela aberta á cultura e á identidade. A través dos programas afondamos nestes contidos e aprendemos a valorar diferentes formas de expresión artística e cultural desenvolvendo unha actitude de respecto e aprecio pola diversidade cultural.
- Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): a radio por definición é un espazo cooperativo e o alumnado debe traballar en equipo para que o programa saia adiante. Ademais, a radio permítelle ao alumnado organizar e regular a súa propia aprendizaxe e construír unha conciencia crítica.
Impacto e futuro da radio escolar
O impacto da radio escolar non só se produce no alumnado que, como xa vimos, ten unha oportunidade de desenvolver competencias clave, mellorar a confianza e a autoestima, fomentar a curiosidade e o pensamento crítico e aprender de xeito significativo; senón que transcende a toda a comunidade educativa. As familias tamén participan na radio e traen información valiosa sobre o patrimonio e tradicións da contorna, converténdose a radio nunha ferramenta de apertura do centro á contorna social e cultural.
Nas fotos podedes observar un programa que realizaron as familias sobre os maios e un programa para o Día Mundial da Radio que fixemos en colaboración coa asociación da comunidade de montes de Tameiga, que viñeron falarnos sobre a recollida e recuperación dos cantos de aguinaldo da zona.


Grupos de alumnado e profesorado
De cara a vindeiros cursos, e relacionado co porvir da nosa radio, trataremos de aumentar o nivel de participación das titorías, incrementar o nivel de difusión dos programas, crear máis colaboracións con outros centros e asociacións da contorna e seguir incidindo na formación técnica a través dos obradoiros, que permiten unha actividade moito máis autónoma e valiosa para o noso alumnado.
A radio escolar segue a medrar grazas á implicación de todo o alumnado e do profesorado. O noso obxectivo é seguir aprendendo, creando e facendo que a voz do noso cole chegue cada vez máis lonxe.





















