Educando para salvar vidas

Un proxecto innovador no IES Carlos Casares de Vigo
Esta experiencia de centro está baseada no desenvolvemento da educación en valores e das competencias básicas a través de metodoloxías activas e cooperativas que converxen no proxecto interdisciplinario dun alumnado protagonista da súa propia aprendizaxe.

Almudena Lacomba Maruri
Vicedirectora e profesora de Expresión Plástica e Visual
IES Carlos Casares de Vigo (Pontevedra)
alacomba@edu.xunta.es

 

O transplante de órganos é a esperanza de vida dunha sociedade baseada na confianza e na solidariedade; daquela os nosos esforzos como educadores deben ir encamiñados a asegurar o seu futuro.

Existen unha serie de medos e crenzas, de prexuízos por falta de información: o concepto de morte, o concepto da palabra “don” (de doazón, ‘agasallo inmerecido’) e da construción imaxinaria do corpo (suxeito).

Traballando  aclarando dúbidas e derrubando prexuízos vai permitir que cada vez haxa máis persoas favorables á doazón.

Debemos acadar a concienciación de que calquera de nós pode verse nun dos dous lados deste proceso.

 

Obxectivos xerais e metodoloxía

  • Procuramos o desenvolvemento de competencias traballando en contextos reais, a consecución dun pensamento crítico para atopar solucións.
  • Conseguir alumnado máis curioso e competente para o futuro.
  • Facerlles entender que teñen algo que dicir sobre o seu futuro, que teñen no seu interior recursos, capacidades e talentos esenciais para lles facer fronte aos problemas da vida.
  • Fomentar a educación en valores.
  • Educar persoas para que sexan autónomas e creen os seus propios valores.
  • Ser quen de transformar estados de ira ou de desesperanza en estados de ilusión e de calma.
  • Esforzo e persistencia, a resolución de problemas desde os doce anos.
  • Traballo en equipo: investigación, filtración de información, decisión e comunicación de forma gráfica, aproveitando as novas tecnoloxías.
  • Tarefa familiar. Involucrar as familias nos distintos programas para que traballen co alumnado nos distintos proxectos.
  • Integración doutras materias. Proxectos interdisciplinares nos que profesorado e titor/a busquen o éxito formativo, levando a cabo un traballo activo e no que colaboren o alumnado e o profesorado implicado.

Para conseguir estes obxectivos, o elemento clave é a motivación. Dalgún xeito, estamos levando á aula as tres claves que Daniel Pink enumera no seu libro La  sorprendente verdad sobre qué nos motiva:

- Darlles autonomía. Explicar o obxectivo e os resultados que queremos, dando liberdade para buscar o camiño.

- Facelos cada vez máis capaces, que melloren as súas habilidades. O proxecto non é un exame nin un traballo puntuable, co que asumen riscos que doutro xeito non tomarían, o cal é primordial para a creatividade.

- O alumnado comprende o propósito do proxecto porque o contextualizamos dentro da vida real. Para que explicarlle ao alumnado por que debe aprender a interacción da cor se pode aplicalo?

 

Obxectivos concretos

  • Informar como estratexia de formación, estimulando opinións favorables con respecto ao problema da necesidade de órganos.
  • Conseguir desde a adolescencia unha visión normalizada de algo que se percibe como alleo, cunha dinámica centrada na experiencia próxima do alumnado.
  • Lograr, de cara ás familias, apoio social á doazón de órganos, buscando un compromiso solidario e responsable. É algo que nos involucra a todos, doadores e receptores.
  • Concienciar sobre as actitudes positivas do doador:

Solidariedade. Todos nalgún momento o podemos necesitar.

Reciprocidade. Se o necesitase, gustaríame ser transplantado.

Xenerosidade.

Valentía.

  • Facer doadores en potencia. No futuro estarán concienciados.

 

Desenvolvemento

A arte non é cousa de xenios nin de nenos. Calquera persoa, traballando, pode desenvolver a súa capacidade creativa.

Podemos aproveitar para traballar desde 5.º de primaria, onde o alumnado se atopa nun realismo incipiente, e 6.º, cunha representación máis obxectiva e convencional.

En 1.º da ESO comeza a observación e o achegamento aos elementos da linguaxe plástica e visual.

En 3.º da ESO estamos nunha fase de represión, pero teñen unha actitude máis crítica como resultado da percepción.

En 4.º da ESO xa hai unha boa representación dos coñecementos adquiridos.

No noso centro levamos seis anos desenvolvendo este proxecto, desde a primeira convocatoria do concurso A Vida, o Mellor Agasallo, do seguinte xeito:

1.º ESO

  • Carteis con lema
  • Proponse facer un cartel publicitario. Queremos convencer a todos da vantaxe de ser doadores. Podemos facer boa publicidade, non queremos vender ningún produto, non temos obxectivos comerciais. O que estamos contando é real, non fantasía. É unha campaña de chamamento social positivo.
  • Elaboramos un lema individualmente, onde apareza algún valor dos abordados na clase informativa: solidariedade, xenerosidade, valentía, reciprocidade, compromiso…
  • Poñémolos en común para poder comentalos e retocalos no caso de non estar ben definidos.
  • Cada alumno/a reforza cun debuxo sinxelo o seu lema, ilustrando o que quere comunicar. A técnica que se utiliza (sombreado con lapis brando, acuarela, témpera, pastel, colaxe ou técnica mixta) dependerá da imaxe elixida en cada caso, sempre buscando a que máis beneficie a comunicación (Lingua Galega e Expresión Plástica e Visual).

 

2.º ESO

  • Recuperación de saberes previos
  • Diálogo aberto na clase de Educación para a Cidadanía.
  • Entrevistas na nosa revista escolar Manda Carallo a un médico, unha persoa transplantada ou en lista de espera (Lingua Galega e Normalización Lingüística).
  • Enquisas familiares e sobre o problema da negativa familiar e confección de estatísticas (Matemáticas e Atención Educativa).

3.º ESO

  • Charla dun médico e dun transplantado, impartida no centro polo Sergas.
  • Culto ao corpo (Educación Física).
  • Enquisas familiares e confección de estatísticas en gráficas (Tecnoloxía e Ámbito Científico de PDC).
  • Rap do doador (Lingua Castelá, Lingua Galega e Inglés-Sección Bilingüe).

4.º ESO

  • Recuperación de saberes previos
  • Doar en rede. Presentacións informáticas con distintos programas que se visualizan no vestíbulo do centro (Informática e Educación Plástica e Visual).

1.º de BACHARELATO

  • Tratamento da actividade desde o punto de vista bioético (Ciencias para o Mundo Contemporáneo e Relixión).
  • Realización dun traballo a través das TIC (anuncio, miniobra de teatro…) en grupos de cinco alumnos no que se transmita a importancia do tema que nos ocupa no mundo en que vivimos.

Avaliación e conclusión

Un dos resultados fundamentais desta experiencia é o alto grao de motivación do alumnado. O método de traballo en colaboración facilita a reflexión na súa realidade próxima e consegue a motivación do grupo e a predisposición a participar.

Deste xeito, conséguese transitar con éxito polas liñas estratéxicas do Plan Proxecta. Mentres, por unha banda, o desenvolvemento eficaz das oito competencias básicas mellora a autoestima do alumnado, por outra, estamos fronte unha estratexia idónea para a transmisión de valores, tendo en conta que a autovaloración por parte do alumnado do seu nivel da aprendizaxe é alta. Todo isto mediante estratexias metodolóxicas que fan do alumnado o protagonista da súa propia aprendizaxe a través da súa participación nun proxecto cooperativo e interdisciplinario.

Por último, cómpre sinalar que a participación co alumnado en concursos como A Vida, o Mellor Agasallo, á parte do efecto motivador, posúe unha función estruturadora da realidade, configuradora da realidade cognitiva e facilitadora da acción didáctica e formativa, que leva a un profundo desenvolvemento en positivo dos valores asociados ao transplante e á doazón de órganos.

 

Accede AQUÍ  ao vídeo

 

 

 
00:00
Bibliografía: 

 

 

  • Pink, Daniel H. (2000): La sorprendente verdad sobre qué nos motiva. Ediciones Gestión, S. A., 1.ª edición, 09/2010. ISBN: 978-84-9875-078-2.
Sección: