Traballo co algoritmo ABN en educación infantil e educación primaria

Mª del Carmen Loureiro Rodríguez
maryloureiro@edu.xunta.gal
Iria Rico Varela
iria_rico@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón - A Coruña)

 

 

Por que fixemos un cambio metodolóxico na área de Matemáticas? Que supuxo para o alumnado, o profesorado e as familias?

No curso 2016/1717 e dun xeito casual, comezou a nosa andadura coa metodoloxía ABN. Un grupo de mestres desenvolvemos un grupo de traballo ,dentro do Proxecto de Formación Permanente do Profesorado (PFPP), baixo o título Elaboración de material didáctico propio.

Nós xa tiñamos a inquedanza de elaborar material propio para as diversas áreas, pero precisabamos algo moi específico para desenvolver a competencia matemática. O material do que dispoñiamos non cubría as nosas necesidades nese momento. Igual que pasa sempre, cada curso e cada clase representan momentos diferentes no proceso de ensino aprendizaxe e requiren recursos e propostas diferentes, axeitadas á demanda do momento. A diversidade das propias aulas urxíanos a dar unha pronta resposta. O que funcionaba para unha parte do alumnado non era válido para outra.

Os recursos que tiña ao seu dispor o centro, ben por exceso ou por defecto, non eran os axeitados, polo que decidimos buscar propostas de material manipulativo diverso, tanto en soporte papel como en liña e co hándicap de que non supuxese un desembolso económico por parte do centro nin das familias, polo que empezamos por ver que se estaba a facer en centros da zona coa mesma inquedanza ca nós.

Unha vez visto o que se estaba a facer pola zona, solicitamos formación ao CFR e, nunha das docencias, aberta para todo o claustro, déronnos a coñecer á metodoloxía ABN. O entusiasmo da relatora contaxiounos, a facilidade de adaptación de contidos e a diversidade de material manipulativo, barato e atractivo, fixo que a curiosidade por saber máis se apoderase de nós. Podiamos traballar o mesmo contido na aula, pero respectando o ritmo de traballo da cada neno e o seu nivel de competencia, e todo dentro do mesmo grupo-clase, e no mesmo momento. Hoxe en día diriamos «desde a perspectiva DUA». Iso simplificounos moito o traballo e permitiunos dar unha resposta eficaz ás necesidades dos nenos e nenas.

Nese mesmo curso empezamos a traballar nos grupos de EI e primeiro de EP con esta metodoloxía.

Ese primeiro contacto supuxo para o centro un novo enfoque de traballo e unha enorme motivación para continuar formándonos de cara ao vindeiro curso. Sorprendentemente, non só era nosa a motivación, observamos rapidamente que ao alumnado lle gustaba traballar deste xeito e que aprendían dunha maneira diferente. Todos os días todos avanzaban en algo, non hai mellor motivación, saberse capaz de avanzar. Algo novo e moi positivo estaba pasando.

Así, no curso 2017/18 séguese no PFFP cun seminario baixo o título Metodoloxía tradicional e ABN. Desde o mes de setembro, en EI e en primeiro e segundo xa se traballa con esta metodoloxía.

 

 

Decidimos ir pouco a pouco, porque non sabiamos como ía resultar noutros niveis e queriamos facelo ben. O que si tiñamos claro era que había que dar un cambio na forma de ensinar as Matemáticas, non se estaba a traballar de xeito que esta competencia tivese funcionalidade na vida cotiá do alumnado, non estabamos a formar persoas competentes para accións e rutinas diarias, imprescindibles para o seu desenvolvemento. E aínda por riba, nas avaliacións de diagnose os peores resultados eran sempre nesta materia.

Seguimos entón no noso empeño do cambio metodolóxico e coa formación.

No curso 2018/19 acórdase no claustro que a liña metodolóxica de traballo na área de Matemáticas será co método do algoritmo baseado en números (ABN) en todos os niveis educativos.

 

E que supuxo para a comunidade educativa o cambio metodolóxico?

Para os mestres foi unha rotura da aprendizaxe das Matemáticas tal e como nola ensinaron, a matemática tradicional que promove a memorización dos procesos, a mecánica e a repetición sen un obxectivo concreto. Para que aprendo isto?

Requiriu dun compromiso de formación pola nosa parte, para coñecermos o método e poder implementalo. Pensamos sobre todo no alumnado, o cambio que estabamos a ver nas aulas e que ninguén quedaba atrás. Esta circunstancia demostrounos que o cambio era necesario e a nosa motivación estaba tan alta que foi a forza que nos animou a facelo.

A medida que profundamos, observamos que o método se adaptaba sempre a cada neno e ao seu ritmo de aprendizaxe; que non todos seguen o mesmo camiño para chegar ao mesmo resultado; que diferentes argumentos son válidos e todos son escoitados, polo que a confianza do alumnado aumenta, está moi motivado, porque xa non só é receptor, é activo e autónomo, nótase un cambio moi favorable na actitude ante o traballo e os retos nesta área. Cando remata a clase e un alumno di «Un pouco máis, profe...», quere dicir que está gozando e, o máis importante, está aprendendo.

En canto ao alumnado, cabe resaltar que na educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria domina o uso de materiais manipulativos, trabállase sempre con referentes, con obxectos concretos: tarxetas, botóns, pinzas, escarvadentes, pompóns, barallas...

 

 

Esta metodoloxía facilita moito o traballo transversal en EI e no primeiro ciclo de EP, xa que as temáticas dos proxectos son empregadas para a elaboración de materiais manipulativos, para traballar os contidos matemáticos.

Aquí, a creatividade está ao servizo da diversidade, tanto de recursos como de necesidades, asociadas ás diferentes demandas do alumnado e, máis que como un problema, vémolo como unha oportunidade para crear aquilo tan específico que precisamos e que nós como mestras somos capaces de facelo.

 

 

As unidades, decenas e centenas compóñense e descompóñense libremente, sen aplicar unha determinada regra ou criterio para a súa resolución final. Manipulando colocan os números como queren, cada un desde a súa perspectiva, experiencia e idea para a resolución do reto ou tarefa proposta. E calcúlano correctamente, fano así porque pensan en números enteiros e non en cifras, que é a principal característica deste método. É dicir, non aprenden trucos, non se ocultan pasos para construír as aprendizaxes, non se mecaniza o proceso para aplicalo en situacións semellantes, polo que se está razoando, abstraendo, entendendo e, o máis importante, cada un ao seu ritmo, sen inseguridades e sen medos.

 

 

No segundo ciclo de educación primaria trabállase a comprensión das operacións e todos os seus procesos internos e xa no terceiro ciclo destaca o alto nivel que posúe o alumando para a resolución de problemas: comprensión de datos, razoamento rápido, abstracción e enunciado con proposta de resolución, argumentando sempre o porqué desa proposta.

Pero que ocorre co alumnado que se incorpora ao algoritmo ABN procedente do tradicional? Pois pronto se adapta ao método, tarda en ter a rapidez e facilidade para o cálculo mentres que non afonda no traballo do método, facultade que adquire con facilidade cando comeza a razoar o que fai.

Ás familias sempre lles transmitimos que non se debe abordar de maneira simultánea a aprendizaxe das operacións tradicionais coas correspondentes do cálculo. E para que as familias se familiarizasen co algoritmo e puidesen axudar os seus fillos e fillas no repaso de contidos, fixemos talleres para familias e na aula virtual de cada curso puxemos ao seu dispor titoriais con vídeos, ben elaborados polas propias mestras ou os que hai na rede.

Unha inquedanza que amosaban as familias ante esta metodoloxía de traballo, diferente da tradicional, era o paso de primaria a secundaria. Entendería o profesorado de secundaria o que estaban a facer? A metodoloxía ABN non dificulta a adquisición de novos contidos en secundaria, senón que os facilita, xa que se traballaron estratexias que lles permiten ver os números doutro xeito e facer os cálculos máis rápido. A pesar disto, desde o centro consideramos conveniente, no curso de sexto, facer unha transición á metodoloxía tradicional. Neste momento, o alumnado xa domina as operacións correspondentes ao cálculo ABN e non ten dificultades; para eles é un proceso moi sinxelo, rápido e non supón un esforzo adicional, mecanizan as operacións e aplican o que previamente xa calcularon e razoaron.

Tendo en conta que os números forman parte da nosa vida diaria, debemos facilitarlle ao noso alumnado as ferramentas necesarias para coñecer os números, entendelos e saber traballar con eles. O cálculo é a ferramenta máis importante das Matemáticas. Traballar o cálculo, deste xeito, axuda a profundar na comprensión dos números, a relacionar as operacións, a facer equivalencias, asociacións e transposicións, en definitiva, a entender o mundo e a poder desenvolverse.

 

 

Para finalizar, e a modo de conclusións da experiencia dos seis anos que levamos coa metodoloxía ABN implantada, hai que resaltar que:

  • O método ABN comeza a utilizarse desde a etapa de educación infantil e ao longo da toda a educación primaria.
  • A linguaxe verbal non substitúe a experiencia, acompáñaa. Esta metodoloxía proporciona experiencias enriquecedoras co fin último de construír coñecementos novos sobre o que xa coñecen.
  • O manexo de obxectos, de referentes, comportan a realización e interiorización de accións, estimulando a creatividade e a motivación, e son un medio para abstraer e construír habilidades mentais.
  • Actitude moi positiva do alumnado ante a aprendizaxe das Matemáticas e unha mellora notable do rendemento académico nesta competencia.

Necesidade de traballar diferentes situacións problemáticas secuenciadas, tendo en conta o libro de resolución de problemas e método ABN de Jaime Martínez Montero, coa finalidade de previr o fracaso na ensinanza e aprendizaxe da resolución de problemas.

 

 

O noso agradecemento a todas as persoas que crean e comparten material ABN de xeito desinteresado. E tamén ao equipo de profesorado que se formou e involucrou no cambio metodolóxico do centro.

 

 

Sección: