As metodoloxías activas como motor de cambio

Experiencia formativa no CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo: xuntos somos escola
Estar en constante evolución é inherente ao ámbito educativo e, polo tanto, aos profesionais que o conformamos. Buscar estratexias e recursos que nos faciliten a conexión co alumnado máis alá do enfoque simplista da transmisión de coñecementos, entendendo a docencia desde unha óptica humanista que ofrece experiencias educativas contextualizadas, funcionais, significativas e coas que o alumnado pode conectar as súas propias necesidades e inquedanzas, convértese no noso punto de partida.

Isabel Rodríguez Martínez
isabel-rodriguez@edu.xunta.gal
Nuria Feijóo Álvarez
nufeijoo@edu.xunta.gal
Mª Eva Diéguez Prado
dieguezprado@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo (O Carballiño - Ourense)

 

No 2017 a UNESCO publica un documento chamado Ferramentas de formación para o desenvolvemento curricular: a aprendizaxe personalizada. Nel explícase como tomar en consideración os coñecementos, as capacidades, as necesidades e percepcións do alumnado durante o seu paso polo sistema educativo.

Conscientes desta necesidade, o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo leva varios anos desenvolvendo un Plan de formación permanente do profesorado que pon o acento en métodos pedagóxicos que posibiliten esa aprendizaxe personalizada e non só no enriquecemento da aprendizaxe duns contidos determinados, senón no desenvolvemento persoal e emocional de todas as persoas implicadas. Empatía, asertividade, escoita activa, memoria, aprendizaxe significativa, autoestima e motivación convertéronse en vocabulario básico para o desenvolvemento das actividades que programamos, en moitas ocasións apoiándonos en recursos tecnolóxicos.

A chegada das metodoloxías activas ás nosas aulas implica inevitablemente desaprender: a flexibilidade xunto coa capacidade de adaptar novos coñecementos é a clave para calquera docente neste momento.

 

Xogamos?  Aprendizaxe baseada no xogo

Conscientes da importancia de integrar aprendizaxes e fomentar as relacións interpersoais entre o alumnado fixemos unha achega cara o ABX (aprendizaxe baseada no xogo) para educación infantil e primaria.

Cris Neira e Kiko Cociña (Chafarís) foron os encargados de guiarnos a través deste recurso pedagóxico que estimula o cerebro na área cognitiva, emocional e social.

 “O xogo é un invento poderoso da natureza. O instrumento do xogo, combinación de curiosidade e pracer, é a arma máis poderosa da aprendizaxe”
Francisco Mora.

Os xogos de mesa son unha ferramenta para mellorar a plasticidade do noso cerebro, poñendo en marcha funcións executivas como a toma de decisións, o razoamento, o control inhibitorio… Desenvolvemos estas funcións dun xeito lúdico incitando a curiosidade, retos persoais ou sociais que levan o neno a experimentar emoción, acción e satisfacción. Cando xogamos, aprendemos, bebendo das súas mecánicas e dos seus contidos ao mesmo tempo que desenvolvemos capacidades, habilidades ou competencias, nos divertimos e reflexionamos sobre o aprendido.

 

 

Puxemos en práctica a ABX en toda a etapa de educación Infantil e primaria concretándoa e levándoa a cabo en diferentes niveis. O primeiro paso foi xogar! Realizamos unha proba por parte dun numeroso grupo de mestres que nos permitiu coñecer e analizar novos xogos para poder crear unha ludoteca de aula adaptada ás idades e características dos nosos nenos e nenas.

Unha vez que superamos esa fase e baseándonos nunha guía que recibimos na formación, comezamos a adaptalos ao propósito desexado. Para iso, escollemos e axustamos os xogos e os seus obxectivos desde unha perspectiva didáctica.

O centro reservou unha partida económica para que cada aula dispuxese da súa propia ludoteca con xogos adaptados ao nivel correspondente e puxémonos en marcha: seleccionamos aqueles que nos permitiron traballar determinados contidos e adaptamos aqueloutros que non encaixaban perfectamente no programado.

A acollida entre o alumnado foi extraordinaria e deseguido, as nenas e nenos, organizados en pequenos grupos, foron coñecendo todos os xogos da ludoteca de aula, o que permite que na actualidade poidan empregalos tanto en sesións dirixidas como nos momentos de lecer.

 

 

A introdución dos xogos de mesa nas aulas incidiu moi positivamente na mellora da aprendizaxe, da motivación do noso alumnado e do clima de traballo, facilitando ademais as relacións interpersoais entre os nenos e nenas.

Esta proposta quedou integrada polos múltiples beneficios que achega e abrímola ás familias realizando obradoiros a través de bibliotecas creativas e coa colaboración de Brazolinda.

 

Aprendizaxe Baseada en Proxectos na Educación Infantil

O desexo dun cambio de rumbo entre o profesorado desta etapa foi o punto de partida para achegármonos á aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). É sabido que este enfoque metodolóxico non é novo, con todo segue a ter un baixo nivel de aplicación nos nosos centros e con menor frecuencia na etapa de educación primaria. Pero... por que un método pedagóxico desenvolvido aos inicios do século XX ten na actualidade tan pouca cabida nos centros educativos? Malia ser certo que vai gañando cada vez máis espazo, aínda falta camiño para que non xere reticencias entre o profesorado.

Con Antía Piñeiro (Escola de Vilarello) fixemos un percorrido polas cuestións pedagóxicas que fundamentan o ABP e afondamos no deseño e posta en práctica das actividades transversais e multidisciplinarias que o caracterizan. Comprendemos que a través do ABP fomentamos no noso alumnado o pensamento crítico, a creatividade, o traballo colaborativo, as habilidades sociais, o espírito emprendedor e a iniciativa, xerando ademais aprendizaxes significativas.

 

 

O ABP facilita aprender a aprender e aprender facendo: dándolles espazo aos procesos naturais da aprendizaxe na que o erro ten unha connotación positiva, configurándose como oportunidade de mellora. A observación, a experimentación, a formulación de hipóteses e a súa comprobación levan o alumnado a traballar dun xeito activo, sendo axente construtor das súas aprendizaxes e logros.

Se formularmos as propostas para traballar en equipo, cun enfoque colaborativo, facilitamos a cohesión do grupo, a creación dun vínculo socioafectivo entre o noso alumnado e creamos a posibilidade de aprender xuntos, respectando o momento evolutivo no que cada alumno se atopa, facilitando a incorporación de novas aprendizaxes e posibilitando as conexións neuronais que leven o noso alumnado a dar un paso máis na súa aprendizaxe.

 

 

Partimos de experiencias e situacións reais e máis próximas ao alumnado, conectando cos seus intereses para deseñar as propostas educativas, buscando a interrelación entre ambos os aspectos: o que os nenos e nenas desexan aprender e o que os mestres e mestras temos que ensinar. A motivación é o vehículo emocional que activa os procesos cognitivos que interveñen na aprendizaxe:

Hoxe sabemos que o binomio emoción-cognición é indisoluble, debido ao deseño e funcionamento do cerebro. Polo tanto, a emoción é un ingrediente básico do proceso cognitivo, do razoamento.”
Begoña Ibarrola, Aprendizaje emocionante.

Descubrimos as posibilidades didácticas do ABP a través do enfoque globalizado, comprobando que posibilita o traballo das tres áreas de experiencia de xeito interrelacionado potenciando as habilidades e capacidades que nelas se recollen, adaptando esas propostas ao momento evolutivo do noso alumnado e respectando os ritmos individuais, sentíndose parte integrante do seu grupo de referencia. O profesorado convértese en guía e acompañante no proceso, facilitando as ferramentas, recursos e situacións de aprendizaxe que cada neno precisa de acordo co seu estilo de aprendizaxe, creando un ambiente propicio e deixando a un lado o papel simplista e mecánico da mera transmisión de coñecementos.

 

Prácticas Restaurativas

O noso centro prepara o seu alumnado para convivir nunha sociedade inclusiva e con capacidade para axudar os demais, buscando estratexias e propostas que axuden a crear un clima de convivencia pacífica e democrática. Co propósito de deseñar estratexias para a mellora da convivencia, o noso centro apostou pola formación e a posta en práctica do repertorio de prácticas restaurativas.

Se non podemos poñerlles fin ás nosas diferenzas, contribuamos a que o mundo sexa un lugar apto para elas”.
Anónimo.

 

Da man de Rafa e Ana (Arela) gozamos dunha formación na que participou case a totalidade do noso claustro e que nos chegou ao corazón, pero tamén ás aulas. Con eles comprendemos que as persoas vivimos en comunidade: familia, amigos, colexio... e somos tamén membros dun Estado, cidadáns do mundo. As prácticas restaurativas permiten previr, detectar, xestionar e resolver as situacións de conflito en diferentes ámbitos reforzando os vínculos afectivos entre as persoas.

Diversas investigacións demostran como o modelo de xestión de conflitos con base na xustiza restaurativa frea o comportamento negativo de forma moito máis efectiva que os modelos baseados en «sancións ou castigos». Logo desa formación tan clarificante creamos un documento resumo adaptado á realidade do noso centro, que pretende ser a «folla de ruta» para o profesorado de nova incorporación e a guía de apoio na acción educativa e na xestión de conflitos, invitando o profesorado a incorporar as prácticas restaurativas como estratexia para mellorar a convivencia na nosa comunidade educativa tanto proactiva como reactivamente. Tamén creamos follas de control, infografías, cartelería, tarxetas e formatos unificados para o desenvolvemento do repertorio de prácticas restaurativas. 

As nosas liñas de actuación a curto e medio prazo van desde a creación e posta en marcha de recunchos da paz en todas as aulas e patio ata a formación ao alumnado como mediadores de conflitos, pasando polo deseño dunha nova aula de convivencia dotada de material diverso (alfabetización emocional, autoconcepto e autocontrol) e a constitución dunha escola de familias de centro, con blog propio, e sen esquecer a importancia da sistematización de círculos tanto co alumnado como co profesorado.

 

Conclusión

Coa implementación do aprendido a través dos diferentes PFPP realizados no noso centro pulsamos o botón que «activa» o alumnado e transforma a aprendizaxe nunha experiencia educativa onde se adquiren os coñecementos de forma motivada, pola necesidade que se xera e a través do construtivismo. O alumnado tórnase máis autónomo, emprendedor, cooperativo, práctico e resolutivo. Observamos como a súa competencia comunicativa mellora considerablemente, porque o contexto educativo que se crea require diálogo, resolución de problemas, pensamento crítico e colaboración.

A nosa experiencia formativa permitiunos poñer o foco na aprendizaxe competencial, que, pola súa vez, fomenta a aprendizaxe significativa e o uso das ferramentas necesarias para desenvolverse na vida real, é dicir, na súa contorna social.

 

 

Sección: