Vinte anos de formación para a transformación dixital do noso centro

A formación continua do profesorado e os cambios que provocou no CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño
Percorrido polas diferentes actividades formativas no eido dixital levadas a cabo no centro. Seguimento da súa evolución e da súa presenza como consecuencia da súa introdución eficaz e efectiva nas aulas de educación infantil e primaria.

Óscar Abilleira Muñiz (coa colaboración de todo o claustro)
oscar_abilleira@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro - Pontevedra)

 

 

1. Introdución

Crear o plan dixital do noso centro supón un punto final a un proceso de vinte anos de formación continua para a introdución das TIC de modo efectivo e eficaz nas nosas aulas. Pero é tamén o punto de partida para novas propostas innovadoras e retos, que non poderemos afrontar sen analizar e valorar ao proceso levado a cabo e os cambios que estes supuxeron.

Mellorar a competencia dixital do alumnado e acadar os obxectivos que a este respecto inclúe a nosa concreción curricular é a finalidade última de todas as actuacións que levamos e levaremos a cabo, no eido dixital, das que daremos conta dun modo moi resumido no presente artigo.

 

2. Vinte anos de formación para introducir as TIC de modo efectivo e eficaz nas aulas

Hai vinte anos comezamos a percorrer un camiño para acadar a introdución efectiva e eficaz das TIC no noso centro. Durante todo este tempo, moitos recursos tanto persoais como materiais foron cambiando, pero houbo algo que permaneceu. Estamos a falar do papel que desempeñou a nosa formación como docentes ao longo deste proceso, algo imprescindible para poder chegar á situación actual. 

Esta formación desenvolveuse nun primeiro momento en cursos de formación, dentro e fóra do centro, para converterse co paso do tempo en sucesivos plans de formación permanente do profesorado no centro (PFPP). Este avance dotounos dunha visión real e práctica, ao poder adaptarse ás nosas necesidades e enfocarse en acadar cambios reais.

Percorreremos seguidamente o camiño que seguiu a nosa formación da man dos resultados e dos cambios que tiveron lugar. Farémolo diferenciando, nalgúns momentos, as actuacións levadas a cabo na etapa de educación primaria e na de educación infantil que, malia compartiren actividades formativas e desenvolvérense de forma paralela, tiveron unha implantación na aula diferente, como é lóxico polas diferenzas existentes entre ambas as etapas.

2.1. Os primeiros anos: formación formal e informal para subir ao primeiro chanzo

Cando comezamos a dar os primeiros pasos deste camiño, a formación estivo organizada en cursos organizados polo CFR para comezar a introducir as TIC no centro. Por aquel entón, o obxectivo era darlle un uso educativo á aula de informática, que acaba de poñerse en funcionamento, así como ao primeiro EDI que recibira o centro. Tratábase dun proceso de alfabetización dixital do profesorado, que permitiu conseguir que se comezase a empregar o correo electrónico corporativo, a ferramenta XADE por parte do profesorado, ou que nas aulas se comezasen a utilizar rústicos programas e ferramentas educativas. Isto suporía un primeiro paso no noso camiño de transformación dixital.

Estes cursos estiveron reforzados por formacións informais, non regradas, organizadas polo equipo para a dinamización das TIC sobre diferentes aspectos técnicos.

Foi nese momento cando se creou a primeira versión da web do centro, que acabaría converténdose no eixe que centralizaría todo o que tivese que ver coas TIC. 

2.2. Modernización da páxina web: inclusión no proxecto Webs dinámicas

Coa chegada do proxecto Webs dinámicas, o noso centro decidiu incorporarse a el desde o primeiro momento, ao observar que a páxina web se estaba a converter nun punto de referencia, tanto para a comunidade educativa como na práctica docente. Iso foi especialmente notorio en educación infantil, onde estaban a centralizar todas as ferramentas TIC que empregaban no seu «recanto».

O proxecto permitiu modernizar a web e facer posible que todo profesorado participase no seu mantemento e actualización. Deste xeito tamén acabou por converterse nun punto de referencia para ao alumnado de educación primaria, tal como xa sucedera en infantil.

Este cambio fixo necesario un novo proceso de formación do profesorado, que se organizou tanto en cursos de formación regrados (CFR) como en procesos de formación informal organizada no centro.

Mentres tanto, a formación dixital seguía a ser un dos nosos obxectivos finais e estaba presente cada curso, complementada con formación sobre aspectos metodolóxicos e didácticos.

2.3. PFAC-Abalar: un punto de inflexión

Cando nos incorporamos á rede de centros Abalar, descubrimos a figura do proxecto de formación Abalar en Centros, que sería o precursor dos sucesivos PFPP.

Neste PFAC, ademais de acadar unha integración real das ferramentas e recursos das aulas Abalar, incluímos tamén formación específica sobre determinadas ferramentas, como a aula virtual do centro. Unha formación na que participou todo o profesorado, incluso aquel que non impartía docencia no niveis afectados, o que deu lugar a que se comezasen a usar novas ferramentas, tanto nas aulas de infantil como nas de primaria.

Asemade, este PFAC completouse con formación sobre o uso didáctico das citadas ferramentas dixitais nos proxectos de traballo e investigación, así como na súa creación.

Durante este tempo, nas aulas de infantil, comezáronse a crear as súas propias aplicacións dixitais en liña para o traballo na aula, o que deu lugar á aparición da web recursoseducativos.net. Entre elas atopamos o sistema de rutinas e calendario en liña, o préstamo de libros en liña, o uso de carnés con código QR... todo iso centralizado desde o «recanto de infantil» da web do centro.

 

 

No caso de educación primaria, comezaron a usar tamén a web como porta de acceso do alumnado a Internet, propoñendo buscadores seguros, xogos, aplicacións, información para os proxectos de traballo e investigación...

Mentres tanto, a web do centro estaba a converterse nun punto de consulta obrigada para as familias e a comunidade, xa fose para acceder á información publicada polo centro ou para coñecer todas as actividades que se estaban a desenvolver coa participación dos seus fillos e fillas.

2.4. Os primeiros PPFF: o STEM entra no centro e continuamos afondando na transformación dixital

Coa aparición dos PFPP, «subímonos ao carro» desde o primeiro momento, mantendo desde entón e sen interrupcións un plan de formación en todos os cursos escolares.

Nestas formacións establecemos diferentes propostas de cambio no centro, que fomos acadando ao longo do tempo. As relacionadas coas TIC, de modo moi resumido, foron, entre outras, as seguintes, cada unha delas como resultado dunha actividade de formación dentro do PFFP do curso:

  • Creación de contidos multimedia (audio e vídeo) que deu lugar á creación de O Cervo dixital (un xornal en liña) e O Cervo TV (banco de vídeos creados), presentes na web do centro. Na actualidade continúan actualizándose de modo periódico.
  • Introdución de actividades STEM no centro, coa inclusión da robótica educativa, inicialmente a modo de obradoiros tanto en infantil como en primaria. Finalmente, acabarían converténdose en áreas de libre elección de centro en cuarto e sexto, co seu correspondente currículo. Isto completouse coa creación dunha aula STEM e coa reconversión da antiga aula de informática.

 

 

  • Uso habitual de ferramentas corporativas en lugar doutras comerciais usadas ata o momento, como no caso de Abalar Móbil a través do Espazo Abalar, para a comunicación coas familias.
  • Incremento e actualización das ferramentas TIC deseñadas e creadas nas aulas de infantil e primaria.  

 

 

  • Posta en funcionamento de Radio Cervo, radio escolar que conta co seu apartado na web do centro, con hemeroteca e emisión en directo en liña.   

 

 

2.5. Converténdonos en centro E-Dixgal

Ao pasar a ser un centro E-Dixgal, foi preciso un proceso de formación (actualización) que se enmarcou novamente dentro dun PFPP. Nas actividades formativas deste participou a totalidade do profesorado, impartisen docencia ou non nos niveis afectados. Isto permitiu aproveitar o aprendido sobre o uso do EVA E-Dixgal na aula virtual do centro nos restantes niveis, o que nos resultaría moi útil durante o período de confinamento por mor da covid-19.
Ao longo de todo este tempo, a dotación técnica foi mellorando e incrementándose, moitas veces á custa de empregar recursos propios do centro, ao non contar cunha dotación acorde coas necesidades nin estable por parte da Administración.
Do mesmo xeito, ademais de todo o indicado, foise completando a nosa formación con outro tipo de actividades relacionadas co ámbito STEM, seguridade e Internet para as familias e o alumnado, dentro do plan director, ou coa participación no proxecto Navega seguro.

 

3. O plan dixital: punto de chegada e punto de partida para novos retos

Cando neste curso nos embarcamos na elaboración do plan dixital do centro, non cabía outra opción, despois do traballo desenvolvido ao longo destes anos, que facelo dentro dun PFPP, o que nos permitiría facer un seguimento eficaz do traballo e elaborar un documento de aplicación real no centro.

Os pasos previos á súa elaboración puxéronnos, como centro, ante o espello de todo o que xa acadaramos pero, sobre todo, daqueles retos que aínda tiñamos por diante e que precisaban unha intervención pola nosa parte.

Deste xeito descubrimos que, malia as actuacións feitas no eido dixital seren eficaces, quedaban aínda algunhas lagoas, desde o punto de vista docente, como eran empregar as TIC no proceso de avaliación, da coavaliación do alumnado ou compartir recursos. Tamén detectamos que debemos mellorar a implicación e participación das familias no eido dixital no centro, así como tentar acadar a colaboración de entidades externas que permitan mellorar este desenvolvemento das TIC.

Así pois, este plan dixital que estamos a elaborar incluirá actuacións concretas para solucionar estes retos e contarán novamente coa formación dentro de sucesivos PFPP. 

Estamos seguros de que este novo camiño que comeza dará os seus froitos, que agardamos que sexan, cando menos, tan satisfactorios como os acadados ata agora.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

    • Web do centro

    • PFPP na web do centro

    • Plan dixital na web do centro

    • Recanto de infantil na web do centro

    • Radio Cervo

    • Cervo TV

    • Cervo Dixital

    • https://www.recursoseducativos.net

 

 

Sección: