Aspronaga

Un colexio poco común

 

Inicios

Visto desde hoxe, soa estraño pensar que hai uns anos era posible que houbese nenos e nenas en idade escolar na Coruña que non tivesen dereito á educación. Desde os valores da nosa sociedade actual, parece difícil imaxinar que eses nenos e as súas familias non puidesen acudir a ningún centro educativo porque non podían ser matriculados. Soa incrible unha anécdota contada por un deses pais que, cando acudiu a unha autoridade local que coñecía para reivindicar a construción dun centro educativo para a súa filla e persoas coas súas características, obtivo como resposta deste gobernante que xa había centros para persoas así e que o que lle podía ofrecer era un centro penal. Eran outros tempos, non tan afastados como nos puidesen parecer, nos que as persoas con discapacidade intelectual non tiñan un dereito tan sinxelo como censarse na nosa cidade.

Así empeza esta historia. Pero nada o explica mellor que a memoria anual en 1964 dunha asociación de familias da Coruña que se acababa de crear:

(…) con data do 11 de maio de 1963, asínase a tan ansiada escritura de adquisición do predio urbano situado nesta cidade, Cidade Xardín, rúa Pérez Lugín,10. O que en principio era unha quimera converteuse en realidade (…) Aspronaga conta xa co seu colexio. Edificio desmantelado, frío e deteriorado en sumo, xa que non fora habitado en máis dos dez anos anteriores. É necesario adaptalo, reedificalo diriamos, e con este panorama á vista acométese a inxente e temeraria tarefa da súa habilitación cando nas arcas da asociación non existía efectivo ningún.

A xenerosidade do contratista, a benevolencia dos vendedores de material fan que se poidan levar a cabo as obras, sempre con propósito firme de que había de pagarse ata o último céntimo.

Namentres, xa se contaba cun persoal disposto a entregarse ao servizo de Aspronagae deséxase destacar que o interese material non contribuíu en absoluto nas súas solicitudes(…).

A nosa directora acode a efectuar un curso en réxime de internado nun colexio de Madrid (…) e regresa cun programa e cuns coñecementos utilísimos sobre as fontes da instrución pedagóxica do discapacitado (…). Por fin, o día 12 de xaneiro de 1964 o Colexio Nuestra Señora de Lourdes abre as súas portas.

(…) A pedagoxía terapeútica comprende dúas vertentes completamente delimitadas: o ensino do neno por medio da instrución e a instrución ao neno por medio do amor. E isto é, en resumo, co que, nunhas clases de alegría e compenetración, os nosos fillos van para adiante. Desde que o neno aprende a quitaro abrigo e a poñer o mandilón ata os momentos en que se ensinan estes seres a xogar..., a rir.

 

Aspronaga. Memoria. 1964

 

Para os que non vistes nunca o colexio, Elías P., toda unha institución na xestión da asociación, describe así o chalé que alberga aínda hoxe o noso centro e continúa sendo a sede de Aspronaga:

O colexio finaliza nunha torre con xanelas en oxiva e rematada con ameas. Trátase dunha clara alusión ao castelo medieval de Javier, en Navarra. O arquitecto, Leoncio Bescansa, e o seu primeiro propietario, Julio Casares, pertencían aos Bescansa e prezábanse de descender de familiares de San Francisco Javier, nacido na citada localidade navarra.

A fundación do colexio é o inicio dunha loita desde un colectivo moi concreto polo dereito fundamental á educación universal, anos antes de que isto fose unha realidade lexislada.

 

Servizos e profesionais

Con capacidade para preto de cen alumnos, o centro inaugúrase oficialmente o 14 de setembro de 1964 con unicamente tres unidades, con unidades de foniatría e logopedia econ servizo de transporte escolar.

Na década dos setenta,o centro chega a consolidar dez unidades, o que dá unha dimensión das necesidades de escolarización daquela época no alumnado con discapacidade intelectual. A media de alumnos por aula estivo desde ese momento en cocientes próximos aos dez alumnos por aula. Esta realidade xa se mantivo así durante moito tempo. Constrúese un ximnasio (1971) e instáurase a educación física e os deportes no plan académico coa incorporación, en 1974, dun servizo de rehabilitación psicomotriz.

 

Os profesionais do colexio son, ata a década dos noventa, unicamente funcionariado en comisión de servizos complementado por algúns profesionais contratados por Aspronaga, como no caso da traballadora social e os “coidadores”. Tras a aprobación da LODE, o centro pasa a ser concertado e substitúe paulatinamente unidades públicas por unidades concertadas. Este proceso finaliza no ano 2001. No ano 2006 consolídanse as once unidades concertadas actuais. O catálogo complementario de profesionais de educación complétase con axudantes técnico-educativos (4), con servizo de orientación (psicoloxía), servizo de logopedia e un profesor de taller.

Cambios educativos importantes desde os anos noventa

A maioría do persoal actual traballano colexio desde mediados dos anos noventa. Nesa década, o centro foi sufrindo diferentes transformacións metodolóxicas e de paradigma, tan importantes como nas tres décadas anteriores.

A mediados dos noventa, vese a necesidade de incorporar ao centro un módulo de formación profesional. Isto adiantouse moitos anos ao que, aínda hoxe, é unha reivindicación de actualidade no noso centro. Fíxose mediante a contratación dun profesor de taller.

A finais dos noventa, empezáronse a introducir melloras técnicas nas metodoloxías de traballo de comunicación e mellora da autonomía persoal para o alumnado con maiores necesidades de apoio. Chegaron ao centro os sistemas alternativos de comunicación e quedaron instaurados como metodoloxía con todas as súas melloras posteriores.Nesa época, o centro adecuouse ao cambio de paradigma na discapacidade intelectual proposto co novo modelo de apoios e implantáronse os manuais de boas prácticas que incluían desterrar no noso alumnado para sempre o «non é capaz» e substituílo por «é capaz de». Hai tanto tempo que a maioría esquecemos que houbo unha vez en que non foi así, pero sentáronse bases moi importantes que fan que hoxe vexamos impensable o contrario.

Así, entraron na nosa forma de adaptarnos ao sistema educativo, por entón lexislado pola LOXSE, as habilidades adaptativas, moito antes de que o DESECO 2003 sentase as bases definitivas de cambio para un sistema educativo competencial con tantas analoxías ao que sempre se buscou desde o centro. A nosa metodoloxía incluía accións educativas na propia comunidade, favorecidas pola localización do centro (supermercados, museos, transportes, aprendizaxe de xestións, establecementos de hostalería, itinerarios culturais etc.).

Deste xeito, nos seguintes anos, adaptamos currículo, adaptamos áreas, incluímos habilidades adaptativas, probamos novidades técnicas, incluímos as TIC (desde o ano 2000) na práctica habitual do alumnado, realizamos actividades favorecedoras da inclusión noutros centros educativos mediante actividades deportivas, culturais e celebracións conxuntas e seguimos buscando a mellora da calidade da nosa práctica docente.

Nestas dúas últimas décadas,impulsáronsenumerosas accións e proxectos que marcaron moito a actividade escolar e supuxeron un desenvolvemento do colexio en metodoloxías e posta en valor da nosa comunidade educativa: Proxecto Comenius, viaxe a Estrasburgo para recoller un premio Euroescola no Parlamento Europeo, primeiro premio EDUCARED por un blog, diversas publicacións e relatorios sobre aspectos educativos e metodoloxía do centro,charlas, xornadas educativas etc.

Premio blog 2015

 

As saídas de aula como metodoloxía seguiron sendo unha constante para achegar o alumnado a realidades próximas e convertéronse nun sinal de identidade do colexio, con cursos escolares que superaron amplamente as duascentas se contamos as de todas as aulas.

E cada curso continuamos realizando proxectos en cada aula. Os máis actuais, pouco antes da pandemia e nun ano tan difícil como este, poden seguirse na nosa web actual e nos diferentes blogs das aulas: Voz Natura, Semente, Digicraft, Proxecto limpeza de praias, A máquina da saúde, Cansat, Avaliación de áreas biosaudables na área coruñesa, Diversidade impresa (impresión 3D premiada na categoría de secundaria na Open Science de Cambre e premiada na ZIENTZIAAZOKA de Bilbao), Deseño e Son co IES Zalaeta, robótica con LEGO, prácticas non laborais en Alcampo, proxecto conxunto no Plan de convivencia do CEIFP Paseo das Pontes (premiado recentemente pola Consellería de Educación cun terceiro premio en boas prácticas inclusivas), estamos a traballar para ser un centro SEMGAL (ano 1) etc.

Hostalería no CIFP Paseo das Pontes

 

O futuro

A comunidade educativa actual recolle o testemuño das reivindicacións das persoas que hai case sesenta anos loitaron, anticipándose aos tempos, polo recoñecemento dos dereitos do alumnado con discapacidade intelectual.

Seguimos traballando para que o noso alumnado adquira o máximo nivel competencial posible, adaptándonos ás novas metodoloxías, valorando as necesidades de apoio e intentando que as nosas ACS e as nosas avaliacións respondan con calidade ao proceso de ensino-aprendizaxe.

No século XXI cremos que o noso alumnado ten que ter unha certificación que recoñeza as súas competencias en EBO, comezadas en todos os casos no sistema educativo ordinario e continuadas no noso colexio.

E, a continuación, é totalmente necesario a implementación de itinerarios POSOBRIGATORIOS, como os que existen para todas as demais persoas que queiran continuar no sistema educativo. O contrario valida unha inclusión en etapas obrigatorias e desprotexe o alumnado que supera os 16 anos.

Queremos evitar que todo o noso alumnado, só pola súa condición de persoas con discapacidade intelectual, caia no que o Consello Europeo define como abandono escolar temperán no ano 2011 (Diario Oficial da Unión Europea C191/3):

A expresión abandono escolar prematuro utilízase en relación coas persoas que abandonan a educación e a formación cursando tan só o primeiro ciclo de secundaria, ou por baixo do devandito nivel, e que xa non cursan unha educación ou formación.

Traballamos, aínda que vaiamos tarde, para aspectos marcados polo Consello Europeo:

2) Adoptar, como moi tarde ao termo de 2012, estratexias xerais para reducir o abandono escolar prematuro e velar pola súa aplicación, de conformidade coas prioridades nacionais dos obxectivos de Europa 2020. Adoptaranse estratexias xerais que inclúan medidas de prevención, medidas de intervención e medidas compensatorias, estas últimas destinadas a que as persoas que suspendesen os seus estudos se reincorporen ao sistema educativo.

3) Velar por que estas estratexias inclúan medidas apropiadas para os grupos que presentan maior risco de abandono escolar prematuro nos Estados membros, como os nenos de contornas socioeconomicamente desfavorecidas, inmigrantes ou xitanos, ou con necesidades educativas especiais.

Temos preparadas accións formativas e proxectos factibles coa colaboración de centros próximos e con apoios externos, como é o caso de Alcampo, Inserta, Confederación de Empresarios etc. Pechamos estas liñas coa esperanza posta no noso próximo curso escolar tras un alentador encontro coa Consellería de Educación.

 

Prácticas en Alcampo

 

Traballamos para conseguilo por un principio de non discriminación do noso alumnado e, xa de paso, renderémoslles cumprida homenaxe ás persoas que comezaron soñando no século pasado un colexio pouco común que respondese ás necesidades educativas dun alumnado único.

 

 

Palabras clave: 
Sección: