Un soño camiño de facerse realidade

A comunidade educativa do CEIP Labarta Pose logrou pór en marcha un patio inclusivo que converte o recreo nunha oportunidade para toda a rapazada. O proxecto multidisciplinar partiu dun curso de formación permanente do profesorado (PFPP) para que o alumnado goce dun espazo vivencial de xogo, aprendizaxe e experimentación. As achegas da Consellería de Educación, Concello, familias, profesorado, alumnado e técnicos foi indispensable.

Sinda Cundíns Caamaño
sindacundins@edu.xunta.es
CEIP Labarta Pose de Baio-Zas (A Coruña)

 

 

O colexio Labarta Pose creou un patio inclusivo grazas á colaboración de toda a comunidade educativa.

«Somos do mesmo material do que se tecen os soños», dicía  William Shakespeare. E o mellor dos soños é que nos collan espertos para facelos realidade. No colexio Labarta Pose de Baio intentamos conseguilo. E como foi? Todo comezou cunha actividade formativa. E coa implicación da totalidade da comunidade escolar puidemos sacar adiante un espazo de lecer colectivo para beneficio da rapazada, que, á fin e ao cabo, é o que importa. E pouco hai máis fermoso e máis satisfactorio que cando un plan colectivo sae adiante con éxito. Alumnado, familias e profesorado gozamos agora dunha maneira ou doutra das novas oportunidades creativas para o entretemento infantil.

O equipo docente do CEIP Labarta Pose, a través dun curso anual de formación para os docentes, en concreto do proxecto de formación permanente do profesorado (PFPP), chegou á conclusión de que era necesario elaborar unha proposta colaborativa de carácter educativo para mellorar a estética e dotar de máis recursos o patio do colexio e convertelo nunha área inclusiva con diversas oportunidades de xogo encamiñadas á diversión e á aprendizaxe. Un lugar para que a rapazada puidese expandir a súa mente e o seu corpo e atopar vieiros sans de relación e ocio. A inclusión non debe limitarse á aula nin quedar nunha simple teoría. Hai que levala á práctica. Facela real. Asumir que a diversidade funcional nos centros é unha realidade que cada vez vai adquirindo máis forza e hai que buscarlle camiños para eliminar ou superar barreiras.

Este novo espazo contribúe a que o recreo axude a mellorar as relacións sociais e emocionais e a reducir o estrés. É no patio onde o alumnado aprende a comunicarse, a compartir, a negociar… Habitualmente, moitos conflitos veñen do recreo, que é unha oportunidade para levar á práctica as competencias sociais e os valores traballados na clase.

Por todo iso, considerabamos que o noso patio tiña que ser máis vivencial, para fomentar tamén a observación e a experimentación. Un novo lugar para crear sociedade infantil. Necesitabamos máis xogos en equipo, máis experiencias manipulativas, máis diversidade de xogos para desenvolver a imaxinación e traballar a igualdade de xénero, a inclusión social, a sustentabilidade ambiental e sacarlle protagonismo aos xogos competitivos e ao reinado absoluto de actividades coma o fútbol, que monopolizou case en exclusiva o patio durante decenios. De acordo con esta filosofía, fixemos unha nova distribución dos espazos. Así, as pistas de baloncesto, fútbol, tenis… están na parte posterior do centro educativo.  

 

Unha idea colectiva

É unha idea colectiva, unha proposta multidisciplinar, coa implicación de toda a comunidade educativa. O profesorado traballou neste proxecto durante todo o curso escolar 2018/19 e ségueo facendo no curso actual (2019/20). Todo o colectivo escolar está comprometido desde o principio e en todo momento co proxecto de mellora do patio, que se deseña e executa en colaboración con Fermín Blanco, arquitecto e director do Sistema Lupo, un grupo de técnicos especializados na transformación de espazos educativos. 

Precisabamos a implicación do centro e dos seus docentes e a través do curso fíxose realidade. O profesorado participante estableceu uns criterios metodolóxicos de carácter didáctico para que todo encaixase coas normativas pedagóxicas e de seguridade. A implicación de todos os protagonistas foi o mellor éxito. O Sistema Lupo achegou a asesoría técnica necesaria para  facer o deseño adecuado. Logo só quedaría executar as obras. No medio, coma sempre, xurdiron atrancos, pero así gózase máis do éxito final. 

Non obstante, quedaban máis aspectos que mirar. Cando se afronta unha idea colectiva, todas as partes teñen que estar presentes no proxecto. Así é que se fixo unha primeira fase de análise co alumnado nas aulas. O patio inclusivo é un lugar pensado para el e non podiamos deixalo á marxe. Solicitouse a participación e colaboración das familias para poder crear ese novo espazo ideal entre todos. E aí estiveron, coas súas achegas enriquecedoras. Foi así como descubrimos unha serie de deficiencias do centro, tanto no aspecto arquitectónico como organizativo e refundimos todas as ideas xurdidas. 

 

Pendentes todo o verán

Pretendiamos facer as obras no verán e estarían suxeitas a unha orde de prioridades segundo as posibilidades económicas e os tempos. Toda a estación estival estivemos pendentes da execución. 

O obxectivo inmediato sería a ampliación de zonas verdes cunhas topografías lúdicas, montañas de céspede que inclúen agochos  e construcións de xogos para os máis pequenos. Os desniveis son divertidos e axudan a traballar a motricidade grosa e o equilibrio. Este proxecto levou aparellada a colaboración da ANPA e do Concello de  Zas. Sen a axuda de ambos, non se podería levar a cabo. Solicitamos unha reunión co xefe territorial de Educación para presentarlle o plan e pedirlle a súa aprobación e participación.


Despois (Entroido 20)

A fase do proxecto correspondente a este curso implica que esteamos traballando os espazos de oportunidade, a adaptación dos medios dos que dispoñemos e iniciativas sen custo, como a instalación de encerados en desuso no patio cuberto e a reutilización dun fútbol de mesa abandonado nun almacén, dotándoos dunha nova vida.

 

Novas ideas e xogos

Ao mesmo tempo, estamos elaborando propostas de xogos de luz nos contedores-casa, usando os seus ocos. Fixemos unha reflexión sobre a mellora que supuxo a colocación deses colectores no patio e das repercusións no comportamento do alumnado, como desenvolveron dinámicas de xogo e as relacións patio-alumnado e o aproveitamento imaxinativo que fai a rapazada dos recipientes. Estes foron doados pola empresa local de Celestino Martínez (INGALP). A partir de aí, formulamos novas ideas e xogos inclusivos.

Nenos contedor


Traballamos tamén un novo espazo interior, a biblioteca, que é un lugar de aprendizaxe, reunión, estudo, diversión e inclusión. Fíxose unha nova distribución con recuncho de música, lectura, relax, contacontos, mesa de luz, multimedia…. para o entretemento dos recreos no interior.

Biblio relax

 

Pero hai máis, coa colaboración do Concello de Zas, convertemos o patio nun taboleiro, onde ten cabida  calquera xogo inclusivo e dándolle ao alumnado unha base de onde partir para desenvolver a súa imaxinación e  que poida crear novas formas de brincar e enredar. Outro paso será pintar sobre os cadros o xogo da busca do tesouro. Farao unha artista local co fin de que achegue tamén os seus coñecementos e experiencias.

Trátase dun proxecto en permanente evolución, así que, por outro lado, estudamos a dinamización do patio cuberto coa mesma técnica de pintado do chan en forma de circuíto. Tamén se formulou a posibilidade de facer un rocódromo, que no seu momento se tratará e levar a cabo.

En definitiva, é un proxecto educativo que converte o colexio Labarta Pose en núcleo da comunidade e onde teoría e práctica se dan a man a través de metodoloxías activas e participativas. É un plan ambicioso que coquetea coas vangardas educativas desde este recuncho da Costa da Morte. Era un soño, pero intentamos que nos collese a pé de obra. O logro será froito dun esforzo colectivo de mestres, familias e alumnado, o aproveitamento dos cursos do profesorado, a implicación de toda a comunidade e o apoio de empresas locais e institucións públicas. Entre todos estamos no camiño de conseguilo.  

 

 

Sección: