13 anos de experiencia en proxectos europeos no IES da Pobra do Caramiñal

O IES da Pobra do Caramiñal leva 13 anos participando en proxectos europeos. Este curso estrea proxectos KA 103 e coordina un proxecto KA 229, Our intangible heritage, a value for the future, de intercambio de boas prácticas con centros de Turquía, Estonia, Grecia e Portugal, sendo o ano con máis accións Erasmus+ en curso.

Alejandro Bobillo Vázquez-Monjardín
Coordinador de proxectos europeos do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña)
 abobillo@iespobra.com

O IES da Pobra do Caramiñal leva 13 anos participando en proxectos europeos. Neses anos Europa cambiou, como tamén o fixo a súa esixencia en materia de educación. Anticiparse a eses cambios, coñecer as novidades, adaptarse son obrigas que temos os profesores co noso traballo, ou así o entendeu un grupo de compañeiros que no ano 2006 decidiu participar por primeira vez nos proxectos Comenius.

Desde aqueles primeiros pasos pensados sen máis perspectiva que ir abríndose a Europa ata os actuais proxectos Erasmus+ -que requiren unha avaliación de necesidades e a redacción dun proxecto consistente que busque a calidade e a sustentabilidade-, pasaron 13 anos de ensaio/erro, de cuestionamentos e de adestramento para darlle a mellor resposta educativa ao noso alumnado, ata acadar a cualificación de excelente en varios dos proxectos aprobados.

A experiencia de máis dunha década de proxectos europeos frutificou durante o presente curso escolar na aprobación de catro accións dentro do marco Erasmus+:

  • Proxecto KA 103, de prácticas profesionais para o alumnado de ciclos formativos.
  • Proxecto KA 229, de intercambio de boas prácticas con centros do estranxeiro.
  • Proxecto KA 101, de formación do profesorado.
  • Proxecto KA 102, como parte dun consorcio de prácticas profesionais para alumnado de ciclos formativos.

Resulta interesante constatar como un proxecto Erasmus pode estenderse horizontalmente a través de todas as iniciativas do centro, como inspira as diferentes liñas do PFPP (Plan de formación permanente do profesorado) e como, pola súa vez, se alimenta delas. Deste xeito, nos últimos anos, o PFPP do centro baseouse no uso didáctico das novas tecnoloxías e no desenvolvemento de aulas virtuais; e moitos dos cursos de formación que procuramos en Erasmus+ insistiron logo nas mesmas temáticas.

Buscamos, polo tanto, unha formación que nos permitise levar a cabo o noso Plan europeo de centro, dentro das liñas estratéxicas de desenvolvemento na área STEAM (science, technology, engineering, arts and mathematics), apreciando ao tempo o valor educativo do patrimonio cultural e procurando a igualdade, a cohesión social e a cidadanía activa.

Erasmus+ contribuíu igualmente á mellora das nosas competencias lingüísticas, estivo na orixe de moitas das seccións bilingües nacidas no centro, e converteuse no motivo polo que moitos de nós comezamos de novo a estudar inglés e a obter as certificacións necesarias. Toda esta Babel lingüística viuse reflectida na aplicación do decreto de tratamento integrado de linguas (TIL), que propicia que todas estas seccións teñan a supervisión dun membro do Departamento de Inglés que vela pola calidade final da docencia.

Traballar unha materia nunha lingua estranxeira require un importante esforzo formativo previo. Os proxectos europeos parecéronnos unha vía posible para facer adecuadamente esa transición e, a través deles, participamos e seguiremos participando en moitos cursos de actualización lingüística e de CLIL (Content and Language Integrated Learning).

En efecto, os catro anos consecutivos de proxectos KA 101, de formación do profesorado, supuxeron unha aprendizaxe metodolóxica notable, que redundou na incorporación de novas dinámicas de aula, pero tamén na transformación da propia organización do centro, como se reflicte na recente creación de aulas materia.

Dentro dos proxectos europeos en curso cabe destacar a coordinación do KA 229, Our intangible heritage, a value for the future, de intercambio de boas prácticas, no que se traballa o patrimonio inmaterial xunto con socios de Estonia, Turquía, Grecia e Portugal (Azores).

Desde a perspectiva da aprendizaxe baseada en proxectos, e coa finalidade de fomentar o enfoque interdisciplinar no ensino, os departamentos implicados desenvolveron actividades coa dobre función de explorar as aplicacións didácticas do patrimonio inmaterial nas distintas materias e de favorecer a comunicación familiar.

Así, a partir de entrevistas individuais con compañeiros/as constituíuse un grupo estable de profesorado implicado nas accións Erasmus, ao que se sumaron outros colaboradores puntuais, o que se traduciu nun impacto no alumnado que acadou o 100 % na ESO. Pola súa vez, os alumnos e alumnas seleccionados viaxaron aos países participantes acompañados polo profesorado para presentar os resultados do traballo realizado nas aulas. Deste xeito a aprendizaxe converteuse nunha vía para a comunicación e o intercambio de experiencias.

Este tipo de proxectos supón unha coordinación intensa entre socios que empeza no proceso mesmo de redacción da proposta, coa adxudicación de roles entre o profesorado colaborador, a inclusión das actividades deseñadas nas programacións didácticas, e a realización de cronogramas cos que distribuír as tarefas no tempo.

Un proxecto destas características implica a todos os colectivos da comunidade educativa (pais, alumnado, profesorado e institucións) e, no noso caso, tamén ao concello, á ANPA e á prensa, que tivo unha función esencial na difusión de resultados, pois, para facer posibles estes proxectos, é preciso atopar socios tanto dentro como fóra da institución escolar.

Ademais, cabe dicir que ao longo deses 13 anos de existencia non foron poucos os desgustos e os problemas, aínda que se minimizan cando o tempo pasa e o empeño ofrece resultados. É complicado coordinar un equipo humano no que hai continuas baixas polos concursos de traslados. A xestión dos tempos, a posta en común dos obxectivos, moitos produtos finais que quedan inconclusos, a avaliación, as dificultades de difusión dentro e fóra da nosa fronteiras etc.

Con todo, a longo prazo esas dificultades pasan a un segundo plano cando se logra un impacto duradeiro, cando os proxectos europeos son un estímulo para a promoción profesional e cando anos despois sabemos da pegada que deixou en moito alumnado e nas súas familias esa primeira saída ao exterior, descubrir a propia autonomía.

En definitiva, Erasmus+ é, na actualidade, un dos principais dinamizadores do noso centro, sen menoscabo doutros como a Biblioteca, o Equipo de Dinamización Lingüística, o Equipo de Igualdade, os programas de convivencia como o TEI (titoría entre iguais) e o Equipo de Mediación, que tamén se vencellan dun xeito ou doutro co proxecto, nutríndose dos recursos que ofrece Erasmus para desenvolver os seus programas.

Para saber máis sobre os proxectos do IES da Pobra do Caramiñal, podes consultar as seguintes ligazóns:

http://www.edu.xunta.gal/centros/iespobracaraminal/
https://www.facebook.com/erasmus.iespobra
http://ourinhe.erasmuspr.eu/
https://www.facebook.com/ourinhe.erasmus
https://www.flickr.com/photos/156884864@N03/
https://twinspace.etwinning.net/75773/home
https://www.youtube.com/channel/UCPJsTUcxXQM-Y4m4Yz16wmQ/featured?view_as=subscriber

 

 

Sección: