O impacto da violencia de xénero no alumnado

Ata hai pouco tempo, os problemas dos fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero abordábanse como un problema máis engadido aos efectos deste trauma na muller maltratada. A partir de 2015, os menores que conviven nun fogar violento teñen a consideración de vítimas individualizadas que precisan dunha intervención específica e especializada. Para poder abordar estratexias eficaces tanto na detección como na prevención desta violencia no alumnado, é imprescindible o coñecemento do proceso e da vivencia dos nenos e nenas afectados, así como garantir a capacitación do profesorado para poder desenvolver esta gran responsabilidade.

Ana I. Cobo Fernández
Psicóloga de servizos sociais comunitarios
anacofer@hotmail.com

 

Somos responsables de lle garantir ao alumnado (…),(1) ás nosas fillas e fillos, unha educación e unha vida en igualdade desde o seu nacemento, xa que serán responsables de construír unha sociedade mellor na que elas e eles poidan medrar e desenvolverse como persoas en igualdade, sen limitacións, impedimentos ou discriminacións.
SKOLAE NÚM. 1. Preguntas más frecuentes
Gobierno de Navarra. Departamento de Educación

Introdución

A violencia de xénero ten múltiples formas: acoso sexual, abuso e agresión sexuais, tráfico de mulleres, mercantilización de corpos de mulleres a través da prostitución ou do alugamento para a reprodución, a violencia derivada de tradicións relixiosas ou culturais sexistas, a derivación de conflitos armados, todas elas baseadas na desigualdade e dirixidas ao control, á dominación da muller e á permanencia do seu papel social tradicional.

Dada a complexidade e amplitude deste tema, cinguirémonos á violencia de xénero no ámbito dos fogares e ao seu impacto no alumnado.

Para un axeitado desenvolvemento biopsicosocial, os nenos e as nenas precisan dun ambiente favorecedor, estable, seguro, afectivo, que promova o sentido de pertenza a unha comunidade coa que se relaciona de forma positiva. Ademais de ser unha necesidade, é un dereito básico da infancia.(2)

Cando falamos de exposición á violencia de xénero, estámonos referindo a calquera situación que vive o neno ou nena dentro dese contexto familiar violento, non só ao feito de ter observado ou presenciado algunha agresión (cadro 1).

Non é ata a aprobación da Lei 8/2015, de protección á infancia, cando se modifica a Lei orgánica 1/2004 e se recoñecen os menores fillos e fillas das vítimas como vítimas tamén de violencia de xénero.

O feito de medrar nun contorno no que a desigualdade entre home e muller se expresa de xeito violento, no que as relacións están baseadas no abuso de poder e na desigualdade, engadido ao significado que teñen vítima e agresor para os/as menores, produce neles/as un impacto vital con consecuencias graves no seu desenvolvemento integral e convérteos en vítimas individualizadas coas súas propias necesidades, incluída a necesidade dunha intervención específica e especializada para eles e elas.

Fonte: Elaboración propia a partir de Barudy e Dantagnan, 2012

 

O que esconden os números

Unha das máis significativas carencias do sistema de protección e de loita contra a violencia de xénero é a falta de datos oficiais que permitan coñecer a verdadeira dimensión do problema, o que converte estes nenos e nenas en vítimas invisibles. Faltan indicadores oficiais cos que cuantificar aspectos concretos e globais sobre o número e a situación destes nenos e nenas. Chama a atención que o Instituto Nacional de Estatística non inclúa entre as características sociodemográficas a existencia ou non de menores nos fogares que sofren violencia de xénero. Ata o ano 2013, non se recollen datos sobre os fillos e fillas das mulleres vítimas mortais de violencia de xénero.

No período de 2013-2016, 302 nenos e nenas perderon a súa nai por asasinatos machistas e o 72 % das mulleres asasinadas nese período tiña fillos e/ou fillas (a maioría, dous ou máis).i     

Non existe unha axeitada análise da incidencia e impacto desta violencia nos menores que permita poñer en marcha recursos axeitados e suficientes.
 
A última macroenquisa de violencia contra a muller (2015) indica que o 25,4 % das mulleres de máis de 15 anos residentes en España sufriron violencia psicolóxica de control; o 12,5 % violencia física e/ou sexual; o 63,6% afirma que as fillas e/ou fillos presenciaron ou escoitaron algunha situación de violencia; o 64,2% desas mulleres afirma que os seus fillos e fillas sufriron esa violencia de forma directa por parte do agresor. Porén, non hai datos de nenos e nenas que, sen presenciar, escoitar ou sufrir directamente a violencia, conviven no domicilio nun clima violento. Lizana (2016) estima que un 10 % da infancia residente en España podería ter sufrido violencia de xénero nalgún momento das súas vidas. O Ministerio de Igualdade español, na Macroenquisa sobre violencia de xénero de 2011, estimaba que estas vítimas menores eran 840.000.(6)

En 2018 en España, oito nenas e dous nenos, cunha media de idade de 4,75 anos, foron asasinados polos agresores das súas nais. Hai que indicar que entre as variables que inflúen na violencia contra os menores está a idade (menor idade, maior vulnerabilidade) e a variable sexo (a maioría da infancia maltratada son nenas).

O proceso traumático

Debido á dependencia biopsicosocial dos nenos e nenas con respecto aos seus pais/nais, non teñen máis alternativa que aceptar esta situación violenta como lexítima. Simultaneamente ao maltrato, o maltratador esixe das súas vítimas lealdade absoluta, o que bloquea a expresión do sufrimento e a petición de axuda. Así, as nenas e os nenos vense sometidos a unha dinámica infernal, con consecuencias máis devastadoras ca as situacións de tortura (Barudy, 2017), posto que o maltratador é (na maioría dos casos) o seu propio pai.

Sería a situación do dobre vínculo descrita por Bateson (1977). Un dobre vínculo é un dilema comunicativo pola contradición entre dúas ou máis mensaxes, de forma que calquera elección supón un erro. Nos fogares nos que existe violencia de xénero transmítense estes dilemas constantemente: o maltratador xustifica as agresións por amor tanto á muller como aos fillos e fillas; despois dunha agresión, a nai perdóalle á súa parella; ou cando a nai, a pesar de dicirlles que os quere, non é capaz de poñelos a salvo desas terribles vivencias. Esta imposibilidade de lles atopar un sentido a estas situacións é o resultado do dobre vínculo dos malos tratos infantís. Ser danados por quen debería coidalos, protexelos e educalos supón unha gran confusión e sufrimento que ten consecuencias psicopatolóxicas en todas as vítimas, ademais de integrar a violencia asociada ao amor e validándoa ante determinadas situacións, e xustificándoa e xeneralizándoa a outros conceptos.

En circunstancias normais, os nenos e as nenas funcionan asociando e integrando as súas experiencias para ir desenvolvéndose axeitadamente. As vivencias internas ás que teñen que facer fronte os nenos e nenas de fogares violentos pasan pola culpa, a estigmatización, a impotencia (indefensión aprendida), a perda da sensación de confianza e seguridade, a rabia, a vergoña. Todas estas vivencias superan os seus s recursos internos e externos.

Para afrontar e defenderse deste proceso traumático, da dor e do sufrimento ao que non poden escapar, eliminan áreas de súa experiencia e hipertrofian outras, de forma que poden non estar permanentemente conectados a experiencias dolorosas para gozar de aspectos agradables da vida. Este mecanismo psicolóxico de defensa, denominado disociación, convértese nun problema cando acaba empregándose para afrontar calquera situación, que tería como consecuencia para o neno ou a nena a desregulación afectiva e condutual e, en xeral, un funcionamento deficiente.

A privación destes nenos e nenas de contextos ou titores/as de resiliencia (7) pode derivar en normalización das relacións e condutas violentas e, por conseguinte, a denominada transxeneracionalidade, pola que maioritariamente os fillos integran modelos de dominación cara á muller e as fillas modelos de submisión cara aos homes. A manipulación á que se someten estes nenos e nenas, xunto coa socialización diferencial de xénero e a aceptación social da violencia (televisión, videoxogos, determinadas letras na música, pornografía cada vez máis accesible e outros elementos sociais e culturais), acaban por validar a violencia contra as mulleres.

Un informe de Nacións Unidas de 2006 indica que «experimentar violencia na infancia temperá tamén aumenta o risco de vitimización posterior e acumulación de experiencias violentas. Isto reforza a importancia de recoñecer e previr a violencia contra os nenos e nenas tan cedo como sexa posible (…). Crese que a violencia familiar contra os nenos e nenas está asociada cun maior risco de sufrir violencia noutras contornas». Diversos estudos apuntan que os menores que presencian violencia doméstica tamén teñen maior probabilidade de seren vítimas de acoso ou intimidación (bullying).(8)

O impacto no alumnado

As nenas e os nenos expostos á violencia de xénero poden presentar unha ampla gama de problemas psicolóxicos que se manifestan a través de diversos síntomas, como consecuencias traumáticas ou dificultades na construción dos vínculos de apego. Pero tamén poden non manifestar síntomas, (9) o que non significa que esa exposición non teña repercusións, senón que xurdirán noutro momento do seu desenvolvemento.

Limiñana (2018) indica varias teorías polas que se explica o baixo rendemento e desaxuste escolar do alumnado afectado:
    • Os cambios fisiolóxicos derivados da situación de estrés continuada perturba o desenvolvemento cerebral, afectando as capacidades lingüísticas, a concentración e/ou a memoria.
    • Falta de apoio de pai e nai, inmersos no seu conflito.
    • Os e as menores, como resposta adaptativa, desenvolven comportamentos inaxeitados que obstaculizan o rendemento.

O 25 % dos nenos e nenas que sofren violencia de xénero ten un baixo rendemento escolar, absentismo, falta de motivación, atención e concentración (Espinosa 2004; Patró y Limiñana, 2005; citado en Limiñana, 2018). Un estudo de Rosser, Suriá e Villegas (2013:121) indica un rendemento escolar baixo no 88 % do alumnado de secundaria, no 43 % do de primaria e no 24 % do alumnado de infantil. Existe desadaptación ao contorno escolar nun 38 % dos casos e o máis prexudicado é o alumnado de secundaria. Este desaxuste exprésase en non acudir a actividades extraescolares (86 %), non levar o traballo académico ao día (33 %), desagrado a acudir ao centro escolar (24 %), condutas desafiantes cos compañeiros (15 %) e co profesorado (5 %).

Os efectos que provoca a exposición á violencia de xénero dependen dunha serie de factores que debemos ter en conta: o tipo de violencia, a intensidade, a frecuencia e a súa duración, así como a idade, o sexo, o grao de exposición, a existencia de condicións e/ou redes sociais e familiares que poidan proporcionar seguridade e protección (factores de protección), e o nivel de desenvolvemento psicoemocional do/da menor.

Os estudos e as estatísticas indican que é frecuente que o inicio da violencia física se inicie no embarazo. O estrés que sofre a nai, engadido ás lesións físicas, alteran a ecoloxía uterina, aumentan os niveis hormonais de cortisol que inciden no baixo crecemento fetal, pobre desenvolvemento do cerebro e sistema nervioso central. Poden supoñer outras consecuencias como abortos espontáneos, discapacidade, baixo peso ao nacer.

Na primeira etapa da vida das persoas (entre o nacemento e os 3 anos), o desenvolvemento do cerebro é máis vulnerable ao impacto das experiencias traumáticas e estados de estrés crónico, capaces de mudar a organización do cerebro e provocar depresión do sistema inmune, entre outras consecuencias fisiolóxicas.

En termos xerais, na idade preescolar son mais frecuentes as doenzas físicas, angustia de separación e condutas regresivas; na etapa escolar engádense os problemas de aprendizaxe e socialización, estrés postraumático; e na adolescencia condutas máis relacionadas co oposicionismo, relación entre iguais e de parella baseadas no abuso de poder e na violencia, conflitividade no centro educativo, pouca empatía e fracaso escolar.   

Por outra banda, hai certas actitudes e comportamentos das familias que poden axudar o profesorado a acender a alerta dun posible caso de violencia de xénero.

(Texto do curso de formación en liña para profesionais do medio rural sobre violencia de xénero, FEMP e Delegación do Goberno para a violencia de xénero)

 

O papel dos centros educativos na prevención e detección da violencia de xénero

A dimensión e complexidade deste problema require medidas específicas e transversais en diferentes administracións, acompañadas de unificación dos criterios de intervención, dunha coordinación eficaz e duns recursos materiais, estruturais e humanos axeitados. Aínda que os avances son innegables, a magnitude e gravidade do fenómeno debería ser respondida con maior eficacia e maior autocrítica por parte de todos os sistemas implicados.

O artigo 7 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, establece que as administracións educativas adoptarán as medidas necesarias para que nos plans de formación inicial e permanente do profesorado se inclúa unha formación específica en materia de igualdade, co fin de asegurar que adquiren os coñecementos e as técnicas necesarias que os habiliten para «[…]1 c) A detección precoz da violencia no ámbito familiar, especialmente sobre a muller e os fillos e fillas».

O Convenio de Istambul (2011) obriga os Estados a incluír no currículo dos estudos oficiais e en todos os niveis o material didáctico sobre temas como a igualdade entre mulleres e homes, roles non estereotipados de xénero, respecto mutuo, resolución non violenta de conflitos en relacións interpersoais, violencia contra as mulleres por razóns de xénero e dereito á integridade persoal, adaptadas á fase de desenvolvemento do alumnado.

O profesorado é o colectivo profesional que máis tempo pasa coa infancia e adolescencia, polo tanto, pode dispor de máis elementos para identificar unha sospeita ou risco dunha situación deste tipo e máis oportunidades de traballar a prevención da violencia de xénero. O profesorado convértese nunha figura clave para a prevención e detección precoz da violencia de xénero, porén, tal e como se extrae dun estudo (11) sobre a aplicación do artigo 7 da Lei orgánica 1/2004, no que se lle pregunta ao profesorado sobre a súa percepción sobre isto:

    • Recoñece que non está preparado para a prevención e detección precoz nin sabe como proceder cando se detecta un caso.
    • Moitos dos seus compañeiros non son conscientes ou non queren selo da importancia de traballar estes temas.
    • Algúns expoñen que son pasivos ou incluso que toman actitudes de rexeitamento porque non queren esta responsabilidade e porque consideran que lles quita tempo para os espazos de aprendizaxe instrumental.
    • Transmiten inseguridade e incerteza ante como intervir nun posible caso.
    • Recoñécese o desexo do alumnado de traballar estes temas.

O resultado adoita ser a pasividade, a non intervención e a falta de denuncias. Non obstante, non se pode responsabilizar este colectivo de pasividade ou non intervención cando as instancias que deberían cumprir a lei non aseguran que a formación inicial nas universidades e a formación permanente do profesorado se universalice a todo o colectivo e o capacite para asumir esta responsabilidade. As administracións deberían asegurar, facilitar e promover no colectivo unhas condicións que permitan acceder a formación de calidade con criterios unificados de actuación, facilitarlles o tempo necesario para a docencia (o incremento das horas lectivas que han de impartir non contribúe a facilitar a formación) e tamén para as actividades non docentes, pero incluídas no proxecto de centro. A realidade dos últimos anos, coa aprobación das diferentes leis educativas ás que adaptarse, o desprestixio do colectivo desde diferentes administracións, a diminución do respecto e autoridade relacionada coa figura do profesor/a (incremento de agresións a este colectivo por parte de alumnado e familias) non contribúen a que o colectivo se motive o suficiente nin poida asumir máis responsabilidade e dedicar máis tempo aínda ao seu traballo. É o sistema educativo o que debe responsabilizarse, non o profesorado.

M. Moreno, unha das autoras da Guía para la prevención y actuación ante la violencia de género en el ámbito educativo do Instituto Asturiano da Muller do Principado de Asturias (2017), indica a este respecto:

É certo que a familia é o primeiro ámbito de socialización das persoas, pero ninguén pode obrigar unha familia a ser igualitaria e a educar en igualdade para a prevención da violencia de xénero. Non obstante, o persoal docente e os centros educativos si que están obrigados por lei e a educación para a igualdade debería contar, de forma sistemática e xeneralizada, con recursos, formación e seguimento por parte da inspección.

A coeducación non pode basearse na voluntariedade nin na sensibilización e formación individual do profesorado. Á vista dos datos sobre o impacto dese fenómeno é urxente actuar, polo que deberán ser as autoridades gobernativas as que aseguren e provexan os medios para o cumprimento da lexislación, ao igual ca con outras leis vixentes (por exemplo, ninguén cuestiona a obriga de cumprir a Lei do imposto das persoas físicas ou as leis/normas de tráfico).

Polo exposto, non é responsabilidade exclusiva do profesorado a posta en marcha desta perspectiva coeducativa no sistema, pero como profesionais e seres humanos debemos tomar unha postura clara e contundente ante este tema, que nos obrigue a autoavaliarnos e detectar as crenzas, estereotipos ou significados sexistas que podemos estar transmitindo desde o noso quefacer profesional, e corresponsabilizarnos na medida do posible como persoas e como profesionais na prevención, detección e intervención na violencia de xénero.

NOTAS:

(1) No texto orixinal alude ao alumnado «de Navarra».

(2) Artigo 19 da Convención sobre os dereitos do neno.

1. Os Estados parte adoptarán todas as disposicións lexislativas, administrativas, medidas sociais e educativas para protexer o neno contra todas as formas de dano ou abuso físico ou mental, neglixencia ou tratamento neglixente, malos tratos (...).
2. Estas medidas de protección deben incluír, se é o caso, procedementos eficaces para o establecemento de programas sociais con vistas a proporcionarlles a asistencia necesaria ao neno e aos que o coidan, así como para outras formas de prevención, e para a identificación, notificación, referencia a unha institución, investigación, tratamento e observación posterior dos casos antes descritos de malos tratos aos nenos e, se é o caso, a intervención xudicial.

(3) Artigo de Sonia Vaccaro

(4) Artigo de Sonia Vaccaro, en Nunha investigación con mulleres maltratadas (Beeble, Bybee, e Sullivan, 2007), un 88 % delas informou de que as súas parellas e pais dos nenos, durante a relación e logo da separación, fixeran uso dos menores coa intención de controlalas. Citado en Atenciano, B.: Menores expuestos a violencia contra la pareja: Notas para una práctica clínica basada en la evidencia, Clínica y Salud, vol. 20, 3. Madrid.

(5) X informe anual do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller, 2016.

(6) Prólogo de Miguel Lorente de A mi también me duele, Lizana Zamudio. (Páx. 17)

(7) Resiliencia é a capacidade dunha persoa ou grupo de desenvolverse ben, para seguir proxectándose no futuro a pesar dos acontecementos desestabilizadores , de condicións de vida difíciles e de traumas, ás veces graves. Manciaux, Vanistendael, Lecomte e Cyrulnik (2003), citado en Barudy e Dantagnan, Los buenos tratos a la infancia. Parentalidad, apego y resiliencia, Gedisa, 2009. Para Cyrulnik (2005) titores/as de resiliencia son aquelas persoas, instancias, grupos, un lugar, acontecemento, unha obra de arte que provoca un renacer do desenvolvemento psicolóxico tras o trauma, que para o ferido son o punto de partida para intentar retomar ou iniciar outro tipo de desenvolvemento; quen padece dun sufrimento ten a posibilidade de atopar no seu contexto afectivo e social titores de resiliencia con quen poida lograr sentirse querido incondicionalmente, crecer e sobrepoñerse.

(8) Informe sobre violencia contra los niños y las niñas, Naciones Unidas, 2006.

(9) Algúns nenos e nenas teñen unha capacidade asombrosa para manterse axustados e sen síntomas en contextos disfuncionais; algúns estudos indican que un terzo dos nenos e un quinto das nenas non amosan sintomatoloxía, o que non significa que non haxa dano (Jaffe, Wolfe &Wilson, 1990).

(10) Elaboración propia a partir de Barudy, J. e Dantagnan, M. (2012). Violencia: Tolerancia cero.

(11) Puigvert Mallart, L. Informe de balance artigo 7 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Incidencia da Lei integral contra a violencia de xénero na formación inicial do profesorado. 2008-2010. Universidade de Barcelona e Instituto da Muller (dispoñible en http://www.inmujer.gob.es).
 

 

 

Bibliografía: 

 

 

 

ATENCIANO JIMÉNEZ, B. (2009). Menores expuestos a violencia contra la pareja: notas para una práctica clínica basada en la evidencia, Clínica y Salud, vol. 20, 3. Madrid: Servicio Mercedes Reyna de Atención Ambulatoria a Mujeres Víctimas de Violencia de Género y a sus Hijos/as. Ayto. Madrid. Dispoñible en http://scielo.isciii.es/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1130-52742009000300007.

AYLLON ALONSO (coord.) (2011). En la violencia de género no hay una sola víctima. Atención a los hijos e hijas de mujeres víctimas de violencia de género. Save the Children.

BARUDY, J. e DANTAGNAN, M. (2012). Violencia: Tolerancia cero. Ed. Obra Social «La Caixa».

BARUDY, J. (2017). El dolor invisible de la infancia. Una lectura ecosistémica del maltrato infantil. Ed. Paidós Terapia Familiar.

BARUDY, J. e DANTAGNAN M. (2009). Los buenos tratos a la infancia. Parentalidad, apego y resiliencia. Ed. Gedisa.

BESTEIRO DE LA FUENTE, Y. (coord.) (2011). Informe del Grupo de Trabajo de Investigación sobre la Infancia Víctima de la Violencia de Género. Madrid: Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad Centro de Publicaciones.

DÍAZ AGUADO, M. J. e CARBAJAL, M. I. (dirs.) (2011). Igualdad y prevención de la violencia de género en la adolescencia. Investigación realizada no marco dun convenio entre a Universidade Complutense e o Ministerio de Igualdade, coa colaboración das comunidades autónomas e do Ministerio de Educación.

DÍAZ AGUADO, M. J. (2003). Adolescencia, sexismo y violencia de género. Papeles del psicólogo, vol. 23, 84, enero-abril, 2003, pp. 35-44. Madrid: Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos.

ESCUDERO, V. (dir.) (2011). Impacto de la violencia de género sobre niños, niñas y adolescentes. Guía de intervención. Unidad de Intervención y Cuidado Familiar de la Universidad de A Coruña, Fundación Meniños, Centro de Terapia Familiar e Intervenção Sistémica.

FLORES BERNAL, R. (2005). Violencia de género en la escuela: sus efectos en la identidad, en la autoestima y en el proyecto de vida, Revista Iberoamericana de educación, 38, pp. 67-86.

LILIANA ORJUELA LÓPEZ, L. e HORNO GOICOECHEA, P. (coord.) (2012). Manual de atención para los niños y niñas de mujeres víctimas de violencia de género en el ámbito familiar. Save the Children, Instituto de Reintegración Social de Bizcaia e Ayuntamiento de Barcelona.

LIMIÑANA, A. (2018). Menores expuestos a violencia de género (35.ª edición, enero-marzo 2018). Formación Continuada a Distancia. Consejo General de la Psicología de España. ISSN 1989-3906.

LIZANA ZAMUDIO, R. (2016). A mí también me duele. Niños y niñas víctimas de la violencia de género en la pareja (2.ª edición). Ed. Gedisa.

LÓPEZ-MONSALVE, B. (2014). Violencia de género e infancia. Hacia una visibilización de los hijos e hijas de mujeres víctimas de violencia de género. Tese doutoramento Universidade de Alacante. Dispoñible en https://rua.ua.es/dspace/bitstream/10045/41712/1/tesis_bego%C3%B1a_lopez_monsalve.pdf

Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (2015). Macroencuesta de violencia de género 2015.

Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (2015). VII informe anual del Observatorio Estatal de Violencia sobre la Mujer. Madrid.

MORENO, M.; RUIZ REPULLO, C. e DÍEZ FERNÁNDEZ, C. (2017). Guía para la prevención y actuación ante la violencia de género en el ámbito educativo. Ed. Instituto Asturiano de la Mujer del Principado de Asturias.

PATRÓ, R. e LIMIÑANA, R. (2005). Víctimas de violencia familiar: Consecuencias psicológicas en hijos de mujeres maltratadas, Anales de psicología, vol. 21, 1, pp.11-17.

PUIGVERT MALLART, L. (dir.) (2007). Incidencia de la ley integral contra la violencia de género en la formación inicial del profesorado. Centro de Investigación en Teorías y Prácticas Superadoras de Desigualdades, Universidad de Barcelona.

ORJUELA LÓPEZ, L. e HORNO GOICOECHEA, P. (2008). Manual de atención a niños y niñas víctimas de violencia de género en el ámbito familiar. Save the Children. Dispoñible en https://www.observatoriodelainfancia.es/oia/esp/documentos_ficha.aspx?id=2644.

 

 

Sección: