Multiplícate X3

Comunícate, emociónate e sorpréndete
Partindo da idea defendida por Michel Eyquem de Montaigne que afirmaba que os xogos dos nenos non son tales xogos senón as súas máis serias actividades, o Claustro do CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey marcouse como reto percorrer o currículo das etapas de educación infantil e educación primaria no curso escolar 2017/18 a través dunha experiencia empapada deste espírito, buscando que os nenos xogasen a comunicarse, emocionarse e sorprenderse a través dun proxecto anual significativo, apaixonante e interdisciplinar.

Susana López Fernández
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey
(O Pereiro de Aguiar - Ourense)

 

Fundamentación

Asumir este reto non se presentaba como unha tarefa doada, pero si tiñamos claro que eran necesarias altas doses de coordinación, colaboración e preparación, co fin de presentar unha proposta ben fundamentada. Así, atendendo ás liñas de acción identificadas e recollidas na programación xeral anual (PXA), solicitouse un plan de formación do profesorado no centro (PFPP) apoiado en tres liñas estratéxicas de traballo.
Na procura de potenciar o talento do alumnado en xeral nas aulas desde a diversidade, solicítase a liña Afondamento en Piteas III, con propostas concretas de formación en ciencia, oratoria e creatividade. Buscando potenciar as competencias ALFIN/AMI, marcamos como punto de partida unha liña de formación en robótica e, perseguindo desenvolver claramente a competencia lingüística do noso alumnado, comezamos coa liña formativa Metodoloxía CLILL e desenvolvemento da competencia comunicativa.
Tres liñas de formación cos seus correspondentes seminarios que nos permitirían deseñar unha proposta que, tomando como punto de partida os intereses, estilos de aprendizaxe e motivación do alumnado, espertase altas doses de curiosidade, compromiso e creatividade nas aulas.
Os principios metodolóxicos que sustentaron a experiencia apóianse no schoolwide enrichment model (de agora en diante, modelo SEM) do profesor Joseph S. Renzulli e a profesora Sally M. Reis, que nos presentan un plan organizativo de enriquecemento escolar e de intervención educativa centrado no desenvolvemento de aprendizaxes significativas dedutivas e indutivas de alto nivel centradas na realidade do contexto socioeducativo do centro, o que permite identificar e dinamizar o talento e as fortalezas do conxunto do estudantado ao completo, desde unha clara postura que atenda á atención á diversidade, o que enlaza directamente co modelo proposto pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) que modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para a educación (LOE). Hai que indicar a maiores que esta proposta se enmarca no programa de formación e mentoring Piteas, froito dun acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Barrié, co propósito da mellora da calidade educativa.    


Descrición

Multiplícate X3 presenta tres ramificacións: comunícate, onde o alumnado se encontraba no contexto dun gabinete de prensa aberto as súas curiosidades con radio, TV e prensa escrita, así como unha proposta para os mais cativos que exploraron as posibilidades comunicativas das nosas mans; sorpréndete abrangue o reto de ver con novos ollos o contorno natural do centro, chaira e encoro para descubrir os misterios que esconden os bechos que nel habitan e, por último, emociónate abre o camiño a unha exploración consciente das emocións para unha mellor xestión destas.
Para afondar e percorrer as distintas propostas que se foron desenvolvendo ao longo do curso, debemos mirar directamente a tríade de actividades do modelo SEM:

  • 1. Dentro do grupo de actividades tipo I (actividades exploratorias de carácter xeral) que buscan espertar a curiosidade, motivación e interese do alumnado, desenvolvéronse distintas saídas ao contorno da chaira e do encoro, proxección de distintos documentais, conferencias monográficas, visita de expertos, audicións, excursións a centros de interese do proxecto... entre as máis destacadas.
  • 2. No marco das actividades tipo II (actividades de adestramento grupal), que permiten o desenvolvemento de destrezas de pensamento de alto nivel, debemos pór o foco de atención no taller de fotografía, taller de dramaturxia, gabinete de prensa (radio, TV, prensa escrita), robótica, traballo de investigación dos cativos do cole para explorar as posibilidades comunicativas das nosas mans, traballo de investigación sobre bechos da contorna e o grupo creativo de audiocontos.
  • 3. Dentro do grupo de actividades tipo III (investigación individual ou grupos de investigación sobre problemas reais), os produtos finais resultantes foron unha exposición itinerante de fotografía sobre bechos do contorno «BenchBechos», unha representación teatral no centro, no concello e na mostra de teatro do concello de Bande O formigueiro do Bencho, gravación da banda sonora da obra de teatro, anuncios de radio para a páxina do centro e radio en directo, publicación dunha revista (As novas do Bencho), publicación de audiocontos en lingua inglesa, exposición «Bechorobots», exposición «Xogando coas mans», emisión dun telexornal (Bechonews), realización dunha xornada de convivencia de intercentros coa participación de tres centros e unha xornada de portas abertas á comunidade para darlle a coñecer todos os produtos resultantes á comunidade educativa do centro.

 

Presentación de evidencias

 

Reflexión, impacto e valoración final

Por todo o exposto, podemos indicar que o proceso de ensinanza-aprendizaxe se enmarcou nun modelo plenamente integrado na realidade socioeducativa do alumnado, implicando as familias, o Concello, así como distintos organismos. Esta realidade fixo posible achegar calidade en aspectos do proceso como o aumento do interese, ilusión, curiosidade, compromiso e autoconfianza do alumnado, desenvolvendo o plano competencial, a convivencia, a educación emocional ao ver na diversidade un foco claro de enriquecemento.
A proposta que aquí se presenta asentouse nos gustos, motivacións e necesidades do noso alumnado, pero en ningún momento se perdeu de vista o percorrido polos elementos curriculares ao entender cada un dos elementos traballados como pezas interrelacionadas axustándose en peso, forma e dirección ao longo do curso con base nas circunstancias que se ían presentando, permitíndolles aos nenos non competir cos demais senón con eles mesmos, cultivar a creatividade, o talento innato que cada un ten a través dunha experiencia cooperativa e colaborativa, razón pola que neste curso escolar 2018/19 mantemos a mesma liña de traballo, agora ben, cunha nova aventura: Unha volta pirata polo mundo da ciencia. Nela, piratas, cartógrafos, científicos... fannos navegar polo currículo dun xeito lúdico, divertido á par que didáctico e, cos pés na terra, presta atención a que ensinar, como ensinar e cando avaliar. Todo grazas ao apoio, traballo e predisposición do equipo docente no seu conxunto e da comunidade educativa.

 

 

Sección: