Radio Maraña. A radio da escola de Vilar de Barrio

Laura Gómez Gómez

(coordinadora da biblioteca do CEIPP Vilar de Barrio)

lggomez@edu.xunta.es

 

Somos un pequeno centro dun pequeno concello da comarca da Limia, situado no centro da provincia de Ourense, o CEIPP de Vilar de Barrio. Trátase dun centro singular do rural ourensán composto por un claustro con destino definitivo hai xa uns anos. Un claustro con moitas inquedanzas e con moitas ganas de dar resposta á difícil tarefa de «educar» a alumnado de 3 a 12 anos en pleno século XXI.

A nosa biblioteca converteuse, tras uns anos de traballo, nun importante elemento de dinamización educativa que conta coa implicación de todo o profesorado do centro na realización das súas actividades. Deixou de ser un almacén de libros para ser un lugar onde cada curso «acontecen máis cousas ou polo menos mellores cousas». O claustro deste colexio entende que a biblioteca é un recurso activo e renovado que facilita a construción do coñecemento, recurso imprescindible para a formación do noso alumnado nunha sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas e para a construción autónoma do coñecemento. Día a día intentamos que a nosa biblioteca sexa un organismo vivo, activo e con capacidade de mutación, incorporando as tecnoloxías emerxentes, onde ten cabida o impreso e o dixital, a lectura e interpretación de imaxes, de planos...

A nosa sociedade atópase inmersa no mundo da imaxe, da comunicación, das TIC. É necesario ser consciente da influencia dos medios de comunicación en todas as capas da sociedade. Os pequenos son máis vulnerables, pero quizais sexan tamén os elementos máis doados de transformar polo feito de atoparse en pleno proceso de formación. É necesario que o noso alumnado sexa educado nestes aspectos como un máis do seu desenvolvemento integral.

Grazas ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, a nosa biblioteca vai renovándose e impulsando un cambio de metodoloxía no centro, atraendo o alumnado e formándoo no tratamento da información e contribuíndo así á mellora dos procesos de ensinanza-aprendizaxe e á adquisición das súas competencias clave. Ademais, todo o equipo da biblioteca entendemos que é un recurso imprescindible, exercendo a función compensadora de desigualdades, ofrecendo a posibilidade de acceso igualitario á información e á cultura.

Coa chegada do proxecto de Radio na biblio, conseguimos avanzar no desenvolvemento do modelo de biblioteca como un centro creativo de aprendizaxe. Isto implica unha escola que fomenta o uso de metodoloxías activas, participativa, aberta, investigadora, innovadora e motivadora. A implicación da radio na nosa escola é unha estratexia para conseguir todo isto.

O traballo coa radio é un elemento importante para que o alumnado comprenda a realidade que o rodea. Introducir a radio supuxo unha forma de facer unha escola diferente. Pero alcanzar esta situación de aprendizaxe supón moito esforzo, moito traballo, sobre todo por parte do profesorado.

O potencial da radio no ámbito educativo era un aspecto demostrado, pero facendo unha análise sobre o que supuxo a creación de Radio Maraña na nosa escola, chegamos ás seguinte reflexións:

- Ao formar parte do proxecto da biblioteca escolar, axuda a ampliar e actualizar o concepto de lectura, indo máis alá, conectando diferentes áreas de aprendizaxe e abrindo unha nova porta que axuda ao desenvolvemento das competencias básicas dos nosos pequenos. No laboratorio de radio, o alumnado fai uso de moitas técnicas como: ordenar as ideas, resumir, crear, comunicar, dramatizar, prestar atención, colaborar, cooperar, perder o medo a falar, mellorar a dicción, perder a timidez... Todas elas son destrezas que axudan ao resto de aprendizaxes. Aínda que parece que a área lingüística é a máis reforzada, a radio permite traballar diferentes contidos curriculares dunha maneira máis reflexiva a través de metodoloxías máis activas. Pois sempre aprendemos mellor o que facemos ca o que soamente estudamos. A través de programas de investigación Sabías que..., Curiosidades... Son dinámicas que colocan no centro do proceso educativo o propio alumno.

- O laboratorio de radio ofrece un importante efecto motivador e dálles protagonismo a todos os que participan no proxecto, descubrindo eles mesmos as habilidades e destrezas que teñen para comunicar. O alumnado comezou a comprender a importancia de ler ben cando é posto en situación real de comunicación. Todos saen fortalecidos, todos van mellorando con respecto ás súas capacidades e posibilidades. Existe un grande esforzo en mellorar; cada vez elaboramos traballos de mellor calidade.

- Ao mellorar a competencia lectora no noso alumnado, a seguridade e confianza neles mesmos tamén mellora. Este feito axuda ao desenvolvemento dunha importante autoestima positiva. O esforzo que fan para sacar adiante un programa relaciónase co resultado desexado. As prácticas coa radio escolar orientan cara a unha personalidade autónoma do noso alumnado. Desta maneira, as relacións interpersoais tamén saen fortalecidas. Relacións entre alumnado, relacións alumnado-profesorado, relacións alumnado-resto de comunidade educativa.

- Promover a atención á diversidade é un obxectivo que se debe ter en conta en toda a sociedade desde calquera ámbito, comezando polos fogares e, por suposto, desde a escola. Nestes caso, a atención á diversidade e a emisora da radio escolar «camiñan xuntos da man», na radio participa todo o alumnado coas súas singularidades. Desta maneira, os nenos e nenas afanse a que a atención á diversidade sexa unha forma adecuada de poder relacionarse con todas as persoas sen importar a súa condición. Este aspecto é moi importante para que a nosa sociedade poida ir avanzando e que exista respecto entre todas as persoas, sen importar a condición de cada un.

Ademais, é un recurso compensador de desigualdades. Para o noso contexto, isto é moi importante. O claustro desta pequena escola traballa a diario para poder ofrecerlle a mellor calidade educativa ao seu alumnado...

O pasado mes de febreiro realizamos un vídeo cos alumnos e alumnas de cuarto e sexto de primaria a través do cal expresan coas súas palabras a maxia que ten esta ferramenta tan atractiva para eles. Ferramenta que colabora tanto na súa aprendizaxe pedagóxica como na súa personalidade. Na seguinte ligazón, poderás velos e escoitalos:

https://www.youtube.com/watch?time_continue=127&v=Ne9NNNpWT4A

Radio Maraña cumpre un ano na nosa escola e aínda estamos comezando a ver as posibilidades desta ferramenta. Agárdannos moitos retos e desafíos por explorar e superar, pero sabemos que a motivación e as ganas de mellorar están garantidas.

 

Vilar de Barrio, abril de 2019

 

 

Sección: