O plurilingüismo na escola infantil

O artigo que se presenta percorre a evolución do plurilingüismo nos últimos anos en Galicia desde a perspectiva da normativa, analiza as fundamentacións científico-pedagóxicas que avalan a introdución dunha lingua estranxeira en idades temperás e, finalmente, presenta a experiencia da implantación do programa plurinfantil na EEI de Vilarrodís-Oseiro (Arteixo).

Magdalena Alonso Franco, mestra de educación infantil.
EEI de Vilarrodís-Oseiro
m.alonso.franco@edu.xunta.es
María Amelia Pérez Moledo, mestra de inglés

 


Evolución do plurilingüismo en Galicia

O Consello de Europa, mediante o Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación (MCERL), enmarca a aprendizaxe das linguas desde idades temperás. Fixa seis niveis lingüísticos (A1, A2, B1, B2, C1, C2) que establecen unha gradación desde unha competencia básica ata un dominio cualificado no dominio das linguas estranxeiras.
O preámbulo da LOMCE (Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro) deixa patente que o fomento do plurilingüismo constitúe un obxectivo principal para o noso sistema educativo; neste sentido aposta decididamente pola incorporación curricular dunha segunda lingua estranxeira.
Para lograr competencias de comprensión e expresión nunha lingua estranxeira, o Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras (desde o curso 2010/11 ata o 2016/17) propuxo actuacións nos seguintes ámbitos: centros educativos, profesorado, alumnado e familias. Así, artelláronse obxectivos, medidas e accións en cada ámbito. Estes ámbitos seguen estando vixentes na actual estratexia Edulingüe 2020.
Os obxectivos promulgados nos centros educativos gardan relación con crear centros plurilingües, potenciar melloras metodolóxicas nas seccións bilingües e mellorar as competencias lingüísticas a través das escolas oficiais de idiomas.
Os obxectivos relacionados co profesorado apostan por accións de formación para mellorar as competencias didácticas e comunicativas, realizar procesos de avaliación e acreditación de competencias de lingua estranxeira tanto para profesorado especialista coma non especialista en lingua estranxeira.
O alumnado é o principal referente do Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras. Os obxectivos formulados para este ámbito teñen que ver coas competencias no uso, como mínimo, dunha lingua estranxeira; promover a certificación, potenciar a participación nos proxectos europeos e favorecer a mobilidade do alumnado fóra das nosas fronteiras.
Finalmente, o ámbito da familia articula obxectivos relacionados coa información sobre as vantaxes da formación dos seus fillos e fillas en competencias orais e escritas en varias linguas, así como promover a súa participación e colaboración.
En Galicia, desde que durante o curso 2011/12 se implantaran de xeito experimental os centros plurilingües, a presenza da lingua estranxeira incrementouse notablemente nos centros educativos, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario galego.
O resultado da avaliación do Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras desvela un aumento progresivo dos centros plurilingües e das sección bilingües, aumento tamén do número de profesorado con titulación B2, así como unha mellora xeneralizada de resultados nos centros plurilingües no ámbito de competencias lingüísticas en xeral e competencia lingüística en lingua estranxeira.
A partir do curso 2017/18 a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (Edulingüe 2020) continúa achegando as linguas estranxeiras ao sistema educativo como medio para garantir a igualdade de oportunidades na adquisición de competencias en linguas estranxeiras buscando a internacionalización do ensino galego.
Edulingüe 2020 pretende achegar o idioma estranxeiro ao alumnado desde o comezo da escolarización ata o remate do ensino non universitario; pretende lograr un dominio extensivo da lingua estranxeira ao remate do bacharelato. Estableceranse mecanismos e facilidades para a certificación da aprendizaxe da lingua estranxeira. Ampliarase a oferta de idiomas estranxeiros, incluíndo tamén o portugués. Organiza programas de formación para o profesorado tanto no ámbito nacional coma internacional e potencia a participación das familias. A estratexia Edulingüe 2020 inclúe a actuación nas universidades mediante a implantación de graos e másters en inglés.
O presente curso 2017/18 marca un punto de inflexión no tratamento didáctico da lingua estranxeira nas etapas de educación infantil, bacharelato e formación profesional. Xorden os programas Plurinfantil, Pluribac e Plurifp, que permiten aumentar horas de formación en lingua estranxeira, ademais de abrir a porta a contar cun auxiliar de conversa nativo.
No caso da educación infantil, a Resolución do 1 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se regula o programa plurilingüe no segundo ciclo da educación infantil (Plurinfantil), permite aumentar a carga horaria total impartida en lingua estranxeira ata un máximo dun terzo do horario lectivo do grupo, seguindo o decreto do pluringüismo.
Os requisitos dos centros para impartir o programa son os que seguen:

  • Ser centro autorizado como plurilingüe ou escola de educación infantil.
  • Dispor de profesorado cualificado (nivel B2 no MCERL).
  • Aprobar o proxecto no consello escolar, logo de oír o claustro.
  • Participar e colaborar nos procesos de avaliación do alumnado e dos centros que organice a consellería.

Fundamentación científico-pedagóxica sobre a adquisición das linguas

A maioría dos sistemas educativos europeos basean as súas fundamentacións pedagóxicas nunha concepción construtivista do ensino-aprendizaxe, feito visiblemente constatable se nos fixamos nas competencias básicas, en xeral, e na competencia básica “Aprender a aprender”, en particular, que precisamente potencia as capacidades propias do individuo para construír coñecemento.
Estase desterrando a idea de que o coñecemento dunha lingua radica exclusivamente en dominar regras gramaticais para pasar a vincular o coñecemento coa competencia comunicativa, valorando especialmente a capacidade de comunicación oral.
Este novo enfoque fundamenta o Marco común europeo de referencia para o ensino, aprendizaxe e avaliación das linguas, común a toda Europa. O MCER supón un currículo aberto, centrado en quen aprende, na potenciación de capacidades, na capacidade de aprender. O paradigma construtivista defendido por autores como Piaget cobra maior significatividade deixando atrás os paradigmas condutistas (Skinner) centrados no ensino e no ensinante máis ca no educando en todas as súas dimensións.
No campo da psicolingüística é ineludible citar a Chomsky, quen defende a existencia dunha capacidade innata para a adquisición da lingua marcada no código xenético. Sostén a existencia dos “universais lingüísticos” que permiten a adquisición da linguaxe por parte da especie humana seguindo diferentes estadios evolutivos. Non obstante, esta teoría xenetista non prevé a interacción entre diversas linguas nin a importancia da interacción social ou da linguaxe non verbal, previa á fase de produción lingüística.
Durante os anos oitenta as distintas ciencias que estudan as conexións entre linguaxe e pensamento —psicoloxía, neuroloxía, lingüística e semántica— colaboran entre si e xorden interesantes debates, como o mantido entre Chomsky e Piaget que serviu de base para conectar investigacións lingüísticas e psicolóxicas. Piaget amplía o seu campo de traballo á etapa preverbal e  outórgalle moita importancia á función simbólica (capacidade de evocar situacións e obxectos non presentes). Esta teoría supón un salto considerable con respecto á teoría de Chomsky, pois explica factores que inciden no desenvolvemento da linguaxe moito antes da primeira produción verbal, o que significa que a adquisición de estratexias de comunicación van moi por diante da capacidade de articular frases.
Unha das teorías que máis importancia outorgou á interacción social na adquisición da linguaxe foi a teoría dos formatos de Bruner. Este coñecido autor pospiagetiano segue o desenvolvemento con base en estadios pero incorpora a importancia do medio; de non ser pola relación entre meniño e adulto, o desenvolvemento lingüístico sería practicamente imposible.
Vygostky, mediante a denominada zona de desenvolvemento próximo, incide na importancia da interacción co adulto e con iguais, para activar as capacidades do neno.

Ata o de agora, en función das teorías expostas, podemos afirmar que:

  • O desenvolvemento da linguaxe segue uns estadios evolutivos comúns a todos os individuos e existen uns “períodos sensibles” a partir dos cales as aprendizaxes non se realizarán con tanta destreza e facilidade.
  • A importancia da comunicación non-verbal cobra grande importancia nos primeiros momentos de adquisición dunha lingua.
  • A interacción social é fundamental para a adquisición lingüística.

Levando estes datos evolutivos ao terreo da pedagoxía, parece idóneo introducir a lingua estranxeira en idades temperás, xa que os nenos e nenas se atopan dentro do “período sensible” de aprendizaxe da lingua, de xeito que a aprendizaxe sexa o máis natural posible. Na educación infantil, as actividades sempre concretas e tanxibles, gardan relación co movemento e o manipulativo, polo que a expresión corporal constitúe un recurso fundamental que conecta directamente coa comunicación non-verbal. No ámbito didáctico, en idades temperás trátase de xerar actividades nas que os nenos poidan participar na comunicación, sen que isto supoña unha produción verbal obrigatoria, fuxindo das repeticións.

Interacción entre dúas ou máis linguas

Cabe entrar agora directamente no caso da interacción de dúas ou máis linguas. No caso de Galicia, a introdución da primeira lingua estranxeira supón a introdución da terceira lingua para o alumnado e a introdución dunha segunda lingua estranxeira supón a introdución da cuarta lingua para o alumnado.
Desde o eido da lingüística, Krashen engade varias hipóteses sobre a adquisición dunha lingua estranxeira. Vemos unha delas:

  • A hipótese da adquisición/aprendizaxe: o aprendiz emprega dúas estratexias diferentes para desenvolverse no manexo dunha segunda lingua: a adquisición (proceso inconsciente e espontáneo, similar ao proceso de adquisición da lingua materna, a persoa atende ao uso da linguaxe, non á forma) e a aprendizaxe (proceso formal e consciente de adquisición das regras que rexen unha lingua).

Desta teoría podemos extraer que, dependendo da idade do alumnado, empregará maioritariamente a estratexia de adquisición ou a estratexia de aprendizaxe nos estadios evolutivos que corresponden a maior idade.
Pola súa parte, Cummins distingue dous aspectos fundamentais para analizar na aprendizaxe dunha lingua, un centrado na lóxica e outro na intuición:

  • Cognitive academic aspects of language proficiency (CALP), relativos a competencias académicas adquiridas nun contexto escolar.
  • Basic interpersonal communicative skills (BICS), relativas á pronunciación, acento, entoación, ritmo, fluidez de expresión, competencia sociolingúística.

Cummins formula que os aspectos CALP se transfiren dunha lingua a outra unha vez aprendidos. Esta transferencia pode ter lugar da lingua materna á estranxeira, pero tamén de forma inversa. Seguindo a Cummins, as dúas ou máis linguas empregadas por un individuo, aínda que difiran aparentemente na superficie, funcionan a través do mesmo sistema cognitivo central, é dicir, só hai unha competencia lingüística aínda que teña varias manifestacións na práctica.
Á vista das argumentacións expostas, parece axeitado afirmar que a introdución dunha lingua estranxeira en idades temperás permite aproveitar o período crítico ou sensible que facilita a súa aprendizaxe de xeito o máis natural e contextualizado posible.
Deste xeito, a introdución dunha lingua estranxeira axudará os nenos a abrirse a outras realidades, a valorar as súas linguas propias, a ser máis flexibles e tolerantes, o que supón un gran paso no camiño da educación intercultural, tan necesaria na nosa sociedade.

 

O plurilingüismo na escola infantil de Vilarrodís-Oseiro en Arteixo. Formulación didáctica

Contexto

Somos una escola de educación infantil dunha liña por nivel na que escolarizamos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos.
O equipo de docentes está conformado por catro especialistas en educación infantil, un especialista de audición e linguaxe e un especialista de inglés.
A escola está situada nunha zona periurbana do concello de Arteixo. As instalacións son modernas, luminosas e carecen de barreiras arquitectónicas. Contamos cun amplo espazo verde con árbores, patio cuberto e horta escolar. Todas as aulas contan con ordenador conectado ao encerado dixital interactivo. Unha das aulas constitúe a biblioteca escolar.
A biblioteca escolar pertence á rede PLAMBE. Así, a escola participa doutros proxectos e iniciativas como, por exemplo, Voz Natura, Plan de fomento do uso do galego ou Arteixo Innovación, xunto con outras iniciativas de índole municipal e incluso privada.
A biblioteca escolar constitúe un eixe moi importante dentro do funcionamento do centro ao fornecer de materiais a todas as docentes e coordinar diversas actividades incluídas no Plan anual de lectura que engloba actuacións conxuntas (pequenos festivais, saídas, visitas…), servizo de préstamo domiciliario, mochilas viaxeiras, actividades coas familias etc.
Na EEI de Vilarrodís-Oseiro decidimos solicitar o programa Plurinfantil. A súa concesión trouxo consigo a dotación dunha persoa nativa de apoio, a implantación dun Plan de formación xestionado polo CFR e a concesión de recursos didácticos propios da lingua estranxeira. Realizamos unha sesión informativa coas familias para dar a coñecer o xeito en que se proxecta o tratamento da lingua inglesa cos seus fillos e fillas.

Charla coas familias

 

Tratamento das linguas na escola e obxectivos do programa

Na Escola de Educación Infantil de Vilarrodís-Oseiro, ata o pasado curso 2016/17, estabamos a empregar as dúas linguas oficiais de Galicia e a lingua inglesa en dous períodos semanais de media hora con cada grupo, seguindo o estipulado no Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para introducir o novo proxecto Plurinfantil, durante o presente curso, o proxecto lingüístico do centro foi actualizado. O proxecto Plurinfantil pasou a ser un eixe definitorio da nosa identidade como centro, o que marca o noso proxecto educativo.
O proxecto Plurinfantil segue as liñas da concreción curricular do centro e implica a necesaria colaboración entre as titoras e a mestra de Inglés á hora de compartir obxectivos, secuenciar os contidos que se van traballar e delimitar os instrumentos e criterios de avaliación.
Na etapa infantil, a linguaxe está en proceso de adquisición. Para axudar ao seu correcto afianzamento, funciona un programa de estimulación da linguaxe oral levado a cabo pola mestra de Audición e Linguaxe en colaboración coas titoras, cuxa importancia radica en mellorar a competencia lingüística de todo o alumnado e detectar posibles dificultades individuais coa finalidade de corrixilas canto antes.
Así, na actualidade conviven as dúas linguas oficiais de Galicia cunha maior presenza da lingua inglesa desde todas as áreas do currículo, mantendo o carácter globalizador da etapa.
A continuación preséntanse os obxectivos que segue o noso programa Plurinfantil:
•    Coñecer o seu propio corpo e o dos outros, as súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas nun contexto comunicativo en inglés.
•    Observar e explorar o seu medio próximo nun contexto comunicativo en lingua inglesa.
•    Iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas en inglés.
•    Comprender mensaxes orais sinxelas dentro dun contexto e con apoio visual.
•    Comprender e usar as convencións lingüísticas máis comúns e sinxelas en Inglés (saúdos, agradecementos etc.).
•    Captar o sentido de contos, cancións, vídeos e textos orais sinxelos coa axuda dos apoios visuais e sonoros, os xestos, as expresións faciais, os contextos establecidos etc.
•    Seguir instrucións orais sinxelas en inglés.
•    Empregar recursos non lingüísticos para comunicarse.
•    Producir mensaxes orais sinxelas en lingua inglesa.
•    Participar nas actividades propostas de xogos, movemento, plásticas...
•    Amosar unha actitude positiva cara á aprendizaxe do novo idioma.
•    Amosar interese nos aspectos socioculturais dos países de fala inglesa.
•    Familiarizarse coas novas tecnoloxías en inglés.

Didáctica de aula e metodoloxía

A auxiliar de conversa está presente na escola 12 horas á semana, distribuídas de luns a xoves, o que permite a súa total integración nos grupos de alumnos en canto á dinámica de aula. A disposición horaria é de 150 minutos á semana. A presenza da auxiliar constitúe un elemento motivador, ademais dun apoio lingüístico nun contexto comunicativo real. A súa incorporación ao centro prodúcese o 1 de outubro de 2017 e cesará nas súas funcións o 31 de maio de 2018. Debemos ter en conta que á persoa auxiliar non se lle poden atribuír as responsabilidades propias da mestra titular, polo que non poderá impartir docencia en solitario.
O esquema básico no ámbito organizativo que seguen as sesións de inglés co alumnado constan dos seguintes momentos:
1. Acollida e circle time. Neste primeiro momento saudámonos e preguntamos que tal estamos: How are you? Introducimos as actividades que se van levar a cabo: presentación ou repaso de vocabulario, expresións etc., lectura dun conto, escoitar unha canción ou chat e reproducilas, traballar con marionetas, flashcards, pósters, EDI, obxectos reais… Os nenos sentados en asemblea escoitan e interveñen intentando manter unha orde respondendo non-verbal ou verbalmente segundo a súa competencia.


Circle time

 

2.Table time. Aquí os nenos e nenas traballan na mesa realizando algunha actividade de reforzo do traballado antes: algunha actividade en ficha, plastilina, manualidades… seguindo instrucións verbais en inglés. Noutras ocasións realízase un proxecto máis completo sobre algún tema próximo aos intereses do alumnado.

Table time

 

3. Play time. Nesta parte realízanse outro tipo de xogos ou actividades máis de movemento: xogos musicais, xogos de TPR, dramatizacións, xogos de ordenador, xogos de mesa, traballo co EDI, co robot…

Play time

 

4.    Despedida
Segundo o programa específico do día e/ou o avance da sesión poderase priorizar a segunda ou a terceira  parte.
Aos fast finishers nas actividades de table time daráselles a oportunidade de realizar algún xogo de mesa ou ordenador, coller un libro ou ver algún pequeno vídeo.
Cada grupo-clase ten un caixón (drawer) dunha determinada cor, co número da clase e o seu animal mascota para deixar a diario os traballos gráficos. Cada neno e nena terá unha carpeta personalizada para gardalos cada certo tempo.
Ao finalizar o curso, elaborarase un ficheiro cos traballos gráficos dos nenos para levar á casa, xunto cunha xustificación do traballo realizado para informar as familias.
O enfoque metodolóxico da lingua inglesa é significativo, comunicador e integrador. Propóñense actividades que produzan contextos comunicativos, reais e funcionais para que os nenos e nenas poidan participar nun proceso de escoita-reacción-comunicación. O contacto coa lingua estranxeira prodúcese dun xeito lúdico e pracenteiro para que adquiran progresivamente sons, vocabulario e estruturas gramaticais da lingua meta. Inténtase favorecer os tres xeitos de aprendizaxe (visual, auditivo e kinestésico), estimular as diversas intelixencias e fomentar a adquisición das competencias básicas.
A ratio do alumnado permite unha maior interacción oral individual. Non se emprega libro de texto. Os recursos máis empregados son contos, monicreques, tarxetas, cancións, vídeos, xogos físicos e virtuais, robots, xoguetes e obxectos reais. Realízanse actividades plásticas, musicais e físico- deportivas para favorecer a resposta física total (TPR: total physical response) seguindo a proposta metodolóxica para o ensino de inglés en educación infantil recollido no anexo V da Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 10 de xullo de 2009).
Os contidos trabállanse desde a proximidade aos seus intereses dentro dun contexto AICLE/CLIL (o corpo, os animais, a roupa, a casa, os xoguetes, os transportes...) e vanse revisando e ampliando ao subir de curso. Realízanse pequenos proxectos con base en temas próximos.
Un exemplo de proxecto en contexto CLIL é a experiencia My school garden en sexto de educación infantil.

Proxecto garden

 

Buscando no noso contorno preguntámonos como crecen as plantas. Na asemblea —a mestra en inglés o os nenos na súa lingua— comentamos e discutimos cales consideramos que son as necesidades dunha planta, como cremos que crecen e decidimos plantar unha pequena horta. A busca de información inicial realízase na lingua nai e pasamos rapidamente a nomear en inglés o vocabulario básico (seed, water, sun, soil, shovel, pot, strawberry, spinach…) co que imos construír o proxecto. A mestra emprega a lingua meta todo o tempo e os nenos primeiro serán quen de comprender ata chegar a un punto en que empecen a empregar inglés de forma espontánea.
Para acadar os obxectivos, a mestra deseña actividades diversas nas que o vocabulario e as estruturas gramaticais simples se repitan sen aburrir, empezando pola acción real de coller as sementes diversas, facer a plantación e logo ir observando a súa xerminación e crecemento; creamos etiquetas para a plantación; establecemos unha quenda de rega cun chart; escoitamos algúns contos da temática; vemos vídeos curtos relacionados; aprendemos unha canción sobre o garden; xogamos a xogos en liña no EDI que nos permiten ludificar as aprendizaxes; elaboramos e empregamos un libro LIM. Como produto final, realizamos un lapbook.

 

Avaliación
A avaliación realizarase conxuntamente entre a mestra de Inglés e as titoras. É global, continua e formativa, baseada na observación directa. A propia práctica docente será obxecto de avaliación e reflexión.
No que respecta ao desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe en inglés, intentarase fomentar a confianza nas propias posibilidades e salientar os logros adquiridos especialmente naqueles nenos e nenas que amosen máis dificultades para, no momento de avaliar, ter en conta as diferentes variables que amosa cada un.
A avaliación estará inmersa nun ambiente de xogo e distensión e irá encamiñada a discriminar se o neno é quen de cumprir os seguintes criterios:
•    Amosa interese na clase de Inglés.
•    Escoita e presta atención á mestra e/ou compañeiros.
•    Resposta non-verbal e/ou verbal ás instrucións.
•    Recoñece o vocabulario e as funcións traballadas e empeza a empregalo.
•    Participa nas cancións/rimas (letra, accións ou ambas), xogos de total physical response e outras actividades realizadas nas sesións.
•    Realiza os traballos gráficos axeitadamente segundo as súas posibilidades.
•    Respecta os materiais utilizados, as producións propias e as dos compañeiros.
•    Séntese seguro e confiado nas clases de Inglés.
•    Relaciónase respectuosamente coa mestra e cos outros nenos da clase.
•    Amosa unha actitude positiva cara á aprendizaxe da lingua e cultura inglesa.
As familias recibirán información do proceso de ensino-aprendizaxe da lingua inglesa dos seus fillos a través do boletín trimestral feito en común coas titoras e en cada momento que se considere oportuno.

Conclusión

Desde a Comunidade Europea, pasando polas diferentes administracións educativas do noso país, estanse a levar a cabo iniciativas tendentes á internacionalización mediante diferentes propostas no ámbito educativo que potencien o coñecemento de linguas estranxeiras.
A adquisición de linguas estranxeiras representa na actualidade unha garantía de desenvolvemento persoal e social, acceso á cultura e integración laboral. A capacidade de expresarse en varias linguas constitúe un obxectivo prioritario nun sistema educativo de calidade que aspira á formación integral do alumnado.
A introdución na etapa de educación infantil da primeira lingua estranxeira posibilita o aproveitamento das habilidades innatas e posibilita un achegamento máis natural e intuitivo á nova lingua.
En Galicia comezou a funcionar o programa Plurinfantil no curso 2017/18  e a nosa escola participa nel. As implicacións que supuxo este programa para a escola gardan relación con aumentar o horario que o alumnado está en contacto coa lingua estranxeira, levar a cabo un programa de formación, contar na escola cunha auxiliar de conversa a tempo completo e informar as familias sobre o desenvolvemento do plan.
A falta dun trimestre para rematar o curso, a valoración da implantación do programa Plurinfantil está sendo moi positiva para a nosa escola. As familias amosaron a súa satisfacción xa que resulta interesante e motivador para os nenos. A presenza da persoa auxiliar de conversa dinamiza a escola e motiva tanto o alumnado coma o profesorado.
Non me gustaría rematar sen mencionar a importancia que ten a acollida da persoa auxiliar non só no centro escolar senón tamén no contorno en xeral. É importante poder destinar un tempo para axudarlle cos trámites burocráticos (obter o NIE, a conta bancaria… incluso asesoramento xeral sobre a zona e os aloxamentos). En ocasións o descoñecemento do idioma pódeslles dificultar a xestión destes trámites e hai uns prazos que se deben cumprir para que o programa funcione correctamente.
 



 

Bibliografía: 

 

 

CUMMINS, J. (2002): Lenguaje, poder y pedagogía: niñas y niños bilingües entre dos fuegos. Madrid: Morata.

CHOMSKY, N. (2003): La arquitectura del lenguaje. Barcelona: Koiros.

SAN ISIDRO AGRELO, X. (coord.) (2009): O inglés en infantil: unha porta ao plurilingüismo. Consellería de Educación, Xunta de Galicia.

Normativa:

Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Decreto 330/2009, polo que se establece o currículo para a EI na Comunidade Autónoma de Galicia.

Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Resolución do 1 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o programa plurilingüe no segundo ciclo da EI (Plurinfantil) para o curso 2017/18.

 

Sección: