Illa de Fantasía: a Escola do Unicornio

“Se foses capaz de pechar os ollos e imaxinar o mar, azul intenso, e o ceo, azul pastel. Sentir o sol na túa pel e notar unha suave brisa acariciando o teu cabelo. Notar a area cálida e aveludada baixo os teus pés descalzos... Se foses capaz de imaxinar... ao abrir os ollos descubrirías: ILLA FANTASÍA” ... “Conta o Grande Libro da Illa: cada vez que un neno ou unha nena está preparado ou preparada, ou aprende a ler e a escribir, un unicornio nace en Illa Fantasía e levará para sempre o seu nome."

Esperanza Arias Ferreiro
esperanzaarias@edu.xunta.es
CEIP Sada y sus Contornos (Sada-A Coruña)
Lydia Seijo Martínez
lydiaseijo@edu.xunta.es
CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume-A Coruña)
 

É un proxecto de animación á lectura e á escritura, desde cuarto de educación infantil ata sexto de primaria, cuxo principal obxectivo é mellorar a competencia na comunicación lingüística dos nenos a través da promoción da imaxinación, a fantasía e o pensamento creativo desde a concepción dunha escola na rúa, unha escola que vai máis aló dun edificio, unha escola onde todos teñen o seu lugar: a Escola do Unicornio.

Con esta concepción da escola, unímonos varios centros educativos, co apoio da Concellería de Educación de Sada e coa colaboración das concellerías de Educación e Cultura dos concellos dos centros implicados nela: Sada, Culleredo, Pontedeume e proximamente Teis en Vigo, para traballar na "elaboración dunha fórmula máxica" que axude ao desenvolvemento de habilidades e destrezas, funcionais e necesarias, sobre todo nestas idades, como a imaxinación, a fantasía, a linguaxe e a socialización. Aproveitamos a diversidade como recurso enriquecedor e utilizamos unha metodoloxía inclusiva que é posible grazas á colaboración da Consellería de Educación, o CFR, as direccións dos centros, os mestres implicados, as administracións locais, as familias, entidades privadas e, sobre todo, a ilusión e as achegas dos nenos. Non queremos esquecer as persoas que, de xeito altruísta, tanto lle ofrecen ao proxecto, como o persoal das bibliotecas, nais e pais que contribúen cos seus talentos e competencias profesionais creando escenarios, unicornios, deseñando o globo de doce metros do curso pasado, coa axuda de veciños (ilustrado polo alumnado dos diversos centros participantes), superavoas dixitalizando o mapa ou subíndose ás alturas para decorar, ou os creadores dos vídeos en liña ou a nai que recreou zapatos ou elementos das personaxes da illa...

 

Esta implicación das diversas comunidades escolares dos distintos concellos fúndense nunha única comunidade escolar, coordinada desde un seminario permanente que ten como centro de referencia o CEIP Sada y sus Contornos. Deste seminario participan representantes de todas as escolas do proxecto, ademais dos do centro base:

  • Do Concello de Sada, ademais do xa citado, o CEIP Barrié de la Maza, o CEIP Plurilingüe O Mosteirón e a EEI Carnoedo.
  • Do Concello de Culleredo, o CEIP Sofía Casanova, o CRA de Culleredo e o Ría do Burgo.
  • Do Concello de Pontedeume, o CEIP Couceiro Freijomil. Do Concello de Vigo, o CEIP Paraixal-Teis.

Este seminario permanente sobre a animación á lecto-escritura e sobre o proxecto en si leva dous anos facilitándonos recursos humanos e materiais e asesoramento, polo que xa son parte do proxecto, tanto os asesores coma os relatores que tanto nos axudan coas súas docencias, como Berta Gándara sobre desintegración sensorial ou Manuel Lage coa súa contribución sobre neurodidáctica.

Cómpre destacar a participación de mestres, animadores, concelleiros e outras persoas nas reunións e noutras actividades puntuais, como a cooperación diaria do director do CEIP Sada y sus Contornos, elaborando selos, imprimindo materiais, deseñando carteis ou solucionando mediante as TIC problemas ou ideas que xorden. Ou como o director do CEIP Barrié de Mondego, ilustrando un dos cuarteiróns do globo do curso pasado.

 

Outro feito relevante é a implicación da Fábrica do Castro de Sargadelos, que creou unha figura dun unicornio exclusiva para o proxecto e que lles regala a Concellería de Educación de Sada cada curso aos novos centros participantes, entidades e persoas que colaboran no desenvolvemento do proxecto.

 

Nesta profesión non hai horas extras retribuídas economicamente, pero temos a satisfacción do traballo ben feito, das avaliacións positivas que reflicten as caras dos nenos, da transformación da motivación pola lecto-escritura en verdadeiro interese, nacido da necesidade por ler e responder cartas, adiviñas, retos.

Como profesionais, máis aló do vocacional, entendemos e intentamos unha formación continua na busca de calidade na educación mediante metodoloxías pensadas desde os nenos e para os nenos, desde actividades significativas, próximas en contidos e con niveis de complexidade diferente atendendo á diversidade. Programando desde o seminario, plataforma de encontro, convivencia, cooperación e formación.

Este proxecto, esta illa, esta Escola do Unicornio é un espazo para á convivencia intercentros, unha oportunidade de participación das distintas comunidades escolares.

Mais aló do curricular, estamos ante unha filosofía de traballo onde a actividade máis sinxela nunha aula se converte nun proxecto relevante ao multiplicarse por tantos nenos e nenas, aulas, etapas, niveis e centros que o están a facer ao mesmo tempo. Este curso ao redor de mil cincocentos nenos e nenas participarán e innovarán neste proxecto, premiado no 2016 pola Fundación Barrié. Máis de trescentos rapaces conseguirán o seu unicornio ao rematar o curso.

 

 

Nenas e nenos que reciben cartas das personaxes da illa cada luns con diferentes misións e retos, como buscar as colas de sereas desaparecidas polas rúas dos seus concellos seguindo as pistas que recollen as cartas. Os mesmos que ven o noticieiro en liña Planeta Violeta e que interactúan no blog realizando quebracabezas ou diversas actividades relacionadas coa temática da illa. O alumnado colga os seus selfies coas familias ao superar retos como o de atopar os unicornios dourados nas librerías e bibliotecas no Nadal.

É unha satisfacción observar como os nenos gozan das visitas nas aulas de Brúxula (a gran Bruxa chinesa) e doutros personaxes da illa. Pretendemos que a animación á lectura chegue á aula e que as actividades de lecto-escritura se traballen dun xeito lúdico, ao tempo que se adaptan segundo distintos graos de complexidade ao alumnado de diferentes niveis educativos en relación cos contidos das cartas.

Nenos e nenas que participarán ao final do curso dunha xornada de convivencia intercentros onde a temática anual marcará a decoración e o produto final anual do proxecto. O curso pasado elaborouse un globo aerostático, feito con cuarteiróns de papel de envolver ilustrados polo alumnado e deseñado por un pai e un veciño da comunidade en colaboración coas familias e mestres do seminario e colaboradores.

Este curso confeccionaremos entre todos un gran dragón chino para o encontro final, no albergue de Gandarío, probablemente o 15 de xuño. Este espazo representará O Feirón do Unicornio, un mercado atemporal e multicultural que recreará a illa e as súas personaxes, cun “toque oriental” debido aos contidos abordados este curso desde o proxecto. Así, se o outro curso a temática foi A primeira viaxe en globo á Illa Fantasía, o tema anual, como enlace, este ano é Explorando a illa en busca de novos territorios: os tres picos do dragón.

Sempre intentando unha aprendizaxe desde o asombro, elaborando materiais para compartir e cooperando na elaboración de materiais que perduren no tempo, como o fascinante libro máxico do galego que recolle palabras máxicas e recomendación de lecturas en galego para os distintos niveis e etapas educativas, froito do traballo entre os distintos centros participantes e coordinado desde o seminario de formación permanente. Un proxecto de todos e todas para todos e todas. Un proxecto, como di Concha (compañeira e titora de sexto de primaria do CEIP Sofía Casanova), que non leva o currículo á illa, senón que a illa nos achega currículo. Desde as competencias, a inclusión e o traballo cooperativo. Nunha escola na rúa, a Escola do Unicornio.

 

Sección: