Un Universo por descubrir

María Albarellos Codesido
Julia González Pérez
CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela)

 

Contexto e xustificación do proxecto

Traballamos nun centro Abalar desde o curso 2010/11, no que iniciamos un proxecto orientado ao cambio do “modelo de aula/centro educativo tradicional” a un novo “modelo de  aula /centro educativo dixital”.

Isto supuxo un cambio metodolóxico importante e a incorporación de ferramentas web  e contornos virtuais á actividade diaria da aula, adaptados ás necesidades do noso alumnado que contribúan ao desenvolvemento das competencias básicas.

Ademais da aprendizaxe do uso e manexo das TIC como ferramentas, utilizámolas para o desenvolvemento de capacidades e contidos tal e como a actual sociedade da información e do coñecemento require.

Un universo por descubrir é un escenario incluído no proxecto “O mundo en que vivimos: o meu caderno dixital de Ciencias Sociais”, elaborado por Xoán Carlos Albarellos Codesido.

Eliximos este proxecto para desenvolver nas nosas aulas porque compartimos a idea do autor de que, deseñando as tarefas arredor de proxectos de investigación que incorporen os contidos que se van traballar a través de secuencias didácticas, obteremos o modelo máis eficaz para o desenvolvemento da área de Ciencias Sociais xa que favorecen a integración das aprendizaxes ao mesmo tempo que vertebran o traballo de aula e a organización da materia.

Os materiais do proxecto ofrecen as seguintes vantaxes:

  • As actividades que se propoñen van secuenciadas e cobren os obxectivos e contidos do bloque temático.
  • Integración de actividades que se poden cubrir directamente no espazo web.
  • Inclusión de ferramentas interactivas.
  • Incorporación de tarefas de investigación colaborativa.
  • Posibilidade de descargar os materiais para traballar sen conexión á rede.

O obxectivo do proxecto é coñecer os elementos que compoñen o Universo, as galaxias e o Sistema Solar. Comprender a súa dinámica e as características principais dos astros que o configuran, especialmente a Lúa e o Sol, e as características e representación do planeta en que habitamos, a Terra.

Por outra banda, o proxecto afonda na integración do alumnado como cidadáns na Sociedade do Coñecemento.

A secuencia didáctica está estruturada nos seguintes apartados:

  • O Universo
  • O Sistema Solar
  • A Terra
  • A Lúa
  • A representación da Terra

Desenvolvemento da experiencia

Obxectivos

  • Utilizar as  novas tecnoloxías como recurso didáctico.
  • Guiar os alumnos e alumnas na busca e selección de  información.
  • Orientar os alumnos e alumnas na presentación da información.
  • Fomentar o traballo cooperativo e colaborativo, a autoaprendizaxe e o autorreforzo.
  • Coñecer e diferenciar os astros (estrelas, planetas, satélites e cometas).
  • Coñecer os nomes dos planetas e describir as súas características máis importantes.
  • Coñecer a posición da Terra no conxunto do Sistema Solar.
  • Diferenciar os movementos da Terra e entender como inflúen nos días e nas estacións.

Proceso

Esta experiencia está enmarcada na área de Ciencias Sociais de quinto de educación primaria. Comezamos a experiencia incluíndo os materiais do  proxecto, Un Universo por descubrir, no noso blog de aula, ao que o alumnado accede con normalidade,  creamos os equipos de traballo para iniciar a investigación.

Imprimimos o caderno dixital do Universo para combinar o traballo dixital con outros soportes.

Presentámoslle ao alumnado os materiais do proxecto, como acceder aos contidos, como buscar e ampliar información, moverse polos recursos... e entregámoslle o caderno de traballo.

Comezamos “a viaxe” polo Universo co noso alumnado, vendo os vídeos que aparecen nos materiais, facendo esquemas do tema tratado.

A investigación grupal permitiulles completar o caderno de traballo.

Toda a información que recolleron serviulles para entender como se orixinou o Universo, en que lugar del nos atopamos... e para “viaxar polo Sistema Solar”. Crearon un mural, no que se plasma a información, cunha lenda de cores, que situamos no corredor entre as dúas aulas de quinta.

Recollemos noticias na prensa relacionadas co tema que se len e comentan na clase, quedando despois expostas no taboleiro de cortiza, para que teñan acceso a elas.

Esta experiencia vinculámola dun xeito interdisciplinar ao proxecto da biblioteca de centro, que este curso leva por título Fábulas, mitos e lendas.

Agora tivemos que  relacionar este mundo máxico co Universo.

Tras un debate na aula, decidimos investigar sobre os mitos dos astros do Sistema Solar. Así que agora tocou poñerse a buscar información sobre o tema. Para guiar a busca, incluímos no blog de aula unha nova categoría, “Orixe mitolóxica do Sistema Solar”, que contiña ligazóns relacionadas coa mitoloxía.

Cada equipo  de traballo despois da súa investigación elaborou unha diapositiva en Google Drive, que incluía datos do astro investigado e un resumo do mito correspondente, acompañado de imaxes.

Partindo de cada unha das diapositivas elaboraron un código QR, personalizado coa imaxe do mito, cun xerador de códigos online

Para rematar descargaron os códigos QR como imaxes e, unha vez plastificados, colocámolos arredor do mural do Sistema Solar, completando así o noso traballo co proxecto Un universo por descubrir.

Compartimos o aprendido co alumnado de educación infantil do colexio.

 Partindo dunha adaptación do conto de Javier Martín Ferrero, sobre a orixe do Universo, e guiándose polo mural creado, un grupo de alumnos e alumnas de quinto “viaxaron” co alumnado de infantil polo Sistema Solar.

Avaliación e conclusión

O traballo  coas novas tecnoloxías da información está integrado na dinámica diaria das nosas aulas,  mellorando os procesos educativos, aumentando a motivación e o interese do alumnado, así como achegando  ao  seu ámbito cotián ferramentas que están presentes na sociedade actual.

Este  proxecto profunda na integración do alumnado como cidadáns na Sociedade do Coñecemento,  que lles esixe ser:

• Competentes no uso das TIC

• Competentes na procura, análise e avaliación de información

• Competentes na xeración de contidos multimedia

• Capaces de contribuír cos seus propios contidos así como colaborar no filtrado de contidos relevantes para a súa comunidade

• Competentes na toma de decisións e na resolución de problemas.

En resumo, o resultado da experiencia foi altamente positivo, para nós como docentes e para o alumnado que participou con  especial entusiasmo  e interese no seu desenvolvemento.

Esperamos poder seguir avanzando por este camiño  e facer da  nosa escola un escenario de boas prácticas con TIC.

 “O uso educativo das TIC fomenta o desenvolvemento de actitudes favorables cara á aprendizaxe da ciencia e tecnoloxía (...), o uso de programas interactivos e  a busca de información científica en Internet axuda a fomentar a actividade dos alumnos durante o proceso educativo, favorecendo o intercambio de ideas, a motivación e o interese dos alumnos pola aprendizaxe das ciencias.”

 

Bibliografía: 

 

 

PONTES PEDREJAS, A. (2005): “Aplicaciones de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación en la educación científica. Primera parte: funciones y recursos”. Revista Eureka sobre Enseñanza y Divulgación de las Ciencias, 2(1)-18.