O tempo en Frións

A estación meteorolóxica como metodoloxía por proxectos para traballar as competencias clave
No CEIP de Frións desenvólvese o proxecto de innovación educativa MeteoEscolas, onde o alumnado toma datos do tempo atmosférico, os interpreta e elabora materiais dixitais. Este proxecto foi premio de innovacación educativa do Plan Proxecta 2016.

Luís Teira Parada
Mestre de Pedagoxía Terapéutica no CEIP Plurilingüe de Frións (Ribeira-A Coruña)
luisteira@edu.xunta.es

 

Contextualización

O CEIP plurilingüe de Frións é un dos oito colexios de educación infantil e primaria públicos do concello de Ribeira. Somos un colexio con dez unidades de educación infantil e primaria cunha matrícula de 210 alumnos no actual curso 2016/17. Como é de supoñer, a tipoloxía do alumnado e das familias é moi variada. Pero no noso caso a diversidade de lingua, nacionalidade, contexto social, etc. é un feito obxectivo do cal facemos sinal de identidade como algo moi positivo e do que aprendemos de forma colectiva.  Intentamos, polo tanto, ter presente a idea de "aprender desde a diversidade" como principio educativo fundamental.

Desde hai uns anos, o profesorado do colexio busca implicarse en proxectos que axuden a que o noso alumnado poida ter acceso a novas ofertas de servizos e programas que consideramos de interese para atender á diversidade (entendida esta nunha concepción moi ampla) do noso alumnado. Entre os proxectos, e só por nomear algúns, estarían: o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de bibliotecas escolares, contratos programa (con especial relevancia do PROA), ser centro plurilingüe con auxiliar de conversa, participación en excursións de inmersión lingüística, froita na escola, feira do ensino do concello de Ribeira, ter comedor escolar de xestión indirecta etc.

Así, destacamos o Plan Proxecta de MeteoEscolas que, en colaboración con MeteoGalicia,  levamos poñendo en práctica desde o curso 2012/13, no que implicamos a maioría do alumnado e profesorado do centro e que, sen dúbida, nos deu a posibilidade de atender á diversidade do centro.

 

Obxectivos

Inicialmente o obxectivo fundamental á hora de participar no Plan Proxecta de MeteoEscolas era experimentar co alumnado cunha temática tan cotiá como é a do tempo atmosférico. Para iso, inicialmente, iamos recoller os parámetros de temperatura e precipitacións e tratar de buscarlles un sentido educativo a estes. Non obstante, coa posta en marcha e ao longo dos varios cursos nos que estamos participando, estes obxectivos foron aumentando e afinándose, poderiámolos listar da seguinte maneira:

  • Recoller datos meteorolóxicos de forma diaria: temperaturas máxima e mínima e precipitacións.
  • Analizar os parámetros meteorolóxicos básicos no noso contorno inmediato.
  • Desenvolver no alumnado a capacidade de interpretar datos meteorolóxicos e de comprender os cambios asociados na natureza.
  • Elaborar táboas e gráficas cos datos recollidos, así como climogramas.
  • Reflexionar sobre os datos recollidos e publicar eses datos.
  • Producir materiais audiovisuais e dixitais do traballo realizado (vídeos, podcast, códigos QR...).
  • Constatar a evolución e o paso do tempo na natureza: as estacións do ano.
  • Desenvolver contidos meteorolóxicos a través das tres linguas que se empregan no centro.
  • Desenvolver no alumnado a capacidade de manexar os aparellos da estación meteorolóxica.
  • Recoller e interpretar os datos sobre o clima.
  • Empregar as novas tecnoloxías como ferramenta que permite o acceso, produción, tratamento e comunicación da información.
  • Traballar en equipo, favorecendo o traballo colaborador.
  • Favorecer o desenvolvemento do trilingüismo e o emprego dos SAAC empregados polo alumnado con necesidades do centro.
  • Contribuír ao logro das competencias clave.

Sen dúbida, este último obxectivo é fundamental porque nos permite ver o proxecto MeteoEscolas como un elemento integrador do currículo e que permite desenvolver varias das competencias clave e poñer en práctica o vello principio pedagóxico de "aprender facendo".

 

Recursos empregados

Para desenvolver este proxecto usamos distintos materiais onde a estación meteorolóxica do centro xogou un papel moi importante. Tiñamos un pequeno recinto valado dentro do patio onde antigamente esta un motor dun pozo de bombeo de auga. Retiramos este vello motor, limpamos a zona e, coa colaboración dun pai que é carpinteiro, fixemos unha caseta meteorolóxica.

A partir de ter o espazo físico para colocar o termómetro e o pluviómetro, elaboramos a ficha de recollida de datos, que é unha folla onde cubrimos de forma sistemática a data, as temperaturas, as precipitacións e onde o alumnado asina este parte diario. Este é un material moi sinxelo, pero de especial relevancia para ir gardando e sistematizando os datos.

Usamos diversos materiais para elaborar os climogramas murais, o mapa do tempo magnético etc. Hai que dicir que tamén usamos materiais dixitais, como poden ser cámaras de vídeo, para gravar as predicións do tempo, de fotos para a recollida diaria de imaxes do tempo e, como non, os propios teléfonos móbiles para axilizar a subida de contido dixital ao noso perfil de Facebook específico sobre este proxecto: "O tempo en Frións". Sen dúbida, ter un perfil activo onde publicar todas as actividades realizadas neste proxecto foi un dos grandes acertos.

 

Descrición da actividades

Coa finalidade dunha comprensión por parte do alumnado e do profesorado que se incorpora cada curso ao proxecto, cómpre ter unha serie de rutinas que son básicas para o seu correcto funcionamento. A rutina máis importante, xa que sirve de base para desenvolver as outras actividades, é a da recollida dos datos meteorolóxicos.

 Tomando datos da humidade diaria

 Comprobando a temperatura máxima e mínima

 

Os profesores participantes organizámonos por quendas para ir diariamente á estación meteorolóxica xunto cos "encargados" (alumnado) das clases participantes no tempo do recreo. Alí, na carpeta que ten as follas de rexistro, o alumnado, coa supervisión do profesorado, anota as temperaturas máxima, mínima e as precipitacións recollidas. Logo a carpeta lévase xunto ao mestre encargado de publicar os datos na aplicación informática. Temos así recollidos e rexistrados os datos cos que nos interesa traballar.

As actividades interpretativas dos datos desenvolvidas dentro de MeteoEscola foron diversas ao longo dos cursos, máis cómpre realizar unha enumeración das máis destacadas.

- Climograma: elaboramos un climograma-mural na entrada do colexio e o alumnado máis grande foi calculando medias de precipitacións e temperaturas e fóronas representando nas gráficas.

 Elaborando o climograma-mural na entrada do colexio

 

- Como evolucionan as árbores do patio ao longo das estacións do ano.

- Miradas desde a fiestra: unha serie de fotografías tomadas a diario ao longo de todo o curso quitadas desde a mesma fiestra do colexio que serviron para reflexionar sobre o tempo climatolóxico.

- Meteorefráns: decoramos as ventás do colexio con refráns sobre o tempo.

- The weather: uns pequenos vídeos en inglés sobre o tempo.

- A postal do tempo: elaboramos unha tarxeta postal que enviamos aos colexios da contorna e todos os centros participantes en MeteoEscolas para darlle difusión ao noso proxecto e poñernos en contacto, dunha forma case extinta, con outros colexios.

- A predición do tempo: sobre un gran mapa do concello de Ribeira e cuns pictogramas, fixemos pequenos clips de vídeo onde gravamos pequenas predicións do tempo interpretadas polo propio alumnado. Tamén nesta ligazón.

Todas estas, e outras actividades, foron a base da reflexión colectiva nas clases sobre cuestións como:  que é o tempo?, que é o bo tempo? etc.

 Analizando os datos do tempo en primeiro de educación primaria

 

Como xa se dixo, foi moi importante visualizar todas estas actividades no perfil do proxecto, o que contribuíu a que a comunidade educativa fose vendo a evolución do proxecto.

Metodoloxía

Quixemos que este proxecto tivese sempre unha metodoloxía enfocada ao alumnado e unha implicación especial deste. Buscamos, por un lado, facer unha actividade intergrupal, onde o alumnado dos distintos niveis se mesturase para desenvolver as actividades dun proxecto. Así, o propio feito de recoller os datos xuntos os “encargados” de cada clase, así como facer os vídeos con alumnado de distinto nivel, favoreceu a convivencia e o respecto entre eles.  Polo tanto, o principio metodolóxico da aprendizaxe cooperativa estivo moi presente.

Por outro lado, buscamos unha metodoloxía que implique o uso das tecnoloxías da información e comunicación e que á vez chegue de forma inmediata ás familias e que facilitase a súa interacción a través das redes sociais.  

Intentamos en todo momento ter unha metodoloxía activa e centrada nun proxecto concreto que contribúa a desenvolver as competencias clave nas áreas de lingua galega e inglesa, ciencias da natureza, ciencias sociais, matemáticas, educación artística...

Avaliación

O profesorado participante analiza a través de xuntanzas periódicas os puntos fortes e débiles de cara a mellorar as actividades. A valoración de toda a comunidade educativa é, en xeral, moi positiva. En especial, do profesorado, xa que analizar “o tempo” de forma habitual fai que xurdan novos centros de interese e dinámicas. Quizais como elemento máis negativo habería que destacar a necesidade de ter máis tempo para coordinarse.

Tamén destacamos o impacto do proxecto entre as familias, que constantemente manifestan que lles gusta.

Como conclusión, queremos destacar a satisfacción de ir vendo evolucionar, ao longo destes anos, un proxecto colectivo onde o esforzo do profesorado implicado tivo o seu recoñecemento en forma do terceiro Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016.


 

 

Bibliografía: 

 

 

METEOGALICA. Meteoroloxía. Unidade didáctica. Xunta de Galicia.

Sección: