O FEAE

Foro Europeo de Administradores da Educación

Juan José Félez Pérez
Profesor, orientador, ex-director e membro do Fórum de Galicia
jfelez@edu.xunta.es

 

 

Unha aproximación ao FEAE

O Foro Europeo de Administradores de Educación no Estado español é unha organización sen ánimo de lucro, constituída na década dos anos oitenta co obxectivo principal de promover a reflexión en materia de administración educativa. Os fins que, ademais deste obxectivo xenérico, recollen os seus estatutos son:

  • Establecer e desenvolver contactos entre persoas e entidades interesadas en materia de Administración educativa.
  • Promover a participación dos foros autonómicos e/ou territoriais.
  • Facilitar o intercambio de información, experiencia e investigación educativa.
  • Promover a formación de grupos que desenvolvan actividades relacionadas co ámbito da Administración educativa.
  • Manter vínculos con organismos internacionais con obxectivos similares.
  • Participar nas actuacións dirixidas a impulsar a renovación pedagóxica e a mellora da calidade educativa.

Esta organización é unha federación de foros autonómicos implantada en toda a xeografía española. As realidades desta organización que conta cun milleiro de asociados tradúcense, entre outras actividades, na edición da revista bimensual OGE-Organización y gestión educativa, no protagonismo do debate educativo nas comunidades autónomas en que ten presenza e na realización anual dunhas xornadas que, cada ano nunha comunidade, tratan un tema específico.

O noso foro pertence, pola súa vez, ao Foro Europeo, que agrupa a varios países europeos. As actividades conxuntas cos foros deses países engloban a edición dunha revista electrónica (Essem) sobre temas educativos, a realización de xornais, encontros internacionais e a práctica de programas de visitas recíprocas-intervisitations ou encontros de intercambio sobre experiencias en centros escolares. O Foro tamén se abriu cara a América e, xunto co Foro portugués e a organización ANPAE do Brasil, organiza bianualmente un congreso iberoamericano.

A presenza na nosa organización española dun importante número de voces autorizadas en materia de organización escolar e Administración educativa (profesorado de universidade, inspectores, directivos e profesorado con inquietudes de niveis non universitarios) vén producindo frecuentes colaboracións con distintas administracións educativas en temas de formación do profesorado, renovación ou mellora de calidade en educación. O Foro é, sen dúbida e ante todo, un lugar de encontro plural. Nese espazo viñeron converxendo nos últimos anos inquietudes, esperanzas e propostas de centenares de profesionais e vocacionais da educación.

Actividades do Foro

O Foro Español acaba de cumprir 25 anos, polo que pode presumir de contribuír coa súa creación e existencia a enriquecer o debate necesario sobre a educación en xeral e sobre a xestión de centros educativos en particular. Dado que o Foro está composto pola suma dos distintos foros autonómicos, cuns fins e obxectivos comúns pero con autonomía de actuación dentro de cada organización, fixarémonos nas actividades que se realizan tanto no ámbito estatal como no autonómico:

1. Actuacións no ámbito estatal

O Foro Español ten unha xunta directiva composta por un presidente, un vicepresidente e varios vogais, que normalmente proveñen de distintos foros autonómicos. Na actualidade o seu presidente é don Alfonso Fernández, inspector de Educación no País Vasco. Esta directiva renóvase cada varios anos e é elixida tras presentar un proxecto de dirección ante o Consello Xeral do Foro, composto pola representación de todos os foros autonómicos. Esta xunta directiva é a que marca o traballo que se vai realizar durante catro anos e serve de conexión entre as diferentes actuacións dos foros. O Consello Xeral reúnese normalmente dúas veces ao ano.As actuacións máis destacadas do Foro estatal son:

  • A. Organización das xornadas estatais

Constitúen un elemento fundamental na vida do Foro. Realízanse todos os anos, procurando ir alternando o lugar de maneira que cada certo tempo todos os foros autonómicos tivesen oportunidade de ser responsables do seu desenvolvemento concreto. As últimas foron en Madrid, no mes de outubro de 2015, e centráronse no tema da avaliación social da educación. Cunha participación media de 200 persoas, os asistentes teñen ocasión nas xornadas de debater e reflexionar sobre o tema proposto, ademais de asistir a conferencias impartidas por destacados expertos. As próximas xornadas estatais, que serán as XXIV ininterrompidas, terán lugar en Mérida, organizadas polo Foro de Estremadura.

  • B. Publicación da revista Organización y Gestión Educativa

Editada polo Foro desde hai 25 anos, constitúe outro eixe fundamental. Publícanse seis números anuais e neles abórdanse coa colaboración desinteresada de profesionais da educación temas relacionados cos obxectivos de interese expostos nas finalidades do Foro. O consello editorial e o consello de redacción da revista son os que determinan os temas que se van tratar en cada número. A revista repártese entre os membros de todos os foros autonómicos e ademais ponse á venda ao público en xeral en librerías.

  • C. Coordinación cos foros dos outros países membros

Están establecidas reunións cos representantes dos foros doutros países que pertencen á organización para programar actividades conxuntas, como xornadas internacionais, encontros e visitas recíprocas a centros educativos.

2. Actuacións dos foros autonómicos

Ademais da asistencia ás xornadas estatais, a colaboración na revista e a asistencia das súas propias xuntas directivas ás reunións do Consello Xeral, os foros autonómicos desenvolven o seu propio programa de actividades, que se dá a coñecer ao resto na reunión do Consello Xeral:

  • Ceas ou merendas de traballo ao redor dun experto en educación ao que se lle convida para reflexionar e debater entre todos sobre o tema elixido.
  • Hai foros que editan unha revista propia de ámbito autonómico.
  • Colaboración na formación do profesorado en coordinación coas autoridades educativas da autonomía.
  • Realización de xornadas de traballo dirixidas a profesionais da educación e estudantes, abertas a persoas que non sexan socios do Foro.

 

Camiñando cara o futuro

A satisfacción polo traballo realizado durante estes 25 anos de existencia do FEAE non impide constatar a necesidade de seguir avanzando nos temas que se propuxo o Foro na súa fundación:

A. Apertura, pluralidade e vocación de servizo

O sentido máis profundo do FEAE segue ligado á súa identidade: unha organización para participar crítica e activamente na mellora da educación, influíndo na dirección e o liderado do sistema educativo e dos centros escolares. Entendemos, en consecuencia, que hai que profundar nos sinais de identidade do FEAE, de tal maneira que estes o identifiquen no mundo educativo. Haberá que perfeccionar ademais todos os mecanismos para lograr unha maior participación.

B. Independencia crítica

Con frecuencia o FEAE pronunciouse sobre os aspectos que considerou máis importantes da educación, o que constitúe unha das formas nas que exercemos a nosa vocación de servizo para a mellora. Seguimos apostando para que teña unha voz propia sobre estas cuestións, sempre desde o punto de vista técnico, de tal forma que se afaste das valoracións parciais ou nesgadas.
Os trazos que caracterizan o FEAE son a pluralidade, a independencia e a posibilidade de actuacións críticas. O Foro ten vocación de servizo público e por iso se involucra na mellora da educación do sistema educativo español e das comunidades autónomas.

C. O capital das persoas

Ademais do traballo en colaboración, o outro grande activo da nosa organización é o capital humano en forma de coñecemento acumulado nas persoas, que frecuentemente se percibe como pouco coñecido. Por esta razón, é preciso resaltar as boas prácticas que todos os seus asociados poñen en marcha no seu traballo, rendibilizando as calidades e experiencias dos membros do FEAE, que foi unha constante en moitos programas de dirección.

D. Visibilidade

Os foros somos organizacións de voluntariado. Sen estrutura profesional ningunha, levamos 25 anos realizando periodicamente actividades para os nosos asociados e persoas próximas, o que nos mostra a extraordinaria capacidade de dedicación, traballo e reflexión compartida que acumulamos. Tanto desde a vertente colectiva como desde a individual, o servizo que o FEAE realiza á mellora da educación está directamente relacionado coa súa visibilidade. O foro realiza un labor de difusión de investigacións, teorías actualizadas, prácticas, experiencias e modelos que é preciso que estean máis presentes na comunidade educativa.
Sen a proxección exterior, a nosa organización esgótase en si mesma. Para iso será necesario profundar na utilización doutros medios, como as redes sociais, que fagan máis visible este traballo.

E. Clima de relacións e convivencia

Queremos poñer en valor a importancia do recoñecemento ás persoas, as relacións persoais, a comunicación e o coñecemento mutuos. Destacamos aqueles aspectos que van indisociablemente unidos ao debate profesional, como son a participación e implicación directas, construír grupo, en definitiva, a convivencia positiva e saudable. Consideramos imprescindible darlle continuidade a unha liña de traballo que está na base do FEAE: a sabia combinación de traballo e lecer cando desenvolvemos as nosas actividades.

F. Impulso da vida asociativa e apertura a outros colectivos

Aínda que a realidade mostra a existencia de diferentes pulsos vitais nos foros, que se concretan en distintos niveis de participación e implicación, existe a percepción compartida de que é necesario darlle un impulso á vida asociativa e abrir o FEAE ao exterior.
É preciso dar pasos para evitar a autocompracencia. Os valores que mantemos non deberían quedar reducidos ás actividades nas que nos xuntamos un círculo reducido de asociados. É primordial o compromiso para ampliar o espectro de socios e de colaboradores. Unha das tarefas que parece necesario e urxente acometer é a da incorporación de novos asociados, especialmente os máis novos.

G. Alianzas de colaboración

Desde hai anos puxéronse en práctica nalgúns foros autonómicos formas variadas de colaborar coas administracións educativas mediante actividades como as de impartir formación, realización de mestrados ou participar en programas europeos. Son necesarias alianzas estratéxicas coa universidade, coas asociacións de directivos escolares, con entidades de educación informal e non formal, con fundacións…, que proxecten cara ao exterior o traballo que se realiza nos foros.

H. Europa

Actualmente a presidencia do EFEA (Foro Europeo) recae no catalán Xavier Chavarria, o que indica o dinamismo do Foro Español no ámbito europeo. É necesario, en consecuencia, continuar co traballo de desenvolvemento de proxectos europeos, que son un elemento fundamental para poñer énfase no carácter global e universal da educación.

 


 

Sección: