Obras son amores

Aula virtual e blog: tándem nunha aprendizaxe creativa, construtivista e cooperativa
Obras son amores é un proxecto iniciado en 2013 no IES Ánxel Fole (Lugo), baseado nunha aprendizaxe creativa, construtivista e cooperativa, utilizando dúas ferramentas clave, a aula virtual e o blog, que permiten canalizar distintos recursos TIC e pautar, coordinar e supervisar o traballo de alumnado e profesorado. Aínda que o traballo presentado aquí se corresponde coa materia que imparto, Lingua Castelá e Literatura, o método é extrapolable a outros niveis, materias e contextos educativos. De feito, puxéronse en práctica proxectos interdisciplinares e, actualmente, coordino, desde a aula virtual, un traballo integrado no programa Por 365 días de respecto e igualdade do plan Proxecta no que estamos involucrados seis profesores e alumnado de todos os niveis.

Felisa Redondo Valín
felicia@edu.xunta.es
IES Ánxel Fole (Lugo)

 

 

Non se pode negar xa a importancia das TIC como unha ferramenta eficaz na consecución das competencias clave e no traballo dos temas transversais. Hai anos que as utilizo como un instrumento de ensinanza-aprendizaxe na materia de Lingua Castelá e Literatura. Os diferentes cursos de formación aos que asistín foron perfilando unha nova concepción nunha metodoloxía innovadora, pero foi determinante a asistencia a un curso no CFR de Lugo sobre a aula virtual impartida polo profesor Manuel Rodríguez Aira. O descubrimento deste recurso permitiume darlle cohesión a todo o traballo realizado e converter a plataforma Moodle nun importante instrumento para levar a cabo esta metodoloxía.

Rompemos os nosos muros, franqueamos as paredes da aula
No curso 2013 comecei un proxecto baixo o título Obras son amores. Aula virtual e blog: tándem nunha aprendizaxe creativa, construtivista e cooperativa, publicado no espazo Abalar. Creatividade, cooperación, palabra, acción e compromiso convértense nos principios básicos desta metodoloxía.

Cando comecei co proxecto cimentado no uso das TIC, enfrontábame a un equipamento precario e obsoleto. Careciamos de proxectores e computadores na aula e a aula de informática asociábase á materia, exclusivamente a Informática. Dadas as circunstancias, comecei solicitando a súa reserva unha vez por semana para acudir co meu alumnado. Doutra banda, os discentes dispoñían de ordenadores na biblioteca e, a maioría, na súa casa con conexión a Internet. Co paso do tempo, o instituto foise nutrindo de encerados dixitais interactivos e un computador para o profesor por aula no segundo ciclo e BAC. O primeiro ciclo conta con equipos Abalar.

Os destinatarios desta experiencia foi alumnado de primeiro de BAC e terceiro da ESO. Nunha avaliación inicial puiden constatar o seu receo nesta metodoloxía. Confesaban que descoñecían ferramentas e recursos, recoñecían a súa lixeireza e torpeza na selección da información e no uso do traballo alleo: confesaban que “cortaban e pegaban” sen mediar un traballo de síntese, reflexión e elaboración persoal e non citaban fontes nin establecían hipervínculos en imaxes ou textos, manifestaban o seu descoñecemento de recursos imprescindibles como dicionarios ou enciclopedias virtuais e expresaban o seu desgusto con traballar en equipo.

Dado que a nosa intención era involucrar a comunidade educativa, o noso traballo foi máis alá da aula de referencia. Así, alumnado e profesorado do centro participou ben activamente en parte dalgún proxecto, ben de forma voluntaria e espontánea en distintas actividades. Non só publicamos no blog, senón que utilizamos a biblioteca, a entrada do instituto, un espazo de tránsito ao patio e, mesmo, os corredores. Organismos (biblioteca nodal de Lugo, Fundación TIC da Deputación de Lugo, Museo Interactivo de Historia de Lugo, Deputación de Lugo) e medios de comunicación (El Progreso, La Voz de Galicia, Telelugo, Televisión de Galicia, Radio Galega, Radio Voz) interesáronse polo noso traballo e publicárono máis alá da nosa contorna. O proxecto foi, deste xeito, franqueando paredes, expandíndose por todo o instituto ata traspasar os muros do propio centro.

Aula e blog: tándem nos nosos propósitos
Por que esa alianza entre aula virtual e blog? Ambas as ferramentas xogan un papel fundamental na progresión do traballo co alumnado e na consecución dos obxectivos que se pretenden alcanzar. A aula permite programar, pautar e coordinar o proceso de aprendizaxe e creación; o blog é o paso final nesta estratexia didáctica. Tras a revisión do traballo realizado, publicamos para compartir a nosa experiencia na rede, manifestar o noso compromiso con cuestións de actualidade  estimular a paixón pola lectura e a escritura, xerar sinerxías de concienciación e compromiso, fomentar a creatividade e a capacidade de persuasión pola palabra no reto continuo de innovar e de sorprender os navegantes en rede, incentivar o esforzo do alumnado na consecución dun traballo ben feito e fortalecer a súa autoestima no recoñecemento do labor realizado.

Tres palabras clave —creatividade, cooperación, construtivismo— delimitan contido, obxectivos e estrutura da aula virtual.



Consolidámonos como grupo
A nosa aula virtual ábrese e péchase cunha actividade de carácter creativo que pretende revelar a nosa concepción de traballo cooperativo. Ao comezo do curso, alumnos e alumnas preséntanse á comunidade educativa e en rede. Deben manifestar, xa desde o inicio, as súas características como grupo e exhibir, tamén, a singularidade e identidade de cada un. O primeiro ano inspiráronse nos acrósticos da Celestina de Fernando de Rojas; o segundo foi o uso e manexo dos distintos dicionarios o que marcou a iniciativa. Este curso apostaron pola provocación e o desafío. Encheron o instituto con carteis de “Se busca” e realizaron un vídeo que se proxectou na pantalla do vestíbulo e se publicou no blog.

O final do curso vén marcado pola montaxe dun vídeo que constitúe un reto para os discentes. Tras o estudo das distintas etapas da literatura, dos seus tópicos e dos seus autores e obras, o alumnado ha de transmitir o seu coñecemento do aprendido a través da súa propia contorna. Trátase de enriquecer a súa visión do mundo desde o coñecemento deles mesmos. Establécense as seguintes bases:

  • Cada un debe identificarse cun escritor ou escritora. A elección non pode ser aleatoria senón sustentada. Na investigación que realicen dos autores, o alumnado buscará a súa propia identidade, as súas metas e desexos.
  • Han de acordar un leitmotiv que lle dea coherencia á historia e os defina como grupo. O obxectivo é reflexionar sobre os tópicos literarios, a concepción da vida e o mundo nas distintas etapas e expresar, ao mesmo tempo, as súas propias ideas. “Cal é o noso concepto sobre o sentido da existencia?”.
  • A base musical elixida responderá aos gustos do alumnado, pero debe estar en consonancia co motivo central da súa historia.

O primeiro ano editamos o vídeo En el gran teatro del mundo. Elixiron Fuenteovejuna como leitmotiv para manifestarse como grupo cohesionado e expresar os valores democráticos da loita común contra a inxustiza e a superación das dificultades nun marco de solidariedade, colaboración, negociación e resolución de conflitos. Mostraron, pois, o sentido dunha aprendizaxe cooperativa.


En el gran teatro del mundo

La vida es selfie foi o vídeo do curso pasado. Incidiron nunha concepción da vida como unha suma vertixinosa de instantes e na obsesión do ser humano por inmortalizarse. Plasmaron dunha forma crítica o fenómeno selfie como reflexo da sociedade actual: narcisismo, falso hedonismo, aparencia e mentira, triunfo da imaxe nun mundo no que prima a inmediatez, a intimidade sometida á aprobación social e a exhibición pública para ser consumido. O leitmotiv foi La vida es sueño e a pancarta co lema “Vive una vida para recordar” (“Vive una vida que merezca la pena ser recordada”) constituía a mensaxe positiva contra a mediocridade imperante. A actividade non se limitou á preparación do vídeo. Cada alumno enfrontouse ao desafío de meterse na pel do seu autor durante un mes. Os selfies do vídeo reflicten a súa vivencia polas rúas e establecementos de Lugo durante ese período. Un alumno quixo relatar a súa experiencia e subiu ao blog a súa impresión. Publicamos, ademais, un vídeo baixo o título Escritores en tiempos de selfies.


La vida es selfie

Facémonos competentes coas TIC
As seccións de Enredijos, Deslenguados e Carpe Diem son un repositorio de recursos destinados ao fomento dunha aprendizaxe construtivista. Proporciónanselle ferramentas ao alumnado que lle permiten construír os seus propios procedementos (“Xerar estruturas”) para resolver as súas dúbidas. O uso e manexo de distintos recursos en rede, esquemas ou mapas conceptuais con vínculos, actividades interactivas e controis constitúen ferramentas básicas para reforzar a autonomía do alumnado e pautar a súa propia aprendizaxe. “Esquematízate”, publicado en espazo Abalar, recolle parte deste material.

Cooperando crecemos

A sección “Obras son amores” asenta sobre a base dun proceso dinámico, cooperativo, participativo e interactivo do suxeito. Vai precedida pola unidade Poñémonos en marcha que senta as bases do procedemento de traballo. Ofrécense pautas nas fases de escritura e creación, normas de presentación, como citar fontes e estándares de avaliación. Escribir convértese nun proceso de revisión constante; por iso, tras o “castigo” ao que cada alumno debe someter o seu traballo, envíao á aula para ser supervisado. Este é devolto coas apreciacións e correccións oportunas e o estudante reenvía a súa tarefa para sometela de novo a retoque. Con iso o proceso de escritura deixa de ser simplemente unha nota numérica. Devolver un traballo cunha cualificación non implica aprender. O alumnado ten a satisfacción de obter, finalmente, un traballo meritorio, digno de publicarse. Préstase especial atención, por outra banda, ao uso da rede, o que o conciencia da importancia de respectar o traballo alleo citando distintas fontes (imaxes, documentos, vídeos...).

Os proxectos levados a cabo desde a aula virtual foron numerosos. A coordinación deses traballos no mesmo período temporal sería inviable sen a axuda das TIC. Co recurso Libro páutanse as fases da actividade para o alumnado. Nel vincúlanse recursos da plataforma como o foro, o calendario, a base de datos, a tarefa ou a enquisa para facilitar a planificación, coordinación e supervisión e a asignación de roles e tarefas. Doutra banda, Moodle permite, entre outras, a inserción de ferramentas externas como Glogster, Prezi, Lim, Blog, TimeRime, Calameo, Slideshare, Pearltreees, Google Maps, Google Drive, Google Sites, cuxo uso e manexo explicamos na pestana En un tic do noso blog. Aludir a cada proxecto neste artigo resulta imposible. En conxunto, atenden ás competencias clave e aos elementos transversais. Así creamos interesantes bases de datos dunha forma cooperativa: Tal día como hoy, Pasen y lean, ¿Tienes una cita?, Dando la nota, En igualdad. Realizamos traballos de concienciación, compromiso e investigación e conmemoramos distintas datas: Día do Libro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Día Internacional da Muller, Día da Biblioteca, Día Mundial da Árbore e Día Mundial da Poesía, Día de San Valentín.

Exposición da Historia do Libro no IES Ánxel Fole

Manifestamos o orgullo de formar parte da nosa contorna e indagamos nas nosas orixes. A elaboración da nosa axenda escolar personalizada constituíu unha das experiencias máis enriquecedoras.

Que pensa o alumnado desta metodoloxía?
O interese do alumnado implicado inicialmente foise incrementando a medida que avanzaba o curso, pois percibía como o seu traballo era valorado más alá do boletín de notas. Dado que o seu quefacer era público e a comunidade educativa e os medios de comunicación expresaban a súa opinión, o empeño por superarse día a día acrecentábase. A evolución máis sorprendente foi co alumnado de diversificación curricular. De mostrarse pouco voluntariosos e inseguros ao principio, pasaron a ser partícipes activos. Revelaron iniciativa para participar en actividades do centro e propoñer proxectos creativos como os gardapanos literarios ou a axenda escolar. Creouse, doutra banda, unha dinámica de traballo que se impuxo en todo o centro e nos cursos seguintes. Agora compañeiros e compañeiras recollen ese legado ano tras ano e enfróntanse ao reto continuo de sorprender e innovar.

Respecto do traballo en equipo, valoran a experiencia final, a pesar dos prexuízos que seguen mostrando inicialmente. Entenden que sumando esforzos o resultado é mellor. Avalían positivamente o método de utilizar a aula como un instrumento no que todos achegan e participan, de forma que, aínda sendo o resultado un traballo cooperativo, se ve e se valora o traballo individual. Manifestan a súa preferencia por este tipo de ensino coas TIC e con proxectos nos que se fomenta a creatividade. Consideran interesante a achega dos esquemas e recursos interactivos que lles posibilitan ampliar información e reforzar a materia de forma autónoma e o coñecemento de recursos que lles facilita mellorar as súas competencias clave.

Como nos avalía a comunidade educativa?
Quizais a mellor forma de valorar a percepción e transcendencia do noso traballo é analizar o grao de implicación da contorna no proceso. Parte do profesorado implicouse e implícase dunha maneira moi activa, brindándonos o seu tempo, entrega e traballo ou interactuando por propia iniciativa en diferentes actividades. Xerouse expectación e interese en moitas actividades e creouse unha sinerxía de actividade no instituto. O vestíbulo deixou de ser un mero lugar de paso para converterse nunha sala aberta de exposicións coas actividades do alumnado. No blog da biblioteca e na revista do instituto expresóusenos o agradecemento polo traballo e as achegas ao instituto e analizáronse algunhas das actividades levadas a cabo, como os gardapanos literarios ou a acollida aos compañeiros e compañeiras do IES Nº 1 de Ribeira que viñeron de visita e saborearon a nosa exposición A Historia do Libro. No libro de visitas que puxemos á disposición dos visitantes a esta mostra vense as súas opinións. Impresionounos que aluden non só a este traballo, senón a toda a nosa traxectoria e á nosa evolución.

Que opina a contorna?
A acollida do noso traballo e a implicación do alumnado nos distintos proxectos constitúen un acicate para seguir nesta liña metodolóxica. No mes de abril do curso pasado o noso proxecto foi seleccionado con outras experiencias nas Xornadas TIC e mostrouse no panel de entrada cun código QR no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Prensa, radio  e televisión deron conta en distintas ocasións da nosa implicación. A Fundación TIC inmortalizou a exposición A Historia do Libro e a biblioteca nodal de Lugo e o MIHL (hipervínculo 28) mostraron interese por ela. No mes de marzo do presente curso fun convidada polo CFR de Lugo e o de Ourense a compartir o meu proxecto no curso Desenvolvemento da competencia dixital a través da resolución de tarefas.

Posibilidades de proxección a outros niveis, materias ou contextos educativos
Esta metodoloxía é extrapolable a outras materias, niveis ou contextos educativos: cooperación, construtivismo e creatividade. Tamén o son os instrumentos, aula e blog, que permiten canalizar todas as ferramentas. Mesmo son adaptables contidos e obxectivos, pois nas unidades subxace o traballo coas competencias clave e os valores: violencia de xénero, medio ambiente, relacións interpersoais, respecto pola palabra e os libros...

Tras este percorrido, a volta a un método tradicional resulta impensable. Implicación, compromiso, entusiasmo son estímulos irrenunciables que insuflan de aires renovadores o noso labor pedagóxico. Nun proxecto destas características só se precisa o impulso de levalo a cabo con fervor. A creatividade e a cooperación son o método; o blog e a aula, os instrumentos; as competencias clave, a finalidade; os logros, a motivación para continuar nesta liña de traballo. Xa non cabe refuxiarse na desmotivación do alumnado. Demostraron a súa capacidade para involucrarse e a súa disposición para mirar cara ao futuro con determinación e confianza. E, sen dúbida, os centros e o sistema educativo necesitan insuflarse dun aire de estímulo e esforzo.

Sección: